Paseos Literarios por Compostela 2022

Os Paseos Literarios por Compostela 2022 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago de Compostela.
No marco da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2022, ten lugar unha nova edición deste Ciclo de percorridos literarios por Compostela, procurando outra ollada á historia e xeografía da cidade.
A participación nos paseos é libre e gratuíta, non é precisa inscrición previa.

PROGRAMA

Construíndo a capital das letras. Compostela na narrativa galega do século XX
Mario Regueira
Data: 10 de xuño, 16:30 h. Praza de Galicia.

Compostela fóra de mapa
Ana Cabaleiro
Data: 11 de xuño, ás 16:30 h. Barrio de Sar, ao pé da ponte que pasa sobre o río.

Santiago de canto em lenda
Susana S. Arins
Data: 14 de xuño, ás 16:30 h. Arco de Mazarelos.

Prácticas de piratería con Jamas, de Dios Ke Te Crew. O roteiro do Pirata (des)Confinado
Jamas (Julio Negueruela)
Data: 18 de xuño, 16:30 horas. Rúa do Home Santo, 55.

Compostela: actividades do 18 e 19 de xuño na SELIC 2022

Crónica fotográfica dos Paseos Literarios por Compostela con Mario Regueira e Ana Cabaleiro

Estas son algunhas das fotografías dos Paseos Literarios por Compostela con Mario Regueira e Ana Cabaleiro, celebrados os pasados 10 e 11 de xuño, no marco da SELIC. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

A AELG celebra en Lugo o I Encontro de Novas Voces, con Xesús Fraga e Yolanda Castaño, no marco do EnRedando co Galego 2022

A AELG celebra en Lugo o I Encontro de Novas Voces, con Xesús Fraga e Yolanda Castaño, no marco do EnRedando co Galego 2022, en colaboración coa Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.

Ao abeiro de EnRedando co Galego 2022, o 14 de xuño celebrarase no Centro Cultural Vello Cárcere o I Encontro de Novas Voces, onde o alumnado premiado e varias autoras e autores adolescentes da provincia terá oportunidade de coñecer a dúas destacadas autoras galegas da narrativa e a poesía, indagando na técnica da creación literaria. O Premio Nacional de Literatura, Xesús Fraga, e unha das poetas de maior traxectoria internacional, Yolanda Castaño, compartirán a xornada do martes 14 de xuño no Vello Cárcere de Lugo con algo máis de vinte rapazas e rapaces de Lugo, Vilalba e Mondoñedo.

De entre os centos de rapazas e rapazas participantes, chegan a este I Encontro de Novas Voces aquelas novas autoras e autores máis destacadas, quen poderán coñecer de primeira man o universo literario, as influencias e algunhas dinámicas de traballo que poden favorecer a creación literaria a través de dous obradoiros con Xesús Fraga e Yolanda Castaño. A actividade está coordinada por Lois Pérez e Antonio Reigosa, en colaboración con profesorado dos centros participantes e do resto da provincia.

Pola mañá será a quenda do autor de Virtudes (e misterios), Premio Nacional de Narrativa, quen introducirá as participantes nalgunhas das claves que poden axudar á creación literaria. Pola tarde, Yolanda Castaño, quen acaba de publicar un novo libro de poemas, Materia, achegará os novos talentos ao seu universo poético e compartirá algunhas das súas experiencias como escritora.

O I Encontro de Novas Voces pretende promover un espazo de intercambio, coñecemento e diálogo entre as novas autoras e autores da provincia, poñéndoos en contacto con experiencias e actividades que poidan contribuír ao desenvolvemento da súa actividade literaria.

Esta é a imaxe que lucirán autoras/es e participantes no portadistintivo da actividade.

Compostela: actividades do 11 e 12 de xuño na SELIC 2022

Compostela: actividades do 10 de xuño na SELIC 2022

Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra con Xoán Carlos Garrido Couceiro

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro Manuel García Barros, o escenario da súa pluma insubmisa, na Estrada, no marco dos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2022, que guiou Xoán Carlos Garrido Couceiro o domingo 5 de xuño. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

A AELG gaña o XIII Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña

A escritora María Canosa, na categoría de persoas; a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), na categoría de entidades; e o proxecto Brazolinda, para iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade, son as tres gañadoras dos XIII Premios Rosalía de Castro de Lingua que convoca a Deputación da Coruña. O certame quere recoñecer cada ano a labor na promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico de Galiza, tanto no ámbito da provincia como a nivel galego.

O xurado formárono María Muíño, deputada de Igualdade e Normalización Lingüística da Deputación; Alexandre Marín, técnico de normalización lingüística do Concello de Culleredo; e os representantes de dous dos gañadores do certame en 2021, Carmen Denébola Álvarez, presidenta da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, e Carlos Vieito, de Twitter en galego. María Muíño presidiu o xurado, no que actuou como secretaria Dores Sánchez, técnica de Normalización Lingüística da institución provincial.

Á hora de outogarlle o galardón a María Canosa, o xurado valorou o “seu compromiso firme coa lingua galega e longa traxectoria, que se reflicte nos premios recibidos e no recoñecemento e impacto social en múltiples ámbitos: escritora, divulgadora etc.”. Da AELG salientou “a súa longa traxectoria, con máis de corenta anos, de compromiso co sector literario galego nos seus diferentes xéneros (poesía, teatro, narrativa, ensaio, escrita científica, traducións… ), fomentando o uso e a defensa pública da lingua”. E do proxecto Brazolinda, “non só ter como persoas destinatarias a infancia e o impulso das relacións interxeracionais en lingua galega, senón o fomento da normalización lingüística nos xogos de mesa, un espazo no que o galego non ten moita presenza ata o momento”.

Desde a AELG agradecemos enormemente este recoñecemento, froito do traballo colectivo das escritoras e escritores da nosa literatura, e que nos dá folgos para continuar avanzando na posta en valor do labor das creadoras e creadores como parte activa da sociedade galega.

Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra con Ana Abad de Larriva

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro polo Vigo teatral a través do tempo, enmarcado nos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2022, que guiou Ana Abad de Larriva o domingo 29 de maio. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (fotos cortesía da Deputación de Pontevedra).