Homenaxe A Escritora na súa Terra a Pilar Pallarés: Laudatio, por Eva Veiga

A poesía necesaria

“É para min unha honra e unha ocasión feliz cumprir hoxe nesta Ágora da Coruña cun convite, a laudatio á nosa homenaxeada coa letra E da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, convite que agradezo fondamente ao seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, e, como non, á propia Pilar Pallarés. Unha encomenda que, asemade, trae a intensa punzada da responsabilidade, pois excesivo se lle fan ás miñas capacidades dar aquí conta cabal, e en breve tempo, dos méritos literarios, e non só, dunha autora cuxa obra vén sendo cualificada de forma unánime pola crítica –en tal sentido achamos numerosa e excelente bibliografía– como unha das propostas poéticas máis persoais, poderosas e radicais da nosa contemporaneidade. Unha voz que, sen dúbida, posúe o don.
Escribiu Antón Avilés de Taramancos:

É o cazador poeta nese instante
en que son ollo e ráfega un latexo
que calla o sangue en río fulgurante
como se for un lóstrego ao axexo.

Traemos aquí estes versos de Avilés a modo de cita introdutoria, non só por ser el un dos autores máis caros a Pilar senón porque dalgunha maneira cifran, ao noso entender, ese movemento íntimo, complexo e revelador, que adoito fai emerxer a beleza e a iluminación da escrita da nosa benquerida e admirada poeta.
En efecto, a poesía de Pallarés, alén da sensibilidade, da finísima intelixencia ou do talento que a habitan, atínxenos como o fan o raio, a luz do sol, o aire ou a chuvia: fecundándonos e alentando esa permanente transformación que é vivir, e máis aínda, existir tomando conciencia.
Mais antes de acadar tal maduración, a experiencia humana ha de pasar por idades ou fases previas, a primeira das cales é a infancia: ese tempo inaugural e prístino que funda o noso territorio seguramente máis profundo e estable. Tempo que é asemade o espazo da inocente descuberta, do que se irá nomeando pola primeira vez como se unha nova luz se abrise no interior de cada cousa. E ese lugar onde a memoria prende as súas raiceiras é para Pilar Pallarés o da Ermida, en Culleredo (A Coruña). Aquí, ao lonxe a ollada alta e granítica do monte Xalo, nace a nosa autora en 1957; e igualmente nese ámbito de campos de millo e centeo –hoxe desaparecido– vai pasar a súa infancia feliz en compaña dunha pequena pero amada veciñanza, do laio do raposo, da cadela e dos gatos da casa… Porén, unha infancia que medra tanto a exercitarse na tenaz superación dos límites como na contemplación da vida que pasa en mudanza de estacións, de morte e de nacenza. Un tempo no que, a bo seguro, se forxan, dun lado, a vontade inalienable desa “man que soña/ e aínda terma do ceu, / (sen nada embaixo)” –versos do seu último libro– e, doutra parte, a amorosa atención que a poeta sabe dedicar á natureza e a toda outredade. Sigue lendo

“Pilar Pallarés, radical intimismo”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Apenas en cinco libros Pilar Pallarés construíu unha das xeografías máis singulares da poesía galega actual. Radical, arrasada, indagadora, intimista e aberta ao outro, obra e autora son obxecto das honras da AELG como Escritora na súa Terra. Eis un extracto da reportaxe, publicada no número 352 do semanario en papel Sermos Galiza.
“Un espasmo de luz incendia o bosque”, remata o primeiro poema de Leopardo son (Espiral Maior, 2011). Espasmos de luz no corazón do bosque da poesía galega contemporánea, eis unha definición posíbel da obra de Pilar Pallarés (Culleredo, 1957), cuxos cinco libros delimitan un singular e celebrado territorio lírico. Intimismo radical, desposesión, arrasamento, o que o profesor Arturo Casas denomina, con eco a Deleuze, devir animal. A súa escrita é unha indagación brutal no eu e no desexo, na destrución e na intensidade, que comeza na década dos 80 e agora homenaxean as súas colegas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
“Na xeración dos 80 non hai moitas voces femininas”, describe a crítica Teresa Seara para este semanario, “a súa vivencia tan radical do intimismo distínguea. Os homes escriben sobre o erotismo, pero dun xeito completamente diferente”. Ningún como Livro das devoracións (Espiral Maior, 1999), desde logo, peza maior do seu traballo e páxinas de enorme potencia imaxinista: “a beleza dos corpos ten ángulos que doen // corazón: fica imóbil”. A profesora Kathleen March sinalou no seu día a “sorprendente complexidade dos seus referentes” e un campo de batalla “entre Eros e Thanatos, liberdade e opresión, sensualidade e soidade, lingua e silencio”.
Arturo Casas lembra que, na Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000 (Tris Tram) coordinada por el mesmo en 2003, foi “o cuarto libro de poemas máis considerado polas especialistas que participaron, case un centenar”. Por diante, só títulos de Cunqueiro e Ferrín. Sétima soidade antes das devoracións, Pallarés, que descubrira a lingua e a conciencia da mesma grazas a Moncho Valcarce, publicara o iniciático pero aínda á procura Entre lusco e fusco (Do Castro, 1980) e mais Sétima soidade (Sociedade de Cultura Valle‑Inclán, 1984), co que consagrou a súa voz.
“Naquel tempo falouse de neorromanticismo, leuse noutra chave”, relata a Sermos a profesora e crítica María Xesús Nogueira, “pero ese intimismo tan singular xa estaba aí, como estaba esa tensión do discurso, do verso, e ese mundo animal que creou”. E que Nogueira relaciona con coetáneas como Xela Arias. Foi a época en que Pallarés era a única poeta da súa promoción con certo relevo público. E a única muller do grupo De amor e desamor e da escolma Desde a palabra, doce voces. Nova poesía galega (Sotelo Blanco, 1986), preparada por Luciano Rodríguez con evidente vontade canonizadora.”

A xalleira Carme Caramés estrea o Premio de Poesía Concello de Ponteceso Eduardo Pondal

Desde Que pasa na Costa (foto: Xerais):
“O venres 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, o Concello de Ponteceso fixo entrega da primeira edición do I Premio de Poesía Eduardo Pondal. O Concelleiro de Normalización Lingüística e Educación, Carlos Penedo Casmartiño, chamou esta mañá á galardoada, María do Carme Caramés Gorgal, unha veterana dos versos que non fai máis que engrandecer un premio no seu primeiro ano. A vencedora leva un cheque de 500,00 €, un diploma e unha efixie conmemorativa de Eduardo Pondal, e verá a obra publicada por Medulia Editorial.
O xurado quere deixar constancia da calidade dos textos, tendo en conta que s recibiron uns 30 manuscritos, dos cales chegaron a ser finalistas 4 libros de poemas, cuxas cualidades foron destacas no debate de decisión.
Así e todo, a obra de Caramés Gorgal, Da casa, do mar e das ausencias foi escollida por unanimidade, por ser “a obra máis equilibrada e coherente entre as participantes”. “Trátase dun libro que sobresae pola linguaxe serena, un texto redondo, onde cada palabra está xustificada e encaixa coa seguinte, sen distorsións”, valoran os membros do xurado.
”A pulcritude e a harmonía entre a linguaxe e a estrutura interna, deixan a sensación de que nos atopamos cun libro que é froito dun longo traballo, froito á súa vez dun pensamento reflexivo e vivencial”, sentencia.
A gañadora resaltou ao recibir a chamada do Concelleiro, que lle facía especial ilusión inaugurar este senlleiro premio. A xalleira é unha veterana da pluma, e leva dende 2004 gañando premios de poesía, novela e relato. A súa última publicación é a novela A Madriña, editada en 2018 por Edicións Fervenza.
O equipo encargado de seleccionar a obra gañadora está integrado por destacadas personalidades da cultura e as letras como son: Luciano Rodríguez Gómez, licenciado en Filoloxía Románica e profesor na Universidade de A Coruña, ademais de recoñecido crítico literario especializado en poesía; Teresa Seara Domínguez, licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa, profesora e crítica literaria especializada en poesía; Montserrat Yoldi Sanmartín, poeta e profesora de lingua e literatura nun instituto coruñés; o pontecesán Miguel Anxo Mato Fondo, poeta e profesor xubilado de lingua e literatura galega e Xulio López Valcárcel, consagrado escritor e director da editorial Medulia xunto con Diana Varela Puñal, que exercerá de secretaria recollendo acta da sesión.”

Pola súa escrita e por ser como é, Xulio Valcárcel recibe unha homenaxe dos seus

Desde El Ideal Gallego:
“Pensaba que a comida sería íntima, un vis a vis co seu amigo e profesor Luciano Rodríguez, pero a mesa tiña prato para algún máis, poetas e, sobre todo, amigos que lle quixeron render unha homenaxe. Pola escrita e por esa forma de prescindir do adorno para ir ata a esencia, as súas camaradas non só quixeron agradecerllo cunha comida que é como se celebran as festas en Galicia. Tamén o fixeron cun libro editado por Espiral Maior.
No restaurante, El Rincón del Reino, unha comunidade de colegas todas plumas déronlle unha sorpresa a Xulio Valcárcel. Alí estaba Luciano, “o gancho”, e o que ademais coordinou os textos do volume xunto con Diana Varela. No libro son, en total, trece voces analizando a súa traxectoria desde o primeiro poemario, que publicou cando tiña vinte anos, Véspera do día, ata o último Outono nos espellos.
Para Varela, “Xulio é un referente na poesía non só na galega, tamén na española”. Na literatura galega, o que colabora para este xornal, “está considerado como un clásico”, traducido a moitas linguas, alemán, francés, inglés, portugués e italiano. Por iso, a de onte foi “unha homenaxe merecidísima feita por autores de prestixio”.
Nela participaron Armando Requeixo, Fernán Vello, Forcadela, Pepe Cáccamo, Eva Veiga ou Teresa Seara. Conta Varela que é curioso porque no feito por Valcárcel, pódese percibir a uniformidade. O estilo xa está nos primeiros versos cando era un chavalito. Valcárcel é reflexivo, “non entrega grandes termos e recursos”.
Traballa desde a palabra, é esencial e desde esa mesma esencia furga no ser. Os temas repítense ao longo dos libros. O poeta fala de angustia, de compaixón e tenrura e no fondo, reside unha profunda vocación á escrita.
Alén das páxinas, Xulio ten a virtude de ser recoñecido polos seus contemporáneos e moi querido. Comenta Diana que non quere ser rimbombante, pero que o de onte foi un acto sinalado, “un momento especial” e necesario. Á comida non puideron acudir todos, pero a meirande parte sentou con el a falar sobre calquera cousa. (…)”

Crónica fonográfica do Congreso de Poesía Nós tamén navegar: grupo de traballo 40 anos de poesía aos ollos da crítica

Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega é o título do Congreso de Poesía organizado pola AELG, coa colaboración do Concello de Pontevedra, co que se pretendeu facer unha revisión da poesía galega nos últimos catro decenios, un exame da súa situación actual e do peso da poesía no sistema literario e na sociedade galega, tendo en conta a relevante diversidade de propostas, achegas e temáticas que mostran as diferentes poéticas existentes, e tamén analizar colectivamente os retos para o futuro.

Aquí pode escoitarse a crónica fonográfica completa, da que destacamos hoxe os referentes ao quinto grupo de traballo, 40 anos de poesía aos ollos da crítica.

5º grupo de traballo: 40 anos de poesía aos ollos da crítica. María Xesús Nogueira:

5º grupo de traballo: 40 anos de poesía aos ollos da crítica. Vicente Araguas:

5º grupo de traballo: 40 anos de poesía aos ollos da crítica. Teresa Seara:

5º grupo de traballo: 40 anos de poesía aos ollos da crítica. Mario Regueira:

5º grupo de traballo: 40 anos de poesía aos ollos da crítica. Coloquio:

Conclusións dos grupos de traballo do Congreso de Poesía da AELG. 40 anos de poesía galega. Nós tamén navegar

Estas son as conclusións dos grupos de traballo do Congreso de Poesía da AELG. 40 anos de poesía galega. Nós tamén navegar.

Grupo de traballo 1: Nós tamén navegar, a poesía galega de 1976 a 2016.
Coordinadora: Marta Dacosta
Relatoras: Helena Villar, Rosa Enríquez e Yolanda Castaño
Comezamos este Congreso falando do que consideramos o cambio de rumbo desta fin de século: a contribución das escritoras. A poesía galega de hoxe é como é, porque as autoras anovaron os temas, introduciron novos materiais poéticos e desmontaron a imaxe que lles reservaba a ideoloxía patriarcal falando coa súa propia voz.
Con todo, as escritoras seguen a ocupar un papel secundario na edición e nos premios e seguen a ser xulgadas, elas e a súa obra, de maneira prexuizosa con argumentos extraliterarios.
E, aínda así, a situación ten mudado de maneira positiva nestes corenta anos, como as intervenientes expuxeron, e foi enormemente beneficioso para a poesía galega, pois a contribución das escritoras foi e segue a ser esencial. Unha contribución en que desaparecen os límites xeracionais e hai unha coincidencia de obxectivos e arelas entre todas as autoras en activo desde 1990.
No congreso, subscribiuse novamente a idea que Manuel María expresara naqueles seus versos: a poesía desvela e crea a realidade. É, por tanto, o xénero que reclama para si o dereito de enunciar este tempo en que vivimos e a facelo con garantías de liberdade e de respecto para a nosa lingua.
En coherencia con isto, o Congreso expresou a súa solidariedade coas escritoras e os escritores cataláns que denunciaron recentemente os impedimentos para continuar coa súa actividade.

Grupo de traballo 2: Teatro e outras formas de comunicación do poético (oralidade, popular, etc.)
Coordinador: Afonso Becerra
Relatoras/es: Miguel Sande, Antonio Reigosa e Silvia Penas
A importancia desta mesa radica, en primeiro lugar, en poñer en foco unha manifestación artística e cultural como é o teatro, sobre a que se ten xerado pouca reflexión nos ámbitos comunitarios e tamén nos literarios. En segundo lugar, porque cómpre revisar e construír, cada certo tempo, un discurso arredor da poesía escénica en Galiza e dos desafíos e límites respecto ao texto literario.
Para abordar, de maneira heteroxénea e ecléctica, esa reflexión foron convidados a participar nesta mesa dous escritores e unha escritora que nos ofreceron cadansúa testemuña directa de tres maneiras de modelar o poético:
Entre outros aspectos, Miguel Sande expuxo que só a poesía pode salvar o teatro e reivindicou o teatro fóra dos edificios teatrais para poder expandirse cara a outros horizontes. Reivindicou, tamén, o valor e a fortaleza da palabra núa. Sinalou que, para el, a poesía é unha árbore primixenia e que dela saen diferentes pólas, como pode ser a novela, o poema ou a peza dramática. A poesía como unha mirada humanizadora sobre o mundo.
Antonio Reigosa apuntou que na poética da fala sempre hai unha vontade de estilo, co emprego de todos os recursos posibles. Falou das vantaxes de “oralizar” ou “dicir”, fronte a ler algo escrito, como o xeito mellor de chegar ao ouvido. Tamén nos fixo pensar en como cando escribimos violentamos a poética da fala e, incluso, como a cultura escrita inflúe na nosa oralidade.
Silvia Penas, pola súa banda, falou do traballo colaborativo no grupo poético musical Cintaadhesiva, no que ela achega os textos. Contounos como eses textos poéticos nacen e se mesturan coa música e, incluso, coa videoarte, sen que ningunha das linguaxes predomine ou prevaleza sobre a outra. Falounos de como a performance fai saír a poesía do espazo privado e como se converte nun feito comunitario. A performance e a poesía como maneira de construír novas subxectividades. O contacto, a cinta adhesiva, que é o nome do seu grupo, como metáfora de xuntar o diverso e tamén de resistencia.

Grupo de traballo 3: Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia
Coordinadora: Mercedes Queixas
Relatoras/es: Ramón Caride, Ramón Nicolás e Estíbaliz Espinosa
A perspectiva diacrónica permite detectar puntos febles que actuaron como resistencias para un maior avance en positivo da práctica da poesía nas aulas.
A escola como reprodutora dos hábitos sociais, máis influenciados pola praxe consumista e material, non é allea ao afastamento das humanidades, da lectura e da poesía.
Para alén da falta de normalidade cultural, a rixidez dos currículos escolares, máis centrada en ítems cuantificadores numéricos, desatende a vontade ou vocación expresiva, creativa e emotiva do alumnado, que fica á vontade daquel profesorado preocupado polo achegamento da literatura ao alumnado, desde unha perspectiva vital contemporánea e complementaria da formación do ser humano en construción.
Asemade, a lexislación lingüística tan restritiva e penalizadora na actualidade da docencia de certas materias do ámbito científico, ademais de reforzar a diglosia e promover o non achegamento ao galego do alumnado máis novo das áreas castelanófonas, limita o desenvolvemento das habilidades propias da lectura e da comprensión en galego, o que impide o coñecemento e a posterior fixación na lingua propia.
Con todo, a firme vontade creadora das poetas converteu os puntos febles en resistencias positivas para a evolución da poesía vinculada ao ensino, ao coidado da lingua e ao convivio intercomunicador coa ciencia.
A elaboración de novas ferramentas didácticas bibliográficas, o maior achegamento aos propios autores e autoras, a impartición de obradoiros de escrita, o desenvolvemento de múltiples metodoloxías de transmisión poética (blogues, redes sociais, poesía visual, música…) colocan a poesía en diferentes rexistros próximos ao tempo das novas xeracións.
A poesía galega ten futuro porque a precisamos.

Grupo de traballo 4: Traducións e diálogos con outros sistemas poéticos
Coordinador: Ramiro Torres
Relatoras/es: María Reimóndez, Raúl Gómez Pato, Tiago Alves Costa
As principais conclusións ás que se chegaron son as seguintes:
A relevancia de cuestionar e superar a perspectiva patriarcal hexemónica que lastra a tradución no noso sistema.
O recoñecemento da importancia da tradución como medio de enriquecemento da lingua e a poesía galegas, compensando a demora histórica en chegar a interiorizar no noso sistema a creatividade das demais culturas.
Analizáronse tamén as conexións de Galiza coa Lusofonía como espazo de encontro poético bidireccional non suficientemente visibilizado, constituíndo un exemplo das potencialidades existentes de diálogo con outros sistemas culturais.

Grupo de traballo 5: 40 anos de poesía aos ollos da crítica
Coordinadora: María Xesús Nogueira
Relatoras/es: Vicente Araguas, Teresa Seara e Mario Regueira
Nesta mesa debateuse sobre o papel que a crítica desempeñou no relato da poesía galega destas catro décadas: a súa relevancia, as súas achegas, a súa influencia na construción do discurso historiográfico, as súas tarefas pendentes. As tres intervencións suscitaron un intenso e prolongado debate que se centrou, entre outros asuntos, en como a crítica abordou ao longo deste período a periodización (a cuestión xeracional) e o xénero.

Grupo de traballo 6: Innovación poética, trans-xénero, novas modalidades
Coordinador: Carlos Negro
Relatoras/es: Fran Alonso, Antía Otero e Celia Parra Díaz
A poesía galega contemporánea significa tamén unha aposta polo hibridismo e a fusión artística, converténdose nun campo expandido que, desde a palabra, interacciona coa imaxe, a plástica, a música, a danza, a perfomance e o videopoema. Existe, por tanto, un entorno de exploración onde se funden voz e mirada, para procurar novas linguaxes en múltiples soportes tecnolóxicos, que posibilitan tamén novos códigos expresivos (ciberpoesía).Trátase, en definitiva, de aceptar que a poesía é un ser mutante, unha especie de fotosíntese creativa que nos conecta co universo a través da perturbación das formas.

Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega. Congreso de Poesía da AELG

Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega é o título deste Congreso de Poesía organizado pola AELG, co que se pretende facer unha revisión da poesía galega nos últimos catro decenios, un exame da súa situación actual e do peso da poesía no sistema literario e na sociedade galega, tendo en conta a relevante diversidade de propostas, achegas e temáticas que mostran as diferentes poéticas existentes, e tamén analizar colectivamente os retos para o futuro.

OBXECTIVOS
Preténdese facer un debate aberto sobre o estado actual e recente da poesía galega, unanimemente recoñecida pola súa grande valía literaria, mais que padece unha certa invisibilidade social no seu propio territorio, o que fai máis necesario que nunca un Congreso onde se debatan diversas perspectivas sobre ela, como un punto de encontro onde reflexionar serena e abertamente arredor das experiencias vinculadas ao feito poético.

INSCRICIÓN
A asistencia ao Congreso para o público interesado é libre e de balde, mais pedimos que fagan a inscrición previa, a efectos organizativos, no correo electrónico oficina@aelg.org ou ben no teléfono 981133233 (neste caso, en horario de 09:30 a 14:00 horas, de luns a venres).

FORMATO
O Congreso dividirase en seis mesas redondas, en formato de grupos de traballo, sendo a idea fundamental o debate aberto e a intercomunicación fluída de propostas, análises e perspectivas. Tamén terá lugar un recital poético con voces representativas destes últimos 40 anos de creación poética.

PROGRAMA

VENRES 6 DE OUTUBRO
Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda, s/n. –como chegar-)

Tarde
16:00 Recepción dos/as congresistas.
16:15 Inauguración do Congreso, coa presenza do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e a Concelleira de Cultura, Carme Fouces.
16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 1. Nós tamén navegar, a poesía galega de 1976 a 2016.
Coordinadora: Marta Dacosta.
Relatoras: Helena Villar, Rosa Enríquez e Yolanda Castaño.
– 18:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 2. Teatro e outras formas de comunicación do poético (oralidade, popular, etc.).
Coordinador: Afonso Becerra.
Relatoras/es: Miguel Sande, Antonio Reigosa e Silvia Penas.

Espazo Multidisciplinar Nemonon (Rúa Marqués de Riestra, 11, 1º –como chegar-).
21:15 Recital de poesía e música, coa participación de: Rosalía Fernández Rial, Xulio López Valcárcel, Antón Lopo, María do Cebreiro, Baldo Ramos, Ana Romaní, Daniel Salgado, Susana Sánchez Arins, Dores Tembrás e Vítor Vaqueiro, xunto á música ao vivo de César Morán. Presentado por Lucía Novas.

SÁBADO 7 DE OUTUBRO
Pazo da Cultura de Pontevedra

Mañá
10:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 3. Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia.
Coordinadora: Mercedes Queixas.
Relatoras/es: Ramón Caride, Ramón Nicolás e Estíbaliz Espinosa.
– 12:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 4. Traducións e diálogos con outros sistemas poéticos.
Coordinador: Ramiro Torres.
Relatoras/es: María Reimóndez, Raúl Gómez Pato, Tiago Alves Costa (Lusofonia).

Tarde
16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 5. 40 anos de poesía aos ollos da crítica
Coordinadora: Chus Nogueira.
Relatoras/es: Vicente Araguas, Teresa Seara e Mario Regueira.
18:30 Mesa redonda (grupo de traballo) 6. Innovación poética, trans-xénero, novas modalidades.
Coordinador: Carlos Negro.
Relatoras/es: Fran Alonso, Antía Otero e Celia Parra Díaz.