Pontevedra: Culturgal 2021, do 26 ao 28 de novembro

Compostela: presentación de Camiño bretemoso, Remuíño de sombras e De cando o Suso foi carteiro, de Xosé Neira Vilas

Premios da Crítica de Galicia 2021

Camporrapado, Boqueixóns: palestra músico-literaria en lembranza de Xosé Neira Vilas e presentación de Trobar do ar, de Xosé Manuel Lobato

Baiona: presentación de Cartas de Poboamento inéditas de Baiona e Monte Real, de Avelino Sierra

O 16 de outubro, ás 19:00 horas, no Hotel Bahía de Baiona preséntase o libro Cartas de Poboamento inéditas de Baiona e Monte Real, de Avelino Sierra, publicado por Fervenza. No acto, xunto ao autor, participa Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística.

Vigo: Mamasunción. Como facer unha película a través da mirada de Chano Piñeiro, de Pedro Sancho

O 13 de outubro, ás 19:00 horas, no Salón de Actos do Museo do Mar de Galicia, en Vigo, preséntase o libro Mamasunción. Como facer unha película a través da mirada de Chano Piñeiro, de Pedro Sancho, publicado por Edicións Fervenza. En dito acto, o autor estará acompañado pola directora do Museo do Mar de Galicia, Marta Lucio; Mari Luz Montes, viúva de Chano Piñeiro; e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.

Baiona: presentación de Urbanismo e patrimonio na vila de Baiona. Delimitación do seu conxunto histórico

O 9 de outubro, ás 19:30 horas, no Hotel Bahía de Baiona preséntase o libro Urbanismo e patrimonio na vila de Baiona. Delimitación do seu conxunto histórico, de María Paz Sáez Pérez e Ana Simóns Sánchez, publicado por Edicións Fervenza. No acto participa, xunto ás autoras, Valentín García.

A novela Eternity, de Xosé Monteagudo, é a gañadora do XV Premio Repsol

Desde Galaxia:
“A obra Eternity, de Xosé Monteagudo, resultou gañadora da XV edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou o voceiro do xurado, Xavier Senín, na sede da Real Academia Galega na Coruña
O acto do ditame contou coa presenza de representantes das entidades participantes do premio, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, o presidente da Real Academia Galega, Victor F. Freixanes, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez.
O xurado da XV edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas, como son, a escritora, socióloga e filóloga, Estíbaliz Espinosa; Carlos Lema, director de Edicións da Editorial Galaxia; a escritora, ensaísta e investigadora, María López Sández; o tradutor e académico Xavier Senín; e Dolores Vilavedra, profesora da literatura galega na USC, crítica literaria, tradutora e autora.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o galardón está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia. O acto de entrega do Premio terá lugar antes de final de ano na cidade da Coruña.
Na súa XV edición o Premio Narrativa Breve Repsol contou cunha participación de 36 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.
Xavier Senín, voceiro do xurado desta edición, trasladou no acto que “Eternity consegue artellar unha trama na que funden a precariedade laboral, o mundo dixital e a construción da memoria. Sitúanos ante unha serie de desafíos que enfrontamos de cote, en ocasións sen decatarnos: como están a mudar as nosas vidas, ata que punto as convertemos en ficción, como se constrúe a historia persoal, como enfrontamos a morte”.
Ademais, o xurado salienta que, sendo unha novela moi actual na súa relación coas redes sociais, amosa que a natureza do ser humano ten un fondo de preocupacións transcendentes que permanecen: “As historias de vida enfíanse construíndo unha estrutura narrativa complexa, adquirindo un atractivo e engado de seu, pero integrándose na globalidade dunha novela que nos invita a reflexionar sobre o futuro dunha sociedade que aspira á permanencia concibíndose coma un inmenso arquivo dixital”. (…)”