Compostela: actividades literarias destacadas no Festigal 2019

Na Galería das Letras do Festigal 2019, que se celebrará no Campus Universitario Sur de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o 25 de xullo:

17:00 h. Presentación de As Casas, de Carlos Lixó, publicado por Espiral Maior. Participan: Carlos Lixó, autor, e Marta Dacosta, escritora.
17:30 h. Presentación da Obra teatral de Manuel María, editada pola Casa – Museo Manuel María. Participan: María do Pilar García Negro, responsábel da edición, e Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María.
18:00 h. Presentación de Infamia, de Ledicia Costas, publicado por Xerais. Participan: Ledicia Costas, autora, e Suso de Toro, escritor.
18:30 h. Presentación de Resistencia e expansión cultural. Crónica do movemento cultural galego na ditadura (1961-1976), número 100 da Revista Terra e Tempo, 2019. Edita: Fundación Terra e Tempo. Participan: María do Pilar García Negro, Presidenta da federación Galiza Cultura e membro do Padroado da Fundación Terra e Tempo; Pilar Allegue. Ex secretaria de Amigos da Cultura de Pontevedra e do Club de Amigos da Unesco e Nemésio Barxa. Cofundador e Ex presidente da Agrupación Cultural Auriense e Ex presidente da Asociación Cultural de Vigo.
19:00 h. Presentación de Senlleiras, de Antía Yáñez, publicado por Galaxia. Participan: Antía Yáñez, autora, e Miriam Beizana, escritora.
19:30 h. Presentación de Transmatria, de Daniel Asorey, publicado por Xerais. Xerais. Participan: Daniel Asorey, autor, e Susana Sanches Arins, escritora.
20:00 h. Presentación de Fóra de si, de Suso de Toro, publicado por Xerais. Participan: Suso de Toro, autor, e Ledicia Costas, escritora.

ESPAZO DE ENCONTRO CON AUTORAS E AUTORES
A partir das 16:30 horas con:
Carlos Callón.
– Ana Pillado.
– Manuel Monge.

“Manuel María, nace un dramaturgo”

Artigo de Héctor J. Porto en La Voz de Galicia:
“«Nace un dramaturgo para a escena e para a literatura galega. A hipérbole deixa de o ser», pregoa María Pilar García Negro nos comezos do seu prólogo á coidada edición da Obra teatral de Manuel María (Outeiro de Rei, 1929-A Coruña, 2004) que preparou para a súa publicación pola fundación que -dende a súa sede na casa-museo de Outeiro de Rei- custodia e pon en valor a figura do autor chairego. Pese a esta celebración, non hai unha chisca de sorpresa na faciana da profesora e escritora luguesa, que lembraba hai uns días como a fins da década dos anos setenta ela mesma promoveu a representación de O auto transcendental da escola tradicional (1976) coas súas alumnas no instituto coruñés Eusebio da Guarda. Xa daquela tiña clara a importancia da dramaturxia de Manuel María, e deseguido percibiu o papel basilar que xoga no teatro contemporáneo galego. (…)
Xa entón, no 2005, lle bulía a García Negro unha idea na cabeza. Ela nunca dimitiu da súa admiración por Manuel María, pero tampouco topaba tempo para dedicarlle ao arduo labor de poñer en limpo a súa obra teatral. «Non só era a revisión e confronto das diversas versións ou a recuperación de textos que faltaban, tamén estaba vixiar a homologación gráfica que el mesmo fixou e deixou disposta para a súa poesía. Era un traballo moi laborioso», subliña. Ata que o curso pasado decidiu interromper outros asuntos para poñerse en serio co proxecto de edición. Non era pouca cousa. Sabía que pasaban de trinta pezas e só unhas poucas foran editadas en libro, algunhas apareceran en xornais (como La Voz de Galicia) ou en revistas e suplementos literarios; e moitas permanecían totalmente inéditas, aínda que unha parte delas si chegaran ás táboas.
O máis fascinante do seu estudo foi verificar a súa grande diversidade, tanto no formato ou na temática como no estilo. E ademais ratificou que non se trataba dun empeño temporal, efémero: a súa dedicación teatral foi continua ao longo da súa vida, como demostran as datacións desde o seu primeiro texto, Auto do taberneiro (1957), ata o derradeiro, Auto do alugado ou O encanto de Raboces (2001). «Son cando menos 44 anos de traballo -di a profesora-. Cando me puxen á tarefa, na relectura de toda a obra, advertín que estaba ante a produción dun escritor experto. Mostraba un dominio dos recursos escénicos, da dramaturxia, da técnica, e un notábel abano de rexistros. Isto non era froito de quen está pensando nunha diversión, nun pasatempo, de alguén que está construíndo algo para entreter», incide. (…)”

Pilar García Negro: “No teatro de Manuel María hai unha vontade de pedagoxía social moi importante”

Entrevista de María Obelleiro a Pilar García Negro en Sermos Galiza:
“María Pilar García Negro (Lugo, 1953) vén de recoller nun volume editado pola Fundación Manuel María as 33 obras de teatro que deixou o prolífico escritor. Ademais, a profesora da Universidade da Coruña (UDC) e escritora vén de ser recoñecida co diploma ad honorem no marco da XVII Asemblea da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) polos seus estudos sobre Rosalía de Castro e pola súa traxectoria feminista. Conversamos con ela ao respecto. Eis un extracto da entrevista, publicada no número 318 de Sermos Galiza.
– Sermos Galiza (SG): O libro recolle un total de 33 obras, algunhas das cales resultan inéditas e sorprendentes. A que responde a súa edición?
– Pilar García Negro (PGN): Do ponto de vista persoal era xa un vello compromiso meu, neste caso coa Fundación Manuel María, que mantén non unha memoria ritual do noso grande escritor, senón unha memoria viva, perseverante e con moitas actividades. En 2005 celebramos na UDC, con colaboración directa da fundación e coa organización da AS-PG, o Congreso Manuel María, e no programa houbo dúas palestras dedicadas ao teatro, a de Henrique Rabuñal –que está recollida nesta obra– e a miña. Arrinca de aí, como mínimo, a idea de preparar esta edición. Eu tiña un ponto de partida valiosísimo, que é o traballo de Camilo Gómez Torres, o grande investigador da obra total de Manuel María e é autor dunha tese de doutoramento sobre o escritor.
Aparecen citadas dúas obras que non demos atopado, dos anos sesenta. Non desistimos de que poidan aparecer. É unha produción amplísima, 33 obras, un abano temático e estilístico variadísimo, así que a satisfacción é grande por poder incrementar a obra dun escritor proteico, poliédrico, con amplísima dedicación a todos os xéneros literarios e con tantísimo servizo á cultura galega no seu conxunto. Por iso, o primeiro que afirmo é que nace un dramaturgo para a literatura e a escena galega.
– SG: Precisamente, nos seus estudos sobre o autor demostra que non é amador, senón un dramaturgo de pleno dereito malia que a súa obra teatral non fose o suficientemente divulgada.
– PGN: Exactamente, porque se privilexiou a súa amplísima e constante dedicación á poesía, mais aquí podemos comprobar a escrita teatral desde 1957 até 2001. Facémolo apoiándonos nas súas proprias declaracións, que pasaban por afirmar que para el o teatro era unha das actividades literarias que lle producían máis pracer.
– SG: Destacan os seus autos, un subxénero que Manuel María modernizou e adaptou dun xeito renovador ás necesidades da épica galega e da lírica galega como nación, segundo ten explicado vostede.
– PGN: Aí cómpre lembrarmos en primeiro lugar o significativo de títulos como Auto do mariñeiro, Auto do labrego, Auto da costureira, que son a socioloxía laboral galega, a clase traballadora galega absolutamente predominante até hai pouco tempo. Vai aparecer tamén a loita obreira, os conflitos de Vigo e Ferrol de comezos dos anos setenta, nunha historia sindical e de mobilización social galega enorme que non existiu na historiografía española. Aí hai unha redefinición da épica e do auto tradicional, un xénero de amplísimo tratamento do denominado ‘Siglo de Oro’ da literatura española e mais da literatura portuguesa, mais nun sentido estabilizador e rendendo un servizo cerrado e dogmático á xerarquía católica, unha pedagoxía social conservadora e bloqueante de calquera protesta social. Aquí Manuel María a esa modalidade teatral dálle a volta, como tamén o fixeron no seu tempo Rosalía de Castro ou Castelao coa épica do pobo galego. Esa é toda unha veta interesantísima da tradición literaria galega. Na lírica tamén, porque hai no comezo un teatro poético, un entrecruzamento de xéneros literarios e outras moitas opcións temático-estilísticas. Hai unha auténtica construción da historia de Galiza, a través da ficción teatral en tempos onde non existían manuais da historia de Galiza. E unha componente didáctica e de pedagoxía social moi importante. (…)”