Culturgal 2018, Pontevedra: actividades literarias destacadas do domingo 2 de decembro

Do 30 de novembro ao 2 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar o Culturgal 2018.

As actividades literarias destacadas do programa para o domingo 2 de decembro son:
11:00 h. Espazo Libro. Presentacion de As Pessoas do Drama, con Helder Gomes Cancela, vencedor do Grande Prémio de Romance e Novela da Associação Portuguesa de Escritores/Direção-Geral do Livro, Arquivos e Bibliotecas. Camões – Centro Cultural Português em Vigo.
11:30 h. Espazo Foro. Mesa redonda: «A conveniencia das coleccións de literatura infantil con perspectiva de xénero» e presentación das obras gañadoras do I Premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade. Baía Edicións. Con Ana Luísa Bouza e Montse Pena Presas, representando o xurado, as autoras gañadoras Antía Yáñez con A reconquista e Sabela Losada con Vermella, así como Belén López Vázquez como editora convocante.
12:00 h. Espazo Foro. Presentación do libro-disco A comuna del Barruzo. aCentral Folque. Presentan: Ugia Pedreira, voz, pandeireta, Abel Pérez, acordeón, Pierrot Rougier, frauta, cordofones.
12:00 h. Auditorio Pazo da Cultura. Concerto de Oviravai: Paio e o poder da música. Editorial Galaxia. O teixugo máis querido volve con novas aventuras. Con Suso Feixón, Xacob Welicki, Verónica Santalices, Carlos Gil, Erika Welicki, Federico Welicki, Iván Davila e Noa Covelo. Espectáculo especial: prezo 5,50€. Entradas en www.ticketea.com
12:30 h. Espazo Libro. Conversa sobre a tradución de A cámara do sangue e outros relatos de Angela Carter coa tradutora María Reimóndez, a escritora e prologuista desta edición, Emma Pedreira e a editora de Urco, Andrea Jamardo. Ao acabar, xs escritorxs e ilustradorxs estarán nos stand de Urco Editora asinando exemplares dos seus libros.
12:30 h. Espazo Foro. Galaicos, un pobo entre dous mundos. Alvarellos Editora con Deputación de Pontevedra.
13:00 h. Espazo Libro. Presentación do libro infantil O tempo meteorolóxico. A Mesa pola Normalización Lingüística. Con Miguel Robledo, autor e
ilustrador, e Mónica Pazos, coordinadora.
13:30 h. Espazo Libro. A cama de meu avó e Carne da minha carne. Apiario . Conversa-recital entre Celso Fernández Sanmartín e Susana Sánchez Arins ao redor dos novos títulos.
13:30 h. Espazo Foro. «O proceso da tradución literaria». AGPTI.
13:30 h. Espazo Infantil Deleite. Presentación do álbum ilustrado Puff! Vaia peido. Editorial Galaxia. Seres sorprendentes con nomes ben ocorrentes de Luísa Martínez Lorenzo.
16:00 h. Stand Galaxia. Sinatura con Raquel Castro. A formiga fóra do carreiro.
16:30 h. Espazo Foro. Entrega do Premio Meiga Moira a Ánxela Gracián, por As voces da auga e Pere Tobaruela por Auga e Lume. Baía Edicións.
16:30 h. Espazo Libro. Lanzamento de Tu contas e eu conto, de Susana Sánchez Arins. Através Editora.
16:30 h. Salón de Actos. Versogramas. Un documental de videopoesía. Presentan Belén Montero, directora, e Celia Parra, produtora executiva.
16:30 h. Espazo Carpa. Chuches Amil en concerto: novo libro-cd Monstros con ou sen consentimento. Editorial Galaxia.
17:00 h. Espazo Foro. Presentación de Kalandraka TV, canle de televisión dixital sobre literatura infantil e xuvenil. Kalandraka Editora. Con Xosé Ballesteros, director de Kalandraka, José Miguel Sagüillo e Bea Campos, realizador e presentadora da canle.
17:00 h. Espazo Libro. Conversa con Iolanda Zúñiga e Antón Lopo
sobre as súas novelas Natura e Extraordinario (Premio Repsol 2018). Editorial Galaxia.
17:00 h. Espazo Ate Contemporánea. Contar por amor á arte. 25 aniversario do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Contacontos con Celso Fernández Sanmartín. Recomendado para persoas adultas.
17:00 h. Stand de Edicións Fervenza. Héitor Picallo asina exemplares de No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos.
17:15 h. Espazo Infantil Deleite. Guendufe o anano. Edicións Fervenza. Con Juan Andrés Fernández, Luís Reimóndez, Gabriel Iglesias, Rosa Costas e Valentín García.
17:30 h. Espazo Foro. Presentación do acto sobre a recuperación do Pazo de Meirás. Deputación da Coruña. Con Goretti Sanmartín e Artur Trillo.
17:30 h. Espazo Libro. Presentación do novo número da revista Contos Estraños, da novela Manuel de medo, noxo, vicio e morte, de Tomás González Ahola e da novela O secuestro de Brigantia, de Xurxo Esquío. Asociación Cultural Contos Estraños Editora. Con Xosé Duncan, responsable da revista, Fernando M. Cimadevila, editor, e Tomás González Ahola, autor.
17:30 h. Espazo Carpa. Cintaadhesiva. Con Jesús Andrés Tejada,
música, Silvia Penas Estévez, voz, textos.
18:00 h. Stand Xerais. Sinatura de Paseniño, paseniño de Antonio García Teijeiro e Marcos Viso.
18:00 h. Espazo Arte Contemporánea. Presentación do libro Baila comigo ata o final do amor, de Antón Sobral.
18:00 h. Espazo Libro. Presentación de A Torre e da Colección Vitamina N. Con Antonio Sandoval, autor, e Ramón Rozas, crítico literario.
18:00 h. Auditorio Pazo da Cultura. Concerto de Xoán Curiel e a Banda do Verán: A Casa do Terror. Editorial Galaxia. Esta casa está chea de monstros e pantasmas que te sacarán a bailar e te farán rir e desfrutar. Ten coidado porque non desexarás saír desta aventura. Espectáculo especial: prezo 5,50€. Entradas en www.ticketea.com
18:15 h. Espazo Foro. Presentacion das gañadoras dos premios de dramaturxia Álvaro Cunqueiro e Manuel María. AGADIC-Xunta de Galicia. Con Avelina Pérez, gañadora do XXIV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais coa obra Ás oito da tarde, cando morren as nais e Paula Carballeira, gañadora do X Manuel María de literatura dramática infantil coa peza Somos os monstros. As dramaturgas estarán en Culturgalpara recibir os seus galardóns, nun acto no que participarán a presidenta do tribunal, Laura Tato Fontaíña, e o director da Agadic, Jacobo Sutil.
18:30 h. Espazo Libro. Presentación da Biblioteca feminista. Editorial Galaxia. Coas autoras Amada Traba, Carme Adán e Inma López Silva.
18:30 h Mercedes Queixas e as ilustradoras Paula Pereira e María Montes asinarán exemplares dos seus libros: Xandra, a landra que quería voar, e A brétema, de María Victoria Moreno.
18:30 h. Stand Kalandraka. Antonio Sandoval asina exemplares de A Torre e A árbore da escola.
18:45 h. Espazo Foro. Entrega do Premio do Público Culturgal 2018.
18:45 h. Espazo Infantil Deleite. Viaxe no tempo con As mulleres e os homes. Catro Ventos Editora. Contacontos ao redor do libro do equipo Plantel e a ilustradora Luci Gutiérrez. Con Silvia Penas, narradora.
19:00 h. Espazo Libro. Premios Xerais 2018. Conversa de Ramón Rozas con Emma Pedreira, autora de Besta do seu sangue, Premio Xerais de Novela 2018; Héctor Cajaraville, autor de Kusuma, Premio Merlín de Literatura Infantil 2018 e Carlos Negro, autor de Aplicación instantánea, Premio Jules Verne 2018. Ao remate, sinatura no stand de Xerais.
19:15 h. Espazo Foro. Presentación do manual Bailegramas, de Sergio Cobos. aCentral Folque.
19:30 h. Espazo Infantil Deleite. Presentación de Macedonia de versos e de Pim Pam Pum. Aira Editorial. Con Concha Blanco, autora, Lidia Nokonoko, ilustradora, Pablo Otero, autor, e César Lorenzo, editor.
19:45 h. Espazo Foro. Lectura de Rosalía Fernández Rial arredor de Bonus Track. Editorial Galaxia.
19:45 h. Espazo Libro. Conversa entre Francisco Castro, autor de
Iridium, e Elisabeth Oliveira. Editorial Galaxia.

“Xerais vístese de longo para celebrar os seus premios”

Desde Sermos Galiza:
“Xerais mudou a illa de San Simón por un espazo tamén inundado polo salitre para celebrar os seus premios, o Museo do Mar. O propio director da editorial, Fran Alonso, facía un percorrido no seu discurso inicial polos distintos lugares que acolleron a entrega dos Xerais desde o nacemento destes galardóns en 1984.
Nesta ocasión, a editorial anunciou o 2 de xuño de 2018 o nome das persoas recoñecidas e decidiu entregar os premios –dotados con 10.000 euros– á vez que as obras chegan aos andeis das librarías, “queremos achegar os libros ás mans das lectoras, queremos celebrar os libros, que son a nosa identidade”, expresaba o tamén escritor. “Todos os libros que editamos tecen futuro”, engadía Alonso, quen aludía ao inicio da nova etapa que Xerais comezaba no mes de abril.
O novo director da editorial ofreceu unhas agarimosas palabras para o seu antecesor no cargo, Manuel Bragado, así como para o “pequeno pero inmenso” equipo de traballo de Xerais. Após situar os libros como “arma poderosa”, sinalou que a empresa quere reiventarse e que para ela o principal son as autoras e autores. Finalizou Fran Alonso a súa intervención cunha sentida lembranza para Xabier P. DoCampo, amigo da editorial e finado este ano, ao que se referiu como unha das “máis entrañábeis figuras da cultura deste país”.
Após o discurso do director de Xerais, que tamén se referiu ao “momento complexo que vive a industria editorial galega”, a xornalista Teresa Cuíñas entrevistou a gañadora e os gañadores. No medio da conversa, visualizáronse os vídeos de tres booktubers –Paula Gómez del Valle, Sara Carballo Gayoso e Xiana Vilariño García– onde se falou de cada unha das obras premiadas e ao remate Celia Torres entregoulle o premio a Emma Pedreira; Anaír Rodríguez a Héctor Cajaraville e Ramón Domínguez a Carlos Negro. (…)”

Desde Xerais pode verse a fotogalería deste acto.

Héctor Cajaraville: “Non creo que os discursos máis insolidarios sexan os que se impoñen: a sociedade civil é máis proclive ao afecto que á aversión”

Entrevista de Montse Dopico a Héctor Cajaraville en Praza:
“(…) – Praza (P): Non deixa de ser unha sociedade heteroxénea na que, ademais, os expulsados, os marxinados, teñen máis capacidade de autoorganización que as, digamos, clases dominantes. Mais teñen que demostralo despois de seren prexulgados. E de feito chegan a escoller quedar nas marxes, non convivir cos que antes os discriminaran. Supoño que é un xeito de reivindicar a solidariedade e a axuda mutua, pero tamén de remarcar as fendas sociais que trae a discriminación.
– Héctor Cajaraville (HC): Kusuma é unha metáfora do mundo, ou así o concibín durante o proceso de escrita. Os marxinados, as desterradas, non teñen máis remedio que establecer canles de axuda entre eles para sobrevivir, mentres que os que están dentro do “sistema” poden permitirse unha certa “individualidade do benestar”, que ao mesmo tempo os desarma como colectivo. Porén, nese vínculo que xorde case por necesidade entre os outsiders é onde vai radicar a súa fortaleza, a súa capacidade para plantarlles cara ás ameazas contra as que os acomodados non ousan ou non poden enfrontarse. E si, unha das ideas que está presente no libro é esa que ti apuntas: non sempre formar parte do “sistema”, sentirse integrado e aceptado, é a opción máis gorentosa. Unha marxinalidade orgullosa e consciente tamén pode ser unha alternativa. (…)
– P: A Historia está moi presente nos teus libros, e un exemplo é Nova Nursia, a novela sobre a vida de frei Rosendo Salvado. Baseácheste moito nas Memorias históricas sobre Australia e particularmente sobre a misión beneditina de Nova Nursia e os usos e costumes dos australianos, publicadas non hai tanto? Que outras fontes foron fundamentais?
– HC: Por suposto, as memorias do propio frei Rosendo foron unha base esencial para o labor de documentación, porque ademais de estar escritas polo propio protagonista son unha lectura moi amena e están ateigadas de información utilísima. Por certo, que foron publicadas en galego hai pouco tempo, pero a versión italiana (a orixinal), e tamén a francesa ou a castelá, teñen xa máis dun século. Ademais, recorrín a outras biografías e traballos de investigación, como os do profesor Albino Prada, e a todo o que publicou o Consello da Cultura Galega arredor do ano 2014, bicentenario do nacemento de Rosendo Salvado.
Pero a miña referencia principal foi un texto fantástico, pola súa claridade e didactismo, elaborado por Antonio Linage Conde e titulado Rosendo Salvado. La aventura a lo divino de un gallego en Australia, do que ao principio só atopaba unha pésima versión en inglés editada pola Xunta de Galicia. Posteriormente conseguín o orixinal en castelán, publicado na revista Estudios Mindonienses, e foi grazas a que o propio autor, un notario xubilado case nonaxenario, ma fixo chegar tras poñerme en contacto con el.
Así que Nova Nursia non deixa de ser un labor colectivo, no que teño moito que agradecerlles a todos os que antes ca min se interesaron pola figura de frei Rosendo e deixaron escrito algo sobre el, incluído o propio Salvado. Todo me foi de utilidade, desde as exposicións con motivo do bicentenario ás fotografías nas que Santos Salvado, o irmán de Rosendo, deixou constancia do traballo en Nova Nursia, pasando polos traballos documentais, como o inefable De Rosendo a Rosendo, no que o roqueiro Rosendo Mercado viaxa a Australia para tocar ante a tumba do seu homónimo -non é unha ficción literaria, o documental existe-. (…)”

Entrevista a Héctor Cajaraville e Carlos Negro no Diario Cultural

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Héctor Cajaraville con Kusuma e Carlos Negro con Aplicación Instantánea, premios Merlín de Literatura infantil e Jules Verne de Literatura xuvenil. As entrevistas poden escoitarse aquí.”

Entrevista a Carlos Negro e Héctor Cajaraville, Premios Jules Verne e Merlín

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista aos gañadores do Jules Verne de literatura xuvenil: Carlos Negro, polo seu poemario Aplicación Instantánea, e do Merlín de literatura infantil: Héctor Cajaraville, pola súa fábula Kusuma. Poden verse aquí.”

Emma Pedreira, Carlos Negro e Héctor Cajaraville, Premios Xerais 2018

En Vigo, o sábado, 2 de xuño, anúnciase o ditame da XXXVª edición do Premio Xerais de Novela, a Xª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXIIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, todos os tres premios dotados con 10.000 euros cada un deles.

Kusuma de Héctor Cajaraville
Premio Merlín de Literatura Infantil, 2018
O xurado da XXXIII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 33 obras, formado por: Uxía Martínez Recamán (comercial-promotora de libros), Alba Piñeiro Estévez (profesora e crítica), María Sánchez Lires (ilustradora), Maribel Tato Sánchez (libreira da libraría Cartabón de Vigo), Antonio Yáñez Casal (escritor) e o crítico e escritor Miguel Vázquez Freire, que actuou como secretario, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Cariandre”, “Kusuma” e “Tabardilla”.
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Kusuma», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Héctor Cajaraville e corresponde ao título Kusuma.
Kusuma
No seu ditame, o xurado da XXXIIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil sinalou que Kusuma é unha fermosa fábula ecoloxista protagonizada por unha faisán asiática obrigada a fuxir da agresividade do mundo industrializado. A fábula critica tamén o rexeitamento das poboacións inmigrantes, reivindica o respecto ás diferenzas e a valoración do traballo en grupo: “Se non nos axudamos entre nós, non somos nada”. Neste sentido, é unha historia de superación, de amizade e de aventuras cunha dupla mensaxe: que os prexuízos son o modo máis inxusto e equivocado de enfrontarnos ao descoñecido e que a coraxe e a afouteza sempre reciben a súa recompensa.
Alén destes valores, a obra destaca polo rico léxico descritivo de especies animais e do contorno vexetal.
Héctor Cajaraville ao coñecer o fallo dixo:
“O meu comezo na literatura en galego foi pola porta grande, non se pode pedir máis: a primeira novela que escribín, De remate, gañou o premio Xerais en 2015. E desde entón varios dos meus libros mereceron recoñecementos noutros certames, sobre todo ao comezo do meu percorrido como escritor.
Agora, coa perspectiva destes tres anos, sei o difícil que resulta todo aquilo que no seu momento me parecía case natural. E grazas a todo o que aprendín neste tempo sei que gañar un premio como o Merlín, sen dúbida o máis prestixioso e o de maior repercusión de todos os que se entregan na nosa lingua a unha obra para o público infantil, é un pequeno milagre.
Porque a literatura infantil e xuvenil galega vive un período de esplendor como nunca vivira, con autores (e autoras, sobre todo) que gañan premios en todas as partes e que ven a súa obra traducida aos idiomas da nosa contorna, e non só. E iso quere dicir que entre as máis de 30 obras presentadas a este certame seguramente había unha morea de marabillas.
Por iso, poder formar parte, aínda que sexa de xeito tanxencial ou secundario, dun momento de eclosión coma este, xerado por unha literatura como a galega, tan pequena en dimensión pero tan grande en calidade, prodúceme unha sensación de gratificación e recompensa que non agardaba cando, non hai tanto tempo, decidín embarcarme nesta viaxe fascinante da escrita.”

Aplicación instantánea de Carlos Negro
Premio Jules Verne de Literatura Infantil, 2018
O xurado da X edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 22 obras, formado por: Isabel Armesto Rodríguez (comercial-promotora de libros), Diana Fernández Gómez (editora do blog “Bolboretas no bandullo”), Mª Paz Fernández Pereiro (profesora, asesoría Bibliotecas Escolares), Alba González Fernández (estudante de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo), María Manuela Ordóñez Fernández (estudante de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo) e a profesora da Facultade de Ciencias da Educación da UVigo e crítica Isabel Mociño González, que actúa como secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Avatar <04”, “Tres catorce dezaseis” e “Un laio de harmónica”.
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Avatar <04», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Carlos Negro e corresponde ao título Aplicación instantánea.
Aplicación instantánea
No seu ditame, o xurado da Xª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil sinalou o seguinte:
Ante presenza das pantallas e da tecnoloxía, a sociedade actual precisa máis ca nunca a poesía. Por iso o xurado valora desta obra, entre outros aspectos: a orixinalidade, a calidade literaria, a forza da linguaxe e a súa riqueza, a posta en valor da figura feminina e o seu empoderamento, así como da cultura e lingua galegas. Tamén a crítica social e a visión por veces descarnada da realidade, a procura consciente da complicidade dunha lectora activa na construción dun discurso potente, apelativo e de intervención que non deixa a ninguén indiferente. Unha obra que salienta pola conexión con outras voces literarias, nun rico e estimulante diálogo que leva a novas lecturas. Por último, estamos ante unha obra que rompe calquera visión estereotipada da poesía e a converte nun berro de rebeldía e reafirmación.
Carlos Negro explicou que:
“Recibir o premio Jules Verne de Literatura Xuvenil por unha obra como Aplicación instantánea, ademais dunha inmensa alegría persoal, confirma que existe un espazo lector para a poesía xuvenil en lingua galega, e que ese reto literario, a pesar dos seus riscos, constitúe unha aposta por unha poesía mutante e transformadora, que nace dos espazos de socialización da mocidade, convertendo as redes sociais e as aplicacións móbiles nun campo de xogo da linguaxe literaria.
Como autor, agradezo de corazón que o xurado se inclinase por estes versos que buscan, a través do xogo de máscaras dos avatares, unha análise crítica e plural das relacións humanas no mundo contemporáneo. Supón tamén, dentro da miña traxectoria persoal, a culminación dun proxecto creativo que se iniciou con Makinaria, continúa con Penúltimas tendencias e Masculino singular, e culmina agora con Aplicación instantánea. E quero manifestar o meu agradecemento a Xerais por ser partícipe, a nivel editorial, desta aventura fascinante que trata de levar a poesía aos institutos de toda Galicia. Grazas.”

Besta do seu sangue de Emma Pedreira
Premio Xerais de Novela 2018
O xurado da XXXV edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorreron 37 obras, formado por: Santiago Lopo (escritor, gañador da edición anterior), David González Domínguez (editor do blog “Palabras de Gatsby”), Vitoria Ogando Valcárcel (catedrática xubilada), Claudia Morán (xornalista), Patricia Porto (libreira da libraría Lila de Lilith de Santiago) e o profesor, crítico e escritor Ramón Nicolás, que actúa como secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Anxos Roubados”, “Canicha”, “Cecimbre” e “Ego sum”.
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Canicha», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Emma Pedreira e corresponde ao título Besta do seu sangue.
Besta do seu sangue:
No seu ditame, o xurado da XXXVª edición do Premio Xerais de Novela sinalou que Besta do seu sangue supón unha proposta de carácter transgresor caracterizada pola súa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros. Ao tempo, salienta o uso dunha linguaxe poética e a transparencia que repousa na transmisión dunha atmosfera de desacougo e angustia ao abordar, con orixinalidade, unha historia inspirada na figura de Blanco Romasanta, co fondo dunha revisión xenérica de figuras da mitoloxía galega.
Emma Pedreira declarou:
“Cústame moito asimilar os cambios. Entre as miñas moitas fobias e teimas a neofobia dirixe un pouco as miñas fases vitais. Se cadra por iso emprendo a través das liñas outros percorridos e mudo de pel. Así que asimilar este enorme Premio Xerais vaime levar o que a dixestión da boa que tragou o elefante.
Sen que se me tome por soberbia quixera dicir que estou afeita aos premios –mesmo se me acusou de coleccionalos- pero eu do que falo é de ir abrindo portas e chegando a lugares e esta do Premio Xerais de Novela é unha porta pesada e con rotundos ferrollos, nunha fortaleza no cimeiro dunha montaña. Un lugar que pintaba inexpugnable para min durante todos estes anos en que me trataba de ti a ti coa poesía e de vostede coa narrativa.
Entendo o medo das valentes e a responsabilidade das fortes. Sinto iso neste mesmo momento: medo e responsabilidade. Medo polo que a visibilización deste premio implica para min e para as escritorAs nesta lingua, pola de preguntas e múltiples sentidos polos que vou ir pasando. Responsabilidade porque esta novela, Besta do seu sangue, pequena pero profunda e escura como un pozo, defende unha tese que non é nova pero si molesta e que trata de debuxar coa ficción os lugares que deixa a realidade que se perdeu entre as liñas e os silencios. Darlle voz a unha personaxe cruel e tratar de comprender o seu momento, sen desculparlle a conduta e os feitos, sen tratar de producir compaixón, só un achegamento, é unha responsabilidade. Todo, en fin, queda reducido a medos e máis medos que se compensan cunha rotunda emoción estourante. Agradecida. “

A festa de entrega dos galardóns terá lugar no mes de outubro coincidindo coa aparición dos libros editados das obras gañadoras.

Vigo, 2 de xuño de 2018″