Pontevedra: Presentación do número cero da revista dixital de Literatura Infantil e Xuvenil Criaturas

OCriaturas sábado 6 de decembro, ás 13:30 h., no Pazo da Cultura de Pontevedra, dentro das actividades do Culturgal, terá lugar a presentación ao público do número cero de Criaturas, a nova revista dixital galega especializada en Literatura Infantil e Xuvenil.
No acto estarán Xabier P. DoCampo, Montse Pena Presas, Ledicia Costas, Daniel Landesa e Laura Sáez. Será un pracer contar con todas e todos vós e poder celebrar o nacemento desta criatura.

Pontevedra: programa de actividades do Culturgal 2014

PROGRAMA-CULTURGAL-2014

O Diario Cultural da Radio Galega gaña o Premio do Público Culturgal 2014

DesdeCulturgal Culturgal:
“O programa da Radio Galega, Diario Cultural, que dirixe a xornalista e poeta Ana Romaní, fíxose co Premio do Público Culturgal 2014. Desde o pasado 30 de outubro até o 18 de novembro os e as internautas puideron votar a través da web de Culturgal entre tres candidaturas: Diario Cultural, Cineuropa e o Salón de Cómic Viñetas desde o Atlántico. Finalmente o programa da Radio Galega obtivo 361 votos, o festival de cine compostelán 269 e o salón de banda deseñada da Coruña, 171. (…)
Recoñecer un proxecto cultural destacado no ámbito social a través da participación popular é a finalidade do Premio do Público Culturgal. Para seleccionar as tres candidaturas finais valoráronse especialmente por parte das asociacións que forman parte de Culturgal aquelas propostas que se relacionan directamente coa sociedade civil e fomenten a súa implicación.
O diploma acreditativo do Premio do Público será entregado nun acto festivo o domingo 7 de decembro ás 17:00 h., dentro da programación Culturgal 2014.”

Arrinca o Culturgal 2014 con Manuel Bragado como presidente

Desde Sermos Galiza:
“O editor Manuel Bragado é o novo presidente dun Culturgal que comeza a prepararse con importantes novidades como novos patrocinios -en especial do ámbito empresarial-, máis profesionais e un espazo dedicado á gastronomía. (…)
Como nas anteriores edicións, a sétima Feira das Industrias Culturais desenvolverase no Pazo de Cultura de Pontevedra do 5 ao 7 de decembro. Novidade deste ano será o pagamento obrigatorio dunha entrada de baixo custe, 2 euros para maiores, 1 para público infantil, ademais dun bono de 4 euros, no camiño da “corresponsabilidade” inaugurado na pasada edición cunha entrada voluntaria.
Polo demais, a feira, que convocou en decembro do 2013 a máis de 14.000 persoas ofrecerá novos espazos temáticos, unha maior participación profesional e máis patrocinios. Por vez primeira, a gastronomía terá un espazo específico reservado con novidades literarias, musicais e das artes escénicas relacionadas co mundo da cociña.
Para o 2014, o Culturgal buscará ampliar aínda máis o número de oitenta e unha entidades expositoras que participaron na anterior edición e, alén de ser escaparate do novo xeito de operar das industrias culturais, ser tamén escenario de estreas e novos proxectos.
Estreitar vínculos con asociacións de profesionais dos distintos ámbitos da cultura será tamén un dos camiños nos que afondará Culturgal de cara a súa próxima edición, cun especial fincapé na creación de espazos de encontro de profesionais e axentes que participan na actividade cultural.”