A Coruña: crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Eli Ríos

Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria con Eli Ríos, celebrado o pasado 27 de abril. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

LIX Rianxo. Semana do Libro Infantil e Xuvenil 2019

Crónica videográfica do Parlamento de Escritoras-es (V)

O Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita foi unha actividade da AELG, co apoio do Concello de Pontevedra e CEDRO, que tivo lugar os 15 e 16 de marzo de 2019, en Pontevedra.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Acto literario e musical. Actuación de Aldaolado e presentación de autoras-es participantes (II):

Acto literario e musical. Recital de Estíbaliz Espinosa:

Acto literario e musical. Recital de Antonio García Teijeiro:

Acto literario e musical. Recital de Antía Otero:

Acto literario e musical. Recital de Eli Ríos:

Tu contas e eu conto de Susana S. Arins, por Eli Ríos

Artigo de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Hai escritas que se acompañan con rituais necesarios. No meu caso acontéceme cos libros de Susana Sanches Arins. Nos días da publicación fuxo, a canto dan os pés, de calquera spoiler. Tapo as orellas, como as crianzas, e repito “non te escoito, non te escoito” para non romper a maxia. Esperar que chegue a obra á libraría coa emoción da noite de reises. E reservar o tempo porque sei que o preciso nada máis saia pola porta. Ese tempo sen teléfono, sen compromisos. Ese tempo só para escoitar os contos de Susana S. Arins. E volta o verbo escoitar cos ollos, oír na lectura porque as grandes contadoras, como Susana S. Arins, saen do papel para transmitirnos a memoria do miúdo. A memoria do cotián, desas cousas do íntimo das que ninguén fala e que son as heroicidades diárias como sobrevivir á precariedade ou regresar á casa despois de sentir o medo no corpo. O privado e o público. O político desde o persoal. Repensar onde estabamos o día do accidente do Alvia ou na nevarada de 1987. A narradora, nunha auto-ficción maxistral, cóntanos que facía ela ese día e nós tamén queremos saber. E, nese instante, prende a maxia. A faísca primixenia para sabernos parte da historia. Dentro. Porque a Historia que se conta nunca é individual: está quen cala e quen obriga a calar. Tamén quen ofrece as liñas do papel para erguer a voz:

E deu um nome. E sabia. (…)”

Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2019: Eli Ríos, DX ou a Elviña de 2030

Os Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2019 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña.
Estes Paseos constitúen unha iniciativa para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.
Están destinados a persoas maiores de 16 anos e son gratuítos. É necesaria a inscrición, pois están limitados a 55 prazas.

A inscrición pódese facer na conserxaría do Centro Ágora, chamando ao 981 189 888 (a partir das 9:00 horas, en calquera dos casos) e no correo lingua@coruna.es, nas seguintes datas:
Eli Ríos. Inscrición desde o luns 15 de abril.
Xurxo Souto. Inscrición desde o luns 29 de abril.

Sábado 27 de abril (a partir das 12:00 h.): Eli Ríos. DX ou a Elviña de 2030. Inscrición desde o luns 15 de abril.
Seguindo as liñas de DX faremos un roteiro no que camiñaremos os espazos físicos da novela. Ademais, viaxaremos ata a noitevella de 2019 para descubrir que agocha o futuro. Unha viaxe espazo-temporal está á túa espera na Chousa do Cura.

Beatriz Maceda Abeleira gaña o II Premio María Victoria Moreno

Desde o Concello de Pontevedra:
“A última hora tarde do 10 de abril tivo lugar a deliberación do xurado do II Premio María Victoria Moreno, composto por Eli Ríos en representación da familia de María Victoria Moreno, Antonio Sambade Caamaño, alumno do IES Torrente Ballester, Anxos Rial en representación do Concello de Pontevedra, Antonio Manuel Fraga, gañador da edición anterior, Andrea Jamardo Seijo en representación de Urco Editora e David Cortizo Conde, de Urco Editora, que actuou como secretario.
A obra gañadora, presentada baixo o título de Ardora foi seleccionada por maioría entre as 17 pezas nas que a narrativa e a fantasía foron os xéneros predominantes, non habendo ningunha representación –como si houbo o ano pasado– de poesía ou teatro.
Unha vez aberta a pica, a autora resultou ser Beatriz Maceda, escritora galega que conta entre a súa bibliografía con títulos como Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán ou Man. O alemán de Camelle. Recibirá unha dotación económica de 4.000€ por parte do Concello de Pontevedra e a súa obra será publicada por Urco Editora.
O xurado destacou da mesma o seu “compromiso co ecoloxismo e coas novas formas de convivencia, a construción duns personaxes secundarios de gran relevancia, o emprego responsábel das novas tecnoloxías e sobre todo salienta a empatía co seu público potencial: o lectorado que está nos primeiros anos da adolescencia”.”