Santiago: actividades destacadas do sábado 4 e domingo 5 de abril na Feira do Libro

O sábado 4 e domingo 5 de maio serán os últimos días da Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), cos seguintes actos literarios destacados:

Sábado 4:
13:00 h. Actividade infantil: Touporroutou. Contacontos baseado na obra de teatro infantil de Roberto Vidal Bolaño, realizado por Ana Carreira.
19:00 h. Barriga Verde. Acto de presentación dos libros Biografía de José Silvent e do DVD – libro Morreu o demo, acabouse a peseta, publicados pola Asociación Cultural Morreu o Demo.
19:00 h. Suso de Toro asinará os seus libros na caseta da Libraría Pedreira.
20:00 h. Presentación do libro + cd + dvd De roda en roda. Música e danzas do mundo, de Suso Cancela, Pilar Sampil e Javier Jurado, publicado por Editorial Galaxia. Participarán no acto, xunto cos autores, Luís Prego e Víctor Freixanes, director xeral de Galaxia. Ao remate, haberá unha demostración de danzas do mundo a cargo de bailadores e bailadoras á que poderá sumarse todo o público que o desexe.
21:00 h. A Sociedade Cultural Medulio, de Ferrol presenta o espectáculo O mundo segundo Rosalía, representación de poemas e textos da autora galega.

Domingo 5:
18:30 h. Urdime Teatro presenta Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño, coa actuación de Laura Ponte e e Roi Vidal Ponte.
19:00 h. Encontro literario sobre Rosalía de Castro, realizado pola Asociación Cultural O Galo, coa celebración do coloquio Rosalía de Castro: nos 150 anos de Cantares Gallegos, coa participación de Kathleen March, Helena Villar Janeiro e Pilar García Negro, que presentará neste acto o libro Cantares gallegos hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, publicado por Alvarellos Editora.
19:00 h. Carlos Callón asinará os seus libros na caseta da Libraría Pedreira.

A demisión de Ferrín en once claves: da sombra de nepotismo á guerra polo control da RAG

Desde Sermos Galiza:
“Despois de sumar opinións de distintas partes, de dentro e fóra da Academia, arredor da demisión de Ferrín constrúese un mosaico complexo de argumentos que dan conta do momento convulso da Institución. Através de once puntos tentamos, coa información recadada, achegarmos ás razóns e as claves para interpretar o portazo do escritor ao edificio da coruñesa rúa Tabernas.
Para a historia, todo foi no Día de Rosalía.
O último acto institucional de Xosé Luís Méndez Ferrín é a conmemoración do Día de Rosalía na Casa da Matanza nos actos organizados pola Fundación Rosalía, a Universidade de Vigo máis a propia Academia. Varias persoas que compartiron con el a xornada aseguran que nada facía indicar que o presidente tiña vontade de demitir nas seguintes horas. A carta foi enviada polo secretario no día 25, mais a súa sinatura é do propio día 24, unha xornada de especial relevancia no calendario das Letras, data que quedará tamén marcada na biografía literaria de Ferrín.
Dúas entrevistas tensionan fóra de Tabernas.
A tensión que nos últimos meses se viviu dentro do edificio da rúa Tabernas apenas traspasou os seus muros. Sábíase do desencontro, mais ningunha persoa con posto numerario na Academia fixera até entón declaración pública algunha. Porén, dúas entrevistas trasladaron máis alá das portas da sede da institución os problemas que latexaban dentro. A primeira, a do propio Ferrín con Kiko Novoa na RG. Os silencios e o malestar de Ferrín deixábanse ver nunha conversa que rolou polas redes sociais. A segunda, en La Voz de Galicia, o propio día que se fai pública a demisión, cando, desde a mañá as declaracións do secretario Xosé Luís Axeitos acenderon a mecha da mañá máis tensa que se lembra na Academia. Axeitos puña a mira noutras dúas institucións, o Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega para os acusar de control da Academia e de presións para que se retirara o recurso contra o decreto do bilingüísmo.
Acusacións a un Instituto da Lingua Galega que Ferrín apoiou.
O secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, pon no seu albo o ILG e o CCG para explicar a tensión que logo desembocaría na demisión de Ferrín. Os membros do ILG son o colectivo mellor representado na Academia e todas as persoas máis destacadas da súa historia teñen cadeira en Tabernas. Aliás, é no mandato de Ferrín cando a súa presenza se reforza aínda máis. Na directiva sitúa dúas persoas do grupo lingüista de Santiago, Manuel González -máis vencellado ao Ramón Piñeiro, pero no ILG na súa orixe- máis Francisco Fernández Rei. Aos dous, como membros da executiva, Ferrín agradécelle o seu servizo e a súa entrega na carta. Alén diso, nos tres anos de presidencia de Ferrín, entran na Academia dous numerarios máis de ampla traxectoria e grande influencia no Instituto: Henrique Monteagudo e Xosé Luís Regueira. Na Academia están tamén Antón Santamarina, Rosario Álvarez e Ramón Lourenzo, até agora amigo persoal do presidente con quen fixera parte do grupo Brais Pinto.
Xosé Ramón Barreiro Fernández, Francisco Díaz Fierros, Andrés Torres Queiruga, Rosario Álvarez, Vítor Freixanes e Ramón Villares -presidente- son os membros do Consello da Cultura Galega que teñen cadeira en Tabernas. Rosario Álvarez pertence a un e outra institución aínda que ven de deixar o seu cargo como directora do ILG. A uns e outros diríxense as acusacións de Axeitos, sen dúbida, un poder dentro da Academia.
Onde están os lingüístas da Coruña?
Contra esta situación, silencio a berros foi sempre o feito de non ter entrado na Academia ningunha persoa relacionada coa Facultade de Filoloxía da Coruña, grupo defensor no seu tempo da normativa de mínimos. A maior relación que este grupo chegou a ter coa institución foi teren elaborado o proxecto para a reforma da normativa que se levou dúas veces a pleno. A primeira, no tempo de Fernández del Riego, fora rexeitada para logo, despois dunha pequena modificación, superar a votación de Tabernas. Daquela, filólogos como Xosé Ramón Freixeiro Mato ou Manuel Ferreiro tiveron un papel destacado na comisión partillada con membros do ILG. Os filólogos da Coruña non só nunca entraron senón tampouco foron propostos como candidatos. Sen terciar pregunta, este feito sae na conversa das partes. Tampouco a Universidade de Vigo conta con presenza na institución.
A carta: di moito e cala máis.
Con catro parágrafos e unha despedida, Xosé Luís Méndez Ferrín puña o ramo á súa xestión diante da Academia. Contra as explicacións que nese mesmo día a súa man dereita, Xosé Luís Axeitos, deitaba no xornal de Sabón, Ferrín non vai dar datos nin facer explicacións arredor das polémicas en que nos últimos meses se viu envolvido. Porén, dous elementos van confirmar a versión de Axeitos. En primeiro lugar, a carta está enviada polo propio secretario despois de saír a súa entrevista e a el se refire con especial atención Ferrín, agradecendo a súa colaboración con agarimo. En segundo lugar, o presidente alude directamente a “académicos e académicas unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia”. A elas responsabiliza da súa marcha, o que tamén agradece. A carta de Ferrín evidencia certa liberación por poñer fin a unha etapa que, segundo fontes próximas, foi especialmente dura no persoal para el coa imaxe danada por acusacións de nepostismo e o que considera traición dalgúns bos amigos cos que compartía xuntanzas na Academia.
“Onde non debo estar os poucos días que me resten de vida”.
O que está considerado un dos maiores escritores da nosa literatura contemporánea deixará de ter presenza na Academia Galega. Ferrín non só demite do seu cargo de presidente, senón tamén renuncia a ser numerario, posto que os estatutos contemplan como vitalicio. O escritor transmite, con esta frase, o cansanzo e o irrespirábel da súa situación en Tabernas. Varias persoas do seu entorno sinalaban a súa vontade de pechar a porta, cun agotamento persoal polas presións dos últimos tempos. Se unha demisión é inusual, un abandono da institución é histórico. Só Jenaro Marinhas del Valhe se atreveu a facer un xesto de igual contundencia coa Academia, en claro sinal de protesta polo trato que a institución estaba a dar a Ricardo Carvalho Calero.
O que acontece entre-plenos.
O episodio máis abrupto da historia recente da Academia Galega virá marcado por dous plenos. Varias fontes informan da tensión vivida no último celebrado, cando varios membros pediron contas económicas da xestión dos orzamentos e reclamaron que se dese unha explicación pública ao contrato de familiares na institución. As distintas fontes relatan o momento de desigual maneira, por unha parte, explican a dinámica da Academia de non presentar no plenario as contas do exercicio, contra o que se recolle nos Estatutos, pola outra, aseguran que o ton foi intimidatorio e evidenciaba sospeitas sobre a xestión dos cartos da institución. O que si confirman ambas partes é que o pleno foi tenso e xa non permitía moita volta atrás. A executiva tería que explicar o destino dos orzamentos no próximo pleno, que agora quedará focalizado nun punto novo e de especial atención: a aceptación da dimisión e renuncia de Ferrín.
O caso do coche e os fillos.
Mais son, sen dúbida, o contrato de fillos de membros da executiva e a cesión por parte da Consellaría de Presidencia dun Audi á Academia os feitos dos que Ferrín ten difícil fuxir no entramado que se creou arredor da súa demisión. O presidente nunca quixo explicar as razóns de que na Academia entraran a traballar a súa filla e o compañeiro desta nin que na institución tivesen relación laboral -xa anterior a súa entrada- o fillo de seu secretario Axeitos e o fillo e o cuñado do tesoureiro Manuel González. Ferrín deu o silencio por resposta cada vez que se lle preguntou polo tema, de maneira especial, en medios vencellados á dereita, con amplas reportaxes no ABC. Para algún membros da parte á que agora se dirixe o presidente, Ferrín tiña obriga de aclarar a situación dando algunha razón que puxera freo á acusación de nepotismo que lixou a imaxe da institución. Na recente entrevista da Radio Galega, un Ferrín notabelmente incomodado repetía que non ía facer comentarios do contrato dos seus familiares ao tempo que afirmaba que o Audi era “de Rueda”.
Como respira o entorno do PP?
Nunha situación de crise absoluta e grave enfrontamento cos distintos sectores da Cultura, o PP no goberno da Xunta quixo en todo momento botar man das institucións e organismos culturais para gañar a batalla ás acusacións de estaren contra a cultura galega. As fotos do presidente da Xunta ou algún dos cargos do seu goberno en actos oficiais foron, nos últimos anos, comúns. O propio Ferrín recoñecía na RG a súa boa sintonía co Presidente e máis con distintos cargos do goberno. Que Ferrín só levantara a lebre dos orzamentos da Academia unha vez pasadas as eleccións foi tamén criticado no mundo da cultura. A entrega por parte de La Voz de Galicia do seu premio ao presidente da Real Academia Galega mudou, por outra banda, a liña que o xornal de máis difusión no país manteu sempre arredor do escritor.
Porén, o secreto a voces do que acontecía na Academia salta a través dun medio españolista e de dereitas como ABC, ariete contra a normalización lingüística. O ABC en distintas reportaxes destapa a acusación de nepotismo e arremete contra a Academia, situando a Ferrín nun momento de especial dificultade na rúa Tabernas. Ao tempo AGE, a formación á que está vinculado Ferrín, militante histórico da FPG, mostrou o seu apoio institucional á Academia mais tampouco se meteu en momento algún nas acusacións que verquían sobre o seu presidente e persoa coa que compartiran a campaña política.
Apuntan cara o grupo relacionado con Galaxia.
Unha persoa relacionada coa Academia, a respecto da dimisión, comentaba, “isto vén de Galaxia”. A explicación, que podería semellar fóra de lugar quería dar conta dun grupo que emerxe con forza e que se articula especialmente arredor de Vítor Freixanes -director da Editorial Galaxia- e de Ramón Villares -presidente do CCG-, ambos membros destacados do CCG e “tandem” persoal e cultural. Cara á eles diríxense algunhas das olladas que comezan a poñer nomes ao relevo de Ferrín, home, por outra parte, vinculado a Xerais.
O recurso contra o Decreto do plurigüísmo salta a primeiro plano.
Se o caso do coche e os fillos estaba nos faladoiros desde hai meses, é Axeitos quen fai saltar a primeiro plano unha posíbel tensión e presións co fin de a Academia retirar o recurso presentado contra o Decreto de Plurilingüísmo da Xunta. Certo é que o paso adiante da Academia tivo especial relevancia á hora de manifestar a oposición tamén institucional ao texto legal do goberno de Feijóo e é por esa razón pola que, de onte para hoxe, boa parte do debate foi recaer precisamente sobre este tema. Entidades como a Mesa pola Normalización Lingüística esixiu tanto ao Consello da Cultura Galega como ao ILG que desmintan ao secretario da Academia e, de non facelo, pedirán tamén a demisión debido á gravidade das acusacións.”

Vigo: presentación de Xeórxicas do pan, de Ramón Otero Pedrayo

O venres 15 de febreiro, ás 19:00 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, preséntase o libro Xeórxicas do pan, de Ramón Otero Pedrayo, publicado en Galaxia. No acto intervirán Francisco Domínguez, director da Fundación Penzol, Manuel Forcadela, Silvia Penas, Víctor F. Freixanes, Ernesto Pedrosa e Alfonso Zulueta de Haz.

Parlamento das Letras: Víctor F. Freixanes

Entrevista de Armando Requeixo a Víctor Fernández Freixanes no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Víctor Freixanes (VF): Ás veces falta ambición. A ver se me explico… Cando o escritor (ou escritora) escriben, sexa en galego ou en calquera idioma, deben facelo contra o mundo, ou pensando no mundo, non para a pequena parroquia. Desgraciadamente traballamos demasiadas veces para a parroquia, para gratificar a parroquia, para compracela e sentirnos aloumiñados por ela (porque ir por libre é moi ingrato e ás veces recibes de todas partes). Na miña opinión, iso empobrece o escritor. Eduardo Blanco Amor foi sempre por libre. Velaí a súa obra e as críticas que recibiu en vida, mesmo de moitos que agora o levan de aquí para alá enriba dunha peaña. Rosalía de Castro tamén ía por libre, alén das artes e manobras de Manuel Murguía… O escritor, ou escritora, deben saber que escribindo en galego escribimos para medirnos con Shakespeare, con Cervantes, con Schiller, con John dos Passos, con Faulkner, con Jorge Amado, con Borges, cos máis grandes, clásicos ou contemporáneos, porque os nosos lectores len tamén fóra da parroquia e a literatura ten sentido se, dende a propia identidade, sabemos facela universal. Tan importante para un escritor ou escritora galegos é Rosalía, Castelao ou Otero Pedrayo coma Dante, Virxilio, Stendhal ou Rulfo. Todos estamos no mesmo universo, cocémonos no mesmo caldo, cheo de interferencias. Enriquecémonos e contaminámonos mutuamente. Ninguén é unha illa, dicía o poeta John Donne.
Se cadra esta é unha das eivas da literatura que estamos a facer: pensamos moito nos nosos pequenos currunchos privados, que ás veces son esferas de supervivencia particular; quedámonos no pequeno curruncho de afiliados simpatizantes e incondicionais (que logo non son tan incondicionais) e pensamos pouco no conxunto da sociedade (tamén da sociedade galega) que é plural e esixente. Menos etiquetas, menos discursos politicamente correctos, menos receitas previsibles e santificadas, menos amiguiños nos que protexernos e máis ambición. Estamos no tempo. Nunca tanta produción houbo. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– VF: Moi plural, moi aberto, como dixen antes. Hai trinta anos todo era “sota, cabalo e rei”. Fóra de Cunqueiro, Blanco Amor, Otero, Castelao, Neira Vilas e algunha outra cousa apenas saïamos da resistencia. Afortunadamente, hoxe a literatura galega amosa unha pluralidade de rexistros que confirman a súa modernidade a todos os efectos. Tamén hai unha produción maior. Para que xurdan picos de excelencia cómpre dispor de bases cuantitativas que os sosteñan e infraestruturas empresariais que os activen e difundan. Unha parte moi importante da miña vida profesional e mesmo da miña actividade intelectual foi nesta dirección: participar activamente na creación de infraestruturas e modelos empresariais de produción cultural para o noso país, sen os cales non hai futuro posible.
Coido que avanzamos bastante. Pero os desafíos tamén son moi fortes: a globalización, os novos consumos, novos valores, novas tecnoloxías, crise financeira, crise económica,. crise demográfica… Vivimos na tormenta perfecta. Mais seguimos carecendo dun proxecto político eficaz, quero dicir: capaz de activar e mobilizar unha maioría suficiente da nosa sociedade, que asuma a identidade do país e os desafíos do seu futuro. Esta é unha reflexión non estritamente literaria, pero que afecta tamén á literatura, á creación, como afecta a todo. Sen lectores non hai literatura, dixen antes. Os lectores son a sociedade. Sen sociedade civil activa, comprometida, ilusionada, mobilizada, non hai país, mellor sería cerrar a tenda.
A xente nova é un territorio que se cadra non estamos a coidar abondo ou coa intelixencia necesaria. Penso nos pais e as nais que non falan galego cos fillos e están a romper a cadea de transmisión afectiva e biolóxica. Penso nas nosas institucións, desorganizadas ou faltas dunha coordinación necesaria, instaladas ás veces no minifundismo. Penso nos nosos políticos, encerellados en guerriñas cativas e nas oficinas de colocación particulares, sen dar co denominador común necesario. Penso na nosa burguesía (das dez primeiras fortunas de España cinco son galegas) que mira para outra parte. Penso nos desafíos da tecnoloxía e da globalización. Penso na demografía… Hai razóns abondo parta ser pesimista. Pero eu non estou por esas. Demasiado cómodo. O máis fácil, intelectualmente, é deixarse levar pola catástrofe do diagnóstico. O difícil é construír, propoñer, crear, imaxinar… Tamén hai razóns para empuxar deste lado: a creatividade da xente, o milagre dun país que segue vivo a pesar da lei da gravidade, o pulo da xente nova, a iniciativa dos que andan por fóra buscando a vida por libre, a potencialidade dos recursos naturais, a identidade (que é un activo impagable)… Lonxe de abaixarnos, isto debe esixirnos máis, obrigarnos a facer autocrítica, e quen non entre por estas e siga a teimar no seu curruncho particular (oficina de colocación) saquémolo de diante. Demos pasos importantes. Pero necesitamos estratexias de unidade, accións compartidas (mesmo cos que non pensan coma nós), unha placa para botarlle xuntos ao edificio, un pacto histórico xeneroso, intelixente… Hai unha chea de cuestións que o esixen: a educación, a lingua, a cultura, o medio natural, a organización do territorio, a ciencia e a tecnoloxía etc. A ambición á que me refería antes é moi necesaria.
Ambición non é o mesmo que cobiza. A ambición é lexítima, universal, aberta, estimula ou debe estimular a creación e a imaxinación. A cobiza é miserable, pataqueira, tende ao sectarismo, desconfía de todo o que non é seu, mata a sementeira nova… Todo isto, aínda que non o parece, está moi presente nas miñas novelas.

Santiago: presentación do número 196 da revista Grial

O xoves 24 de xaneiro, ás 19:00 horas, no Salón de actos do Consello da Cultura Galega, terá lugar a presentación do número 196 da revista Grial, centrada sobre a figura de Carlos Casares. No acto participan Ramón Villares, Víctor F. Freixanes, Dolores Vilavedra e Henrique Monteagudo.

Ferrol: presentación de Verde oliva, de Xavier Alcalá

O mércores 9 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava, 30-32), preséntase Verde oliva, de Xavier Alcalá, publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Víctor F. Freixanes e Alfredo Ferreiro, quen manterá unha conversa co autor.

Freixanes chama a sacar a lingua galega “do gueto do ensino” e apartala “do espectáculo da loita política”

Desde Galicia Hoxe:
“O director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes, pediu este mércores apartar a lingua galega da batalla política e sacala do “gueto do ensino”. “Se o mundo do comercio, do ocio, da publicidade ou os medios de comunicación están noutro rexistro, estanse a equivocar”, apostilou. Ante o conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, Freixanes celebrou o impulso de O libro dos Reis Magos e declarouse “impresionado” polos textos das autoras que participan nesta iniciativa. A liña sequido, Freixanes fixo un chamamento á Xunta e ao conselleiro para “sacar a lingua galega do gueto do ensino” e do ámbito institucional do Parlamento, ao tempo que pediu que se lle aparte do “espectáculo” político. “A lingua non pode estar sometida ao espectáculo permanente, nin aos prexuízos de dous ou tres señores”, advertiu. Por último, fíxose eco da súa propia carta aos Reis Magos pedindo “apartar o espectáculo da loita política” e “ser capaces de poñer a todos de acordo en canto a lingua galega”. “Menos espectáculo no Parlamento e máis traballo nos despachos”, demandou.”