Xosé Luís Mosquera Camba gaña o certame de poesía Concello de Carral

Desde Sermos Galiza:
“O poeta e profesor de arte, Xosé Luís Mosquera Camba gañou a XX edición do certame de poesía Concello de Carral coa súa obra Das árbores tropicais e do amor, que presentou co seudónimo Sula Bassana. É a segunda vez que Mosquera obtén este premio, pois xa o gañou en 2010 co poemario Nadja c’est moi.
O xurado do concurso estivo formado por Teresa Seara e Inma Otero, da Asociación da Crítica, e Modesto Fraga, gañador da pasada edición, baixo a presidencia da concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 46 poemarios. O xurado destacou que a obra gañadora é un poemario “de grande orixinalidade que domina a tradición, mesmo a non convencional, e que recorre a unha linguaxe depurada para, a través dela, facer unha viaxe xeográfica e tamén emocional onde teñan cabida outras linguas e presenzas culturais de gran calado”. O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
O acto de entrega do premio terá lugar o 26 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2017. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Devalar sen pel, de Modesto Fraga.”

Betanzos: presentación de Soño e vértice e Silencio percutido, de Eva Veiga

Dentro dos actos que nestes días se poñen en marcha no marco de Creatas I Feira de arte independente, o xoves 29 de decembro, ás 20:00 horas, celebrarase na libraría Biblos (Rúa Santiago, 4), en Betanzos, un recital poético musical a cargo do grupo Ouriol e a poeta Eva Veiga, que contará tamén coa intervención de Teresa Seara.

Crónica videográfica das V Xornadas de Literatura e Ensino. Cartografías do presente: a Literatura Galega do século XXI (2000-2016) (I)

Obanner-vxornliteraturaensinoaelg2016 15 de outubro tiveron lugar as V Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o título de Cartografías do presente: a Literatura Galega do século XXI (2000-2016), organizadas pola AS-PG e a AELG, co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), en Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa do acto, da que destacamos hoxe as seguintes intervencións:

Presentación da Xornada a cargo de Mercedes Queixas:

Presentación da mesa redonda Como explicar a historia da literatura galega desde o século XXI?, por Mercedes Queixas:

Mesa redonda Como explicar a historia da literatura galega desde o século XXI?, con Dolores Vilavedra:

Mesa redonda Como explicar a historia da literatura galega desde o século XXI?, con Isaac Lourido:

Mesa redonda Como explicar a historia da literatura galega desde o século XXI?, con Teresa Seara:

Mesa redonda Como explicar a historia da literatura galega desde o século XXI?, con Teresa Seara, Dolores Vilavedra e Isaac Lourido:

Santiago de Compostela: V Xornadas de Literatura e Ensino. Cartografías do presente: a Literatura Galega do século XXI (2000-2016)

Asbanner-vxornliteraturaensinoaelg2016 V Xornadas de Literatura e Ensino levan o título de Cartografías do presente: a Literatura Galega do século XXI (2000-2016), están organizadas pola AS-PG e a AELG, co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO). A coordinación corre a cargo de Mercedes Queixas Zas, secretaria xeral da AELG e Carlos Negro Romero, vogal.

Santiago de Compostela (IES Fontiñas – Rúa Estocolmo, 5) –como chegar
15 de outubro

*

Matrícula
Dende o 15 de setembro até o 13 de outubro en www.as-pg.gal.

Homologación
Solicitada á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por 8 horas.

Prezos
Matrícula gratuíta, preferente para socias/os da AS-PG e AELG.

Nesta V edición, baixo o título Cartografías do presente: a Literatura Galega do século XXI (2000-2016), apostamos por partillar un menú completo e equilibrado que alimente os tempos de lectura, ociosa e formativa, pairando a nosa ollada na cartografía literaria máis actual, aquela que actúa como imprescindíbel activo, lector e coeducador, na escola construtora da utopía do futuro.

Os obxectivos xerais desta edición son achegar ao profesorado experiencias novidosas para o seu traballo na aula, ofrecer un mapa provisional da literatura galega contemporánea, facilitar un foro de reflexión a respecto da perspectiva literaria máis recente e incidir en prácticas que posibiliten a estimulación creativa escrita do alumnado.

En 2011 a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) abría unha nova porta, a Xornada de Literatura e Ensino, dentro da casa común que abeira o seu Espazo Didáctico, vinculada á necesaria reflexión sobre a relación comunicativa entre escola, literatura e pensamento/expresión creativa, que, desde perspectivas actuais, dinámicas e próximas á realidade vivencial do alumnado e mais do profesorado, reactualizase a pedagoxía da literatura de noso nas aulas.

Analizar o presente literario na escola, cada vez menos presente nos currículos escolares oficiais; adecuar a diversidade metodolóxica literaria aos novos tempos educativos; concienciarse da necesidade de estimular creativamente, na escrita, o alumnado; reflexionar sobre os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura; partillar e debater directamente sobre orientacións e estratexias de achegamento literario para a infancia e a mocidade, da man dos escritores e escritoras da literatura galega contemporánea ou valorar a literatura galega, a través da súa historia, como unha ferramenta clave para a adquisición da necesaria competencia lingüística adaptada a cada nivel/etapa educativa, foron algúns dos obxectivos que guiaron os pasos transitados nas sucesivas edicións das xornadas.

Programa

Café para tres
9:30 – 11:30
Como explicar a historia da literatura galega desde o século XXI?
Dolores Vilavedra
Isaac Lourido
Teresa Seara

Sesión vermú
11:30 – 13:30
Ficcións narrativas para conquistar novos públicos.
Xosé Monteagudo
Ledicia Costas
Xosé Duncan

Sobremesa en acción
16:00 – 18:00
Obradoiros literarios con propostas de textos contemporáneos para as aulas
Rosalía Fernández Rial (teatro / poesía)
Antía Otero (poesía / videocreación)
Francisco Castro (narrativa)

Hora da merenda
18:00 – 20:00
Que literatura galega nos piden os tempos?
Camilo Franco
Helena González
Álex Alonso

*

Obxectivos
– Achegar ao profesorado experiencias novidosas para o seu traballo na aula.
– Ofrecer un mapa provisional da literatura galega contemporánea.
– Facilitar un foro de reflexión a respecto da perspectiva literaria máis recente.
– Incidir en prácticas que posibiliten a estimulación creativa escrita do alumnado.

cartel-vxornliteraturaensinoaelg2016

Adagio por outono, de Modesto Fraga, por Miro Villar

DesdeMiro Villar o blog de Miro Villar, Crebas:
“Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para recoller unha versión do texto que proferín no lanzamento do libro de poemas Adagio por outono de Modesto Fraga, o domingo 14 na Feira do Libro de Cee. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Adagio por outono, de Modesto Fraga
A XLI edición do Certame Literario de Vilalba que se convoca na capital chairega, nos últimos anos en parcería con Alvarellos Editora que publica os textos premiados, reafirmou a sólida bagaxe poética de Modesto Fraga (Fisterra, 1974) ao laurear o seu Adagio por outono, que chega dezanove anos despois da súa entrada no noso sistema literario. (…)
Esta apelación ao pasado non é gratuíta, pois o poeta arestora con moito máis oficio e cunha voz máis madura, retorna ao cultivo dos metros clásicos cos que se dera a coñecer, nomeadamente os sonetos. De feito Adagio por outono, que prologa Teresa Seara de maneira fulcral, está conformado por 35 sonetos divididos en tres partes e un intermezzo denominado «Pórtico» de catro poemas en verso libre, mais onde sobrancean hendecasílabos, heptasílabos e pentasílabos.
Non é de estrañar esta escolla porque o libro, que recolle nunha dobre páxina unha reprodución dos músicos no Pórtico da Gloria (século XII) e unha folla de carballo na portada, pretende realizar outra actualización dos principios literarios do Dolce Stil Novo, escola poética toscana da segunda metade do século XIII na que sobrancearon Guido Cavalcanti, Dante Alighieri, e moito despois Francesco Petrarca no seu Canzoniere, quen influíron en moitas épocas e literaturas posteriores.
Entre nós hai un bo número de poetas «dolcestilnovistas», aínda que salienta Darío Xohán Cabana, quen non só publicou varios libros con sonetos ao modo petrarquista, poñamos por caso o fermoso Amor e tempo liso (1987), senón que foi o excelente e premiado tradutor dos autores citados e doutras voces daquela época na Antoloxía do Doce Estilo Novo (Galaxia, 2004). (…)”