Inés Mosquera Calvo gaña o XXXVIII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

“O Concello de Dodro celebrou o acto de deliberación do xurado da trixésima oitava edición do Certame de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, convocado por esta entidade e coordinado pola poeta Silvia Penas.
O xurado, composto polas poetas María Lado Lariño, Noelia Gómez Calvo e Miguel Cavadas Docampo, xunto co alcalde e o concelleiro de Cultura de Dodro, acordou por maioría outorgar o premio á poeta Inés Mosquera Calvo pola súa obra Upupú, presentada baixo o lema A ditadura da bubela.
A elección realizouse entre corenta e dúas obras candidatas e na acta os membros do tribunal destacaron da obra galardoada o seguinte:
Entre o poema e o corpo dun paxaro constrúese este libro. Unha poética concibida dende a linguaxe do animal, coa súa mesma axilidade e instinto. Hai salvaxismo neste canto. O upupú soa ao longo dos poemas como unha oración, e álzase por riba de todo: da dor, da enfermidade, da vergonza. Dividido en cinco partes: Lingua de xirín, Ás de pardal, A vergonza de amá, Bubela e a Ditadura da bubela. O poemario contén diversas citas de poetas (case todas mulleres) que acompañan no niño que a muller/paxaro artella, un voo preciso. Versos fragmentados e que entran directos nos ollos da lectora como un disparo. “Lonxe de ser miña ruliña/ son bubela”, escribe. “Terei unha enfermidade de incómodo nome/ pero fun aprendendo a falar cos paxaros”. A través da figura do paxaro hai un afán de liberdade. Ter o dereito a ser mala muller, mala filla, mala amante. “Dos meus poemas/ canto que son mala ditadora/ mala bubela/ mala muller/ mala filla// mala amante tamén”. Upupú.
A gañadora do XXXVIII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, Inés Mosquera Calvo, naceu en Carcacía (Padrón), en 1992. Graduada en Educación Primaria especializada na docencia de linguas estranxeiras e cun Mestrado en Lingüística Aplicada pola Universidade de Vigo.
Na actualidade exerce como tradutora. Iniciou a súa traxectoria no ámbito da creación poética no ano 2022, coa publicación de Papoulas Amarelas (Medulia Editorial). No 2023, saíu do prelo o segundo libro de poemas, Nonmesquezas. En paralelo, foron publicándose outros textos poéticos en volumes colaborativos como Dorna ou Domingo das Mozas.
O acto oficial de entrega deste premio terá lugar o vindeiro 13 de decembro, no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, ás 17.30 h. O poemario gañador será publicado no ano 2026, nunha editorial de recoñecido prestixio.”

Día das Letras Galegas 2025 en Italia, con María Lado

Para celebrar o Día das Letras Galegas, os Centros de Estudos Galegos das Universidades de Perugia e de Roma contaron coa presenza da poeta María Lado que, alén de ofrecer un recital, falou da súa obra, da situación literaria en Galicia e da tradición oral das cantareiras.

Os encontros tiveron lugar o martes 27 de maio ás 18:00 na sede da Asociación Cultural Roghers en Perugia e o mércores 28, tamén ás 18:00, na Sala Dalí do Instituto Cervantes en Roma.

Toda a información, xunto cos cartaces, está no seguinte enderezo web.

Elba Pedrosa e Cátia Cardoso vencen nos Premios aRi[t]mar á Mellor Poesía de 2024

Comezan as votacións públicas para elixir as mellores poesías de 2024 na Galiza e Portugal, no aRi[t]mar

Compostela: XXXIV Xornadas de lingua e literatura

Pontevedra: XXVI Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

PROGRAMA COMPLETO