Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2022 en Vigo

Estas son algunhas das fotografías do acto en Vigo do Día de Rosalía de Castro 2022, que tivo lugar o 23 de febreiro, organizado pola AELG e a A. C. O Castro, co apoio de CEDRO. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (estas fotos foron feitas por Alexandre Insua, da A. C. O Castro.

Cuestionario Proust: Marta Dacosta, desde Lecturafilia

Entrevista a Marta Dacosta en Lecturafilia:
“1. O principal trazo do teu carácter? A espontaneidade.
2. Que calidade aprecias máis nun home? A intelixencia.
3. E nunha muller? A intelixencia.
4. Que agardas das túas amizades? Que me escoiten e que me corrixan con cariño.
5. O teu principal defecto? A espontaneidade.
6. A túa ocupación favorita? Ler.
7. O teu ideal de felicidade? Ter moito tempo para ler e pasear cos que quero.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Perder os meus.
9. Que che gustaría ser? O que son.
10. En que país desexarías vivir? Nunha Galiza dona de seu, mais de momento váleme este.
11. A túa cor favorita? Verde.
12. A flor que máis che gusta? A rosa.
13. Que paxaro prefires? Garza.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Castelao, quen puidese escribir coma el en Cousas.
15. E poetas? Bernardino Graña e Xohana Torres, á cabeza de moitos outros.
16. Un heroe de ficción? Jim Hawkins, o mozo protagonista da Illa do Tesouro.
17. Una heroína? Pippi Langstrum.
18. O teu músico ou música favorito/a? Uxía.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Urbano Lugrís.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? A miña bisavoa Saladina e a súa sogra Rosa, decididas, traballadoras e comprometidas cos seus.
21. O teu nome favorito? Nomes de ampla sonoridade como o do meu fillo Aldán.
22. Que hábito alleo non soportas? A mentira.
23. Que é o que máis detestas? A hipocrisía.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Tres. O trío Hitler, Franco, Mussolini.
25. Un feito histórico que admires? O traballo realizado polas Irmandades da Fala.
26. Que virtude desexarías posuír? A paciencia.
27. Como che gustaría morrer? Rápido e durmindo.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Cambiante, aínda que procuro ser optimista.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? A precipitación.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Poñerme na pel da outra ou do outro.”

Tabela dos libros. Setembro de 2021

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Tras as vacacións e xa ás portas do outono, o equipo crítico da Tabela dos Libros (Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu) comeza o curso escolmando os títulos máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. E velaí.”

“Contemplar a extinción desde o poema”

Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“A poesía nace coa vontade de formar parte da existencia, de fundirse coa realidade e mesmo de contribuír a transformala. Nun tempo en que a principal ameaza sobre o mundo procede da súa sobreexplotación, na idade das extincións masivas, do quecemento global e do empobrecemento sen precedentes da biodiversidade, os poemas de Marta Dacosta apuntan unhas Notas sobre a extinción -o título do seu último libro- que advirten sobre o colapso do planeta, mais tamén invita a deterse e contemplalo para reparar na perda que se anuncia, para tratar de que sexamos conscientes da íntima conexión que o liga todo e que forma parte do noso ser.
A paisaxe érguese como horizonte último destes poemas, mais non a paisaxe épica dun Novoneyra, senón a das cousas humildes, a do morcego que se extravía no solpor, a da avelaíña que pousa nun libro, a da lentitude da herba. “É unha preocupación que teño desde sempre”, afirma Dacosta, “a paisaxe é algo moi importante para min, un tema de preocupación que neste momento de colapso acabou verbalizándose. O devir do mundo no que estamos é, loxicamente, un asunto que debe preocuparnos a todas e a idea de extinción recollía moitas das teimas que me ocupan o pensamento.
A extinción para min, non supón soamente a desaparición física, senón tamén a invisibilización, o esvaecemento que supón o non saber ver as cousas. Cando deixamos de ver algo, deixamos de nomealo, e iso, dalgunha maneira, é unha forma terríbel de extinción”.
Notas sobre a extinción, quizais pola magnitude do tema, semella máis reflexivo que o resto da obra de Dacosta, ou polo menos máis contemplativo. “Eu diría que é un libro de observación, de aprender a mirar as cousas. Mentres o escribía decateime de que deixaba un pouso diferente, talvez como resultado de adoptar esa posición de observadora. Claro, tamén é o resultado do paso do tempo, de como imos cambiando a mirada. Mais, en todo caso, si hai algunhas conexións con outros libros meus, de hai anos, que xa manifestaban ese interese pola paisaxe, como Crear o mar en Compostela. (…)”

Feira do Libro da Coruña 2021: actividades destacadas do 9 de agosto

O 9 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:30 h. Marta Dacosta asinará exemplares de Notas sobre a extinción, publicado por Galaxia, e do resto da súa obra.
18:30 h. Recital poético arredor do libro Manifesto 25N. Trinta voces pola eliminación da violencia contra a muller, publicado por Alvarellos. Participan Arancha Nogueira, Andrea Fernández Maneiro, Beatriz Maceda, Viki Rivadulla e outras autoras.
18:30 h. Presentación e sinatura de Don Carlos e o misterio dos lucecús, de Patricia Torrado Queiruga, publicado por Baía. Participa, xunto á autora, Belén López Vázquez.
19:30 h. Presentación e sinatura de Apelidos da Galiza, Portugal e Brasil, de Diego Bernal, publicado por Através. Participa, xunto ao autor, Alberto Pombo.
19:30 h. Héctor Carré asina exemplares de Medos, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
20:30 h. Presentación cruzada e sinatura de Zona a Defender, de Manuel Rivas, publicado por Xerais, e Miss Marte, de Manuel Jabois.