Arquivos da etiqueta: v
Tras as portas do rostro, por Verónica Martínez Delgado
Artigo de Verónica Martínez Delgado na Sega:
“Tras as portas do rostro é o primeiro conxunto de poemas, xa que non foron concebidos de xeito unitario, de Marica Campo; unha escolma de corenta e dous poemas escritos durante vinte anos, desde 1971 ata 1990 que ven a luz en agosto de 1992. Conta cun prólogo de Pilar Pallarés e de Manuel María, que axudaron a darlle visibilidade á producción poética da escritora. Comenta o prologuista canto admira e goza da lectura de poemas desta poeta, e doutras autoras coetáneas ás que cita, facendo fincapé no valor da poesía escrita por mulleres e, moi especialmente, á de Marica Campo. Pilar Pallarés resalta a aconfesionalidade da obra, en como foxe da autobiografía para mostrar o colectivo, o “cerne do drama humano”.
Varios poemas deste libro foron musicados e popularizados polo grupo musical Fuxan os Ventos.
O título vén reflectido na primeira cita do libro dun poema da escritora Alejandra Pizarnik: “… pero pecha as portas do teu rostro/para que non digan despois/ que aquela muller namorada fuches ti”. Nesta obra recolle a máis autoras e autores, ademais de artistas, aos que homenaxea coa súa escrita, onde conformar un nós poético no que pon en valor as diferentes voces e manifestacións artísticas coas que identifica o seu propio eu artístico e voz poética.
O libro recolle poemas de diferente temática, ton, lonxitude e forma, ben orixinal nalgúns dos deles, aínda que todos cun fío condutor: o telúrico, a oda á nai terra, ás raíces, ás orixes, ao ser cando se posúe un lugar. De aí que o poemario comece co texto Apoteose da hebra, un canto ao mundo rural, ao Val de Mao, no Incio, matria da autora. Este universo telúrico compartirao anos despois coa escritora Olga Novo, no seu libro Cráter, moi próxima tamén xeograficamente, de Vilarmao na Póboa do Brollón. Aparecen outros temas ao longo do libro como son a existencia, o paso do tempo, a morte, o amor sempre nun continuo diálogo coa lectora e con ela propia como autora. O eu feminino que percorre toda a obra, diríxese a un interlocutor masculino nos poemas de temática amatoria, que nos lembra ás cantigas de amigo, no seu tratamento, mais o eu poético non agarda impasible, nin resignada, senón farta e cansa da espera. (…)”
Semana do Libro de Compostela (Selic) 2018, actos destacados do sábado 2 e domingo 3
O sábado 2 e domingo 3 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 11:00 a 21:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para estes días dentro do seu programa:
Sábado 2
– 11:00 h. Libraría Lila de Lilith e A Sega. «Olladas cruzadas». Club de lectura. Lectura dos libros Sangue 12, de Cris Pavón e Saturno tamén é deus, de Uxía Casal. Modera: Paula Gómez del Valle.
– 12:30 h. Libraría Lila de Lilith e A Sega. «CríticAs». Conversa sobre lecturas Por que é necesaria unha crítica feminista? Outros xeitos de facer crítica literaria. Modera: Antía Marante.
– 12:30 h. Hércules ed. Ring… Ring! Quen rima? Obradoiro de ilustración e lectura a cargo do ilustrador Enrique López.
– 13:30 h. El faro de los tres mundos. Cara de velocidade. Marga Tojo. Presentación do Poemario ilustrado da Ed. Kalandraka coa presenza da autora.
– 17:30 h. Libraría Palacios. Lola e as 21 vacas. Xogos e contacontos da man da ilustradora Blanca Millán. Ed. Triqueta Verde.
– 18:30 h. Chan da Pólvora. Diálogo entre Daniel Salgado e Ismael Ramos. Conversa arredor de O gran rexeitamento/Flores para Albert Ayler e Lumes. Ed. Apiario.
– 18:30 h. A Corva. Compoñedora de contos Cristina Collazo compón fermosos contos extraídos da cultura popular galega.
– 19:30 h. Paseo literario Salvador García-Bodaño. Percorrido polos espazos dos afectos e feitos do poeta, en colaboración coa AELG. ▸ Inicio: Praza do Obradoiro.
Domingo 3
– 13:30 h. Autoedicións Micromundos. Disto non se fala. Presentación da plaqueta de Verónica Martínez Delgado e Emma Pedreira sobre o acoso e a desigualdade de xénero.
– 18:00 h. Libraría Lila de Lilith e A Sega. Ex-céntricas. Autoras desde a periferia. É importante falar con autoras que escriben desde a periferia, lonxe dos centros nos que se congregan as actividades culturais. Modera: Andrea Barreira.
– 18:00 h. Urco Editora. Xandra, a landra que quería voar. Mercedes Queixas. Contacontos para público infantil do conto de Mercedes Queixas.
– 18:30 h. Urco Editora. Reunión coas Nosoutras de María Victoria Moreno. Helena Villar Janeiro, Ana María Fernández e Ursula Heinze en conversa con Xavier Senín.
– 18:30 h. Xandobela. Navegando entre papel e contos. Paseo narrativo, lúdico e creativo a través das historias que María Victoria Moreno nos deixou no seu libro Mar adiante.
– 19:00 h. Encontro con Dulce Maria Cardoso. Encontro coa escritora portuguesa Dulce Maria Cardoso en colaboración co Instituto Camões.
– 20:00 h. Hércules de Edicións. Galicia inmaterial, Galicia máxica. Presentación e sinatura de exemplares do libro.
Xabier Cid gaña o XXI Certame de poesía Concello de Carral
Desde o Concello de Carral:
“Xabier Cid, coa súa obra As bicis resultou gañador do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano.
O xurado salienta o bo nivel en xeral dos poemarios presentados, nos que houbo propostas poéticas moi distintas, tanto nas temáticas coma nas formas. Da obra gañadora o xurado salienta que é un libro escrito como un proxecto poético, construído desde unha suposta mirada e voz feminina e feminista, innovador na disposición dos versos e puidéndose definir como experimental ou alternativo. Existe unha intención visual na disposición dos textos, explotando a posibilidade estética da páxina en branco. O autor provoca aos lectores a través das diferentes lecturas posibles.
O xurado do concurso estivo formado por Mercedes Queixas, Xosé Luís Mosquera e Verónica Martínez, coa presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 38 poemarios.
O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
Xabier Cid, natural de Ourense e actualmente residente en Escocia, é licenciado en filoloxía e mestrado en xestión deportiva. Foi finalista no ano 2000 do premio de novela curta Manuel Lueiro Rey con Terá as túas balas, publicada pola editorial Sotelo Blanco. Tamén ten traducido a Craig Patterson e a George Tucker.
O acto de entrega do premio terá lugar o 25 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2018. O mesmo acto, no que actuará o conxunto poético e musical Grupo Ouriol, servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Das árbores tropicais e do amor, de Xosé Luís Mosquera Camba. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.”
A Coruña: Libros a monte 2018
Compostela: Noite de Música e Palabra Solidaria Implícate 2018
Fallo do X Concurso Literario do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia Rosa de Cen Follas
Desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia:
“O pasado 9 de novembro celebrouse a xuntanza do xurado do X Concurso Literario do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia “Rosa de Cen Follas”, composto pola Decana do COPG, Mª Rosa Álvarez Prada, a Coordinadora da Comisión de Cultura do COPG, Mª Concepción Rodríguez Pérez, a poeta Iolanda Aldrei e o xornalista Joel Gômez, para deliberar o fallo desta edición.
Nesta edición as persoas premiadas son:
Categoría de narrativa:
Gañador:
» “Encher de vida o peito”, de Carlos Mendez Leis.
Mención especial:
» “Retallos”, de Purificación Leal Docampo.
Categoría de poesía:
Gañadora:
» “Habitación compartida no materno-infantil”, de Verónica Martínez Delgado.
Mención especial:
» “Versos sen pan”, de Xosé Pompei.
O acto de entrega de premios terá lugar o martes 12 de decembro de 2017 a partir das 20:00 horas na sede do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (Espiñeira, 10-Baixo, Santiago de Compostela).