Pablo Bouza Suárez
ven de gañar o primeiro premio do XXXIX Certame Literario Concello de Vilalba, dotado con 3000 euros e publicación da obra por Alvarellos Editora, polo seu poemario Os privilexios dos somnámbulos. O xurado estivo composto polo concelleiro de cultura de Vilalba, José María García-Leira, o académico e escritor Darío Villanueva, Fidel Fernán Vello, José Jesús Ramos e Xulio Xiz.
O segundo premio foi para o coruñes Rafael Catoira pola súa obra Navegando cara Itaca.
Arquivo da categoría: Premios poesía: ditames
Daniel Salgado, con Os tempos sombrizos (diario), gaña o I Premio de poesía Gonzalo López Abente
“A
Fundación Gonzalo López Abente comunica que onte se reuniu o xurado do Iº Premio de Poesía Gonzalo López Abente, premio que se convoca en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Secretaria Xeral de Cultura.
O xurado estivo composto polos poetas Marilar Aleixandre, Miro Villar e X. H. Rivadulla Corcón, e por Viki Rivadulla como secretaria do mesmo, e decidiron declarar por unanimidade gañador ao orixinal titulado Os tempos sombrizos (diario), que resultou ser da autoría de Daniel Salgado.
Na acta do fallo o xurado salienta a construción do discurso a xeito de diario que amosa o compromiso anticapitalista a través do diálogo cos principais referentes ideolóxicos na loita pola liberdade e a xustiza social. Tamén presenta unha rica intertextualidade coa poesía e a música contemporáneas (o jazz nomeadamente) e con poemas de forte contido metaliterario.
O premio será entregado o día 20 de Xullo dentro dun programa de actos destinados a conmemorar os 50 anos da morte de Gonzalo López Abente. Nesta xornada, entre outras actividades, destaca unha conferencia sobre a obra de López Abente que impartirá Xosé Luís Méndez Ferrín, e a presentación da edición da Obra Poética Completa de Gonzalo López Abente, preparada por Miro Villar e editada por Espiral Maior.”
Fallo do I Premio de Poesía O Figurante
“Reunido
o xurado do I Premio de Poesía O Figurante na noite do 25 de xuño de 2013, decidiu por unanimidade concedelo a Eli Ríos polo seu libro María e a Marta Dacosta polo seu poemario Argola.
O xurado recoñece o valor literario das dúas propostas, salientando a pertinencia da mensaxe dende unha perspectiva feminista, a forza e intensidade das imaxes e o dominio dos diferentes recursos poéticos, así como do idioma, na amálgama que conforma un todo sólido e perfectamente coligado. Ademais, quere destacar a cantidade e calidade de propostas enviadas.
O premio consta da publicación das dúas obras en volumes independentes, o que se realizará ao longo do presente ano, nunha primeira edición de, como mínimo, cen exemplares, dos que se derivarán os preceptivos dereitos de autor.”
O portugués Amadeu Baptista gaña o Premio Cidade de Ourense de Poesía
Desde
Fervenzas Literarias:
“Não vês a revolução permanente neste trapo vermelho
enrolado à volta da minha cabeça, enquanto ponho
os olhos num infinito não muito distante?
Estes versos corresponden ao poema Murmuração de Leon Trotski no seu leito de morte, incluído en Um pouco acima da miséria, o traballo poético co que o poeta portugués Amadeu Baptista ven de gañar por unanimidade do xurado o XXIX Premio de Poesía Cidade de Ourense.
O xurado desta edición estivo composto por Fernando de Castro Branco, como representante do Grémio Literário-Vilarense, Margarita Seara Pazo, Edelmiro Vázquez Naval, Eva Moreira Fontán e Miguel Anxo Fernán-Vello. Actuou como secretaria a técnica de Normalización lingüística do Concello de Ourense Mónica Fernández Valencia e presidiu o Xurado a Concelleira de Cultura, Ana Garrido González (sen voz nin voto).
Os membros do xurado valoraron especialmente da obra premiada que “estamos perante un libro de excepcional calidade. Unha respiración poética ampla, un traballo minucioso de linguaxe que está na base dunha tensión poética intensa. Aínda cun percurso na referencias marcantes da civilización occidental que cuestionan dunha forma aguda o presente de Europa.”. (…)”
Arancha Nogueira gaña o premio Francisco Añón con Andar descalza
Desde Cultura Galega:
“(…) Arancha Nogueira fíxose co premio Francisco Añón, que organiza o Concello de Outes. Andar descalza, o seu poemario, valeulle 1.200 euros e premio e a publicación da obra. (…)”
Marta Dacosta gaña o XVI Premio de poesía Johán Carballeira
“Marta Dacosta
acadou o XVI Premio de poesía Johán Carballeira coa obra titulada Dun lago escuro. O xurado destacou o elaborado xogo simbólico do poemario, alicerzado nunha arquitectura esférica onde o lacunar de ameaza escura recolle un discurso fondamente parabólico, con evidentes tinturas de crítica social que van de mans dadas coas luzadas de afirmación xenérica e as reflexións a propósito de trabes temáticas como a incerteza, a caída, a soidade, o silencio, a anonimia ou a rutina esgazadora.
Formaron o xurado Armando Requeixo, Berta Dávila e Xosé Daniel Costas.” Desde o Concello de Bueu.
Dores Tembrás gaña o XVI Premio de Poesía Concello de Carral
“Dores Tembrás,
coa súa obra Cronoloxía da urxencia resultou gañadora do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano.
O xurado resalta da obra gañadora que é un poemario esencial, emocionado e emocionante, enfiado arredor do amor e a paixón cun sentido positivo da existencia, poñendo en valor a simboloxía dos traballos da casa e do campo, resultando unha poética con raíces. A autora emprega unha depurada linguaxe conceptual, con poemas breves e limpos, resultando un libro equilibrado e unitario de principio a fin.
O xurado estivo formado por Mercedes Queixas Zas, Francisco X. Fernández Naval e Roi Vidal, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez.
Ao certame presentáronse un total de 38 libros. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra.
O acto de entrega do premio terá lugar o 31 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2013. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Teatro, de Roi Vidal. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.”
Eva Veiga gaña o XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño
“En
Sarria, a 20 de abril de 2013.
Reuniuse o xuri do XIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, composto por Rosa Enríquez, Xerardo Quintiá e Alfredo Ferreiro, actuando con voz e sen voto como Presidente o Concelleiro de Cultura de Sarria, Francisco Pérez e como Secretaria a Presidenta da A. C. Ergueitos, María Casar.
Logo dunha intensa deliberación motivada pola cantidade e calidade dos poemarios presentados o ditame final realizouse sobre catro obras, as presentadas baixo os lemas: Viaxe circular, Sen fin, Verán e a que acordamos por unanimidade é a gañadora desta edición do Fiz Vergara Vilariño, presentada baixo o lema A distancia do tambor e seudónimo Baruch Sanarai. Destacamos desta obra o uso novidoso e minimalista da linguaxe poética a través dunha marcada e contida intensidade expresiva e que propón unha reflexión sobre o espazo como un lugar vivo.
Aberta a plica en acto público ás 13:30 horas a obra presentada baixo o lema A distancia do tambor resultou ser da autoría de Eva Veiga Torre.”
Begoña Caamaño e Manuel Álvarez Torneiro coinciden de novo nos Premios da Crítica española
Desde
Sermos Galiza:
“Manuel Álvarez Torneiro en poesía e Begoña Caamaño en narrativa, son os dous nomes que resultaron premiados no Premio da Crítica Española que se fallou na mañá do sábado día 13 en Ponferrada. Recuncan cando se cumpre o mes de teren recibido os galardóns da Asociación Galega de Editores. (…)
Un xurado composto por críticos literarios destacou a voz de Álvarez Torneiro para lle outorgar este galardón que o seu máis recente libro, Os ángulos da brasa, suma ao xa recibido Ánxel Casal de poesía da Asociación Galega de Editores. O crítico Xosé Manuel Eyré, que tomou parte no xurado, apunta en Ferradura en tránsito que o libro de Torneiro: “…É un poemario extraordinario, un poemario que logra ser emotivo sen deixar de ser reflexivo, unha ollada sobre a vida desde a altura dos anos e da experiencia, sobre a vida e o ser humano. Un poemario que reconciliará coa poesía a todos aqueles que estean un pouco saturados das formas e contidos da poesía máis vangardista e anovadora, porque esta poesía, como a de sempre, perfectamente medida, calculada, con cada cousa no seu sitio para que a discursividade sexa natural, deixa lugar unha expresividade que non procura o epatante, nunca hai lugar para artificio senón o sentir e a reflexión”. (…)
De novo Morgana en Esmelle (Galaxia) de Begoña Caamaño é recoñecida como mellor obra narrativa do 2012. Da súa segunda novela, a autora comentou recentemente nunha entrevista no semanario Sermos Galiza que se pode “ler con claves de contempoarneidade e propón outro tipo de modelos. A cultura ten que camiñar apegada á ética. Non podes estar calada diante do que pasa, tes que tomar postura, propor alternativas”. A segunda novela de Caamaño publicouse despois de que a xornalista se dese a coñecer como escritora con Circe ou o pracer do azul. En ambos títulos, a escritora revisita a historia literaria e mítica desde a súa escrita feminista. (…)”
A viguesa Silvia Penas gaña o I Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía
“A
autora viguesa Silvia Penas vén de gañar o I Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, segundo informou a organización do certame. Este é o texto onde se recolle o fallo do xurado:
Santiago de Compostela, 27 de febreiro do 2013
Reunido na Sala A da Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela o xurado do I Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía decidiu premiar, tras unha longa deliberación, o poemario presentado baixo o título As uñas crecen e o pseudónimo Rosa María Paramés, obtendo o galardón por maioría de votos.
Aberta a plica, resultou ser gañadora dona Silvia Penas Estévez, natural de Vigo e poeta con diversa obra xa editada.
O xurado decidiu premiar esta obra por considerar que propón un discurso de fondo cuestionamento do eu lírico radicado nunha coordenada espazo-temporal ben próxima e identificable, onde a función social da escrita e as vivencias e pulsións sentimentais da voz poética se complementan acaidamente.
Así mesmo —e de acordo co establecido nas bases do concurso—, o xurado decidiu distinguir cun accésit o poemario presentado baixo o título Sobol e o pseudónimo Difraccións, recomendando á Editorial Sotelo Blanco esta obra para a súa publicación.
Tamén si, o xurado quere salientar a alta participación no certame, ao que se presentaron trinta e oito orixinais de moi diversa fasquía e estimable calidade.
Asinan a presenta acta, en Santiago de Compostela, sendo as 18:30 h. do día arriba sinalado, don José Luis Cochón Troitiño (en calidade de Presidente do xurado), dona Mercedes Queixas Zas (como vogal), don Armando Requeixo Cuba (tamén vogal) e dona Carmen Carreiro Montero (secretaria do certame, con voz e sen voto).”