Desde Erregueté:
“A organización da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU) vén de outorgar o seu premio deste ano á xornalista, autora e académica Ana Romaní.
A Mostra de Teatro Universitario de Ourense, que celebra estes días a súa 24ª edición, distingue a aquelas persoas que apoian á cultura, á formación e ao teatro. A organización declarou que “Ana Romaní sempre foi valedora da cultura galega e desde onde estivo e está sempre axudou a unha iniciativa como a MITEU”.
A acta, así mesmo, sinala que “o seu Diario Cultural é un exemplo de programa amante e colaborador coa cultura do país. É unha muller que defende algo tan esencial nunha sociedade democrática como é a cultura e a liberdade de expresión. De aí o noso agredecemento e recoñecemento”. (…)
O Premio da MITEU entregarase o día 11 de maio, no Teatro Principal de Ourense, na clausura da 24ª MITEU. Nesta clausura daranse a coñecer tamén os premios do xurado, do público e de resolución técnica da edición.”
Arquivos da etiqueta: Ana Romaní
Ana Romaní ingresa na Real Academia Galega reivindicando a escoita na creación poética e no xornalismo
Desde a Real Academia Galega:
“No ano 2003, no Teatro Coliseo de Noia, Xohana Torres interveu na homenaxe a Antón Avilés de Taramancos no Día das Letras Galegas dedicado ao escritor. Ambos compartiron infancia á beira do mar, os dous souberon escoitar como poetas, e tamén o fixeron nos programas de radio que gravaron alén e aquén mar. Case dezaseis anos despois daquel 17 de maio, volveron estar presentes no mesmo auditorio, no discurso de ingreso na Real Academia Galega doutra creadora da poesía e da radio: Ana Romaní. A poeta e xornalista, natural desta localidade, convocou estes dous referentes no seu espertar poético, xunto a outras autoras das letras galegas, nunha intervención que foi unha ollada ao mundo desde o feminismo e o comunal e colectivo. E desde ela, fronte á “xordeira”, reivindicou a dignidade da escoita no literario e no xornalismo.
A académica de número Margarita Ledo foi a encargada de lle dar resposta nunha intervención na que repasou a traxectoria literaria e xornalística da nova compañeira de plenario, inzada de recoñecementos, o último deles o Premio Nacional de Periodismo Cultural que concede o Ministerio de Cultura. Da obra literaria de Ana Romaní salientou, entre outros trazos, ese “desexo de comunidade” tan patente no propio discurso que pronunciou hoxe, un “devezo polo común que tamén colle corpo na súa actividade profesional” .
“Hoxe é un día feliz para a Real Academia Galega polo ingreso na institución de Ana Romaní e por estar en Noia, que é unha maneira de levar a RAG polo país. Cando os académicos falamos da súa entrada pensamos na poeta, na activista cultural que leva moito tempo comprometida co país, e tamén na comunicadora”, salientou pola súa banda o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, tras facerlle entrega da medalla e o diploma de académica de número.
Ana Romaní ocupa desde este sábado a cadeira que quedou vacante tras o pasamento de Xohana Torres, (Ferrol, 1929 – Vigo, 2017), “símbolo de decidida navegación e ousadas travesías”. Con ela estableceu o diálogo inicial do discurso titulado Táctil resonancia. Da derrota dun esplendoroso veleiro, as voces flotantes e os cantos das baleas, a bordo dunha nave na que tamén rescatou a voz do poeta noiés Avilés de Taramancos, outra figura decisiva no seu “tear do poético”. A viaxe arrincou sucando o mesmo mar no que a súa predecesora puxera a navegar a Penélope no célebre poema que publicara por primeira vez na Festa da Palabra Silenciada (1987). (…)”
Noia: acto de ingreso de Ana Romaní na Real Academia Galega
Compostela: II Festival de poesía para Corpo Principal, Alguén que respira!
Pontevedra: Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita, os 15 e 16 de marzo
O Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita é unha actividade da AELG, co apoio do Concello de Pontevedra e CEDRO, que terá lugar os 15 e 16 de marzo de 2019, en Pontevedra.
Con esta actividade preténdese reflexionar, nun momento de especial gravidade no relativo á vulneración na Galiza e no Estado español de dereitos culturais, sociais, políticos, etc., sobre a vinculación entre a escrita literaria e a defensa dos dereitos civís e identitarios, da xustiza social e da liberdade de expresión nas súas máis diversas formas. A defensa destes dereitos humanos é a cerna dos valores irrenunciábeis, que guiarán este parlamento na súa temática e convocatoria, así como nas súas reivindicacións e pronunciamentos.
PROGRAMA
Venres 15 de marzo no Pazo Mugartegui (Praza da Pedreira). Entrada libre e gratuíta até completar o aforo.
Tarde
16:30 Mesa redonda. Liberdades civís e dereitos nacionais. Moderador: Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG).
– Relatoras-es: Carme Adán (ensaísta e filósofa), Laura Mintegi (narradora vasca) e Clàudia Pujol (novelista e historiadora catalá, da directiva do Òmnium Cultural).
18:30 Mesa redonda. Violencia institucional, violencia estrutural na sociedade. Moderadora: Mercedes Queixas (secretaria xeral da AELG).
– Relatoras-es: Joan Elies Adell Pitarch (poeta, tradutor, filólogo e director da Institució de les Lletres Catalanes), Ana Luísa Amaral (poeta portuguesa) e Suso de Toro (narrador e ensaísta).
Sábado 16 de marzo
Mañá. Pazo da Cultura. Seminarios 2 e 3. (Rúa Alexandre Bóveda, s/n.).
10:30 a 12:00. Grupo de traballo Feminismos. Identidades. Coordinadora: Marta Dacosta.
– Relatoras-es: Daniel Asorey, María Reimóndez e Antía Yáñez.
10:30 a 12:00. Grupo de traballo Desposesión da terra e da identidade. As migracións de hoxe. A emigración galega no século XXI. Coordinador: Xoán Carlos Domínguez Alberte.
– Relatoras-es: Ana Acuña, Vicente Araguas e Afonso Becerra. Incluiranse comunicacións escritas de varias persoas residentes fóra de Galiza, para completar a perspectiva deste grupo de traballo (María Alonso Alonso e Helena Miguélez-Carballeira).
12:30 a 14:00. Grupo de traballo Lingua e patrimonio cultural. Papel do/a creador/a na sociedade actual e exercicio de dereitos nacionais. Coordinador: Antonio Reigosa.
– Relatoras-es: Pilar García Negro, David Otero e Diana Varela Puñal.
12:30 a 14:00. Grupo de traballo Cultura, medios de comunicación e poderes. A literatura e a creación/expresión literaria como ferramenta construtora dunha sociedade libre. Coordinadora: Rosalía Fernández Rial.
– Relatoras-es: Manuel Bragado, Camilo Franco e Ana Romaní.
Tarde. Teatro Principal (Rúa Paio Gómez Chariño, 6). Entrada libre e gratuíta até completar o aforo.
17:00 a 19:00 Lectura e debate das achegas das mesas e grupos de traballo anteriores. Cesáreo Sánchez, Mercedes Queixas, e as/os coordinadoras/es dos grupos de traballo da mañá.
19:30 Acto literario e musical. Con Xosé María Álvarez Cáccamo, Tamara Andrés, Marica Campo, Berta Dávila, Estíbaliz Espinosa, Antonio García Teijeiro, Antía Otero, Eli Ríos, Manuel Rivas, Xavier Seoane e Rafa Vilar. Conducen: Aldaolado (Lucía Aldao e María Lado).
Crónica fotográfica do acto central do Día de Rosalía de Castro 2019
Estas son algunhas das fotografías do acto central do Día de Rosalía de Castro 2019 no Panteón de Galegos Ilustres, que tivo lugar o domingo 24 de febreiro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Día de Rosalía de Castro 2019

Pode descargarse o cartaz en formato .pdf aquí.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.
Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.
Para a edición de 2019 Ana Romaní é a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, que terá lugar o propio domingo 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG. así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remitirá a concellos, asociacións, centros de ensino.
*Manifesta que escribe, escribe, escribe. E a escritura é unha acción.
*Manifesto eu que escribir ela así no seu tempo é unha acción contra os grillóns da escravitude. Libre o seu pensamento
*Manifesta o poema
o espolio dunha perenne miseria,
as violacións a roupa de cote puñéronma en tiras,
a inxustiza social sin abrigo tembra,
os desafiuzamentos embargaránnos todo,
o abuso laboral que se amargo pan vos ganan / dádesllo envolto en veneno
os éxodos en errantes hordas.
Do XIX ao XXI
*Manifesto eu que un poema con palabras da lingua que eu falo –que non é aquela que bastardean nas mais ilustradisimas provincias– aínda hoxe é un Manifesto. A miña infeliz patria tan desventurada
*Aqués que tén fama de honrados na vila. Galicia. Ano 2017. 82 agresións sexuais
raposos de sangre maldita. Galicia. Ano 2017. 6436 denuncias por violencia de xénero
vendéume a xusticia. manda, manda, manda, fato, rabaño
Dun golpe!
– Manifesta acción o poema –
*Na xa vella baranda un corpo fala. Arrima o seu seo e no frío da reixa tatúa incisións. Traspasa as nosas carnes.
*Estas migallas de liberdade. Alertou. Tenteamos nós compracentes os rostros que nos cegan.
*Aquelas escuras e valerosas heroínas que viven e morren levando a cabo feitos marabillosos por sempre ignorados. – Manifesta que existen –
*De humanos seres a compauta linea polas fronteiras pechadas en columnas nómades, en fronte o arame.
Do XIX ao XXI
*Escrito en medio de todos-los desterros. – Manifesta que sabe que non a escoitan –
*Do meu dor sin igual i a miña afrenta traidora se mofaban. Prende o computador, algún dispositivo. Ladran.
*Manifesta que o poema é o lugar onde a voz afía a sombra.
*Indóciles nos camiños desertos eses versos.
*Cantos de independencia e liberdade. Manifesto.
*Acción que se inunda e anega. Cantarte hei
Ana Romaní
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#LibreOMeuPensamento_rdc_19
O Manifesto pode descargarse en formato .pdf aquí.
Nesta ligazón poden descargarse tamén as indicacións sobre a procedencia dos versos rosalianos utilizados no Manifesto.
Actos promovidos pola AELG
Acto central
O 24 de febreiro. ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago, vai ter lugar o acto central do Día de Rosalía, con entrada libre.
O domingo 24 de febreiro, ás 12:00 horas, terá lugar o acto central do Día de Rosalía, con entrada libre. Este é o programa:
– Coral da Asociación cultural e musical Solfa
A Rosalía Letra: Manuel Curros Enríquez
Música: J. Alfredo Oliveira
– Coral da Asociación cultural e musical Solfa
Cantiga do meu muíño Letra: Fiz Vergara Vilariño
Música: Baldomero Iglesias, arranxos F. Tobar
– Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias
– Lectura do Manifesto da AELG
– Lectura de poemas rosalianos
Amelia García Hervella
Carlos Jiménez
Luz Méndez
Marga Pazos
Ana Pérez
Belén Regueira
Eva Sandino
Pilar Leiva
Aldara Lueiro Oliveira e Mencia Iglesias Otero, e Xerardo Rodríguez e Paco Susavila
Lucía Veciño
– Coral da Asociación cultural e musical Solfa
Has de cantar Letra: Rosalía de Castro
Música: Antonio B. Celada Alonso
– Coral da Asociación cultural e musical Solfa
Na beira do mar Letra: Rosalía de Castro
Música: Antonio B. Celada Alonso
– Ofrenda floral
– Interpretación do himno
Alén deste acto central, a AELG, en colaboración coa súa base asociativa, organiza lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro.
En todos estes actos lerase o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborou a escritora Ana Romaní.
A Coruña
A AELG e a A. C. Alexandre Bóveda realizan unha lectura pública da obra de Rosalía, o domingo 24 de febreiro, ás 18:00 horas, diante do teatro que leva o seu nome, na rúa Rego de Auga, o Teatro Rosalía de Castro.
Convidámoste a achegarte para participar lendo a obra da nosa poeta máis universal. Se tes escollido o poema que queres ler fáinolo saber neste correo: secretaria.xeral@aelg.org e xa cho reservamos.
Lugo
Vigo
O 24 de febreiro, ás 18:00 horas, terá lugar unha ofrenda floral na imprenta Juan Compañel (Rúa Real, 12), e posteriormente terá lugar unha ruada até o local da Federación de AA. VV. Eduardo Chao (Praza da Princesa, 7, 2º). Este acto está coorganizado pola AELG e a Asociación Cultural O Castro.
Arteixo
Os 19 e 22 de febreiro, ás 11:00 horas, na Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal”, Ana Hermida (Lisístrata Asociación) achegará a figura de Rosalía ao alumnado do IES Manuel Murguía con “Tecín soia a miña tea”, cunha Rosalía loitadora, feminista, comprometida e dona dunha obra de inmensa valía.
Este ano celébrase a quinta edición do concurso de poesía en homenaxe a Rosalía de Castro, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Arteixo a través da Rede Municipal de Bibliotecas. Haberá 12 nenas e nenos que recitarán a súa propia obra, de entre 8 e 12 anos, que levarán un agasallo pola súa partipación, outro por cada unha das tres categorías e a persoa gañadora recibirá o premio final. Ana Hermida dará lectura ao Manifesto da AELG e tamén fará unha dramatización da obra á Rosalía de Castro, mentres delibera o xurado composto polo Clube de Lectura da Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal”.
A cita con Rosalía e coa poesía será o sábado 23, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 11:30 h. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.
Bertamiráns, Ames
Betanzos
Desde o Concello de Betanzos, como en anos anteriores, súmanse á celebración do Día de Rosalía cunha programación ao longo de todo o mes de febreiro que terá como acto central unha gala o 22 de febreiro.
Boiro
Durante o acto de presentación do libro Xeración perdida. Representatividade institucional e represión. As corporacións municipais da provincia da Coruña na II República, nun acto que terá lugar o venres 22 de febreiro, ás 20:30 horas, no Centro Social do concello de Boiro (R/ Principal, 77 – Boiro), haberá unha lectura de poemas da Rosalía de Castro. Podedes traer os vosos textos e participar coa vosa lectura nesta homanaxe.
Cervo
O 24 de febreiro, ás 12:00 horas, a A. C. R. Fervenza de Sargadelos organiza un acto de presentación de varias obras de Antía Yáñez, sumarase á lectura do Manifesto da AELG.
Cospeito
O 24 de febreiro, no Museo das Aves de Cospeito, terá lugar un acto organizado polo Concello de Cospeito e Culturalia GZ, en colaboración coa AELG, que consistirá primeiramente na lectura do Manifesto elaborado por Ana Romaní. Deseguido virá o momento do recital de poemas rosalianos ou de autoría da/-o participante e que aludan á autora homenaxeada. Ademais dun grupo de poetas convidadas/-os, tamén se contará coa participación de estudantes do centro de ensino de Cospeito e/ou arredores e calquera outra persoa que desexe recitar ou amosar o seu aprecio pola figura de Rosalía.
Para a divulgación deste evento cóntase coa cesión dunha imaxe de Rosalía realizada dixitalmente pola artista Adolfina Mesa, quen tamén traballou na elaboración do cartaz anunciador. Ao remate do acto tamén se ten previsto a entrega de diplomas ás persoas participantes para deixar constancia da súa intervención neste día de celebración rosaliana.
Fisterra
Fundación Rosalía
Así serán as actividades organizadas pola Fundación Rosalía do 21 ao 24 de febreiro, alén das convocatorias globais da Alborada de Rosalía e o Caldo de Gloria:
21 de febreiro
11.00. Casa-Museo: plantación do Carballo de Gernika na horta da Casa. Nela participará a Presidenta das Juntas Generales de Bizkaia, Ana Otadui.
20.00. Auditorio de Rois: presentación do número tres de Follas novas. Revista de Estudos Rosalianos.
22 de febreiro
12.00 Concello de Padrón: Ofrenda floral, pasarrúas, recitais e concertos.
20.00 Auditorio de Padrón: interpretación poética, concertos, etc.
23 de febreiro
13.00. Casa-Museo. Estrea da peza musical escrita por Loliña Mosquera “Caldo de groria”, interpretada pola Banda de Padrón e a Coral Padronesa.
24 de febreiro
En Compostela:
11.00. Praza de Vigo: primeira alborada de Rosalía
11.30. Estatua da Alameda: inicio da marcha cara ó Hostal
12.00. Hostal dos Reis Católicos: ofrenda na pía e acto institucional con:
– actuación dun grupo de escolares de primaria de Ponteceso
– intervencións institucionais con lectura de textos rosalianos
– actuación musical de Canto d´Aquí
– peche coa Alborada de Rosalía
En Padrón, na Casa de Rosalía:
17.00. Acto de peche das Converxencias Galicia/Portugal, con actuación do grupo portugués Canto d’Aqui
19.00. Caldo de Gloria aberto ao público, elaborado pola escritora Ledicia Costas.
Guitiriz
O sábado 23 de febreiro, ás 19:00 horas, na Casa Habaneira, e no marco do acto de entrega dos premios do #CertameVilariñas2018 e a homenaxe a Alfonso Blanco, presidente da A. C. Xermolos, terá lugar un acto poético e musical polo Día de Rosalía de Castro 2019.
Oleiros
O domingo 24 de febreiro, o Teatro As Torres de Santa Cruz acollerá un acto de homenaxe á poeta, no que ademais as persoas gañadoras do Premio Literario Descubrindo Oleiros recibirán o premio. O acto terá lugar ás 12:00 horas. Farase unha homenaxe a Rosalía coa actuación de Ramiro Neira e coa participación de alumnos e alumnas do obradoiro Cóntame un Conto realizarase unha interpretación dalgúns dos contos gañadores noutras edicións.
Ourense
A Facultade de Ciencias de Educación, a Biblioteca Rosalía de Castro e a Vicerreitoría do Campus de Ourense organizaron para o luns, 25 de febreiro, unha xornada conmemorativa do Día de Rosalía. Entre outras actividades convócase un concurso de decoración libre de máscaras e “pensamento”. Pódense consultar as bases e descargar a imaxe para a máscara aquí.
Outeiro de Rei
A Casa-Museo Manuel María organiza unha pequena homenaxe popular, o domingo 24 de febreiro, ás 12:30 h, frente á Casa-Museo, en que se intercalará a música co recitado e a lectura de poemas de Rosalía.
A maneira coa que se pode participar nesta actividade pode ser calquera destas:
– Alborada para Rosalía. Cada grupo tradicional ou as gaiteiras e gaiteiros que se queiran anotar (contacto@casamuseomanuelmaria.gal), tocarán, unha peza en honra de Rosalía (poderá ser a Alborada ou outra que queiran). Esta actividade está promovida pola Asociación de Gaiteiras/os Galegas/os e a Fundación Rosalía. Haberá música de Os Minhotos, a gaita de Sara do Mosteiro e o tamboril de David Rodríguez, así como as pandeiras de alumnas do colexio de Outeiro e quen se queira sumar.
– Rosalía na túa voz. As persoas que queiran poderán recitar ou ler un poema de Rosalía. Para isto cómpre enviar, para non repetir poemas, un correo electrónico (contacto@casamuseomanuelmaria.gal) co nome da persoa, o poema que vai ler ou recitar e un número de teléfono de contacto.
– Asistindo e gozando da actividade.
Ribadeo
O 23 de febreiro, ás 21:00 horas, no Auditorio Municipal Hernán Naval, antes do concerto de Susana Seivane, lectura do Manifesto a cargo de 3 alumnas e 1 profe do IES de Ribadeo. A maiores imprimiuse o texto para dar coas entradas ao espectáculo e para levar aos centros de ensino.
Santiago de Compostela
O venres 23 de febreiro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 19:30 horas, con entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala, terá lugar unha Homenaxe a Rosalía de Castro mediante a dramatización dos seus poemas, Tecín soia a miña tea, por Ana Hermida (Lisístrata Asociación). Este espectáculo pretende amosar unha Rosalía actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra…
O sábado 23 de febreiro, a partir das 18:00 horas, A Sega máis a A Lila celebran o 182 aniversario de Rosalía de Castro. Haberá merenda, xogos, poesía e… sorpresas! ;). Le o teu texto de Rosalía favorito e entra…
Viana do Bolo
Viveiro
O Concello de Viveiro desenvolve o proxecto denominado “Andares Gallegos”, unha iniciativa que nace coa pretensión de levar a obra de Rosalía á rúa e coa vontade de ter continuidade nos vindeiros anos, ampliando, cada ano, a súa extensión e proxección. Dentro do proxecto, que desenvolve a empresa viveirense LAG, nesta primeira anualidade realízanse dúas accións diferentes. Unha primeira, que é sorpresa que se descobre o dia 24 de febreiro nas rúas do municipio, e unha segunda, que se levará a cabo o día 25 de febreiro, na biblioteca municipal. Todas as persoas socias que se achegan nese día á biblioteca para coller un libro prestado levan unha tote bag ilustrada cuns versos de Rosalía de Castro (hai un tope de 100 unidades, das que só se entregan unha por carné).
Estes son os centros que nos comunicaron a súa participación:
- CEP Carlos Casares de Alxén, Salvaterra de Miño. Participará o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria. Co resto do alumnado: 1º, 2º, 3º e 4º, faremos un programa de radio onde recitarán os seus poemas.
- CEIP A Ponte (Lugo).
- CEIP Albeiros (Lugo).
- CEIP Belesar (Baiona).
- CEIP Carmen García Carrasco, de Cenlle. O que fixemos foi, ao longo da semana, pensar e representar cada un dos versos do manifesto de Rosalía, que o seu alumnado plasmou a través de diferentes fotografías coas que construíron diferentes murais, en grupos. Todos eles tiñan algo en común: Rosalía e o seu libre pensamento que representaron a través de elementos distintos: música, bolboretas, mans… Con elas gravaron unha manifesta-acción protesta na que participou todo o alumnado do centro. Ademais, realizaron un díptico pequeniño sobre Rosalía, coloreando a súa imaxe, ilustrando un dos seus poemas (pois este ano as Bibliotecas escolares enfócanse á poesía) e lendo unha pequeniña reseña da súa biografía. Aquí pode verse un resumo do feito.
- CEIP de Celeiro (Viveiro). O 22 de febreiro tivo lugar un acto público na Praza do Chao en Celeiro, realizando un pequeno vídeo coa Mani-Festa-Acción, recitados e cancións de creación propia cos poemas de Rosalía Viuda de vivos, viuda de mortos e Pasa Río… Todos os traballos recóllense na Páxina Especial onde figuran todas as actividades realizadas ao longo dos diferentes cursos. Pode verse aquí o resumo da celebración destas actividades.
- CEIP de Cespón (Boiro). Foron moitas e variadas as actividades programadas polo Equipo da Biblioteca e Dinamización da Lingua. Na biblioteca o alumnado realizou distintos xogos coa vida e obra de Rosalía: sopas de letras, crebacabezas, poemas misteriosos… Desde Dinamización, baixo o lema “Maniféstate con Rosalía” e seguindo a proposta da Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega, cada curso deseñou unha cartolina, copiando un poema no que Rosalía denuncia algunha inxustiza social: pobreza, violencia de xénero, desafiuzamentos, … Outra actividade moi doce foi a elaboración de caramelos con poemas de Rosalía. Estes caramelos foron levados a establecementos da contorna, para espallar a obra de Rosalía. Máis información no blog da Biblioteca do centro.
- CEIP Couceiro Freijomil (Pontedeume). O 22 de febreiro levará a cabo a celebración do Día de Rosalía coa actividade EU SON ROSALÍA, que forma parte do seu Proxecto Plurianual, “O GALEGO NAS NOSAS MANS”. Este curso 2018-2019 unirán o PDI do centro: “Bo Proveito!!” con poemas de Rosalía nos que fala da comida e da fame. A actividade na que participará todo o colexio, consistirá en posar ante un gran mural coas fotos de Rosalía, portando cartolinas cos seus versos. Posteriormente, con todo o material farán unha presentación que divulgaremos mediante o blog A Casqueira, a web do centro, o blog da Biblioteca “O Xardín do Pasatempo” e os blog de aula. Tamén durante toda a xornada soará música cos poemas de Rosalía polos corredores do colexio.
- CEIP de Ardán (Marín). Poden verse aquí as actividades levadas a cabo nesta edición.
- CEIP de Frións.
- CEIP Monte dos Postes de Santiago de Compostela. O alumnado fará unha manifestación no centro portando as pancartas cos versos de Rosalía asociados a unha inxustiza social.
- CEIP O Pombal (Vigo).
- CEIP Os Tilos (Teo). Traballaron na aula o poema “Miña casiña, meu lar”. A temática del xira arredor da inxustiza social, conta as dificultades que ten a protagonista para cociñar unha simple pota de caldo. Cada aula elixiu unha estrofa que transcribiron a unha cunca. Posteriormente gravarán a lectura do poema cos nenos e nenas do colexio. O venres 22 festexan o día coa visita duns gaiteiros.
- CEIP Plurilingüe A Cristina de Carballo. Aquí poden verse as actividades levadas a cabo nesta edición.
- CEIP Plurilingüe A Pedra de Bueu. O proxecto anual do centro xira ao redor dos dereitos humanos, polo que o poema elixido foi Prá Habana, incluído dentro de Cantares Gallegos. Denúnciase nel a miseria do pobo galego, que fai que moitas persoas se vexan obrigadas á emigración. Rosalía reclama o dereito á vivenda, o dereito a ter un traballo digno, o dereito a circular libremente polo mundo, o dereito á familia. Podería ser un poema do século XXI, pois as reivindicacións actuais seguen a ser as mesmas. Poden verse todos os vídeos no blog do Equipo de Dinamización Lingüística do centro, aquí.
- CEIP Plurilingüe A Torre-Cela. Durante os recreos, o alumnado voluntario participa coas suas ideas e creatividade na creación dun mural semllante á do cartaz. Ademais, mandaremos para facer coas familias un pequeno traballiño de creatividade e busca de verbas de Rosalía relacionadas coa etiqueta e co noso proxecto de centro, “O despertar das sementes”. Así mesmo, o día 22 faremos unha lectura en alto na biblioteca de poemas de Rosalía.
- CEIP Plurilingüe Andrade (Pontedeume). O alumnado de Educación Infantil e Primaria fará un recitado de poemas de Rosalía arredor destas temáticas: acción e loita por Galiza, os éxodos (emigración), os desafiuzamentos, a inxustiza social, o abuso laboral e o maltrato. Acompañando o recital, presentaranse imaxes actuais alusivas a estas temáticas.
- CEIP Plurilingüe Lagostelle de Guitiriz. O 22 de febreiro levaranse a cabo varias actividades. Entre elas, faranse marcapáxinas con debuxos e poemas, flores de papel e un mural-collage con debuxos do alumnado máis novo do colexio. Ademais, farase un recital entre todo o alumnado e profesorado do centro.
- CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro (As Neves). Cada curso desde Infantil ata 6º de Educación Primaria está a elaborar un cartaz sobre diferentes temáticas sociais presentes nas obras de Rosalía.
- CEIP Plurilingüe Rosalía de Castro (Vilagarcía). Cartaz da actividade de Rosalía realizada polo alumnado de 5º EP do colexio.
Cartaz realizado polo alumnado de Educación Infantil:
- CEIP Plurilingüe San Clemente de Cesar de Caldas de Reis. Visitamos a Casa Museo de Rosalía de Castro. Ao chegar ao centro visionamos todos xuntos os nosos traballos feitos ao longo da última quincena para conmemorar o Día de Rosalía. Traballáronse inxustizas sociais como a emigración, a desigualdade, o acoso laboral, o machismo e as violacións a través dos poemas Tecín soia, Adiós ríos, adiós fontes, Daquelas que cantan, Casteláns de Castela, Xan e A xustiza pola man. Elaboráronse pancartas e recitáronse os poemas de Rosalía.
- CEIP Plurilingüe Virxe do Mar de Narón.
- CEIP San Martiño (Salcedo). Os días previos realizaron entre todo o alumnado do centro un mural titulado “O xardín de Rosalía”. Os nenos e nenas traballaron diferentes textos da autora galega, reflexionando sobre a vixencia do amplo abano de inxustizas sociais, incluída a situación da lingua galega, presentes na obra de Rosalía de Castro. Para facer este mural, o alumnado escribiu diversas poesías de Rosalía nas flores. O venres 22 de febreiro realizaron unha Mani-FESTA-acción simbólica arredor de tres poemas escollidos polo alumnado. Os poemas recitados foron os seguintes: 3ª curso de Educación Primaria: “Na Catedral”; 4° curso de Educación Primaria: “Miña casiña, meu lar”; e 6° curso de Educación Primaira: “Campanas de Bastabales”. Poden verse as actividades realizadas no blog da Biblioteca do centro.
- CEIP Vicente Otero Valcárcel de Carral. Seguirase a proposta da AELG coa elaboración dunha pancarta reivindicativa por aula.
- CEIP Vistahermosa (Ourense). En Plástica ilustraron e crearon cómics inspirándose nos poemas da autora. Tamén se fixeron varios murais plásticos nas clases de infantil, e Rapazas e rapaces de 6º deseñaron unha infografía robótica –> Rosalía ReBOTada.
Na infografía aparecen os datos máis significativos da biografía e obras da poeta cun circuíto, para os mBots, cos lugares onde viviu. Cada robot portaba unha pancarta con mensaxes que xurdiron da lectura dos versos de Rosalía e asociados a situacións de inxustizas sociais que afectan as mulleres. #LibreOMeuPensamento_rdc_19 (AELG).
Creamos un piano virtual, para tocar cos robots cancións dedicadas a Rosalía: adios ríos, adios fontes e Parabéns para ti
A homenaxe continúa xa que relacionamos Día de Rosalía con # 8M día da Muller. O venres, 8 de marzo, Celebraremos unha mani-FESTA-acción con pancartas elaboradas nas aulas que reivindiquen os dereitos das mulleres ou que denuncien a inxustiza social que seguen a sufrir en pleno século XXI. Máis información aquí.
- CEP Carlos Casares de Alxén (Salvaterra do Miño).
- Colexio San José de Cluny. A Federación de Escolas Católicas en Vigo celebra o Día de Rosalía o venres 22 de febreiro, de 10:00 a 12:00, coa participación de sete centros, co alumnado de 5º de Educación Primaria, sendo preto de 500 alumnos e alumnas, máis o profesorado acompañante. A xornada consistirá na celebración de Obradoiros rosalianos, un espectáculo lúdico-teatral-musical e a posterior lectura de textos de Rosalía, así como do manifesto, e entrega de agasallo-lembranza.
- CPI Ponte Carreira.
- CPR Cardenal Cisneros (Ourense). Caixa Rosaliana en Cisneros. Esta Caixa viaxará polas aulas do centro comezando en Educación Infantil. Á súa chegada a cada unha delas analízase o que contén relacionándoo coa escritora; antes do envío incorporarase algún elemento máis. O venres 22 reunirase a Comunidade Educativa e abrirán a caixa comentado todo o material, coñecendo o sentir de Rosalía. Haberá lectura compartida de poemas e do Manifesto 2019.
Rosalía sae á rúa. Alumnos e alumnas de Cisneros preparan na súa aula, durante a semana do 18 ao 24 de febreiro un traballo que presentarán no colexio o día 22 e que sairá á rúa o 24 de febreiro para instalarse na Praza Maior da cidade ás 13 h. Recortes de prensa asociados a versos de Rosalía escritos sobre bolboretas, cubrirán un panel; ao seu carón as novas que desexamos. #LibreOMeu Pensamento_rdc_19, os pensamentos voarán nas ás das Bolboretas.
Lectura de poemas e participación activa da cidadanía interactuando co alumnado e Rosalía. Unha actividade na que colaboramos un ano máis co grupo Rosalauria.
- CPR Plurilingüe La Merced (Sarria). Elaboraranse pancartas reivindicativas por parte do alumnado de 5º e 6º de EP e da ESO coa posterior manifestación no centro portando as pancartas cos versos de Rosalía asociados a unha inxustiza social. O resto do alumnado fará outro tipo de actividades relativas á figura de Rosalía de Castro (recitado de poemas, debuxos alusivos a escritora e á mani-FESTA-acción, etc.).
- CPR Plurilingüe María Auxiliadora de Ourense (Salesianos). O venres 22, sumándose á iniciativa da Fundación Rosalía de Castro, o comedor escolar de Salesianos incluirá caldo no menú escolar do día 22 de febreiro. Lerase o poema de Rosalía “Caldo de Gloria”, incluído en Follas Novas. Tamén o venres 22 terá lugar unha asemblea de vogais de Normalización da Lingua Galega de cada curso de secundaria ás 12:30 para levar a cabo o Xesto visual: todos somos Rosalía!, un recitado de varios poemas de Rosalía polo alumnado, escoitar a canción “Día de Rosalía”, un diálogo sobre como potenciar o galego no noso centro arredor dun colacao e a clausura do acto coa foto lembranza “Todos somos Rosalía!”. O luns 25, a Coordinadora dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) dos colexios de Escolas católicas da cidade de Ourense organiza, de 11:30 a 12:30 h no salón de plenos da Deputación provincial de Ourense, unha representación do alumnado dos colexios Maristas, Josefinas, Carmelitas, Franciscanas e Salesianos da cidade de Ourense. O acto consistirá na lectura dun manifesto, recitado de poemas e cancións sobre a Rosalía.
- EEI de Vilalba. Mural feito polo alumnado de 3 a 6 anos do centro. Levarán para casa marcapáxinas e aprenderá uns pequenos versos.
- IES Agra do Orzán (A Coruña). Profesorado e alumnado participarán recitando a Rosalía con diferentes acentos (francés, brasileiro, ruso, senegalés, etc.).
- IES Arcebispo Xelmírez I e o IES Rosalía de Castro. ManifestACCIÓN xunto á estatua da escritora, na Alameda compostelá, baixo o lema LIBRE O MEU PENSAMENTO. ROSALÍA DE CASTRO 19, tendo como base a proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Abriu o acto a alumna Sálvora Ferreirós, do IES Xelmírez I. As alumnas do IES Rosalía de Castro Xoana Lema Barcia e Carolina Silva Rey leron o manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Despois procedeuse á lectura multilingüe do poema “Adiós ríos, adiós fontes” por parte do alumnado do Xelmírez, na seguinte orde [cada alumna/o leu unha estrofa, ata completar as 11]: Galego: Xela Rodríguez; Xaponés: Miu Abal Ohashi; Ruso: Elisazaveta Larina; 4 Catalán: Catalina Figueroa; 5 Árabe: Assya Laraaich; 6 Portugués: Eva Iglesias Gómez; 7 Éuscaro: Lucía Maiora Rodeiro; 8 Francés: Anxo Boquete; 9 Alemán: Zaira Raña; 10 Inglés: Martín Becerra; e 11 Italiano: Vera López Morán. A continuación, alumnos e alumnas do IES Rosalía procederon á Lectura de tres poemas de Rosalía de Castro: “Daquelas que cantan”. Jaime Candamo López; “Xan”: Teo Gómez López e Celia González Rodríguez; e “Tecín soia a miña tea”: Laura Blanco López. A Concelleira de Igualdade, Marta Lois, entregou, xunto á responsábel da Biblioteca do centro, o premio á mellor chapa conmemorativa do Día Internacional da Lingua Materna á alumna do IES A. Xelmírez Marina Salgado López. O acto terminou cunha cadea humana arredor da estatua da escritora. As fotos son de Adrián Aceituno e Brais Merelas, alumnos do ciclo no IES A. Xelmírez I.
- IES Auga da Laxe de Gondomar (Pontevedra). O 22 de febreiro farase a lectura do manifesto elaborado por Ana Romaní para este día e mais o recitado por parte dos alumnos dalgúns poemas da autora. Esta actividade realizarase durante o recreo no vestíbulo do noso centro. Tamén difundiremos o lema “Na fronte, unha estrela; no bico, un cantar”, inspirado no poema “A Rosalía” de Curros, e así convidaremos a que ese día todos levemos na fronte unha estrela (de pegatina que suministraremos ás persoas que queiran) e no bico un cantar (o recitado de textos).
Ademais, durante a semana, colocaremos algúns textos nas paredes dos corredores e escaleiras, co lema e a data, para ir creando ambiente. - IES Carlos Casares (VIgo). O alumnado da Revista escolar do centro, Manda Carallo, argallou unha gran pancarta ilustrada co lema proposto: Do XIX ao XXI: Libre o meu Pensamento! e carteis máis pequenos co amplo abano de inxustizas sociais presentes na obra de Rosalía. Despois, coa axuda de alumnado representante de todos os niveis da ESO gravaron una Mani-FESTA-acción simbólica ao redor do IES. Velaquí o resultado: LIBRE O MEU PENSAMENTO
- IES Gregorio Fernández (Sarria). Subiron un programa especial sobre Rosalía na súa radio escolar. Trátase dunha nova entrega de Poesía es ti. Pode escoitarse aquí.
- IES Laxeiro (Lalín). Pode verse o vídeo da actividade aquí.
- IES Leiras Pulpeiro (Lugo). A actividade desenvolta pode verse no blog do EDL e no Facebook do centro.
- IES Miraflores (Oleiros).
- IES Monte Neme (Carballo). Poden verse aquí varios textos traballados polo alumnado do centro. As súas farmacéuticas tituladas, cuxa especialidade é a Farmapoética, repartiron medicina para a alma a todo aquel que quixo achegarse ao seu posto.
- IES Pedregal de Irimia (Meira). O alumnado participa no Día de Rosalía recitando poemas con acompañamento musical. A actividade será gravada en vídeo e difundida a través das redes sociais do centro.
- IES Terra de Turonio de Gondomar. Farase un programa de radio o día 22 de febreiro, en que se lerá o manifesto e se recitarán algúns poemas da autora. Previamente, elaboraranse pancartas cos versos da autora e colocaranse na entrada do centro.
- IES Valle-Inclán (Pontevedra). Faremos lecturas da obra de Rosalía e do manifest(o)acción elaborado por Ana Romaní, na Biblioteca do centro o día 22 de febreiro. Daremos visibilidade e mobilidade ao Acróstico Rosaliano (R= Revolución; O= Ortoño; S= Sombra; A= Afouteza; L= Libre; Í= Inmensa; A= Actual). Outras aulas seleccionarán e comentarán versos da autora, poñéndoos en relación coa actualidade desde o día 19 ata o 22 de febreiro. Elaborarán pancartas reivindicativas para unha posible Mani-Fest-Acción no centro.
- IES Xograr Afonso Gómez de Sarria. Participa no Día de Rosalía de Castro a través de distintos actos: lectura do manifesto da AELG nas ondas de Radio Xograr na hora de lecer do venres 22 de febreiro, exposición gráfica dos traballos realizados polo alumnado, e lectura de poemas reivindicativos de Rosalia de Castro ao longo da semana.
Proposta da AELG para levar unha moción aos plenos dos Concellos para declararen o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro
A AELG vén impulsando desde 2011 esta iniciativa, e xa aprobaron a moción os seguintes concellos:A Coruña, A Estrada, A Guarda, A Pobra do Brollón, A Rúa de Valdeorras, Allariz, Ames, Arteixo, Baiona, Bergondo, Betanzos, Bueu, Burela, Cambados, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, Cerceda, Chantada, Entrimo, Fisterra, Foz, Lalín, Lobeira, Melide, Miño, Muros, Narón, O Rosal, Ourense, Padrón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Rianxo, Ribeira, Riotorto, Rodeiro, Rois, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade. Sumáronse tamén as Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra.
A AELG seguirá a facer chegar aos plenos unha moción neste sentido solicitándolles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.
Noia: presentación de Campo aberto, de César Souto Vilanova
Ana Romaní: “Falar desde ese lugar de servizo público é un trazo diferencial”
Entrevista de Laura R. Cuba a Ana Romaní en Adiante.gal:
“(…) – Adiante (A): O espazo [Diario Cultural] tivo un compromiso social moi firme. Que imaxe da cultura galega se deu desde o programa? Hai risco de caer en estereotipos neste labor?
– Ana Romaní (AR): O risco do estereotipo, do lugar común e da conformación dun único discurso existe sempre e hai que estar sempre moi pendente de non caer niso. Creo que o contexto do Diario Cultural é moi relevante. É un espazo cultural nun medio público. Iso xa é un marco que obriga a respectar unha lei que di que cómpre unha defensa do idioma. Nós soubemos sempre que eramos un espazo de servizo público. Iso implica un discurso de pluralidade. Escasamente dogmático e sempre interrogante, interaccionante co que acontece. Falar desde ese lugar de servizo público é un trazo diferencial.
– A: Alén de traballar nun axente cultural versátil, tamén es académica. Este ámbito é frecuentemente sinalado polo inmobilismo cultural. Pode o teu ingreso supor un vento fresco desde dentro da institución?
– AR: Con respecto ao da academia, aínda non entrei. Efectivamente, xa teño un pé dentro. Foi unha decisión complicada e difícil. Xa o teño dito nalgunha ocasión, non son persoa de institucións. Son estruturas ás que non son moi dada. Vaia por diante, eu agradezo moito a consideración dos membros da Academia, mais resultoume difícil. Non obstante, ao mesmo tempo considero que as institucións culturais son necesarias. O país necesita de institucións culturais permeábeis que se fagan cargo das súas urxencias sociais e culturais. Nese sentido, iso comprométeme no senso en que todas e todos por activa e pasiva somos responsábeis de como se desenvolve o sistema. Descoñezo a institución por dentro, non sei como é, que dinámicas establece, como se traballa dentro, que se pode facer… Tentarei ser honesta comigo mesma. (…)
– A: Ao longo destes anos, pensas que este abandono da cuestión social acusouse moito na área de cultura?
– AR: Eu podo explicar o que vivín desde o Diario Cultural. Nós fixemos un exercicio de resistencia. O programa foi pasando por moitas épocas, foi reinventándose e reformulándose constantemente en función tamén dos recursos dos que dispuña. Estes foron reducíndose e minguando co paso dos anos. Ás veces é moi difícil desenvolver un traballo cultural cunha merma de espazo, medios e recursos. Nós desenvolvemos o traballo nesas circunstancias, e tamén é certo que cando hai que aplicar recortes por cuestións de orzamento, a cultura é dos primeiros sectores en se resentir. (…)
– A: Desde a organización do premio valoraron o teu compromiso social, que tamén se filtra a través do teu compromiso feminista. A cultura, a música e o propio xornalismo son territorios moi masculinizados.
– AR: Unha cousa é a participación das mulleres nos distintos ámbitos sociais, que é unha cuestión de xustiza social e equidade. Outra cuestión, a que me interesa, é o feminismo, que o concibo como un proxecto emancipador, de construción de futuro e de alternativa social. Interésame e alimento ilusionada e con expectativas os cambios que os feminismos e as feministas poidan introducir nos distintos ámbitos da vida. Iso é o que máis me interesa. Estamos nun sistema que ten uns mecanismos que funcionan dunha determinada maneira. Ten unhas normas, uns códigos no simbólico, no cotián… que é o sistema patriarcal que eu cuestiono. A min paréceme que é un sistema que se reactiva reformulado con outras aparencias constantemente. Eu creo que, nese senso, hai que estar moi vixiantes e moi atentas porque obviamente hai moitos avances, aí está o 8M do ano pasado, mais hai unha reactivación do sistema reformulado baixo outra aparencia mais que segue aí. Por exemplo, os asasinatos das mulleres é unha fenda social. Cada asasinato abre un abismo social que nos implica a todas e todos. É unha fenda na nosa liberdade e dignidade colectiva como sociedade. É un estado de agresión constante no que vivimos desde o simbólico e xa non só nas violencias e agresións. Estamos vivindo nunha especie de disfunción, porque por un lado temos os discursos de corrección mais por outro lado é un territorio de barbarie. (…)”
Ana Romaní: “Os medios públicos galegos teñen aínda pendente ser os medios galegos”
Entrevista de Daniel Salgado a Ana Romaní en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que significa obter o Premio Nacional de Xornalismo Cultural do Ministerio de Cultura?
– Ana Romaní (AR): Foi unha sorpresa moi emocionante, realmente. Sobre todo polo momento en que chega. Dalgún xeito este premio ten un certo efecto reparador. Ás veces os premios teñen unha dimensión diferente en función do momento en que chegan. Neste sentido é para min reparador e gratificante, e ao mesmo tempo toma unha dimensión colectiva que me parece moi interesante e que me resulta moi grata.
– SG: Coincide coa desaparición do Diario Cultural tal e como existía. É un contraste gráfico: a emisora pública de radio rebaixa o seu traballo e, ao tempo, vostede é recoñecida profesionalmente no exterior.
– AR: Non sei que considerou o xurado á hora de valorar e de decidir o premio. Non sei se entrou esta cuestión no debate ou é casual. Pero a lectura que eu fago si ten esa dimensión colectiva. A situación actual, con toda a mobilización de #DefendeAGalega ou os Venres Negros, coloca no centro o debate sobre a función social do xornalismo. E é moi importante que traballadoras e traballadores da CRTVG formulen neste momento a necesidade de considerar e valorar a función social do seu labor e dos medios públicos. Os xornalistas ou o xornalismo non debe esquecer nunca esa dimensión social do seu traballo.
– SG: Esa reflexión sobre a función social tamén atinxe os medios privados?
– AR: Claro. Creo que nós como profesionais temos que estar sempre moi vixiantes. Que facemos? Para quen o facemos? Que función social está a cumprir? De quen é cómplice ou non o que facemos? Cómpre unha análise continua do propio labor. Dalgunha maneira esa función social da CRTVG está detrás destas mobilizacións e é, na miña opinión, moi relevante non só para os medios públicos, senón para os medios en xeral e para a sociedade.
– SG: Que papel deben cumprir os medios públicos de comunicación respecto da cultura?
– AR: Os medios públicos galegos teñen aínda pendente ser os medios galegos. É dicir, ir máis alá de ser medios en galego para se converteren en medios galegos. Con modelos propios, paradigmas propios, sobre o que significa a información e a comunicación nun país. Axendas propias, modelos propios e diferentes. E isto tamén é necesario na información cultural.”