Homenaxe A Escritora na súa Terra a Pilar Pallarés: Laudatio, por Eva Veiga

A poesía necesaria

“É para min unha honra e unha ocasión feliz cumprir hoxe nesta Ágora da Coruña cun convite, a laudatio á nosa homenaxeada coa letra E da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, convite que agradezo fondamente ao seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, e, como non, á propia Pilar Pallarés. Unha encomenda que, asemade, trae a intensa punzada da responsabilidade, pois excesivo se lle fan ás miñas capacidades dar aquí conta cabal, e en breve tempo, dos méritos literarios, e non só, dunha autora cuxa obra vén sendo cualificada de forma unánime pola crítica –en tal sentido achamos numerosa e excelente bibliografía– como unha das propostas poéticas máis persoais, poderosas e radicais da nosa contemporaneidade. Unha voz que, sen dúbida, posúe o don.
Escribiu Antón Avilés de Taramancos:

É o cazador poeta nese instante
en que son ollo e ráfega un latexo
que calla o sangue en río fulgurante
como se for un lóstrego ao axexo.

Traemos aquí estes versos de Avilés a modo de cita introdutoria, non só por ser el un dos autores máis caros a Pilar senón porque dalgunha maneira cifran, ao noso entender, ese movemento íntimo, complexo e revelador, que adoito fai emerxer a beleza e a iluminación da escrita da nosa benquerida e admirada poeta.
En efecto, a poesía de Pallarés, alén da sensibilidade, da finísima intelixencia ou do talento que a habitan, atínxenos como o fan o raio, a luz do sol, o aire ou a chuvia: fecundándonos e alentando esa permanente transformación que é vivir, e máis aínda, existir tomando conciencia.
Mais antes de acadar tal maduración, a experiencia humana ha de pasar por idades ou fases previas, a primeira das cales é a infancia: ese tempo inaugural e prístino que funda o noso territorio seguramente máis profundo e estable. Tempo que é asemade o espazo da inocente descuberta, do que se irá nomeando pola primeira vez como se unha nova luz se abrise no interior de cada cousa. E ese lugar onde a memoria prende as súas raiceiras é para Pilar Pallarés o da Ermida, en Culleredo (A Coruña). Aquí, ao lonxe a ollada alta e granítica do monte Xalo, nace a nosa autora en 1957; e igualmente nese ámbito de campos de millo e centeo –hoxe desaparecido– vai pasar a súa infancia feliz en compaña dunha pequena pero amada veciñanza, do laio do raposo, da cadela e dos gatos da casa… Porén, unha infancia que medra tanto a exercitarse na tenaz superación dos límites como na contemplación da vida que pasa en mudanza de estacións, de morte e de nacenza. Un tempo no que, a bo seguro, se forxan, dun lado, a vontade inalienable desa “man que soña/ e aínda terma do ceu, / (sen nada embaixo)” –versos do seu último libro– e, doutra parte, a amorosa atención que a poeta sabe dedicar á natureza e a toda outredade. Sigue lendo

Pontevedra: Festa dos Libros 2019

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 6 de xullo

O 6 de xullo finaliza a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

13:00 h. Falando de libros con… Elba Pedrosa e Selina Otero. Modera Malores Villanueva. Sinatura de exemplares na caseta de Secretaría.
18:00 h. Tito Pérez asina O latexar do barrio, publicado por Do Peirao, na caseta de Nobel.
18:30 h. Brinca vai! De aquí para acolá, con Paco Nogueiras.
19:00 h. Sinatura de Versos e viceversos, de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos, publicado por Kalandraka, na caseta de Libros para soñar.
20:00 h. Presentación de Sulagar o soño, de Montserrat Villar González, publicado por Lastura. Participa Carlos Da Aira.

Unha novela coral e rebelde permite a Xosé Ricardo Losada gañar o II Premio Viadutos de Novela

Desde Fervenzas Literarias:
“Reunido nas dependencias municipais de Redondela, o xurado do II Premio Viadutos de Novela decidiu declarar gañadora a obra A casa xunto ao volcán que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Xosé Ricardo Losada.
O xurado, composto polas escritoras Iolanda Zúñiga e Anna R. Figueiredo (gañadora da pasada edición), a xornalista María Jesús Argibay, a profesora Patricia Arias Chachero, a editora Malores Villanueva, e técnica de Xuventude Sonsoles Lores, como secretaria con voz e sen voto, salientou “destaca a fortaleza dunha voz feminina en construción que evoluciona ao longo do relato na busca da súa identidade”.
En A casa xunto ao volcán, a través da voz dunha adolescente, o autor móstranos o pensamento crítico dunha sociedade na que a filosofía pode e debe ter un papel relevante e necesario. Ponse en valor a importancia do ensino como axente creador de persoas íntegras e libres.
A novela ten unha estrutura tripartita e ben deseñada que condiciona un texto áxil, de doada lectura e fondo pouso.
Xosé Ricardo Losada logra ademais unha voz feminina plenamente crible e sorprendente. A casa xunto ao volcán é unha novela coral e rebelde que invita a cuestionarse a orde social establecida e a unha mesma.
O II Premio Viadutos de Novela está convocado polo Concello de Redondela, a través da súa Concellería de Xuventude, e conta coa colaboración da editorial Galaxia. A casa xunto ao volcán será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da editorial Galaxia.”

Ribadeo: Feira do Libro Letras no Campo 2019

Combarro: III Festival de Poesía Fala o Mar

Venres 5 de xullo
18:30 h. Fogar Armadiña / Peza documental Vértice de Versos. Proxección e coloquio con Carlos Lorenzo, director
20:30 h. Fogar Armadiña / A+A, de Ricardo de Barreiro. Presentación e recital
22:30 h. Praia do Padrón / Nortear. Performance de Helena Salgueiro.

Sábado 6 de xullo
11:30 h. Praia do Padrón / Somos de palabras. Obradoiro poético para crianzas con Míriam Ferradáns.
20:00 h. Praza de San Roque / Verso na áncora. Recital de Cynthia Menéndez, Daniel Irimia Yáñez e Lucía Novas.
20:45 h. Praza de San Roque / Somos de palabras. Recital.
21:30 h. Praza de San Roque / Verso na áncora. Recital de César Souto, Noelia Gómez e Rafa Lobelle
22:30 h. Praza de San Roque / Verso sobre onda. Contrarrecital Salvaxe de Lois Pérez.