Estíbaliz Espinosa gaña o decimoquinto Premio de Poesía Afundación

Desde La Voz de Galicia:
“«Pola coherencia dun discurso poético sólido, o potencial evocador das imaxes, así como a orixinalidade das referencias que apelan á dimensión científica do ser humano biolóxico e emocional» o xurado vén de escoller As neuronas irmás, de Estíbaliz Espinosa, como a gañadora do decimoquinto Premio de Poesía Afundación. O poemario foi escollido entre 29 presentados por un xurado composto polas escritoras Berta Dávila e María Neves Soutelo, o escritor Mario Regueira; Xabier Castro, escritor e secretario do xurado, e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado. As neuronas irmás será agora publicada na colección Arte de Trobar, que xa conta con máis dunha ducia de poemarios de autores noveis e consagrados.
Estíbaliz Espinosa escribe dende o enfoque «dunha cultura única -como define a propia autora-: a simbiose entre a ciencia e as humanidades, así como o eixe entre muller, tecnoloxía, palabra e ciencia» (…)”

Xosé Monteagudo gaña o Premio San Clemente 2017

Desde Galaxia:
“A última novela de Xosé Monteagudo, Todo canto fomos, que xa fora recoñecida como a mellor novela de 2016 na Gala do Libro Galego, foi merecedora do Premio San Clemente na súa categoría en galego. Nesta XXIII edición do Premio San Clemente, que convocan o IES Plurilingüe Rosalía de Castro e Abanca co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, foron tamén premiadas as novelas Patria de Fernando Aramburu, na categoría en español, e Morrer en primavera de Ralf Rothman, entre as candidatas en lingua estranxeira.
O premio San Clemente busca converter o alumnado de bacharelato en protagonista á hora de conceder un galardón literario, polo que o seu xurado está composto por estudantes. Nesta XXIII edición, ademais do estudantado do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), participou no xurado o do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo), IES Agra do Orzán (A Coruña), IES Valle-Inclán (Pontevedra), IES San Mamede (Maceda) e IES Xelmírez I (Santiago de Compostela). (…)”

María Varela leva o Premio de Xornalismo Fernández del Riego

Desde Cultura Galega:
Cóxegas e tartas é o título do artigo publicado no Diario de Pontevedra co que a xornalista María Varela se impuxo no XIV Premio de Xornalismo Fernández del Riego. O galardón que recoñece os traballos publicados na nosa lingua, está dotado con 6.000 euros e convócao Afundación en colaboración co Ámbito Cultural El Corte Inglés. O xurado, que presidiu o escritor Alfredo Conde, destacou a “aposta de futuro” que realiza o texto premiado. (…)”