Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Zigzag Diario fala con Ramón Nicolás, autor da novela O espello do mundo. O crítico literario e profesor estreouse na novela con esta obra, que, desde a súa publicación o pasado verán, converteuse nun dos libros máis vendidos. “O espello do mundo” conta a historia de Martiño, que recibe o encargo de desentrañar o contido duns documentos históricos que vinculan a abadesa do convento de San Pedro de Ramirás, en Ourense, cun estranxeiro misterioso. Pode accederse á entrevista aquí.”
Arquivo da categoría: Narrativa
Cuntis: presentación de As horas roubadas, de María Solar
O sábado 15 de outubro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres, en Cuntis, terá lugar a presentación do libro As horas roubadas, de María Solar, publicado por Xerais. No acto, organizado dentro do programa do Mes da Memoria Histórica do Concello de Cuntis, participa, xunto á autora, Encarna Otero.
Pontevedra: presentación de Todo canto fomos, de Xosé Monteagudo
Baiona: presentación de Xa non estou aquí, de Iria Misa
A sexta feira 14 de outubro, ás 20:00 horas, na Casa da Navegación (Rúa Ventura Misa, 17), en Baiona, terá lugar a presentación do libro Xa non estou aquí, de Iria Misa, novela gañadora do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2016, publicado por Xerais. No acto, xunto á autora, participan Ledicia Costas e Manuel Bragado.
Seixalbo (Ourense): presentación de Philogelos (O amante da risa)
O venres 14 de outubro, ás 20:30 horas, na Asociación Cultural Agromadas (Rúa Abelardo Arce nº 25, Seixalbo, Ourense), preséntase a obra Philogelos (O amante da risa), de Hierocles e Philagrios, a compilación de chistes máis antiga traducida do grego ao galego por Margarita Seara e Óscar Soto, e publicada por Rinoceronte. No acto participan tradutor e tradutora, así como o director da editora, Moisés Barcia e do coordinador da Colección Vétera, Raúl Gómez Pato. Haberá música grega e petiscos.
Ramón Nicolás: “Precisamos defender e preservar a lingua galega, que é a ferramenta do traballo creativo de moitas persoas”
Entrevista a Ramón Nicolás en Lecturafilia:
“(…) – Lecturafilia (L): Dirixes a páxina web Caderno da crítica, ¿como xorde este proxecto de promoción da literatura galega na rede e cal é a súa función?
– Ramón Nicolás (RN): O meu obxectivo foi aproveitar as potencialidades da rede para difundir, neste medio, o traballo crítico ou divulgativo que levaba a cabo xa desde tempo atrás noutras plataformas analóxicas. A súa intención sempre foi, pois, divulgativa co propósito de abrir unha nova ventá, pois naquela altura xa existía algunha como a do crítico Xosé Manuel Eyré, para visibilizar o traballo de voces contemporáneas da literatura galega. Aos poucos foron aparecendo outras “seccións” como as centradas nos manuscritos, algunha entrevista ou a dos chamados “Cuestionarios Proust” que cumpren idéntica función. O “Caderno” dalgún xeito, supón unha parte relevante da miña propia identidade dixital polo que tamén acolle, por veces, outro tipo de comentarios, crónicas ou información sobre cuestións que me atinxen máis persoalmente. (…)
– L: Mesturas [O espello do mundo] o mundo actual coa documentación histórica. É sempre o pasado unha boa fonte para explicar o presente?
– RN: A novela presenta varios planos temporais pero xorde dunha igrexa románica, o único resto dun cenobio feminino do século XII rodeado, na actualidade, dun xeriátrico construído cunha inspiración arquitectónica moderna. Aí xa hai, de seu, un contraste brutal, unha metáfora con moitas lecturas que quixen encher de contidos. E o primeiro deles era o intento de deseñar a vida cotiá, naquel preciso lugar e naquel tempo, e que se proxectase na actualidade. Loxicamente, botar a ollada atrás non é o único recurso posible para explicar ou reexplicar o presente pero para o que eu quería comunicar resultaba necesario e, de feito, a recuperación da memoria é un dos eixes polos que camiñei conscientemente nestas páxinas. (…)
– L: Tras 25 anos exercendo a crítica literaria é inevitable que vises moitos dos cambios que experimentou a literatura, pero quizais o máis salientable son as formas de opinión, ¿como ves o panorama das críticas en blogs ou nos tradicionais suplementos culturais?
– RN: Nos formatos tradicionais ou analóxicos non advirto demasiadas mudanzas. Xa daquela existían escasas plataformas para visibilizar a nosa literatura e estas seguen sendo escasas, co engadido de que o espazo destinado aos formatos de crítica ou opinión literaria foi, gradualmente, diminuíndo, cando menos falo da miña propia experiencia. En canto aos medios dixitais non existe tal limitación e posúe a vantaxe do “feed back” co internauta, cada vez menos intenso por outra parte, mais a lectura nestes medios esixe, tamén, contención e limitación pois as lecturas que se practican neste formato son case sempre rápidas, máis próximas á verticalidade que á horizontalidade lectora. (…)”
Nace “Doutor Alveiros”, un selo de Urco editora e a Fundación Vicente Risco
“O pasado venres día 30 de setembro, presentouse en Allariz, na sede da Fundación Vicente Risco, o selo editorial Doutor Alveiros, que nace da man de Urco editora e a devandita fundación alaricana. Este selo responde á estreita colaboración que se leva dando desde hai máis dun ano entrambas as dúas entidades, para dar unha saída lóxica, ordenada e profesional a unha serie de traballos de interese común.
No contexto da presentación do novo selo, viu a luz tamén a novela Transición, do escritor noiés Pablo Fernández Barba, obra gañadora do XVI Premio Vicente Risco de Creación literaria.”
Antonio Manuel Fraga: “Gañar un premio non te converte automaticamente en bo escritor”
Entrevista de César Lorenzo Gil a Antonio Manuel Fraga en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Falando de estilo, en Querido H. P. Lovecraft (novela coa que gañou o I Premio de Literatura Fantástica Antón Risco no 2015) destaca especialmente a súa capacidade para a contención. Unha calidade literaria escasa en xeral nas letras galegas pero que ten aínda máis mérito no caso do xénero fantástico, que pode caer facilmente no sensacionalismo.
– Antonio Manuel Fraga (AMF): Buscar iso era unha das miñas obsesións. É que cando tiven claro que quería contar na novela e empecei a escribir, decateime de que corría dous riscos. Por unha banda, ao tratar con escritores cunha personalidade moi marcada, nun texto no que suplanto a súa personalidade como escritores, xustamente, era doado caer na parodia. Necesitaba conterme para evitar facer unha novela que caricaturizase o lovecraftismo. E seguindo este fío, precisaba construír un universo fantástico si, pero que fose rigoroso, serio, que mantivese o equilibrio e no que o lector percibise que ese paso ao terror cósmico partía dunha atmosfera realista.
– B: A novela recrea os derradeiros tempos do escritor Robert E. Howard. Este autor fíxose famoso despois de morto pola repercusión popular que tivo o personaxe de Conan, que el creara e que logo se fixo universal en banda deseñada e cinema. Como chega vostede a el e por que contar as súas xornadas finais?
– AMF: Todo nace dun proxecto moito máis ambicioso: achegarme a diversos escritores que se suicidaran. Nese proceso é cando descubro a Howard. Eu lera algunha cousa del e coñecía o Conan, tamén sabía que formaba parte do círculo de Lovecraft, pouco máis. Pero logo encontro que era un personaxe fascinante. A relación que mantiña coa nai, o seu somnambulismo, a propia relación con Lovecraft, que era “virtual”, é dicir, ambos non se coñecían persoalmente, só por carta. E xustamente foi unha carta a que me dá a chave da historia. (…)
– B: En Tártarus hai, a diferenza de Querido H. P. Lovecraft, que ten un perfil máis psicolóxico e individual, un interese máis colectivo e social. Tamén un universo fantástico e mitolóxico potente. Non sei se se basea nalgunha referencia ou naceu todo do seu maxín.
– AMF: Loxicamente hai referencias reais, especialmente na parte “de superficie” do libro. Na parte subterránea, tamén están pero non dun xeito consciente, si me deixei guiar pola imaxinación. Si houbo unha referencia moi evidente na creación dos personaxes a diferentes pinturas que mos inspiraron. Todo xurdiu durante unha visita ao Museo Nacional de Bellas Artes de Cuba. Estaba eu alí na galería de arte contemporánea e empecei a entender que aquelas obras, algunhas delas abstractas, me inspiraban determinados personaxes. Recordo que fixen moitas fotos, a pesar da prohibición e dos insistentes avisos dos traballadores do centro para que non fotografase. Mais como me falaban en inglés, tiven ocasión de facer que non entendía e voltar con varias imaxes que logo me serviron para compoñer criaturas que aparecen na novela. (…)”
Presentación en Librouro d´A ira dos mansos de Manuel Esteban, por Manuel Bragado
Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Vai ser moi difícil esquecer o sucedido no serán do venres 7 en Librouro onde presentamos A ira dos mansos, a novela de Manuel Esteban gañadora do Premio Xerais deste ano. Máis dun cento de persoas desbordaron a libraría viguesa seguindo as intervencións da xornalista viguesa Marta Gómez González, membro do xurado que outorgou o premio, e do autor na súa primeira presentación. Un serán moi emocionante que aventura unha recepción entusiasta desta novela negra viguesa de profundo carácter social e ético. (…)
Comezou Manuel Esteban confesando que non era amigo de referencias persoais, aínda que eran inevitables para falar d’ A ira dos mansos. Relatou as circunstancias do nacemento hai trece anos do seu fillo Antón con síndrome de Down e como a partir de entón nunca deixou por sentado o que sucedería no futuro, «desa ferida interior naceron os meus primeiros textos narrativos». A seguir leu un deles (que se recolle no vídeo desta anotación, gravado por Librouro) e explicou que a orixe do título da novela estaba nunha frase emblemática de José Saramago «deféndenos señor da ira dos mansos».
Manuel Esteban xustificou a súa elección da novela negra para expresar a súa intencionalidade tanto por ser lector do xénero dende a súa mocidade como pola ambigüidade moral que permiten as súas convencións. «Quixen ofrecer un policía filósofo, misántropo, visceral, que levase ao lombo un fato de prexuízos, mais que fose capaz de mudalos. Esta historia vai de cambiar. Tiven presente unha frase de Eduardo Galeano: “Somos o que facemos para cambiar o que somos”». Rematou Esteban expresando que o personaxe de Pedro é a razón deste libro, «a voz de todos os mansos do mundo».”