Cuestionario Proust: Antonio García Teijeiro

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Antonio García Teijeiro:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O elemento afectivo co que actúo sempre e a capacidade de traballo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade e que sexan leais como eu son con elas.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan honestas e fagan sentir o seu cariño. Así tento facer eu.
4.– A súa principal eiva?
– Sufro moito internamente e, ás veces, síntome vulnerable.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir poesía con música clásica de fondo.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Non creo na felicidade como tal. Procuro gozar dos momentos felices. Mais non o consigo sempre.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder un fillo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Estou contento co que son. A miña vida é plena.
9.– En que país desexaría vivir?
– Aquí, en Galicia, con máis recursos estruturais e co galego normalizado de verdade.
10.– A súa cor favorita?
– A cor amarela. Será que procuro a alegría nas cores.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A camelia branca e a rosa amarela.
12.– O paxaro que prefire?
– A andoriña. É así como lle chamo á miña neta.
13.– A súa devoción na prosa?
– É moi difícil dicir un. Hai un grupo que me interesa moito: Cunqueiro, Fole, Ferrín, Casares, Blanco-Amor entre os galegos…E despois, en castelán, Landero, Marías, Chirbes, García Márquez, Aira, Trapiello… Non esquezo a Camus, Torga, Coetzee…
14.– E na poesía?
– Rosalía, por riba de todos. Tamén Xohana Torres, Eva Veiga, Luz Pozo… Noutros idiomas: Lorca, Alberti, Juan Ramón, Machado, Ángel González, Cernuda, Sánchez-Rosillo, Talens, Clara Janés, Gamoneda, Huidobro, Char, Szymborska, Eugénio de Andrade, Sophia de Mello Breyner, Pessoa, Rimbaud, Bob Dylan…
15.- Un libro?
– Imposible. Facendo un esforzo, O estranxeiro de Camus e Cien años de soledad de García Márquez.
16.– Un heroe de ficción?
– Don Quixote, ou sexa, Alonso Quijano.
17.– Unha heroína?
– Ningunha en especial.
18.– A súa música favorita?
– Toda a que sexa boa. Son un melómano. Gústanme o jazz, o blues, a música clásica, o rock. E, claro, Bob Dylan, The Beatles e Beethoven.
19.– Na pintura?
– Admiro a obra de Picasso, Van Gogh, Klimt, Hopper…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Para min, Paco Ibáñez. A súa loita de toda unha vida resulta heroica. Sobre todo porque segue na mesma liña. Nunca abandonou o seu camiño.
21.– O seu nome favorito?
– Noa e Antón, que son os dos meus fillos.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A indiscreción e a envexa.
23.– O que máis odia?
– A violencia en calquera das súas manifestacións.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Adolf Hitler e por proximidade o xeneral Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún. Son un declarado antibelicista.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Capacidade para tocar o piano.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Non sufrir. Sen dor. A estas alturas non ten sentido. E mellor, durmindo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O nerviosismo interno. Sufro por todo. Son un optimista escéptico.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Aqueles que non prexudican aos demais.
30.– Un lema na súa vida?
– Manter a independencia persoal e esforzarse cando se fan as cousas, serve para gozar do que se consegue.”

Cuestionario Proust: Víctor F. Freixanes

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Víctor F. Freixanes:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O entusiasmo, para ben e para mal. E a paixón polas cousas nas que creo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A coherencia nos principios e a lealdade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Cariño, que intento tamén darlles a elas.
4.– A súa principal eiva?
– A impaciencia. Hai que saber agardar. Non por chegar antes chegas mellor.
5.– A súa ocupación favorita?
– Tocar o piano.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Estar coa miña xente, coa miña muller e os meus fillos, e saber que son felices.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a algún deles.
8.– Que lle gustaría ser?
– De maior? Escritor. Pero levo unha vida…
9.– En que país desexaría vivir?
– Hai tempo que non ten volta: o meu país é este e, malia as moitas frustracións, síntome a gusto nel.
10.– A súa cor favorita?
– A vermella.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As rosas e as camelias. As rosas vermellas e as camelias brancas.
12.– O paxaro que prefire?
– O merlo, cando canta na viña.
13.– A súa devoción na prosa?
– Autores? Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor… En castelán? Torrente Ballester, Alejo Carpentier, Ernesto Sábato. En portugués? Jorge Amado, Miguel Torga, Cardoso Pires, algunhas novelas de António Lobo Antunes… Outros? Faulkner, Kafka, Italo Calvino, Albert Camus, Dostoievski, o Thomas Mann de Doctor Faustus…
14.– E na poesía?
– Non son moi lector de poesía. Xohana Torres, Álvaro Cunqueiro, Mendez Ferrín
15.- Un libro?
En castelán: El siglo de las luces de Alejo Carpentier e Sobre héroes e tumbas de Ernesto Sábato. En galego: Merlín e familia de Cunqueiro e calquera novela de Otero Pedrayo.
16.– Un heroe de ficción?
– Alonso Quijano.
17.– Unha heroína?
– Madame Bovary.
18.– A súa música favorita?
– O jazz. Duke Ellington, Bill Evans, Abe Rábade en Zigurat ou Astor Piazzola.
19.– Na pintura?
– O meu irmán, Xosé Freixanes, a serie de Nova York de Jorge Castillo, Luís Seoane, Pollock…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Non teño. Se acaso a marea solidaria do “Prestige”.
21.– O seu nome favorito?
– Os dos meus fillos, Denís e Tristán.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A envexa.
23.– O que máis odia?
– O egoísmo insaciable do capital que nos asoballa.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Adolf Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O don das linguas, é unha das miñas carencias.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Na cama, sen dor e rodeado da xente que quero.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Procuro cultivar o optimismo estratéxico, porque ninguén se apunta ás catástrofes, pero ás veces se me cae a moral.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os excesos do corazón.
30.– Un lema na súa vida?
– Non te desanimes nunca. Cando parece que as cousas non saen, con tesón e entusiasmo acaban saíndo.”

Rianxo: presentación de Iria, de Anxo Angueira

O venres 4 de outubro, ás 20:30 horas, no Salón de Actos do Auditorio de Rianxo (Rúa Autores da Rianxeira- Parque de Galicia), terá lugar a presentación de Iria, de Anxo Angueira, publicada en Xerais. No acto, coorganizado polo Concello de Rianxo e a editora, participan, xunto ao autor, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Axeitos e Manuel Bragado.

A TVG dálle as costas á cultura

Desde Sermos Galiza:
“A CRTVG botou a tesoira sobre a programación cultural e tira da grella a maior parte de espazos dedicados á difundir a creación artística, musical ou literaria galega. A gadaña da compañía levou da programación o Eirado presentado polo xornalista e escritor Pemón Bouzas, un espazo dedicado á literatura, artes plásticas, espectáculos, música ou cinema Presentábase como “encontro dos artistas galegos de todas as disciplinas” e emitíase case cando o sábado estaba a piques de rematar. Deixa de producirse despois de catro tempadas. (…)
Canda Alalá pasa á historia da TVG o programa No bico un cantar, un espazo que dedicaba cada capítulo a unha das cancións galegas máis populares. A Rianxeira, Negra Sombra, A Carolina, Unha noite na eira do trigo, Quen puidera namorala ou O Tren foron algúns dos temas que protagonizaron No bico un cantar, que revisitaba as distintas interpretacións e contaba coa colaboración de expertos e coñecidas persoas da cultura galega como Abe Rábade, López Calo, Helena Villar Janeiro, Marica Campo, Neira Vilas ou Méndez Ferrín. (…)
Nos cambios con respecto á programación cultural, a dirección da TVG despois de catro tempadas e varios premios recibidos decidiu deixar de contar coa xornalista e escritora María Solar na presentación do Zigzag. A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega manifestou nun comunicado o seu pesar e a súa “gratitude e recoñecemento polo traballo que desenvolveu ela ao longo destes anos, e que foi premiado de maneira reiterada polo seu labor cultural e pola súa pluralidade e calidade na divulgación da literatura galega en concreto”.”

Centos de persoas festexan a inauguración da Casa Museo Manuel María, tributo ao grande poeta nacional

Desde Sermos Galiza:
Día de emoción, festa e encontro na Casa de Hortas, espazo natal e literario de Manuel María que abría as súas portas ao público para ser centro da memoria do poeta e tamén da cultura da Terra Chá e do país enteiro.
O auditorio, construído na que foi palleira da casa, quedou pequeno para acoller a tantas persoas que se viñeron de todo o noso territorio para homenaxear ao escritor e amigo. A través das persoas que se achegaron nesta xornada a Outeiro de Rei poderíase construír o xeneroso perfil de Manuel María, escritor, activista cultural, político comprometido e unha das persoas máis queridas e coñecidas da cultura contemporánea. Poderían dar boa conta diso os centos de persoas que, nesta mañá, lembraban episodios compartidos con Manuel María, á vista da presenza que evocaban espazos e obxectos.
A Saleta Goi costáballe conter a emoción nun día tanto tempo agardado. Amigos e amigas de Manuel María atopábanse de novo coa compañeira de vida, coa muller que vía hoxe un dos seus soños feitos realidade. Lembrou aquel poema dos Sonetos á Casa de Hortas no que Manuel se preguntaba polo futuro da construción e a eira que tanto quería e agora si ela podía darlle resposta. Con moitas persoas arredor, Saleta Goi compartía a lembranza e a alegría que o autor tería ao ver o seu espazo natal convertido en casa da cultura, aberta, amábel, acolledora, como fora sempre a súa.
Lembrou a nai do poeta, que o pariu na cama agora exposta, os seus irmáns, as persoas que axudaron a que o proxecto cobrase vida, as que traballaron na súa rehabilitación e, en especial, lembrou a Manuel. “Se vira isto emocionaríase tanto! Teño que darlle grazas pola súa obra, un traballo intenso, un amor inmenso a Galiza, e grazas pola vida que vivimos xuntos”, dixo Saleta Goi.
No acto de inauguración, con representantes das institucións que apoiaron o proxecto, Teresa, unha nena de nove anos, subiu a recoller unha rosa, a flor de Manuel María. Chamou por ela Alberte Ansede, secretario da Fundación, despois de contar a súa vinculación coa casa. Teresa pasara hai dous anos diante dun posto no que se presentaba o proxecto da Casa Museo. Daquela tiña sete anos e catorce euros. Viu a imaxe de Manuel María, o poeta do que sabía de corrido os seus versos, e falou coa nai para dar a metade do seu patrimonio para que a Casa de Hortas fose para arriba. Agora, cando finalmente o proxecto colectivo no que participaron tantas persoas se fai realidade, Alberte Ansede quixo que Teresa simbolizase a todos aqueles que nestes anos, dunha maneira ou outra, contribuíron para que a casa na que o poeta naceu en Outeiro de Rei se abra coa súa memoria e coa súa mesma vontade de crear cultura, cos cimentos na terra que tanto quería.
“A apertura dun centro é sempre motivo de alegría, e máis nuns tempos máis afeitos a peches que a inauguracións”, dixo Alberte Ansede para quen a Casa Museo Manuel María reivindica “o dereito á cultura, a ampliar os espazos para a liberdade, para o noso idioma”.
Fiel ao propio Manuel María, a casa, a propia inauguración e tamén o proxecto de futuro. “Imos tratar de seguir o seu exemplo nesta casa, un exemplo que non se reduce á expresión literaria, senón que, seguindo a tradición dos grandes da cultura galega, teña unha intervención decisiva no ámbito social, cultural e político”. A casa ergueuse de novo mais o futuro depende, da “sociedade que recoñece a Manuel María como un dos seus que ten que ser quen defenda o proxecto”.
A memoria de Manuel María convocou na súa casa, como era de agardar, escritores e escritoras que gozaron da súa amizade. Margarita Ledo, Darío Xohán Cabana, Francisco Rodríguez, Marica Campo, Paco Martín, Xosé Lois García, Pilar García Negro, Bieito Iglesias, Cesáreo Sánchez Iglesias, Mercedes Queixas, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Manuel Ferreiro, María Reimóndez, Anxo Angueira, Carlos Mella, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Marta Dacosta e tantas outros participaron nun acto que a Fundación preparou á maneira de Manuel María, no encontro de cultura e convívio na súa Terra Chá literaria. Pola tarde, sumáronse á listaxe Xosé Luís Méndez Ferrín, Pilar Pallarés, Fernán Vello, Bernardino Graña e Luz Pozo.
A biografía e a obra de Manuel María percórrese polas estancias da súa casa, mais tamén estivo presente no acto inaugural. Moitos representantes do nacionalismo político, compañeiros e compañeiras que militaron con Manuel María e representantes do asociacionismo cultural estiveron tamén en Outeiro na xornada histórica na que un novo centro cultural se abre, apegado ao país e a súa cultura, como quedou á vista na vontade de Saleta Goi e Alberte Ansede. O portavoz do BNG, Xavier Vence, canda outros cargos da organización como Francisco Jorquera, Bieito Lobeira, Francisco García, Carme Adán, Antón Bao ou Ana Pontón, estiveron no acto no que tamén o mundo do ensino estivo presente, en profesores e profesoras aos que Manuel María visitou nas súas aulas ou no presidente da AS-PG, Xoán Costa e secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao. Uxía e Tereixa Novo, na espera de moitos músicos e músicas que chegarán a Outeiro, lembraban os moitos poemas de Manuel que se converteron en cancións. Elba Rei, da Fundación Uxío Novoneyra e Anxo Angueira, da Fundación Rosalía, asistiron ao acto de apertura ao público da casa do poeta.
Centro para investigadores na obra de Manuel María, cun conxunto documental de toda a súa traxectoria vital e literaria, unha biblioteca de máis de doce mil volumes, obxectos que o escritor viviu e un futuro sen límite para o encontro coa súa obra, a súa biografía e a nosa cultura. Ábrese tamén un arquivo virtual que se poderá visitar e que acollerá datos e documentación sen límite, toda a que se recolla e que se convida a aportar. Fotos, dedicatorias, actos… para a construción dun centro documental do que a casa será sede.
Saleta Goi foi a guía da primeira visita e os recordos agromaron en cada obxecto, en moitos libros, en fotografías, en coleccións que se reparten por unha casa na que a memoria de Manuel María é unha presenza continuada. Na mesa de noite do cuarto, ao pé da cama natal, Follas Novas e unha imaxe de Rosalía, no despacho, Sempre en Galiza e Castelao. Todo, como Manuel María o tería colocado.
Durante toda a tarde e até que a lus do sol se comezaba xa a pagar por volta case das nove da noite, a cultura sentiuse nunha horta da Casa Museo Manuel María na que centos de persoas cantaron e es emocionaron coa memoria compartida do poeta. Sobre o escenario cando se trataba de música e por riba dun tellado cando ía presentar aos poetas que recitaban no balcón, Xurxo Souto conduciu un acto que durou máis de tres horas nas que Manuel María foi o protagonista.
Foino nas cancións que interpretaron Miro Casabella, Fuxan os Ventos, Berrogüetto, María Manuela ou Uxía nunha xornada única que xuntou músicos de varias xeracións que transmitiron a forza das cancións de Manuel. Foino na voz de centos de persoas que corearon moitos dos versos, algúns tan coñecidos como O meu país ou O carro, que pechou o acto cun escenario repleto de músicos e só unha voz colectiva. E foino tamén ao reunir aos amigos poetas que compartiron tantos momentos con Manuel María como Xosé Luís Méndez Ferrín, Marica Campo, Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán Vello ou Bernardino Graña que recitaron desde o balcón da casa, desde onde se outeaba unha horta chea de xente e a paisaxe da Terra Chá que Manuel María tanto quería.”

Pódese ver aquí a Galería de Fotos do acto.

O adeus galego a Seamus Heaney, o irlandés con “imaxinación poética” da Fisterra

Desde Sermos Galiza:
“Nos chanzos da relación literaria entre Irlanda e Galiza, a figura de Seamus Heaney protagoniza un episodio de especial relevancia, non só pola recepción da súa obra na nosa lingua senón tamén polo propio recoñecemento que o poeta tiña do noso país, ao seu ver, a primeira terra da “imaxinación poética” de Irlanda.
Ferrín dedicoulle Estirpe, a Universidade da Coruña nomeouno Honoris Causa e Xerais inaugurara unha colección coa súa obra. O mundo da literatura galega lamenta de maneira especial a morte do escritor Seamus Heaney e, desde que a noticia se fixo pública, foron varias as mostras de pesar pola desaparición dun Premio Nobel para o que Galiza existía como nación e como universo literario. Deixouno claro cando participou no acto de nomeamento como doutor Honoris Causa da Universidade da Coruña, cando xa recibira o Nobel, nun discurso no que evocou a Fisterra como unha das palabras claves no seu imaxinario biográfico e sinalou que, desde Irlanda, “Galiza non é a fin da terra, senón o seu comezo, a primeira terra que atopamos. E Galiza é tamén, até certo punto, a primeira terra da nosa imaxinación poética”.
O libro Traballo de campo, na tradución de Vicente Araguas para a nosa lingua, ía inaugurar a colección de poesía Ablativo Absoluto de Xerais en 1996, apenas dous meses despois do acto no que Heaney recibía o Premio Nobel. O tamén escritor Manuel Outeiriño foi o encargado de verquer na nosa lingua a obra teatral A cura en Troia, apenas dous anos antes de que, no 2000 o vínculo con Galiza se estreitase ao ser investido Doutor Honoris Causa pola Coruña. No 1999, a obra de Heaney merecería un lugar destacado no volume antolóxico, Poesía irlandesa contemporánea, de Antonio de Toro Santos, profesor que impulsou o nomeamento do poeta pola Universidade da Coruña.
“Como a nosa Rosalía, Heaney foi un poeta capaz de canxar a vontade de estilo coa estirpe do xenio popular, converténdose nun heroe nacional e nun referente moral”, escribe Manuel Bragado, director de Xerais, selo que lle deu o destaque de inaugurar a súa colección poética. “Poeta da terra e da experiencia campesiña, inserido na natureza e comprometido co proceso de resistencia da súa comunidade católica no Ulster, Seamus Heaney amosa o papel cívico esencial do poeta para cada unha das súas comunidades, que é o mesmo que dicir para toda a humanidade”, sinala Bragado.”

Crónica da conmemoración do 50 aniversario da morte de Gonzalo López Abente

Desde a Fundación Gonzalo López Abente:
“A transcendente figura do poeta Gonzalo López Abente para os muxiáns e para o conxunto da cultura galega, foi homenaxeada no 50 aniversario da súa morte, que tivo lugar o 23 de xullo de 1963. Os acto xa empezaran o sábado día 13, cunha exposición de pintura de Viki Rivadulla, e a estrea da composición musical de Miguel Brotóns, baseada no poema de Abente, O meu mar. O sábado día 20 a Fundación Gonzalo López Abente, organizadora do evento, celebrou un plenario, no que tomaron posesións como novos patróns, Xosé María Lema en representación da Real Academia Galega, ademais de José Enrique Benlloch e Xosé Luís Méndez Ferrín, ambos titulo persoal.
Despois do plenario os patróns e numerosos veciños de Muxía acudiron ao cemiterio para facer unha ofrenda floral na tumba de Gonzalo López Abente, onde falou o historiador Manolo Vilar sobre os acontecementos do enterro de López Abente, e os poetas Miro Villar e X. H. Rivadulla Corcón, deron lectura a textos de escritores coetáneos de López Abente sobre o seu falecemento.
Xa no Salón de Actos do Voluntariado continuaron os actos, que se iniciaron coa actuación das Pandeireteiras de Muxía, e a continuación presentouse o volume da Poesía Completa de Gonzalo López Abente, na que interviñeron Felix Porto, presidente da Fundación e Alcalde de Muxía, que deu lectura un texto enviado por Méndez Ferrín desculpando a súa ausencia e loando a figura de López Abente, de quen se manifesta entusiasta lector dende moi novo. Interviñeron tamén X. H. Rivadulla Corcón, que falou do significado da obra de Abente para as xentes de Muxía, como está feita a partir dun sentimento moi muxián, e de como a figura do poeta e a súa obra son a día de hoxe un dos símbolos identitarios máis relevantes de Muxía. Miguel Anxo Fernán Vello, director de Edicións Espiral Maior, editora da obra conxuntamente coa Fundación, falou da importancia que ten para a cultura galega contar coa obra de López Abente recollida integramente no volume que presentaban, e por último Miro Villar, editor literario da Poesía Completa, falou dos criterios da edición e de como para el supoñía, esta edición, cumprir un soño longamente agardado, e lembrou como chegou á obra de López Abente, descubrindo un poeta dunha alta calidade literaria e lingüística.
Despois desta presentación tocou a quenda da entrega do Iº premio de Poesía Gonzalo López Abente, que foi entregado a Daniel Salgado polo seu libro Dos tempos sombrizos (Diario). Interviñeron, de novo Félix Porto, e a continuación Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, que editará o libro premiado, que falou da importancia dos premios para a poesía galega. A continuación Marilar Aleixandre falou en nome do xurado, lendo a acta do premio, e comentando as claves da obra premiada. A Daniel Salgado entregáronlle o premio, Arturo Suárez, tesoureiro da Fundación, e Viki Rivadulla, que ademais de secretaria da Fundación e do xurado, é a autora da escultura que se lle entregou ao premiado conxuntamente coa dotación económica.
A continuación tivo lugar a doazón que os pintores, Xervasio Sar, e Nolo Suárez, fixeron de sendos cadros á Fundación, como agasallo a xeito de homenaxe persoal á figura de López Abente.
E o broche final foi a estrea dunha peza musical baseada no poema de Abente A pedra da Barca musicado por Charo Vázquez Freire, directora da Coral Virxe da Barca, que interpretou a peza musical.”

O instante eterno, documental sobre Xosé María Díaz Castro

O instante eterno é un documental sobre a obra e a vida de Xosé María Díaz Castro, dirixido por Xosé Antón Cascudo. O proxecto botou a andar no ano 2011 co obxectivo de difundir a figura do poeta, de cara á celebración do centenario do seu nacemento en febreiro do 2014.
A pesar da súa indiscutible calidade poética, referendada en Nimbos, a obra de Díaz Castro era case descoñecida para o público até o pasado 21 de xuño, cando a Real Academia Galega o designou como o autor ao que se dedicarán as Letras Galegas do 2014. Precisamente o esquecemento deste tesouro e certos enigmas arredor da figura do poeta constituíron o impulso definitivo para a posta en marcha do documental.
Foi Alfonso Blanco, presidente da Asociación Cultural Xermolos, a persoa que máis alentou O instante eterno, cedendo a Cascudo gran parte do arquivo fotográfico e textual do poeta. Despois de meses de estudo desta documentación trazouse a idea esencial do proxecto: un poema visual en cinco tempos, coincidindo coas catro estacións da vida de Díaz Castro e un epílogo sobre a pegada estética da súa obra.
Na primeira fase da produción realizouse unha rolda de entrevistas nas que participaron o propio Alfonso Blanco; o poeta e expresidente da RAG Méndez Ferrín; Félix Villares, docente no Seminario de Mondoñedo e estudoso da Escola Poética da Terra Chá; Armando Requeixo, crítico literario, especialista en Díaz Castro; e Raúl Río, amigo e autor do busto do poeta na súa parroquia natal dos Vilares. Hai que destacar tamén a colaboración da poeta Xiana Arias que puxo voz a varios dos poemas do autor.
En canto ás localizacións do filme inclúense os lugares emblemáticos do poeta: Mondoñedo –cuxo seminario era naquel tempo o berce poético da comarca chairega–, Betanzos –vila na que Díaz Castro gañou o certame dos Xogos Florais en 1946–, Vilagarcía de Arousa –onde exerceu de docente no Colexio León XIII trala Guerra Civil– e Madrid –lugar de residencia do poeta durante gran parte da súa vida, quizais o feito que o arredaría dos círculos culturais, e que explica o seu esquecemento–. Mención especial merece a contorna da aldea natal do Vilariño, a carón da Serra de Montouto, límite natural entre as provincias de Lugo e A Coruña, espazo no que se afunden as raíces literarias do autor e que iluminan dúas das súas claves poéticas: a paisaxe e a lingua.
O obxectivo de O instante eterno é reflexionar sobre o proceso de creación artística de Díaz Castro, explorando un lento pero obstinado labor por acadar a excelencia en cada un dos seus versos, e que explica –en parte– que só publicase un libro en vida. Partindo dunha humilde ascendencia labrega o poeta dos Vilares vaise desprovendo das eivas que lastraban a poesía do seu tempo até escribir Nimbos, unha obra que se revela á vez como relixiosa, existencial e social, construída nunha admirable harmonía entre ética e estética.
Así mesmo, O instante eterno procura amosar as condicións nas que se desenvolvía aquela sociedade marcada pola miseria e a emigración na que medrou o poeta. Neste sentido os mellores guías foron os seus propios versos, xa que en Nimbos se atopa condensada a historia sentimental de Galicia, a nosa cerna identitaria. Desde o presente, afondando na paisaxe humana e biolóxica que contemplaron os ollos do poeta, asistimos a profundas transformacións; o que subsiste, máis alá do efémero, é o que Díaz Castro mudou en eterno nos seus versos.
Antes de iniciar a fase final do proxecto preséntase un teaser do documental, en cuxa realización colaboraron Jessica Rey e Alba Domínguez en labores de montaxe, fotografía e grafismo. Nas próximas semanas completaranse as últimas tres entrevistas con persoas moi vinculadas ao poeta de Guitiriz. A intención é estrear o filme durante a semana do centenario, no mes de febreiro do 2014.”

Padrón: homenaxe a Rosalía de Castro

A Fundación Rosalía de Castro e o Concello de Padrón organizan o sábado 20 de xullo, a partir das 20:00 horas, no Espolón de Padrón, ao pé da estatua de Rosalía, un acto de homenaxe á poeta, co seguinte programa:

Lembranza histórica dos actos de 1957 e 1958, polo secretario da Fundación, Xosé Carlos Beiró.
– Intervencións de Maruxa Sanmartín e Pitusa Vidal Cabanillas.
– Entrega da bandeira de Camilo Agrasar á Fundación, coa intervención de Luís González Tosar e Xosé Luís Axeitos.
– Audición da voz de Otero Pedrayo (1958).
– Evocación e testemuña dos actos dos anos 1957-58, por Xosé Luís Méndez Ferrín.
– Intervencións de Anxo Angueira (Presidente da Fundación) e Antonio Fernández Angueira (Alcalde de Padrón).
Rosalía entre nós, homenaxe dos nenos e nenas de Padrón, coa dirección de Iolanda Eiras.
– Actuacións de A Reixeira e Juan Ordóñez.
– Himno galego.

Daniel Salgado, con Os tempos sombrizos (diario), gaña o I Premio de poesía Gonzalo López Abente

“A Fundación Gonzalo López Abente comunica que onte se reuniu o xurado do Iº Premio de Poesía Gonzalo López Abente, premio que se convoca en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Secretaria Xeral de Cultura.
O xurado estivo composto polos poetas Marilar Aleixandre, Miro Villar e X. H. Rivadulla Corcón, e por Viki Rivadulla como secretaria do mesmo, e decidiron declarar por unanimidade gañador ao orixinal titulado Os tempos sombrizos (diario), que resultou ser da autoría de Daniel Salgado.
Na acta do fallo o xurado salienta a construción do discurso a xeito de diario que amosa o compromiso anticapitalista a través do diálogo cos principais referentes ideolóxicos na loita pola liberdade e a xustiza social. Tamén presenta unha rica intertextualidade coa poesía e a música contemporáneas (o jazz nomeadamente) e con poemas de forte contido metaliterario.
O premio será entregado o día 20 de Xullo dentro dun programa de actos destinados a conmemorar os 50 anos da morte de Gonzalo López Abente. Nesta xornada, entre outras actividades, destaca unha conferencia sobre a obra de López Abente que impartirá Xosé Luís Méndez Ferrín, e a presentación da edición da Obra Poética Completa de Gonzalo López Abente, preparada por Miro Villar e editada por Espiral Maior.”