Arquivos da etiqueta: Poesía reunida (1982-2004)
Gala do Libro Galego 2019. Obras finalistas
A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocan a cuarta edición dos Premios Gala do Libro Galego, a celebrar o sábado 11 de maio de 2019 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se darán a coñecer as obras gañadoras. Ademais, entregaranse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes.
Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2018 en Galicia. As modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, recoñecen a traxectoria de varios anos, valorándose, por tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.
Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de revisión e posterior fallo por parte dun xurado externo.
Así pois, faise pública a relación de obras finalistas por cada modalidade dos premios.
OBRAS EDITADAS EN 2018
Ensaio e investigación
– As orixes da fotografía en Galicia: estudos composteláns do XIX, de Carlos Castelao (Alvarellos Editora-Consorcio de Santiago).
– Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte, de Emílio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González (Edicións Xerais de Galicia).
– Contra todo isto. Un manifesto rebelde, de Manuel Rivas (Edicións Xerais de Galicia).
– Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia, de Montse Pena Presas (Edicións Laiovento).
– Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo, de Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez (editores) (Editorial Galaxia).
– Vivir a galope, de María Xosé Queizán (Edicións Xerais de Galicia).
Divulgación
– Castelao na arte europea, de Siro López (Garañón Editora).
– Galaicos. Un pobo entre dous mundos, de Xurxo Ayán, María Luisa Castro, Antoni Nicolau, Diego Piay e Rafael Rodríguez (Alvarellos Editora-Deputación de Pontevedra).
– Galiza 1968. A consciencia avivada, de Xosé Ramón Ermida Meilán (coord), Pilar Allegue Aguete, Vicente Araguas, Nemésio Barxa, Xaquín Campo Freire, María do Carme García Negro, Henrique Harguindey, Camiño Noia, Manuel Romero, Xesús Sanxoás Formoso (Sermos Galiza).
– Máis que ver. Cen historias do deseño en Galiza, de Pepe Barro (Edicións Xerais de Galicia).
– Maternidade fóra de catálogo, de Marga Tojo (Edicións Xerais de Galicia).
– Memorias dun loitador antifranquista, de David Álvarez Carballido (Alvarellos Editora).
Narrativa
– Besta do seu sangue, de Emma Pedreira (Edicións Xerais de Galicia).
– Bonus Track, de Rosalía Fernández Rial (Editorial Galaxia).
– Fóra de si, de Suso de Toro (Edicións Xerais de Galicia).
– Guías caninos, de Bieito Iglesias (Aira Editorial)
– Natura, de Iolanda Zúñiga (Editorial Galaxia).
Infantil
– Kusuma, de Héctor Cajaraville (Edicións Xerais de Galicia).
– Música no faiado, de Miguel Ángel Alonso Diz (Edicións Xerais de Galicia).
– O ladrón de voces, de María Canosa (Edicións Embora).
– Os contos da avoa Pepa, de Francisco Xosé Fernández Naval (Kalandraka Editora).
– Pioneiras. Galegas que abriron camiño, de Anaír Rodríguez Rodríguez (Edicións Xerais de Galicia).
Xuvenil
– A balada dos unicornios, de Ledicia Costas (Edicións Xerais de Galicia).
– A filla do minotauro, de Marilar Aleixandre (Editorial Galaxia).
– O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio M. Fraga (Urco Editora).
– Palabra de bruxa, de Andrea Barreira Freije (Editorial Galaxia).
– Street Poems, de Fran Alonso (Edicións Xerais de Galicia).
Libro ilustrado
– Macedonia de versos, por Lidia Nokonoko (Aira Editorial).
– Man de Camelle, por Carmen Hermo (Kalandraka Editora).
– O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, por Víctor Rivas (Urco Editora).
– Pioneiras. Galegas que abriron camiño, por Nuria Díaz (Edicións Xerais de Galicia).
Libro de banda deseñada
– Animalia I. Verde, por Xosé Tomás (Edicións Xerais de Galicia).
– O bichero VIII, por Luís Davila (Edición do autor).
– O puño e a letra, por VV. AA.(Edicións Xerais de Galicia).
– Ulf de Jakobsland. Os viquingos en Galicia, por Alberto Varela Ferreiro (Edicións Xerais de Galicia).
Iniciativa bibliográfica
– A gotiña viaxeira, de Toño Núñez (texto) e Miguel Anxo Macía (ilustración), por Edicións Fervenza.
– Biblioteca de Pedagoxía, por Kalandraka Editora.
– Colección Feminismos, por Editorial Galaxia.
– Lorca, Poeta galego (Edición facsimilar dos Seis Poemas Galegos e posta en marcha do “25-0 Día de FGL en Galicia”), por Alvarellos Editora.
– Mulleres bravas da nosa historia, por Urco Editora.
Tradución
– A cámara do sangue e outros relatos, de Angela Carter, por María Reimóndez (Urco Editora).
– A señora Dalloway, de Virginia Woolf, por Celia Recarey Rendo (Irmás Cartoné).
– Momentos estelares da humanidade, de Stefan Zweig, por Laureano Araujo (Kalandraka Editora).
– O tesouro de Lucio. Vida de Lucio Urtubia, de Mikel Santos, “Belatz”, por Manel Cráneo (Demo Editorial).
– Pedagoxía do oprimido, de Paulo Freire, por Ramón Nicolás (Kalandraka Editora).
Poesía
– …as neuronas irmás…, de Estíbaliz Espinosa (Centro PEN Galicia, Afundación, Xunta de Galicia)
– Cara de velocidade, de Marga Tojo (Kalandraka Editora).
– Memoria do corpo, de Xesús Rábade Paredes (Editorial Galaxia).
– Poesía reunida (1982-2004), de Xela Arias (Edicións Xerais de Galicia).
– Tempo fósil, de Pilar Pallarés (Chan da Pólvora).
– Todo isto antes era noite, de Lucía Aldao (Apiario).
Teatro
– A fada pirata, de Carlos Labraña (Edicións Fervenza).
– A formiga fóra do carreiro, de Raquel Castro (Editorial Galaxia).
– Eroski Paraíso, de Chévere (Kalandraka Editora).
– Memorias da árbore e da noite triste. Último acto de don Ramón del Valle-Inclán, de Fátima I. Rey Blanco (Alvarellos Editora).
– Obra teatral, de Manuel María (Casa-Museo Manuel María).
Libro mellor editado
– Galicia mártir, de Castelao (Editorial Galaxia).
– Man de Camelle, de Carmen Hermo (Kalandraka Editora).
– O puño e a letra, de Yolanda Castaño (Edicións Xerais de Galicia).
– Poesía mínima/Minimal Poetry, de Helena Villar Janeiro (Alvarellos Editora).
– Seis Poemas Galegos, de Federico García Lorca (Alvarellos Editora).
PREMIOS ÁS TRAXECTORIAS
Iniciativa cultural ou fomento da lectura
– Asesoría de Bibliotecas Escolares.
– Chan da Pólvora (libraría e editora).
– Libraría BD (Vigo).
– Libraría Cartabón (Vigo).
– Salón do Libro de Pontevedra.
Proxecto literario na rede
– BiosBardia, dirixida por César Lorenzo Gil.
– Brétemas, de Manuel Bragado.
– Galicia Encantada. Enciclopedia de fantasía popular de Galicia, dirixida por Antonio Reigosa.
– ogalego.eu, por Anxo González Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel.
Xornalismo cultural
– Táboa redonda (Diario de Pontevedra e El Progreso).
Chus Nogueira: “A poesía non debe, segundo Xela Arias, ser condescendente nin reflectir falsos equilibrios ou visións edulcoradas da realidade”
Entrevista de Montse Dopico a Chus Nogueira en Praza:
“(…) – Praza (P): Tras salientar a dimensión “pública e comprometida” do traballo de Xela Arias como poeta, escribes que “algunhas das súas palabras a respecto da necesidade de procurar novos espazos para a poesía lembran consignas repetidas polas escritoras e escritores que comezaron a publicar a comezos dos 90”. Por que dis isto?
– Chus Nogueira (CN): Estas prácticas desenvolvidas no espazo público, que coñeceron manifestacións diversas como o recital, a exposición de fotografía e poemas ou o espectáculo poético musical (estaba a preparar un, con Fernando Abreu, sobre Intempériome) anticipan e converxen con actitudes moi estendidas nos anos 90 que se resumían ben naquela consigna de “sacar a poesía da súa torre de marfil” para levala a outros espazos menos “sacralizados”. Neste sentido Xela Arias constituíu, ao meu entender, un modelo para novas escritoras e escritores.
– P: A autora desbotou a publicación de Lilí sen pistolas ou Maldito lindo, e na vosa edición optastes por respectar as súas decisións. Polo demais, como foi o proceso de busca de todos os materiais que precisabades para facer unha edición completa? (No limiar do propio libro hai algúns agradecementos que teñen relación, supoño, con isto).
– CN: O feito de deixar fóra aqueles libros que a autora non quixo publicar no seu momento obedece, como dis, ao desexo de respectar a súa vontade. Tal determinación vese meu entender avalada polo feito de ser Xela Arias boa coñecedora do mundo editorial e unha escritora moi consciente en todo momento das súas decisións.
O proceso de procura dos materiais dispersos é debedor da axuda de moitas mans, algunhas delas recoñecidas nos agradecementos. De todas elas é de xustiza recordar a de Valentín Arias, pai da escritora e custodio dunha importante parte do seu material disperso e tamén da súa memoria. A el dedico, por telo soñado, o libro, concibido antes como unha obra reunida que completa.
A “Poesía dispersa”, sobre todo aquela publicada con anterioridade a aparición de Denuncia do equilibrio (1986), achéganos unha produción iniciática apenas coñecida na que é posíbel identificar xa trazos como a vontade de elaborar un imaxinario singular, a querenza polos escenarios urbanos ou a tensión da linguaxe.
– P: “A distancia existente entre o primeiro libro de Xela Arias” (Denuncia do equilibrio) “e a estética dominante -e canonizada- nos anos 80 suscitou unha certa incomodidade á hora de situar a escritora nas coordenadas poéticas da década”, escribes. Por que?
– CN: A incomodidade ten moito que ver coa tendencia a articular a poesía galega máis recente en décadas, así como coa identificación reducionista da “poesía dos oitenta” coa súa liña dominante na que Xela Arias, que comezou a publicar a comezos en 1982 e deu ao prelo Denuncia do equilibrio en 1986, tiña difícil encaixe. Un dos trazos máis característicos desa estética como é o culturalismo ten un peso moi escaso na obra da escritora.
Tampouco se aprecian na súa poesía tematizacións decadentistas do paso do tempo, barroquismos formais, nin o preciosismo verbal co que tantas veces se asociou coa poesía dos oitenta. É precisamente na elaboración do discurso, orientado cara á innovación polos camiños da distorsión sintáctica e o neoloxismo, onde radica ao meu ver a principal distancia a respecto dos poetas da xeración na que debera integrarse de maneira natural. (…)”
Chus Nogueira: “Xela Arias renovou a poesía galega cara a unhas direccións que non se estaba innovando naquel momento”
Desde Xerais:
“O programa ZigZag Diario da TVG emitiu unha entrevista coa crítica literaria Chus Nogueira sobre o libro: Poesía reunida (1982-2004), de Xela Arias. A reportaxe pode verse nesta ligazón.”
“Recordamos a obra poética de Xela Arias”
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A Editorial Xerais recolle a obra poética de Xela Arias no volume Poesía reunida (1982-2004). Neste espazo cultural falamos con María Xesús Nogueira, responsable da recompilación, quen explica que se trata dun “traballo de anos que responde a unha gran demanda do público por acceder a estes textos”.
O volume inclúe as obras da poeta, dende Denuncia do equilibrio ata o seu derradeiro libro, Intempériome. A creación da poeta afástase da tendencia que dominaba no momento. A súa obra estaba en constante revisión e ruptura, o que deixaba latente certa tensión propia dos anos nos que viviu a escritora.
A recompilación tenta manter “a autenticidade de Xela Arias, que represente como escribía ela”, conta a investigadora María Xesús Nogueira. Coa publicación deste libro, a literatura dá un paso máis para evitar o esquecemento de voces que son fundamentais na cultura galega.
A entrevista pode escoitarse aquí.”