Arquivo da categoría: Homenaxes
Homenaxe A Escritora na súa Terra a Pilar Pallarés: Laudatio, por Eva Veiga
“É para min unha honra e unha ocasión feliz cumprir hoxe nesta Ágora da Coruña cun convite, a laudatio á nosa homenaxeada coa letra E da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, convite que agradezo fondamente ao seu presidente, Cesáreo Sánchez Iglesias, e, como non, á propia Pilar Pallarés. Unha encomenda que, asemade, trae a intensa punzada da responsabilidade, pois excesivo se lle fan ás miñas capacidades dar aquí conta cabal, e en breve tempo, dos méritos literarios, e non só, dunha autora cuxa obra vén sendo cualificada de forma unánime pola crítica –en tal sentido achamos numerosa e excelente bibliografía– como unha das propostas poéticas máis persoais, poderosas e radicais da nosa contemporaneidade. Unha voz que, sen dúbida, posúe o don.
Escribiu Antón Avilés de Taramancos:
É o cazador poeta nese instante
en que son ollo e ráfega un latexo
que calla o sangue en río fulgurante
como se for un lóstrego ao axexo.
Traemos aquí estes versos de Avilés a modo de cita introdutoria, non só por ser el un dos autores máis caros a Pilar senón porque dalgunha maneira cifran, ao noso entender, ese movemento íntimo, complexo e revelador, que adoito fai emerxer a beleza e a iluminación da escrita da nosa benquerida e admirada poeta.
En efecto, a poesía de Pallarés, alén da sensibilidade, da finísima intelixencia ou do talento que a habitan, atínxenos como o fan o raio, a luz do sol, o aire ou a chuvia: fecundándonos e alentando esa permanente transformación que é vivir, e máis aínda, existir tomando conciencia.
Mais antes de acadar tal maduración, a experiencia humana ha de pasar por idades ou fases previas, a primeira das cales é a infancia: ese tempo inaugural e prístino que funda o noso territorio seguramente máis profundo e estable. Tempo que é asemade o espazo da inocente descuberta, do que se irá nomeando pola primeira vez como se unha nova luz se abrise no interior de cada cousa. E ese lugar onde a memoria prende as súas raiceiras é para Pilar Pallarés o da Ermida, en Culleredo (A Coruña). Aquí, ao lonxe a ollada alta e granítica do monte Xalo, nace a nosa autora en 1957; e igualmente nese ámbito de campos de millo e centeo –hoxe desaparecido– vai pasar a súa infancia feliz en compaña dunha pequena pero amada veciñanza, do laio do raposo, da cadela e dos gatos da casa… Porén, unha infancia que medra tanto a exercitarse na tenaz superación dos límites como na contemplación da vida que pasa en mudanza de estacións, de morte e de nacenza. Un tempo no que, a bo seguro, se forxan, dun lado, a vontade inalienable desa “man que soña/ e aínda terma do ceu, / (sen nada embaixo)” –versos do seu último libro– e, doutra parte, a amorosa atención que a poeta sabe dedicar á natureza e a toda outredade. Sigue lendo
A Escritora na súa Terra: Pilar Pallarés. A Coruña, 2019
A Escritora na súa Terra: Pilar Pallarés. A Coruña, 2019
terá lugar o 29 de xuño. Esta actividade conta co apoio do Concello da Coruña, CEDRO, Xunta de Galicia e Deputación da Coruña.
A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XXV edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Pilar Pallarés, que será homenaxeada na Coruña, cidade na que residiu a maior parte da súa vida.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Soledad Penalta), a plantación dunha árbore simbólica (un carballo elixido pola propia autora) e a colocación dun monólito conmemorativo.
PROGRAMA DE ACTOS
11:30 Xardín posterior ao Centro Ágora (A Coruña)
Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación do carballo (árbore simbólica da escritora).
Interveñen:
– Alcaldía do Concello da Coruña, ou persoa en quen delegue.
– Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.
– Intervención da homenaxeada, Pilar Pallarés.
12:30 Salón de actos do Centro Ágora (A Coruña)
Acto de entrega da “Letra E”
Interveñen:
– Alcaldía do Concello da Coruña ou persoa en quen delegue.
– Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
– Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
– Eva Veiga: Laudatio.
– Entrega da peza escultórica da artista Soledad Penalta.
– Intervención da homenaxeada: Resposta á laudatio por parte de Pilar Pallarés.
14:30 Restaurante Domus A Coruña (Rúa Ángel Rebollo, 91 –como chegar-)
Xantar de confraternidade. O prezo por persoa é de 37€, que se pagará no propio restaurante nunha mesa habilitada ao efecto. As prazas no restaurante son limitadas: agradecemos que as persoas interesadas fagan a súa reserva canto antes, chamando até o martes, terza feira, 25 de xuño -inclusive- ao teléfono: 981133233 ou enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org.
Pode descargarse o programa completo aquí. E o anverso nesta ligazón.
Trasalba: Festa Literaria do Premio Trasalba 2019, dedicado a Luz Pozo Garza
Vídeo do acto Xabier P. DoCampo na voz da amizade (A Coruña, 29 de maio)
Vídeo do descubrimento da placa de homenaxe a Xabier P. DoCampo, o 29 de maio
Compostela: xornada de homenaxe a Xabier P. DoCampo
Máis información aquí.
Xabier P. DoCampo na súa voz
A Coruña: crónica fotográfica da Homenaxe a Xabier P. DoCampo
Estas son algunhas das fotografías da Homenaxe a Xabier P. DoCampo que tivo lugar na Coruña o pasado 29 de maio. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
A Coruña: Homenaxe a Xabier P. DoCampo
A
Homenaxe a Xabier P. DoCampo terá lugar o 29 de maio de 2019, unha actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), co patrocinio de Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda (ACAB).
Escritor e mestre, namorado do cinema, guionista e director de programas de radio, contador oral, activista da renovación pedagóxica e da causa da dignidade da lingua galega.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), descubrirá unha placa de homenaxe no portal da que foi última morada do autor, (Praza González Dopeso, 1), na cidade da Coruña, o mércores 29 de maio, ás 18:00 h.
A Homenaxe: Na voz da amizade celébrase o 29 de maio no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a partir das 20:30 horas.
Presentada por Yolanda Castaño, haberá lecturas da súa obra, proxección de pezas audiovisuais, a música na voz de Miro Casabella, e a participación de:
– Mesa sobre ensino. Alfonso García Sanmartín, Xavier Senín e Fina Casalderrey.
– Mesa sobre activismo. Suso de Toro, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Bragado.
– Mesa sobre literatura. Paco Martín, María Xesús Fernández, María Canosa e Xosé Cobas.
– Relato. Paula Carballeira.
Nestas actividades, a entrada é libre e gratuíta até completa aforo para todo o público interesado.


Preséntamosvos aquí o artigo escrito por Mª Jesús Fernández, amiga de Xabier, que publicamos no tríptico onde se recollen as actividades desta homenaxe. Titúlase Xabier P. DoCampo, o escritor. Tradición e modernidade.
Do escritor Xabier P. DoCampo dicimos que foi un pioneiro, un dos pais da Moderna Literatura Infantil e Xuvenil de Galicia. Efectivamente, a el, xunto con outros escritores e escritoras da súa xeración, correspondeulle crear unha nova literatura máis acorde cos tempos e cun concepto de infancia que xa non era considerada unha etapa imperfecta de transición, senón un importante momento da vida, con características propias e necesidades específicas.
A esta tarefa dedicouse X. P. DoCampo durante toda a súa vida como escritor, modernizando a tradición e achegando novas temáticas, novos xéneros, novas técnicas narrativas, potenciando a ilustración como parte substancial do relato…
Moitos dos escritores e escritoras que na actualidade forman parte dunha brillante xeración de creadores, así como moitos outros adultos novos, confesan a súa débeda con Xabier, e lembran o feliz momento no que caeu nas súas mans o primeiro libro publicado por este autor: O misterio das badaladas (1986), relato de aventuras onde xa aparecen as características que van ser unha constante nesta e noutras obras posteriores: Os nenos e nenas protagonistas son decididos, valentes, moi autónomos, non dubidan en correr riscos e afrontar dificultades, e, ó mesmo tempo, viven nun ambiente familiar e social moi semellante ao dos potenciais lectores polo que resulta atractivo e moi doado identificarse con eles.
A súa primeira achega á incipiente Literatura Xuvenil, supón tamén unha ampliación do corpus temático da Literatura Galega coa incorporación do xénero negro. Amante do cine e dos grandes clásicos policiacos, en A chave das noces (1988) ofrece unha novela moi representativa do xénero: ambiente urbano e marxinal, violencia, misterio, un protagonista que vai perdendo a inocencia…, e tamén unha boa dose de crítica social. Reeditada hai pouco tempo (2019) a novela segue mantendo a súa actualidade e interese.
Xabier P. DoCampo tamén soubo revitalizar a tradición. O libro Cando petan na porta pola noite , Premio Nacional de Literatura Infantil no ano 1996, é unha boa mostra. Aquí se recollen catro contos de medo, o tema máis representativo do relato oral popular, pero non un medo edulcorado para facilitar a lectura dos xoves lectores, senón un medo real, derivado dos temores atávicos do subconsciente colectivo. Nestes contos, o principal protagonismo é o da voz narradora que recrea maxistralmente as técnicas e recursos do narrador popular que se dirixe a un público expectante, e que emparella a Xabier P. DoCampo con outros grandes mestres recreadores da literatura popular, como Ánxel Fole.
Ao longo da súa traxectoria literaria, Xabier escribiu moitos outros admirables relatos curtos. Soltos ou recollidos en diferentes libros, a maioría caracterízanse polo uso da fantasía e o humor. Un humor que vén dado polo que se conta, moitas veces situacións disparatadas e absurdas, e tamén pola forma de contar, utilizando axilmente unha linguaxe rica e chea de expresividade. Entre os moitos exemplos que se poderían citar está o libro titulado O armario novo de Rubén (1998)
É ben coñecido o interese deste autor pola ilustración dos libros, non como mero adorno do texto senón como parte consubstancial da mensaxe que se transmite. A súa longa relación creativa e de amizade co ilustrador Xosé Cobas quedou plasmada en un número considerable de títulos nos que ambos colaboraron sumando as súas respectivas artes. Unha mostra representativa son os albumes ilustrados dirixidos a prelectores e primeiros lectores como Nube de neve (2000) ou De cores e de amores (2005) nos que non se poden concibir por separado as palabras de Xabier e as imaxes de Xosé Cobas.
Pero é en dous libros, xa na etapa final, onde a colaboración de Cobas e Docampo acada a súa máxima expresión. Trátase de O libro das viaxes imaxinarias (2008) e A illa de todas as illas (2013) O primeiro, como indica o título, é un caderno de viaxe onde se recollen as notas de un viaxeiro que visita lugares sorprendentes e dá conta do que alí ve e das xentes que os habitan. A fermosa e coidadísima edición conta con profusión de imaxes . O segundo é unha homenaxe que o gran lector que foi Xabier P. DoCampo rende aos clásicos relatos de aventuras que de desenvolven nunha illa: Robinson Crusoe, A illa do tesouro, A illa misteriosa, o señor das moscas…. Aquí, os nenos protagonistas viven a súa propia aventura na que tamén aparecen misteriosamente personaxes daqueles relatos da Literatura Universal. Tanto nun libro como no outro, unha parte importante do relato apoiase nas ilustracións que o complementan.
Aínda que Xabier P. Docampo non publicou en vida ningún libro de poesía, era tamén un poeta notable e varios dos seus poemas figuran en opúsculos conmemorativos, felicitacións de Nadal ou agasallos a amigos. Pero hai dous libros que evidencian as claras o seu temperamento poético. Un deles é Bolboretas (2004), onde unha voz adolescente tenta explicar as perturbadoras sensacións que por primeira vez experimenta ante a presenza do amor. Tamén nesta ocasión á beleza do libro colaboran as fermosas ilustracións de Cobas. O outro titúlase Mans (2010) e pode considerarse como un longo poema protagonizado polas mans humanas e que complementa a súa expresividade e poder suxestivo coas fotografías que o ilustran e que son obra de DNL.
O libro máis intimista, e tamén o máis persoal, de toda a produción literaria de Xabier P. DoCampo é sen dúbida Catro cartas (2000), onde a voz que se escoita é a do propio autor que utiliza o xénero epistolar para dirixirse a amada, ao fillo, a nai, a Robert Loius Stevenson e aos propios lectores. Nas cartas conta cales foron os motivos que o impulsaron a converterse en escritor e que relación tivo nesta decisión cada un dos destinatarios.
Para rematar hai que citar a última novela de Xabier dirixida a público lector adulto, A nena do abrigo de astracán ( 2017), Premio da Crítica 2018. Novela coral que ten como protagonista aos habitantes dunha vila galega do interior nos anos inmediatos da posguerra . A voz narradora que escoitamos é a da propia vila que coñece todo o que pasa no pobo, mesmo os pensamentos e sentimentos máis agochados. A novela preséntanos unha sociedade sometida polo abuso de poder onde os poderosos actúan impunemente sustentados no medo e no silencio, un silencio que transforma a todos en cómplices da maldade. Moi destacable é a importante presenza do cinema que, segundo expresión do propio autor, faise aquí “refuxio da inocencia”.








