Crónica da homenaxe a Marica Campo, A Escritora na súa Terra, o sábado 15 de xuño

O sábado 15 de xuño tivo lugar a homenaxe A Escritora na súa Terra, dedicada este ano a Marica Campo. Deixamos aquí esta crónica da homenaxe (para ver a reportaxe fotográfica completa, pódese consultar esta ligazón).

A Asemblea de Socias/os da AELG aprobou por unanimidade outorgar a Letra E de 2013 a Marica Campo, quen nos levou ás terras do Incio o día 15 de xuño, nunha feita coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo, a Consellaría de Cultura e o Concello do Incio.

 

11.30 Praza da Casa do Concello do Incio (A Cruz do Incio)
Acto de entrega da letra E
Entrega da peza escultórica de Silverio Rivas
 
13.00 Campo da Festa-Souto Marica Campo (Val do Mao)
Plantación da camelia (árbore simbólica da escritora) e descubrimento do Monólito conmemorativo e da placa que atribúe o nome da homenaxeada ao Souto.
Interveñen:
14:30 Hotel-restaurante “A Veiga”, Samos (Estrada Samos-Sarria)
Xantar de Confraternidade.
A Homenaxe A Escritora na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou este ano á súa XIX edición  recaendo,  por  decisión  unánime  da  súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Marica Campo, que foi homenaxeada na  súa  terra natal, o Val do Mao.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de case dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe do homenaxeada cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a, neste caso Silverio Rivas), a plantación dunha árbore simbólica (unha camelia branca elixida pola propia autora), a colocación  dun  monólito  conmemorativo  e  a atribución do nome da homenaxeada a un espazo público, neste caso ao Campo da Festa-Souto Marica Campo.

Cesáreo Sánchez Iglesias: “No Campo da Festa Marica Campo”

Discurso do presidente da AELG Cesáreo Sánchez no Campo da Festa do Val do Mao na homenaxe a Marica CampoA escritora na súa terra“. 15-06-2013. Publicado tamén en Sermos Galiza.

Vimos Marica Campo chantar a Pedra da Escritora nesta túa terra, xa por ti tan nosa, aquí na cerna túa que afunde a súa raíz no tempo que arrola entre as montañas.
Chantamos a pedra na que, en mineral abrazo, insculpida, a palabra faise eterno dicir no humus da terra fértil, da terra amada que no teu verso canta.
Neste souto que leva o teu nome de poeta de escritora onde os castiñeiros entregan de albor a solpor as súas sombras para medir os días.
Os días que son efémero claror, que son anacos de eternidade para medir tamén para ti o dia de hoxe que chega nelas coas súas gallas extenuadas polo tempo aínda tan vivas cheas de ponlas novas como a terra nosa que abrocha da caracocha da historia.
O rielo que próximo arrola co seu son de auga recen nacida e clara, rumorosa no seu partir, marulla onde o xílgaro repenica o canto e a rula agarda amorosa pola sombra do verao que cantará de mañanciña clara.
Leva o teu nome este souto vedraio e máis o campo da festa que é o lugar comunal onde a ledicia se fai pobo de noso e a cultura expresa o seu ser tan ledo a construír un mundo que abre as portas á luz coma labios que abren e din o teu nome Marica Campo na amizade.
Para o mais vellos sempre é contento este lugar onde a infancia soñou onde a xuventude amou e coma un ventiño morno chegou e partiu e coma ourive teceu coas raiolas do tempo os seus días efémeros no transcorrer que non pasarán nunca xamais.
Para os mais novos é o lugar primeiro do desexo da caricia furtiva dos beixos vermellos coma papoulas ao son das músicas que ficaron gravadas na codia da luz ate se facer en nós só alma só acrisolado misterio.
Coma un neno ou unha nena que levan o seu aro a rodar podemos hoxe facer nós rodar a roda do tempo e convocar aquí as voces todas dos teus seres amados que son o sonoro canto da túa fértil biografía, xenerosa.
Voces que che son familiares Marica, que na memoria do tempo se fixeron túas e son eco antigo de canción nova na tona desta terra que nos fan tremer na beleza, os nomes que nos dan de mao en mao a responsabilidade de que a historia de noso siga e sustente o presente e veña este co seu fulgor.
Que siga a recibir a terra a semente que onte decruou o arado e que nos modelou e inzou esta terra de froitos.
Os castiñeiros coma sólidas e mancadas columna sosteñen os ceos cos seus catro puntos cardinais.
Todo adiviña para ti hoxe o nome de cada un dos carreiros e rielos deste lugar nesta doce mañá ás portas do verao.
A túa obra Marica Campo ven de moi lonxe do mais lonxincuo da memoria colectiva que chanta no seu fértil humus para nos desvendar os segredos.
Este campo da festa e o souto que o acolle e que leva o teu nome é o lugar é o crisol onde o silencio do mundo todo escoita e a palabra florece para o froito se facer cultura de noso.
Aquí a nosa lingua acrecentou o seu maxín e a súa palabra fíxose secreto zume, enchoupada dos sons do traballo e da ledicia, das maos da dor e da festa do amor febril con que cada primavera a natureza de noso faise no seu abrazo.
Aquí o silencio da terra toda é clamor que hoxe te abraza e coa túa palabra insculpida na pedra faise centro do universo que tamén o foi onte na túa nenez cando contigo falaba o rielo e mais o outeiro e a montaña e a pluma que deitaba a rula ao partir, e coma no primeiro dia da creación o Val do Mao confesoute o inexplicábel.
O rumor do vento aínda neno púxoche as azas e fíxote poeta amada por nós, amiga fíxoche tempo de humana tenrura.
Es da estirpe de Rosalía, Marica Campo.
E nós as escritoras, e escritores galegos, hoxe, aquí, no Val do Mao, no teu Campo da Festa e Souto Marica Campo celebramos a túa obra.
Celebramos na amizade a túa tenrura.”

Un souto do Val do Mao leva xa o nome da escritora Marica Campo

Desde Sermos Galiza:
“Acompañada e querida tívose que sentir a escritora Marica Campo ao ir recibindo ás máis de duascentas persoas que se trasladaron de todas partes da Galiza para partillar na xornada que a República das Letras lle tributou. E non só desde o país. Desde Granada desprazáronse Aurora López e Andrés Pociña e desde o País Vasco chegou o amigo Xosé Estévez. Amigas e amigos da poesía como Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Xavier Rodríguez Baixeras, Marta Dacosta, Medos Romero, Margarita Ledo ou o propio Cesáreo Sánchez Iglesias participaron nos actos durante toda a xornada nos que tamén tomaron parte coñecidas figuras non só das letras senón tamén da política e o sindicalismo. Polo Incio estiveron Pilar García Negro, Bautista Álvarez, Francisco Rodríguez, Xosé Manuel Beiras, Mario Outeiro, Cosme Pombo, Silverio Rivas, Montse Prado, Mercedes Queixas, Estravís, Carme García Negro, Ramón Varela, Saleta Goi, Anxo Louzao, David Otero, Xosé Ramón Freixeiro Mato -autor da laudatio- e moita familia e veciños do Incio, a terra na que naceu Marica Campo e na que garda lembranzas da súa infancia e do seu achegamento á literatura.
Por aí discorreron os seus dous discursos, o primeiro na Casa do Concello, coa alcaldesa como anfitrioa e o segundo no Campo da Festa que leva xa o seu nome, pola relación co Val do Mao que fixo que se remitise á infancia feliz no que a literatura comezaba a gañar espazo. Marica Campo falou de maneira íntima e persoal, lembrando episodios familiares para os amigos e amigas, recoñecendo a súa intensa relación da lingua que coñeceu no Incio, o seu compromiso co idioma e as primeiras achegas a un mundo literario que a había acompañar ata hoxe. En diversas ocasións, a escritora tivo que parar, interrompida polas palmas que se manifestaron, de maneira especial, nos fragmentos nos que a autora reparaba na reivindicación do uso da lingua en tempos nos que as dificultades se incrementan.
No souto, o Campo da Festa, xa queda prendida unha placa que lle dá o nome da escritora a ese espazo que tantas lembranzas ten para ela, boas e malas, intensas fixo, daquelas que quedan para toda a vida porque forman parte da biografía de cada quen. Ao pé da igrexa, do singular camposanto cuberto e do campo de lecer e encontro, no que a música ecoa a través do tempo. Alí queda tamén o monolito cun poema da autora labrado na pedra, o Val do Mao, primeira composición do primeiro libro, poema inaugural da traxectoria literaria da ilustre veciña do Incio.
“Na súa traxectoria literaria e cívica transparece o firme compromiso coa Galiza, patria asumida e sempre reivindicada, e coa causa da xustiza e da solidariedade. Espírito libre, aberto e xeneroso, Marica Campo comprométese en cada texto coa calidade e dignificación artística da lingua, máis outra forma, en fin, de fidelidade e amor á Terra” dixo Xosé Ramón Freixeiro Mato, autor da laudatio coa que homenaxeou á autora.
Tamén Cesáreo Sánchez, que pronunciou dous discursos nos dous actos da xornada, se dirixiu a Marica Campo para dicir: “Na túa palabra que é idioma na súa máis fonda raíz vai a tranparencia do río primeiro de primavera, vai o noso presente que escoitamos nos ecos da memoria que son patria. E no teu Eu cabe o Nós que contén todos os seres que somos sen nós saber”.”

O Incio e Val do Mao: Homenaxe A Escritora na súa Terra a Marica Campo, o sábado 15 de xuño

A Homenaxe A/O Escritor/a na súa Terra que cada ano impulsa a AELG chega neste 2013 á súa XIX edición, recaendo en decisión por unanimidade da Asemblea de Socias e Socios na figura de Marica Campo.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de case dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe do homenaxeada cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a, neste caso Silverio Rivas), a plantación dunha árbore simbólica (unha camelia elixida pola propia autora), a colocación dun monólito conmemorativo e a atribución do nome da homenaxeada a un espazo público, neste caso ao Campo da Festa – Souto Marica Campo.

PROGRAMA

11:30 h. Praza da Casa do Concello do Incio (A Cruz do Incio).
Acto de entrega da letra E.
Interveñen:
• Laura Celeiro García, Alcaldesa do Incio.
Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
Xosé Ramón Freixeiro Mato. Laudatio.
Entrega da peza escultórica de Silverio Rivas.
• Intervención da homenaxeada: resposta á laudatio por parte de Marica Campo.

13:00 h. Campo da Festa-Souto Marica Campo (Val do Mao).
Plantación da camelia (árbore simbólica da escritora) e descubrimento do Monólito conmemorativo e da placa que atribúe o nome da homenaxeada ao Souto.
Interveñen:
Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
Marica Campo.

A organización conta co apoio do Concello do Incio, a Deputación Provincial de Lugo e a Consellaría de Cultura.

LAUDATIO

Vídeos da Gala das Letras 2013 (V): entrega dos premios ás mellores obras de Narrativa e Poesía

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebrou o 4 de maio, no Centro Ágora da Coruña, a Gala das Letras 2013.
Seguimos dando a coñecer nesta Axenda os vídeos onde se recollen as intervencións que tiveron lugar ese día. Pódense consultar todos aquí.

– Intervención de Francisco Castro en nome de Begoña Caamaño, gañadora do Premio á mellor obra de Narrativa. Pódese ver nesta ligazón.
– Intervencións de Manuel Álvarez Torneiro, e Marica Campo en nome de Francisco Salinas Portugal, gañadores do Premio á mellor obra de Poesía. Pode verse aquí.

O Incio e Val do Mao: Homenaxe A Escritora na súa Terra a Marica Campo, o sábado 15 de xuño

A Homenaxe A/O Escritor/a na súa Terra que cada ano impulsa a AELG chega neste 2013 á súa XIX edición, recaendo en decisión por unanimidade da Asemblea de Socias e Socios na figura de Marica Campo.
Terá lugar o sábado 15 de xuño no Concello do Incio, a partir das 11:30 horas.
Como é habitual, remataremos a homenaxe cun xantar de confraternidade que celebraremos no Restaurante “A Veiga” e cuxo prezo por persoa é de 30€, que se pagarán no propio restaurante nunha mesa habilitada ao efecto. As persoas interesadas en asistir ao xantar deben confirmalo chamando, até o luns 10 de xuño -inclusive-, ao teléfono 981 133 233, ou enviando un correo electrónico a: oficina@aelg.org.

PROGRAMA

11:30 h. Praza da Casa do Concello do Incio (A Cruz do Incio).
Acto de entrega da letra E.
Interveñen:
• Laura Celeiro García, Alcaldesa do Incio.
Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
Xosé Ramón Freixeiro Mato. Laudatio.
Entrega da peza escultórica de Silverio Rivas.
• Intervención da homenaxeada: resposta á laudatio por parte de Marica Campo.

13:00 h. Campo da Festa-Souto Marica Campo (Val do Mao).
Plantación da camelia (árbore simbólica da escritora) e descubrimento do Monólito conmemorativo e da placa que atribúe o nome da homenaxeada ao Souto.
Interveñen:
Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
Marica Campo.

14:30 h. Hotel-restaurante “A Veiga”, Samos (Estrada Samos-Sarria).
Xantar de Confraternidade. Aberto a Socios/as da AELG, á veciñanza do Incio e demais persoas interesadas.

LAUDATIO

Ourense: A razón de ser dunha escritora galega hoxe, conferencia de Marica Campo

O venres 10 de maio, ás 20:15 horas, no Salón Nobre do Liceo de Ourense, dentro dos XXIII Encontros Literarios, co título de Escritoras nos comenzos do século XXI, organizados pola Sección de Literatura do Liceo de Ourense e con patrocinio da Catedra Carlos Casares da Universidade de Vigo, terá lugar a conferencia A razón de ser dunha escritora galega hoxe, de Marica Campo.

O programa Diario Cultural da Radio Galega comeza a serie de emisións poéticas De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“A iniciativa enmárcase na xenealoxía do literario e do seu carácter de palimpsesto no que tempos e voces conflúen, escriben e reescriben na consciencia do seu propio eco. De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI subliña a vixencia da voz poética de Rosalía de Castro e a capacidade que a súa obra ten de seguir a xerar diálogos. O proxecto ademais pretende contribuír á conformación dun arquivo poético sonoro no que o poema, a súa dicción, adquira a relevancia que a grafía adquire no texto escrito.
De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI procura os acentos da obra de Rosalía de Castro na dicción e na escrita contemporánea. O proxecto concrétase na reescrita dos poemas de Cantares Gallegos, unha interacción poética que nada ten de submisión a un texto dado nin de tradución dun noutro, senón de exercicio de libre creación a partir dun poema de Rosalía de Castro.
O rexistro sonoro dos textos contemporáneos lidos polos seus autores e autoras emitirase xunto co poema de Rosalía de Castro do que parte nunha serie de espazos poéticos que se alongarán nos meses vindeiros nos distintos programas da radio pública.
Cesáreo Sánchez, Luz Pozo Garza, Xulio Valcárcel, María Xosé Queizán, Arturo Casas, Manuel Forcadela, Oriana Méndez, Marilar Aleixandre, Miguel Anxo Murado, Luís González Tosar, Elvira Riveiro, Claudio Rodríguez Fer, Marica Campo, Helena Villar, Xosé María Álvarez Cáccamo, Claudio Pato, Gonzalo Hermo, Miro Villar, Anxo Angueira, Xavier Queipo, Eva Veiga, Marta Dacosta, María do Cebreiro, Manuel Darriba, Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño, Marga Romero, Olalla Cociña e Susana Sánchez Arins son algúns dos autores e autoras que participan no proxecto que se desenvolverá nos meses vindeiros.
A Radio Galega quere contribuír así á divulgación da obra de Rosalía de Castro, sumarse á conmemoración do 150 aniversario da edición de Cantares Gallegos e propiciar ao tempo un diálogo interxeracional entre a obra da escritora e as poéticas que conforman o corpus contemporáneo da poesía. Con estes obxectivos presenta o proxecto De Cantares hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI promovido polo Diario Cultural. Unha serie de emisións radiofónicas nas que os poemas de Cantares Gallegos en diálogo coas poéticas do século XXI son recreados por autores e autoras contemporáneos.”