Esta actividade polo Día das Letras Galegas, maio de 2026, coorganizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a AELG, conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
Nesta ligazón pode descargarse o documento en .pdf coa proposta.
Esta actividade polo Día das Letras Galegas, maio de 2026, coorganizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a AELG, conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
Nesta ligazón pode descargarse o documento en .pdf coa proposta.
O 10 de maio terá lugar un acto público polo Día das Letras Galegas. Lectura colectiva da obra de Begoña Caamaño, na Coruña, organizado pola AELG, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Área de Cultura da Deputación da Coruña.
O domingo 10 de maio ás 12:00 horas, realizaremos un acto polo Día das Letras Galegas diante do Teatro Rosalía. Esta actividade, organizada pola Área de Cultura da Deputación da Coruña, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, chama a ler a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas, dedicado neste 2026 a Begoña Caamaño, xornalista, escritora, activista en defensa da lingua galega.
A parte musical vaina pór o Dúo Acordeireta, formado por Patricia González Iglesias e Alejandro Balbuena Ojea, que interpretarán temas de creación propia xunguida ás raíces e textos de poetas: Rosalía de Castro, Manuel María, Florencio Delgado Gurriarán, Xela Arias…
Mais non hai mellor homenaxe a unha escritora que (re)ler a súa obra e iso é ao que te animamos para ese domingo 10 de maio. Escolle o texto de Begoña Caamaño que máis che guste e vén participar nesa lectura colectiva. Se te animas a ler, cando teñas escollido o texto indícao a través do formulario dispoñíbel aquí. Se non vas ler non é necesario inscribirse.
O Obradoiro de creación literaria Inscribir o pensamento crítico. Xornalismo e ensaio cos ciceis de Begoña Caamaño, impartido por Inma Otero, cunha sesión especial a cargo de Marga do Val, na Coruña, é unha iniciativa da Escola de Escritoræs da AELG, co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello da Coruña e o Centro Ágora.
Exploraremos a escritura como forma de intervención a partir da obra de Begoña Caamaño, sobre todo a través da creación de textos xornalísticos e ensaísticos. Tanto os artigos como as novelas da autora, estimulantes, lúcidos e contemporáneos, servirannos de estímulo para a produción textual desde unha perspectiva crítica e analítica. Escribiremos desde Begoña e para Begoña. Begoñizarémonos desde o pracer azul da lectura.
– 20 prazas, gratuítas, para maiores de 18 anos, que se adxudicarán por orde cronolóxica de solicitude.
– A inscrición, gratuíta e obrigatoria, faise mediante correo electrónico en oficina@aelg.org indicando o nome, apelidos e o nome do obradoiro.
– O obradoiro terá lugar no Centro Ágora (Lugar da Gramela, 17), na Coruña.
Calendario
– Días: sábados 9, 16, 23 e 30 de maio; e 6, 13, 20 e 27 de xuño.
– Horarios: de 11.00 a 14:00 h.
Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.
Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) facemos constar a nosa profunda preocupación pola situación do monólito dedicado ao escritor Antón Avilés de Taramancos en Monforte de Lemos, inaugurado en 2003, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas nese ano.
Segundo informacións divulgadas publicamente, leva varios meses tirado nunha leira de propiedade do Concello de Monforte, próxima ás instalacións do punto limpo, onde fora trasladado desde a rúa a que dá nome o autor, por parte dunha empresa que realizou arranxos recentemente nas beirarrúas.
Tendo en conta a enorme relevancia intelectual, poética e persoal de Antón Avilés de Taramancos, quen ademais fora presidente da AELG entre 1986 e 1988, solicitamos que sexa reposto urxentemente este monólito no seu emprazamento orixinal, restituíndo así a súa xusta memoria e valoración como autor fundamental da nosa literatura.
No Día do Libro, este 23 de abril de 2026, a AELG propón esta actividade, coorganizada xunto á Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), que conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
Nesta ligazón pode descargarse o documento en .pdf coa proposta.
Carlos Mella, escritor e economista, asumiu tamén diversas responsabilidades políticas durante a súa traxectoria. Foi vicepresidente e presidente da AELG entre 1993 e 2002, e posteriormente presidente da Fundación Castelao.
A súa obra escrita abrangueu diversos campos creativos, como a narrativa, o ensaio, a biografía e o xornalismo.
Na páxina web da AELG poden verse as entrevistas e obra lida polo autor na súa propia voz.
O seu foi un exemplo de coherencia ética e compromiso intelectual, estando sempre presente para colaborar nos esforzos colectivos para a mellora do país e da nosa cultura.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocan os Premios Follas Novas 2026, co obxectivo de recoñecer a excelencia do traballo editorial realizado en Galicia ao longo do ano 2025.
Os Premios Follas Novas 2026 distinguirán obras publicadas entre o 1 de decembro de 2024 e o 30 de novembro de 2025, en papel ou en formato dixital, sempre que estean editadas orixinalmente en lingua galega e integradas na cadea comercial do libro galego. En total, outorgaranse 13 premios sometidos á valoración do xurado, aos que se suman tres galardóns honoríficos que recoñecen a traxectoria dun Escritor ou Escritora Galego/a Universal, o labor dunha libraría e a contribución á edición galega, outorgados directamente polas entidades convocantes.
O proceso destes galardóns comezou coa preselección das obras realizada polos tres colectivos impulsores -AELG, AGE e FLG-, da que saíu a listaxe de 6 candidatas por categoría, a partir da que os xurados escollerán tres finalistas. Na seguinte fase daranse a coñecer as obras finalistas e o proceso rematará coa celebración da entrega de premios, na que se coñecerán as obras gañadoras na tradicional gala que terá lugar no Teatro Principal de Santiago o 9 de maio de 2026.
A organización apostou este ano por unha renovación profunda do sistema de xurados, incorporando novos perfís organizados por ámbitos específicos do libro. Esta renovación responde ao obxectivo de garantir unha ollada plural, actualizada e representativa da diversidade do sistema literario galego.
A estrutura do xurado estabelécese en tres seccións:
– A literaria, que se encargará das categorías de Narrativa, Teatro, Poesía, Infantil e Xuvenil e Promoción da Lectura.
– A de deseño, responsábel polos premios de Libro Ilustrado e Banda Deseñada.
– A de edición, que avaliará as categorías de Mellor Libro Editado, Iniciativa Bibliográfica, Tradución, Ensaio e Investigación e Divulgación.
Cada un destes xurados estará integrado por persoas designadas pola AELG, a AGE e a FLG, xunto con profesionais independentes dos distintos sectores do ecosistema do libro —edición, librarías, escritura, bibliotecas e crítica—, todas elas con voz e voto.
Nesta edición chegan á final arredor de 40 escritoras/es, tradutoras/es e ilustradoras/es xunto con máis de 20 editoriais. As obras finalistas desta edición dos premios Follas Novas son o resultado dun proceso de selección de tres fases, que supón unha lectura e valoración da produción editorial galega. O proceso ten unha primeira escolla con propostas das tres entidades organizadoras que selecciona un cento de títulos publicados entre decembro de 2024 e novembro de 2025. Na segunda fase de selección, o xurado, establecido en tres seccións -literaria, deseño e edición-, escolleu as obras finalistas por cada categoría. O proceso terá o seu cumio o sábado 9 de maio de 2026, coa gala na que se darán a coñecer cada unha das obras gañadoras nas trece categorías nas que se organiza este premio.
Os premios están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Contan co apoio da Deputación da Coruña, Concello de Santiago, CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) e a Xunta de Galicia.
Para renovar a identidade gráfica nesta edición, a organización quixo contar co traballo de Pepe Barro, un nome ben coñecido no ámbito do deseño en Galicia por creacións como a camiseta da Selección Galega de Fútbol ou a renovación da Casa de Rosalía de Castro.
O deseñador, Pepe Barro, explicou sobre o novo deseño que toda a imaxe dos Premios Follas Novas está pensada desde a forza do lugar, a Casa de Rosalía, coa forza vexetal e coa forza da terra, mesmo coa propia imaxe de Rosalía de Castro. O punto de partida son as follas de loureiro, que na literatura xa teñen relación cos recoñecementos a escritores e artistas. O logotipo parte da folla máis o perfil dun corazón e o sinal de direción cara adiante que representa a motivación da organización por seguir medrando na difusión e visibilidade do mundo literario.
No que respecta á peza que recibirán os premiados, as follas de loureiro incorporadas están tratadas e secadas cun proceso natural e proceden da árbore situada no xardín da casa de Rosalía de Castro en Padrón. Ademais, o estoxo que protexe a folla foi fabricado cunha pedra proveniente da Canteira do Oso.
FINALISTAS DOS PREMIOS FOLLAS NOVAS DO LIBRO GALEGO 2026
PREMIO Á OBRA DE ENSAIO E INVESTIGACIÓN
– As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo 1885-1936. Carmen V. Valiña. Editorial Galaxia.
– Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes. Alba Rodríguez Saavedra. Edicións Laiovento.
– Vidas e historias LGBT da Idade Media. Carlos Callón. Edicións Xerais de Galicia.
PREMIO Á OBRA DE DIVULGACIÓN
– Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia?. Susana Reboreda Morillo (coord.). Editorial Galaxia.
– Somos Pandeireteiras. VV.AA. Edicións Xerais de Galicia.
– Vigo na liña do tempo. Manuel Bragado. Instituto de Estudos Vigueses.
PREMIO Á OBRA DE NARRATIVA
– Punto de araña. Nerea Pallares. Editorial Galaxia.
– Sarela. Marga Tojo. Edicións Positivas.
– Son coma glaciares os barcos de aceiro. Cynthia Menéndez. Editorial Galaxia.
PREMIO Á OBRA INFANTIL
– O Peculiar. Érica Esmorís. Cuarto de inverno.
– Pernascochas. Ramón D. Veiga e Blanca Millán. Antela Editorial.
– Queco e Kika. Eva Mejuto. Edicións Xerais de Galicia.
PREMIO Á OBRA XUVENIL
– Bruxas e dragóns. Ledicia Costas e Luismi Pérez. Triqueta Verde.
– O enigma de Sempreviva. Andrea Maceiras. Edicións Xerais de Galicia.
– Unha historia de amor coma outra calquera. Rosa Aneiros. Editorial Galaxia.
PREMIO AO LIBRO ILUSTRADO
– A panadería. Lucía Belarte e David Lorenzo. Kalandraka.
– Alicia e a mestra de Oza. Iván R. e Paula Carballeira. Edicións Xerais de Galicia.
– Filla das ondas. Xosé Cobas e Fina Casalderrey. Kalandraka.
PREMIO AO LIBRO DE BANDA DESEÑADA, GRÁFICO E HUMOR
– A miña outra vida. Miguel Rojo. Retranca Editora.
– Adelina. Sandra Lodi. Editorial Galaxia.
– Rosalía Oculta. Paula Mayor. Editorial Galaxia.
PREMIO Á INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA
– Diarios. Syra Alonso. Alvarellos Editora.
– Guía ilustrada do Entroido Galego. Alba de Evan, Xabier Domínguez e Iria Prol. Edicións Xerais de Galicia.
– Premios Compostela de álbum ilustrado (XVIII Edición). VV.AA. Kalandraka.
PREMIO Á OBRA TRADUCIDA
– A máis recóndita memoria dos homes, de Mohamed Mbougar Sarr. María Alonso Seisdedos. Aira Editorial.
– Cos sinais da auga, de Lourdes Álvarez. Xavier Rodríguez Baixeras . Kalandraka.
– O pequeno león, de Jacques Prévert e Ylla. Tamara Andrés. Kalandraka.
PREMIO AO LIBRO DE POESÍA
– arte menor. Susana Sanches Arins. aCentral Folque.
– Insomnia. Luís Valle. Edicións Malafera.
– Mapa da estría. Andrea Nunes Brións. Chan da Pólvora.
PREMIO AO LIBRO DE TEATRO
– As fillas bravas de Momán. Chévere teatro. Kalandraka.
– Manchea. Andrea Freire. Baía Edicións e Xunta de Galicia.
– O proceso. Apaga o candil. Cándido Pazó. Editorial Galaxia.
PREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO
– A caligrafía das espigas. Carlos Negro. Apiario.
– Autobiografía do vermello. Unha novela en verso. Anne Carson. Chan da Pólvora.
– Drácula. Bram Stoker. Aira Editorial.
PREMIO PROMOCIÓN DA LECTURA
– Club de lectura feminista A Lila + A Sega.
– Libraría Cartabón.
– SELIC Semana do Libro de Compostela.
Manuel Caamaño Suárez, escritor, arquitecto técnico e grande activista cultural, faleceu o 5 de abril. Na súa traxectoria, marcada pola posta en valor da arquitectura popular e o seu compromiso político, destaca tamén a dinamización da cultura galega a través da súa participación significativa no Centro Galego de Barcelona, a Agrupación Cultural O Facho, Editorial Galaxia, SEPT, Sociedade Cultural Escola Aberta, ADEGA, Fundación Castelao, as revistas Teima e Tempos Novos e a Fundación Pedrón de Ouro, sendo tamén un dos fundadores do Partido Socialista Galego.
Na páxina web da AELG poden verse as entrevistas e obra lida polo autor na súa propia voz, das que salientamos estas dúas entrevistas realizadas en 2022. A súa obra escrita xirou arredor da reivindicación e actualización da arquitectura galega e a teimosía afectuosa e constante na construción dun país máis xusto e identificado consigo mesmo.
O seu exemplo vital, sempre na busca de novos horizontes para Galiza e a súa cultura partindo do seu inmenso legado, queda como referencia ineludíbel para o presente e o futuro.