Entrevista a Teresa Seara sobre Clave de bóveda, de Manuel Álvarez Torneiro

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Clave de bóveda é o título do último poemario de Manuel Álvarez Torneiro, publicado por Kalandraka de xeito póstumo. Falamos sobre esta obra coa súa editora, Teresa Seara, que ademais foi a encargada de escribir o limiar co que abre este poemario. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Entrevista a Henrique Alvarellos e Xosé Ballesteros, da Asociación Galega de Editoras

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Xosé Ballesteros deixa o cargo de presidente da Asociación Galega de Editoras, e será substituído por Henrique Alvarellos. Con eles, falamos da saúde do libro en galego, e dos cambios que veñen para o sector e a propia Asociación. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Feliz Idade, de Olga Novo, Premio Nacional de Poesía 2020

Desde Kalandraka:
Feliz Idade, de Olga Novo, publicado na colección Tambo de Kalandraka, vén de recibir o Premio Nacional de Poesía 2020. Esta distinción súmase ao recente Premio Nacional da Crítica Española no apartado de Poesía Galega e ao Premio Gala do Libro Galego 2020. O xurado destacou que se trata dun “relato vitalista que celebra o amor e a existencia máis aló do tempo”, relacionando “a maternidade e a morte cunha fonda presenza crítica da memoria histórica”.
Así, o eixe de Feliz Idade é o ciclo vital que abrangue o tempo dende o nacemento e a nenez da filla da autora ata o declive físico e o pasamento do pai desta, polo que se trata dun poemario cunha intensa implicación sentimental e emocional. Comeza cunha carta-limiar dirixida á nena sobre a importancia das raíces familiares e da terra de Vilarmao, na localidade lucense da Pobra do Brollón, onde habitaron os seus ancestros, polo que nestes versos tamén teñen moito protagonismo o mundo rural e o seu progresivo abandono. (…)
“A voz poética de Olga Novo, inconfundible e de gran potencia”, afirma o xurado do Premio Nacional de Poesía 2020, “conxuga autenticidade e verdade, e distínguese pola súa linguaxe visionaria que trae á contemporaneidade o eco ancestral de toda unha tradición literaria”. Precisamente, en Feliz Idade xúntase a pegada de voces literarias diversas, dende Rosalía de Castro ou Luís Pimentel, a John Berger, Walt Whitman ou Dylan Thomas.
Vidas, persoas e historias son a materia prima deste libro que enlaza pasado, presente e futuro a través das distintas xeracións dunha familia. Trátase dunha poesía sinestésica, elaborada dende a madurez biográfica e literaria dunha escritora que reflicte -con autenticidade e paixón- a evolución da vida. (…)”

Olga Novo, poeta: “A poesía é unha forma de ollar a vida e de estar nela a través do amor”

Entrevista a Olga Novo en Nós Diario:
“Todo poema nace da intensidade creativa, do trallazo, e desde logo non procura a perfección formal, senón a emanación do amor”. Iso di Olga Novo sobre a poesía. E podería ser unha axeitada definición da súa propia escrita que é sempre fervenza. Corrente volcánica. Vida, e non só exercicio literario. Novo vén de gañar por segunda vez o Premio da Crítica Española na categoría de poesía en galego. Desta volta foi con Feliz Idade (Kalandraka), celebración dos afectos como alicerce vital. Repasamos con ela a súa obra.
– Nós Diario (ND): É a segunda vez, desde Cráter, que leva o premio da crítica española na modalidade de poesía en galego. Como recibiu o novo premio?
– Olga Novo (ON): Con total sorpresa, pois evidentemente é un premio ao que unha non se presenta, así que non é agardado. En todo caso, agradezo a distinción, porque implica unha lectura sensíbel do mundo que habita este libro.
– ND: En Feliz Idade encóntranse unha nena e o seu avó, que vai voltando á infancia a causa do alzhéimer. En que sentido é este libro unha celebración dos afectos?
– ON: Ese precisamente é o senso profundo do libro: a celebración do amor, máis aló do tempo, mesmo máis alá da propia vida, como o piar esencial no ciclo da existencia. O corazón desta obra asenta no encontro marabilloso dunha vida que nace e doutra que se apaga, ese breve pero intenso fragmento vital que gozan xuntos avó e neta. Asistir a ese momento, ter contribuído a esa experiencia é unha gran lección poética case inefábel, por iso esta escrita bordea a linguaxe e sitúase no seu límite en moitos momentos. A aceptación da morte no ciclo da existencia, o amor que traspasa a materia e o canto comunal de integración na intrahistoria natural deume a cifra exacta da felicidade como un tempo outro que está fóra das datacións convencionais. Así, fronte ás taxonomías clásicas de Idade da Pedra, do Ferro, ou do Bronce, eu quixen traer a primeiro plano a Feliz Idade: un tempo de medición emocional radicalmente humano. (…)”

Olga Novo e Berta Dávila, Premios da Crítica 2019

Desde Nós Diario:
“Coa súa obra Carrusel, a escritora Berta Dávila gañou este domingo, 27 de setembro, o Premio da Crítica 2019 que a Asociación Española de Críticos Literarios (AECL) organiza cada ano.
E fíxoo na modalidade de Narrativa en lingua galega; mentres que Olga Novo, con Feliz idade, gañou o premio de Poesía en galego.
En euskera, os gañadores foron Unai Elorriaga, con Iturria, en Narrativa, e Pello Otxoteko, con Itsas bizimina, en Poesía.
En castelán, a arxentina Mariana Enríquez gañou en Narrativa, con Nuestra parte de noche, unha novela de terror coa que xa gañou o Premio Herralde de novela. Juan Antonio González Iglesias, en Poesía, por Jardín Gulbenkian.
En catalán os galardoados foron Jordi Lara, por Sis nits d’agost, en Narrativa, e Dolors Miquel, por Ictiosaure, en Poesía.
Estes premios, sen dotación económica, son concedidos pola AECL desde 1956, e outórganse aos mellores libros de narrativa e poesía publicados no Estado español no ano anterior en galego, castelán, catalán e euskera.
A edición deste ano estaba prevista para o mes de abril, pero adiouse a causa da pandemia.
O xurado reuniuse este domingo para tomar a decisión e estivo composto polo presidente da AECL, Ángel Basanta, e as e os críticos literarios Fernando Valls, Javier Goñi, Pilar Castro, Araceli Iravedra, José Jurado Morales, José Luis Martín Nogales, Selena Millares, Manuel Ángel Morales Escudero, Francisco Morales Lomas, Ángel Luis Prieto de Paula, Miguel Ángel Márquez Guerrero, Ignacio F. Garmendia, Rafael Núñez Florencio, María Solís Munuera, Xelo Candel, Simona Skrabec, Javier Rojo, Olivia Rodríguez González, Fernando Martínez Laínez e Enrique Turpin.”

Tabela dos libros. Xuño de 2020

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Tras dous meses de ausencia por mor da crise vírica, a Tabela dos Libros retoma a súa andaina. Velaquí a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Finalistas do XVII Frei Martín Sarmiento

Desde o blog do Premio Literario Frei Martín Sarmiento:
“Tras convocarse a próxima edición do certame literario que cada vez suma máis lectores e lectoras entre o alumnado da rede de colexios de Escolas Católicas, estas son as obras que resultaron finalistas na súa décimo sétima edición. No mes de abril de 2021 coñeceremos os gañadores e terá lugar o acto de entrega de dito galardón aos recoñecidos:
INFANTIL
A fraga do meu avó. Mamá Cabra. Galaxia.
Se che pica un mosquito. Jordi Gastó. Kalandraka
1ª CATEGORÍA (1º, 2º EP)
Hércules e o xigante. Unha torre de lenda. Henrique López. Hércules de Ediciones
A banda de Raimunda. Pablo Nogueira. Baía
2ª CATEGORÍA (3º, 4º EP)
Animalia. 2 Branco. Xosé Tomás. Xerais
Astro Rato e Lampadiña en Patacator Cocido. Fermín Solís. El Patito Editorial.
3ª CATEGORÍA (5º, 6º EP)
Conta nove estrelas. Andrea Maceiras. Xerais
Os Peloteiros. Patricia Mallo. Galaxia
4ª CATEGORÍA
Unha cidade chamada perfecta. Helena Duggan. Traducida por Moisés Barcia Rodríguez. Sushi Books
Maneiras de vivir. Luis Leante. Traducida por Belén Rodríguez Suárez. Rodeira-Edebé
5ª CATEGORÍA
Aqueles momentos que perdemos. Xavier Estévez. Oqueleo
Ardora. Beatriz Maceira Abeleira. Urco Editora.
6ª CATEGORÍA
Beleza Vermella. Arantza Portabales. Galaxia
Os nomes do vento. Juan Andrés Fernández. Fervenza.”

Lucía Novas le un poema de Cervatos

Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento de Cervatos, por parte da súa autora, Lucía Novas, no marco da iniciativa Lecturas fuxidas da Libraría Pedreira, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.