Román Raña no ciclo-homenaxe a Ramiro Fonte (IES Castelao)

Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Celebrouse o 29 de xaneiro a primeira sesión do ciclo-homenaxe a Ramiro Fonte que organiza o Departamento de Lingua Galega e Literatura do IES Castelao. Tras unhas introdutorias palabras de Agustín Nieto sobre a dinámica e concepción do ciclo, o profesor e escritor Román Raña realizou unha suxestiva intervención baixo o título de “Poesía da experiencia. Experiencia da poesía”.
Nela debullou elementos vinculados, inicialmente, coa denominada Xeración dos 80, á que pertence, a carón de Ramiro Fonte ou o tamén malogrado Eusebio L. Baleirón. Alén de sinalar as figuras de Ferrín e Cunqueiro como referentes nas máis das voces desta xeración, apuntou tamén outras lecturas que deixaron pegada nos seus constituíntes como foron obras de Eliot, Pound, Éluard, Pessoa ou Paul Celan. Situou, asemade, os alicerces xeracionais como respostas á poesía panfletaria que se atopaba nos ecos do social-realismo para analizar, posteriormente, os ecos que a produción poética dos 80 xerou en diversos ámbitos críticos, con lugares comúns que seguen a reiterarse como o do célebre “culturalismo”, alén de subliñar os elementos que deron cohesión ao grupo.
A figura de Ramiro Fonte foi aparecendo ao entender que a do autor de Capitán Inverno foi, xustamente, unha poesía da experiencia persoal que chega a “transmutarnos”, que repara nos grandes temas de sempre -o paso do tempo, o amor, a morte, a infancia…-, sostida na sinxeleza expersiva, no relato de fragmentos da vida cotiá e na configuración dun lector ou dunha lectora cómplice. Tamén subliñou que en Fonte se atopan os ecos da “experiencia da poesía” en tantas composicións nas que podemos atopar unha reflexión sobre o labor do poeta. Neste sentido, Pasa un segredo, para Raña o mellor libro de poemas de Fonte, é un volume no que fala dos “adentros” do autor, do seu lado máis íntimo.
A lectura dalgúns poemas de Pasa un segredo e un breve comentario posterior de cada unhas das composicións, alén dun breve diálogo sobre diversas cuestións vinculadas coa memoria de Ramiro Fonte e outros xuízos poéticos, concluíron o que valoro como unha excelente apertura deste ciclo. (…)”

A Coruña: encontro literario con Xavier Seoane

O día 5 de febreiro terá lugar un encontro literario con Xavier Seoane na Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, ás 17:00 horas, na Sala Xohana Torres. Está dentro das actividades do Club literario Nébeda, coordinado por Inma Doval.

Polimorfismo erótico, por Ánxela Lema París

Artigo de Ánxela Lema París na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Celebrar o singular, a saída dos marcos estritos e censuradores, represores. Festexar o esforzo por crear outros imaxinarios, outros relatos sobre como entender os praceres e o erotismo. A romaría é sempre unha boa nova e chegou da man de Desequilibras e caer, de Cristina Ferreiro Real, un dos poucos casos da primeira década deste século que presenta unha poética rupturista nun eido aínda fortemente marcado pola heteronormatividade como é o erótico.
Ferreiro, alén de presentarnos unha sexualidade empoderada, rematada en A, consegue que deixemos de lado a importancia do ti ao que o eu se dirixe porque, como deixa claro, non atende a categorías. Ou quizais si, quizais si que atende a elas mais non entende, xustamente, a maneira estipulada de as comprender, motivo polo que se me ocorre pensar que tres das letras que compoñen o título aparezan marcadas en vermello na capa do libro. DIC como presentación do dicionario erótico que significa o poemario no que o eu se declara “omnisexual” e non ten vergonza de expoñer o seu corpo “blando e suave” porque ha “ser a máis guapa/ sen maquillaxe/ polimórfica perfecta e orgásmica”.
Porque disto trata o glosario erótico que Ferreiro nos presenta, de que nos “amen en diagonal” e nos deixemos levar. De rachar coas etiquetaxes que o heteropatriarcado tan ben deseñou para ter os desexos ben ordenados nun catálogo no que a diversidade, o plural, non teña espazo. Por iso o eu desta obra sabe ben os prefixos que debe empregar e fala sempre desde o omni- e o poli-, desde o abundante e a varidade, desde o mixto e as vontades de experimentar. (…)”

Vilalba: entrega do II Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade