O río subterráneo de Agustín Fernández Paz

DesdeAgustín Fernández Paz o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“(…) Onte pechamos as actividades por este curso escolar do Club de Lectura “Lendo no Galiñeiro II”, do IES Valadares (Vigo), constituído por profesorado, pais e nais do alumnado e persoal non docente cunha visita agardada que nos fixo sentir como un grupo de lectoras e lectores privilexiados. Acudiu Agustín Fernández Paz á nosa chamada e fíxoo ao fío da lectura d´A viaxe de Gagarin, libro que foi merecente hai ben pouco tempo do premio á mellor obra narrativa polas persoas que constituímos a AELG.
Con todo, antes de se referir á súa última novela, Fernández Paz abordou temas, ao meu parecer, extraordinariamente interesantes como a compoñente de filiación irracional que rodea o acto da escritura, a influencia que recibiu, da man de seu pai, para converterse nun lector voraz deixando breves pero substanciosas reflexións como a que apunta á súa interpretación de que “quen ten ganas de ler ten tamén ganas de escribir”, aínda que o resultado desa vontade non se manifeste, sempre, publicamente. Transitando por estes camiños afirmou, asemade, como, no seu caso, a práctica da creación literaria foi roubándolle tempo á actividade docente pois, ao seu entender, a literatura é moi esixente: “un burato negro de tempo”. Alén de recrear, con exemplos que circulan polos seus libros, esa imaxes, experiencias ou feitos sorprendentes que, por veces, desencadean un relato ou unha novela, centrouse na vinculación que existe entre A viaxe de Gagarin e mais Non hai noite tan longa desvelando, dalgún xeito, eses ríos subterráneos que percorren as dúas propostas e que ás veces non é doado ver mais que, no fondo, van alimentándoo todo.
O autor vilalbés, nunha extraordinaria intervención na que insistiu na necesidade que sente de contar moitas cousas vinculadas con realidades experimentadas e outras imaxinadas, falou da memoria e do franquismo, da adolescencia e do espertar político entre outras cuestións que deron paso a un fértil diálogo, desvelando tamén o proceso da abondosa documentación que esixiu esta novela -usada sempre externamente e que lle outorga unha ancoraxe sólida ao que se quere contar-, sen esquecer enumerar algunhas das claves da insistente e teimuda dinámica de continua refacción e puimento que conduce da idea orixinal á versión final que onte puidemos ter na man, amosándonos un dos manuscritos da propia novela.
Un serán fantástico o de onte, non teño dúbida, deses que evocaremos ao longo de moito tempo. A nosa gratitude, Agustín!”

Obras gañadoras dos Premios AELG 2015

EstasAELG Logo 1-2015 son as obras gañadoras dos Premios AELG 2015, que premian as mellores obras editadas en 2014, e que se veñen de fallar na Gala das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:

Blog literario
Caderno da crítica, de Ramón Nicolás [https://cadernodacritica.wordpress.com/]

Ensaio
Galiza, um povo sentimental? Género, política e cultura no imaginário nacional galego, de Helena Miguélez-Carballeira (Através Editora)

Literatura Infanto-Xuvenil
Penúltimas tendencias, de Carlos Negro (Edicións Xerais de Galicia)

Xornalismo Cultural
Montse Dopico

Narrativa
A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz (Edicións Xerais de Galicia)

Poesía
A distancia do tambor, de Eva Veiga (Espiral Maior)

Teatro
Obras completas. Volume IV, de Roberto Vidal Bolaño (Edicións Positivas)

Tradución
A Divina Comedia, de Dante Alighieri, en tradución de Darío Xohán Cabana (Edicións da Curuxa)

Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG, que tamén se entregaron na Gala das Letras:

– O premio Mestres e Mestras da Memoria, que chegou á súa terceira edición, que se concedeu a Josefa Arias Castelo, de Vilalba, e a Emilio Pérez Álvarez, “Emilio do Pando”, do concello da Fonsagrada, por toda unha  vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional.

– O Premio AELG Institucións 2015, que se concede a aquelas entidades que contribuísen á divulgación da lingua e cultura galega e que este ano, pola súa defensa dos dereitos profesionais dos/as xornalistas, por ter o idioma galego e o xornalismo cultural como prioridade, e por promover os valores éticos na escrita xornalística, foi concedido ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e polo seu empeño en que Galiza teña uns medios de comunicación galegos e en galego e, por tanto, pola súa contribución ao proceso de normalización lingüística e cultural, á Asociación de Medios en Galego. Recolleron o premio Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Henrique Sanfiz, presidente da Asociación de Medios en Galego.

– E máis o Premio AELG 2015 Escritor Galego Universal, que na súa décima edición recolleu o escritor brasileiro Luiz Ruffato; este galardón que xa recibiron Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge e Bernardo Atxaga, e co que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca aqueles autores e autoras que unen á excelencia literaria o compromiso  ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana.

No transcurso da Gala das Letras a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega entregou tamén o  seu recoñecemento anual “Os Bos e Xenerosos”, que chegou este ano á súa duodécima edición e que supón un acto de recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión da nosa cultura. Neste caso, pola súa contribución en diversos eidos do Xornalismo, sempre á altura das necesidades do seu tempo e, particularmente, por poñer os alicerces para termos uns medios de comunicación galegos e en galego, foron nomeados Bos/Boas e Xenerosos/as Xosé María García Palmeiro, Margarita Ledo Andión, Manuel Lombao e Tareixa Navaza.

A Gala das Letras contou coa actuación musical “Os sons esquecidos”, a cargo de Abraham Cupeiro e Iago González.

O Consello Directivo da AELG fixo constar os parabéns máis sinceros aos compañeiros e compañeiras de oficio hoxe premiados nesta Gala das Letras, felicitación e aplauso que fai extensivo a todos os autores e autoras finalistas, e mais os propostos na primeira quenda de votacións, cuxo labor creativo conxunto merece tamén o público recoñecemento, pois todo el se converte nunha globalidade creadora, copartícipe testemuño necesario, ano a ano, dunha sementeira literaria que agroma para orgullo da sociedade galega desde a vindicación irrenunciábel da súa ferramenta máis prezada: a lingua galega en perpetua construción de futuro lexítimo.

Co apoio da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Concello de Lugo e a colaboración do Círculo de las Artes.

Manuel Bragado: “Máis alá da resistencia”

ArtigoManuel Bragado de Manuel Bragado en Brétemas:
“Gustoume moito que a entrega no Círculo das Artes de Lugo dos premios da AELG 2015 constituíse un alegato esperanzoso máis alá da resistencia, como sinalou sabiamente a xornalista Tareixa Navaza, xa que «resistir non é perder nunca a esperanza». Unha actitude que destilaron as palabras que lin de Agustín Fernández Paz, no momento de agradecer o premio que recibiu A viaxe de Gagarín como «mellor libro de Narrativa», lembrando que a loita polas liberdades «hoxe segue sendo necesaria». Espírito que reivindicou Ramón Nicolás, un ano máis premiado como «mellor blog literario», cando dixo que «en Caderno da crítica escribo dende unha actitude de construción colectiva, compartindo e colaborando na difusión da literatura galega.» Esperanza presente nas plabras sabias e afoutas de Montse Dopico, cando agradeceu o premio á «mellor traxectoria de xornalismo cultural» reclamando corresponsabilidade na defensa da nosa cultura e propoñendo que «non temos medo e imos máis alá da resistencia.» Actitude que compartiu Carlos Negro, premio «ao mellor libro infantil e xuvenil», convidando a que «non vos pinten costuras nos labios» e os xornalistas Xosé María Palmeiro, Margarita Ledo e Manuel Lombao e Tareixa Navaza, premiados como Bos e xenerosos, denunciando «a invernía do uso do galego nos medios» e afirmando que o xornalismo é unha profesión onde «non se pode ter medo.» Como gustei moito das palabras cheas de matices de esperanza de Cesáreo Sánchez Iglesias nas que proclamou «a literatura como territorio de soberanía do idioma« e reclamou un plan estratexico para o sector do libro e da lectura. Unha esperanzadora noite da letras, conducido con gran elegancia por María Solar. Regresamos felices, a pesar da picada dunha roda.”

Agustín Fernández Paz, premio da AELG á mellor obra narrativa por A viaxe de Gagarin

DesdeAELG Logo 1-2015 Sermos Galiza:
“O presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, reivindicou a literatura como “lugar de soberanía do idioma” e o papel da prensa “galega e en galego”.
O Círculo das Artes de Lugo acolleu a Gala das Letras, durante a que se deron a coñecer as obras gañadoras dos premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). A obra A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz foi elixida como o mellor título de 2014 en narrativa polos centos de socios e socias.
Abriu a Gala a xornalista da TVG María Solar que recordou que “seguimos soñando, querendo e amando a nosa lingua”. Foi seguida do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, que reivindicou a literatura como “lugar de soberanía do idioma” e a escrita literaria “como un elemento normalizador”. Sánchez fixo mención ao papel dos medios e asegurou que “só con prensa galega e en galego é posíbel dicir as nosas verdades”.
A distancia do tambor de Eva Veiga fíxose co galardón na categoría de poesía, mentres que Carlos Negro conseguiu o premio a mellor obra de literatura Infanto-Xuvenil por Penúltimas tendencias. “O meu maior premio son os ollos da rapazada á que lle descobres o mundo cunha palabra”, dixo durante o discurso. Montse Dopico foi a gañadora na categoría de xornalismo cultural. “Non vou reivindicar a lingua e a cultura porque sería como reivindicar respirar”, manifestou.
A AELG entregou outros tres premios honoríficos e unha distinción, anunciados con anterioridade. Recoñeceuse Josefa Arias e Emilio do Pando, por unha vida dedicada a transmisión da cultura popular galega, co premio ‘Mestras-es da Memoria’. O Escritor Galego Universal 2015 foi para o autor brasileiro Luiz Ruffato. Abraham Cupeiro e Iago González puxeron a música na Gala das Letras “dando vida aos instrumentos esquecidos”. (…)”

Premios AELG 2015 – Gala das Letras

ConviteGalaLetrasAELG2015aOsAELG Logo 2-2015 socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2014 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participaron na elección os asociados/as da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) e os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia respectivamente.

As obras gañadoras daranse a coñecer na Gala das Letras, que terá lugar o sábado 9 de maio, ás 20:00 horas, no Círculo de las Artes do Concello de Lugo. A entrada é libre até completar aforo.

Así pois, da conxunción de votos emitidos na primeira quenda resultaron finalistas:

Blog literario

Ensaio

Literatura Infanto-Xuvenil

Xornalismo Cultural

Narrativa

Poesía

Teatro

Tradución

Na segunda fase, xa en andamento, os asociados e asociadas decidirán as obras gañadoras.

Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:

Premio AELG 2015 “Institucións Culturais”

  • Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
  • Asociación de Medios en Galego

Premio “Mestras-es da Memoria” 2015
A segunda edición do premio Mestres e Mestras da Memoria, que se concede nesta ocasión a Josefa Arias e Emilio do Pando, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional

Escritor Galego Universal 2015
O escritor Luiz Ruffato será o Escritor Galego Universal, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana. Con este nomeamento Ruffato súmase á listaxe conformada por Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge e Bernardo Atxaga. Vexa aquí a axenda de Ruffato na Galiza.

No transcurso da gala a AELG tamén entregará a distinción “Bos e Xenerosos” ás/aos xornalistas Margarita Ledo Andión, Manuel Lombao, Tareixa Navaza e Xosé María García Palmeiro.

Coa actuación musical de Abraham Cupeiro e Iago González: Os sons esquecidos.

Tabela dos Libros de maio de 2015, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada primeiro luns de mes, na Tabela dos Libros danse a coñecer os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

2015_maio_tabela

Agustín Fernández Paz fálanos da súa nova novela xuvenil A neve interminable

DesdeAgustín Fernández Paz o Diario Cultural da Radio Galega:
Agustín Fernández Paz fálanos da súa nova novela xuvenil A neve interminable, publicada en Xerais. Un relato de misterio co que o autor pecha unha liña narrativa que abrira con Cartas de inverno. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”

Agustín Fernández Paz presenta un novo libro infantil: Amizades secretas

DesdeAgustín Fernández Paz 2 o Zigzag da Televisión de Galicia:
“Nova obra dun dos grandes autores galegos de literatura infantil: Agustín Fernández Paz. A fascinación dos nenos e nenas polos animais é o eixe de Amizades secretas, unha narración que ten a orixinalidade de estar contada desde unha dobre perspectiva: a da familia dos ratos e a das persoas.” A entrevista pode verse completa aquí.