Entrevista de Ana Baena a María Solar en Atlántico Diario:
“(…) – Atlántico Diario (AD): O libro sairá en novembro, pero xa deu a coñecer que aborda unha relación entre dúas mulleres.
– María Solar (MS): Son dúas tramas temporais, a central sobre unha amizada mantida no tempo entre dúas mulleres, que comeza cando son rapazas. Unha faille un favor moi grande á outra que lle queda en débeda toda a vida. Establécese unha relación de dominación, case enfermiza, entre elas. A segunda trama é a actual, protagonizada por una moza quen investiga estes feitos.
– AD: Está inspirada en feitos reais ou é todo ficción?
– MS: Non se basea en nada real. Fíxome nesas relacións centradas no control e na manipulación. A novela fala das culpas por ausencia ou por presencia. Nalgúns casos os que se sinten culpables son responsables, pero noutros cárgase co que pensa ou valora a contorna. As mulleres sabemos moi ben o que é cargar con culpas que impón a sociedade como ir con minisaia ou non facer o que se espera dunha boa nai. (…)
– AD: Do seu perfil persoal, chama a atención a súa formación tan diversa. Custoulle atopar a vocación?
– MS: Din moitas voltas ata chegar ao xornalismo. Comecei maxisterio, mentres facía de actriz de dobraxe. Na escola tiven un profesor marabilloso de Bioloxía e pola súa culpa decidín estudar a carreira. Nestas chamáronme para facer unha proba na radio e aí descubrín un mundo que me encantou. Cando me licenciei, colléronme e estiven con contratos temporais. Fixen xornalismo porque realmente tiña o currículo máis raro do mundo, pero voltaría a o facer. Ser de ciencias e letras é marabilloso. É un erro que os rapaces teñan que escoller tan cedo.
– AD: Mentres non sae A culpa, ten algún proxecto en vistas?
– MS: Estou inmersa na escrita dunha novela xuvenil e xa teño pensado unha infantil. Cando veño dunha historia tan forte, con tanto ritmo, preciso un tempo para meterme na seguinte e que non se pareza a anterior, a literatura xuvenil axúdame.
– AD: Escribir é unha adicción?
– MS: É unha necesidade vital crear mundos. Sempre fun moi fantasiosa.”
Arquivos da etiqueta: María Solar
María Solar, Rocío Leira e Anxo Iglesias, Premios Xerais 2022
Antía Yáñez, escritora: “Non sabemos como tratar e tratarnos canto a doenzas mentais”
Entrevista a Antía Yáñez na Televisión de Galicia:
“Na psicoloxía hai un efecto chamado o do elefante rosa. Trátase do control dos pensamentos. A sensación de que os pensamentos nos traizoan. Cada persoa pode vivilo de maneira diferente e, máis ou menos, obsesivamente. Se non queres pensar nun elefante rosa, inmediatamente o noso pensamento faise rebelde e aparece nel un elefante rosa…
Neste libro hai obsesións, pensamentos rebeldes e intención de controlalos. Non penses nun elefante rosa é a novela de Antía Yáñez que se acaba de publicar en Xerais.
A entrevista pode verse aquí.”
Teresa Seara: “O obxectivo do Batallón Literario foi levar a poesía á rúa”
Entrevista de María Solar a Teresa Seara na Televisión de Galicia:
“A editorial Chan da Pólvora publica Feros Corvos, Antoloxía do Batallón Literario da Costa da Morte, grupo poético que naceu en Cee en maio de 1996. Teresa Seara, profesora e crítica literaria, realizou o estudo introdutorio e a selección de poemas do volume. A entrevista pode verse aquí.”
Henrique Monteagudo: “Non só se prohibiu o galego, tamén se degradou e inculcou a baixa autoestima”
Entrevista de María Solar a Henrique Monteagudo na Televisión de Galicia:
“A ditadura marcou para a cultura e a lingua galega 40 anos de escuridade. Agora un libro do profesor e académico Henrique Monteagudo analiza esa etapa. O profesor e académico xa nos ofrecera a Historia Social da Lingua Galega, pero agora estende esa obra ao que pasou neste país co galego durante o franquismo. A entrevista pode verse aquí.”
Emma Pedreira: “As autoras aparecen cando deixamos de pensar que os homes o fan todo mellor”
Entrevista de María Solar a Emma Pedreira no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Cando unha editora lle encargou a Emma Pedreira facer unha biografía bibliográfica, porque sabía da súa adicción por devorar libros, ela devolveulle xusto iso: un percorrido vital pola súa relación cos libros como memoria persoal, dos seus libros lidos e recordados, odiados ou amados, pero tamén un pachwork de personaxes e recordos vitais que saca tirando do fío dos libros. A entrevista pode verse aquí.”
“10 anos, 10 autores, 10 libros | María Solar”
“De letras e galegas”
Fran Alonso, editor e autor de Douche a miña palabra: “Un lector sempre é un ser privilexiado”
Entrevista de María Solar a Fran Alonso na Televisión de Galicia:
“Douche a miña palabra é un ensaio para público infantil sobre os escritores asinado por Fran Alonso, director de Edicións Xerais. Nesta obra, Alonso defende a lectura como arte e como medio para aprender a pensar. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Yolanda Castaño e Kathleen March, tradutora de Residencia 1863: “A literatura galega está nun momento fantástico e temos que axudar á súa internacionalización”

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Kathleen March obtivo a I Bolsa en Residencia Xacobeo para tradutores en lingua galega na Residencia Literaria 1863 e leva traballando na Coruña todo o mes en obras de Marica Campo e Emma Pedreira. Yolanda Castaño, impulsora deste proxecto, dirixe tamén o ciclo Poetas Di(n)versos e acaba de publicar Xela quixo ser ela. A entrevista pode verse aquí.“



