Vigo: presentación da tradución de A Divina Comedia, de Dante, por Darío Xohán Cabana

ODarío Xohán Cabana A Divina Comedia de Dante xoves 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase a de A Divina Comedia de Dante, feita por Darío Xohán Cabana e publicada por Edicións da Curuxa. No acto, xunto ao tradutor, participan Xosé Luís Axeitos e Xosé Luís Méndez Ferrín.

Lugo: edición número 36 da revista oral O pazo das musas

O xoves 26 de xuño, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n) terá lugar a edición número 36 da revista oral O pazo das musas, coordinada por Antonio Reigosa, cunha duración aproximada dunha hora e media.
Neste número, e por primeira vez nos case dez anos de andaina desta revista oral, decidiuse accionar o que chaman Cadeas Creativas. Unha idea para que nin os contidos nin as persoas que participan na revista fosen decididos de antemán, senón que fosen os propios actores os que elixisen aos seus acompañantes.
Así, desde un elo inicial para o que se escolleu unha persoa de renome no campo das artes (literatura, plástica, cine, teatro, narración oral, …), e outra no campo da música, desencadeouse unha fervenza de propostas. As únicas condicións ou regras consistiron en que a persoa a escoller fose de menor idade e de distinto sexo. Como resultado deste experimento van intervir neste número da revista as seguintes persoas, elixidas consonte á orde que se indica e polas persoas que as preceden:
MÚSICA:
Miro Casabella → Pilocha → Marcos Fernández Mosquera → Esperanza Iglesias → Manuel Fernández Gayol → Ana Vila Martínez.
OUTRAS ARTES:
Paco MartínMarica CampoDarío X. Cabana → Luz Darriba → Claudio Rodríguez Fer → Verónica Martínez.
A ilustración deste artigo é Mundos de tinta e papel, de Luz Darriba.

Funambulistas gaña o XVI Premio de Narrativa Curta Ánxel Fole de Lugo

Desde Noticieiro Galego:
“O 22 de marzo outorgouse o XVI Premio de Narrativa Curta Ánxel Fole, convocado polo Concello de Lugo á novela curta de Mercedes Leobalde Funambulistas. (…) Nesta edición presentáronse ó premio un total de 62 orixinais entre novelas curtas e libros de relatos.
O xurado deliberante, composto por Olga Novo, Marica Campo e Manuel Bragado (representante de Edicións Xerais de Galicia que publicará o libro premiado), acordou concederlle o premio nesta XVI edición, primeira do novo estilo, a Mercedes Leobalde, pola súa novela breve titulada Funambulistas.
Do xurado formaron parte tamén, pero sen voto, Carmen Basadre Vázquez, Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que actuou como presidenta, e Darío Xohán Cabana, Coordinador de Publicacións do Concello, en funcións de secretario.”

Alfonso Blanco: “O que abraiaba a Díaz Castro era a paisaxe, a fala, o patrimonio que mamou na súa terra”

Entrevista de Montse Dopico a Alfonso Blanco en Magazine Cultural Galego, sobre Xosé María Díaz Castro:
“(…) – Montse Dopico (MD): Vostede é o seu testamenteiro. Foi reunindo os seus escritos durante anos, supoño.
– Alfonso Blanco Torrado (ABT): Como a súa familia mudou de piso en Madrid e en Euskal Herría, algunhas cousas acabaron perdéndose. El deixou dito, mesmo no leito de morte, que quería que me desen a min os seus papeis. Entre eles atopei os dous libros que el dixo que non tiña porque algún amigo non llos devolvera, Follas verdes e Follas ó aire, que agora van ver a luz da man de Armando Requeixo. Despois fun eu tamén buscando máis cousas. E temos todo gardado na Casa das Palabras. Tamén cartas e moitos outros documentos moi revelantes para a historia da nosa lingua e literatura. (…)
– MD: Tivo moita relación con outros escritores: Manuel María, Darío Xohán Cabana, Uxío Novoneyra…. Cal foi a influencia mutua entre eles?
– ABT: Estivo illado en Madrid, e de feito buscaba calquera oportunidade para falar galego. Tivo relación con Uxío, con Ben-Cho-Shey, con Celso Emilio… Eu mesmo fun testemuña do seu primeiro encontro con Manuel María, no 84. Presenteinos, tivemos unha tarde-noite marabillosa nunha das poucas ocasións nas que Díaz Castro aceptou recitar. E naceu así unha gran amizade con Manuel María e con Saleta. E testemuña desa amizade é a correspondencia entre eles. Tamén fun testemuña do seu primeiro encontro con Carvalho Calero. Máis que influencia mutua, eu diría que o que houbo entre Díaz Castro e os escritores cos que tivo relación era unha comunicación de alento, de ánimo, de traballo polo país. El dicía, “levo Galicia en min”, e así era. Mantívose sempre firme, rexo, na súa relación coa terra. Unha vez atopouse con Lois Pereiro en Madrid. Comezaron a falar de poesía, e Lois empezou a dicirlle que poetas galegos lle gustaban. Entre os libros que citou, dixo Nimbos. E Díaz Castro díxolle: “pois ese son eu”. Cando vía que alguén estaba falando galego, achegábase, malia a súa timidez, para falarlle. El, realmente, estaba devecendo por volver á terra. (…)”

Lugo: presentación de Nunha presa de terra, de Paco Castro

O xoves 6 de febreiro, ás 20:00 horas, na Casa do Saber (Campus Universitario de Lugo), preséntase a novela Nunha presa de terra, de Paco Castro, publicada en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participan Lucía Medina e Darío Xohán Cabana.

Cuestionario Proust: Darío Xohán Cabana

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Darío Xohán Cabana:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A obstinación.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Amizade.
4.– A súa principal eiva?
– Os ataques de cólera.
5.– A súa ocupación favorita?
– Traducir poesía.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir sempre coa miña familia.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non quero pensar nela.
8.– Que lle gustaría ser?
– Xubilado.
9.– En que país desexaría vivir?
– Aquí, que xa estou afeito.
10.– A súa cor favorita?
– O arco da vella.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As espontáneas dos pasteiros.
12.– O paxaro que prefire?
– O ouriol.
13.– A súa devoción na prosa?
– Por exemplo, o autor de La mort le roi Artur.
14.– E na poesía?
– Por exemplo, Dante.
15. Un libro?
– As tres partes d’Os tres mosqueteiros (con Vinte anos despois e O vizconde de Bragelonne).
16.– Un heroe de ficción?
– Ulises.
17.– Unha heroína?
– Rotbaf Luden.
18.– A súa música favorita?
– Leonard Cohen e por aí.
19.– Na pintura?
– Botticelli.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Fidel Castro.
21.– O seu nome favorito?
– Leonor.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Tirar comida.
23.– O que máis odia?
– O fascismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Desprezar, Fernando VII. Odiar, Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– A Revolución de Abril.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Cantar ben.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Non me gustaría.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Oscilante: entre o entusiasmo e o desánimo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que non lle fan mal a ninguén.
30.– Un lema na súa vida?
– Non ter lemas.”

Entrevistas e reportaxes destacadas do Diario Cultural da Radio Galega, do 21 ao 25 de outubro

Deixamos aquí as ligazóns ás máis destacadas entrevistas e reportaxes da semana do 21 ao 25 de outubro no Diario Cultural da Radio Galega relacionadas coa literatura. Agradecemos a Ana Romaní a información:

– Entrevista con Cesáreo Sánchez Iglesias arredor do Galeusca 2013.
Premios da Crítica Galicia 2013.
O bosque é grande e profundo de Manuel Darriba no comentario semanal de crítica literaria con Chus Nogueira.
– Entrevista con Darío Xohán Cabana, homenaxeado en Lugo pola Asociación de tradutores galegos.
– Reportaxe do Día Mundial das Bibliotecas.
De cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI: Manuel Darriba.
– Entrevista con Antón Riveiro Coello pola presentación do novo libro Acordes náufragos.