Compostela: actividades do 1 de maio na Feira do Libro 2022

Cesáreo Sánchez Iglesias: “A obra é unha viaxe a unha terra que é unha galaxia de culturas, de crenzas e de idiomas”

Entrevista de Antón Escuredo a Cesáreo Sánchez Iglesias en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como nace A árbore que dá as lágrimas de Shiva?
– Cesáreo Sánchez Iglesias (CS): A través de tres viaxes que fixen á India ao longo de seis anos. A viaxe, no fondo, é unha viaxe interior, na busca do desnudamento, da desposesión, de desaprender. É unha viaxe extrema na procura da soidade. Extrema, tamén, no sentido da percepción da beleza, da dor que existe no que ves, no que sentes física e mentalmente.
Aínda que ten un soporte físico, é unha viaxe que está feita a unha terra que é unha galaxia de culturas, de crenzas e de idiomas. No fondo, é un diálogo desde a propia cultura, que é a equipaxe que leva quen alí vai, coas outras culturas que se atopa. Non é posíbel o diálogo se non coñeces a túa propia cultura. Precísalo para que poidas sentir, ás veces, a entraña daquela cultura que dalgunha maneira achégate á túa, a aquela que acrisolas humanamente.
Non é fácil nunha entrevista falar do contido dun libro que non sabes se o conseguiu, hai unha certa imposibilidade de abarcar a inmensidade e a profundidade do que estás a ver e a sentir. En todo libro sempre hai unha sensación de que te achegaches á cerna do que buscas mais hai outras moitas formas de concibir o mundo que estás a ver e que dialogan coa túa e co que ti es.
É un exercicio de desposesión no sentido de que tamén realizas un desnudamento daquilo non esencial do que culturalmente nos arrodea. Quero dicir, do que chamamos cultura occidental ou euroamericana. No fondo, tamén, é un proceso de descolonización cultural o que estás a vivir cando te achegas con empatía, con necesidade de inmersión, nesa outra galaxia de culturas.
É tan distinta e ás veces non tan distante por todo aquilo que nos une aos humanos, o que nos fai ser sobre lugares e terras concretas. Ás veces ves que a Galiza de hai 60 anos que viviches da infancia e que desapareceu da realidade está alí. É difícil comunicalo se non é poeticamente.
– ND: Foi preciso un traballo de achegamento previo á cultura da India?
– CS: Non. Eu normalmente cando vou a outra cultura nunca preparo previamente o que vou ver. Si é certo que leo escritoras. Neste caso, especialmente, foron escritoras por ser dalgunha maneira un mundo en feminino, a pesar de que é negado. Quero ver como se ven a si mesmas as escritoras e os escritores das culturas que hai na India. Ese proceso deuse en min posteriormente á escrita, coñecer cousas que tiña visto e que quería entender.
A información que podes ter é a que che permite camiñar fisicamente e ir duns lugares a outros. Neste caso é unha escrita da miña experiencia poética. Dalgunha maneira agardo que as persoas que fagan realidade o libro coa lectura, ao final é o que fecha o círculo da escrita, se acheguen a el desde o propio sentir, do propio ser e do propio mundo poético que todo o mundo ten e está a construír cando le un libro de poemas.
– ND: Seguimos descoñecendo a cultura da India?
– CS: O que nos chega da India son determinados clixés, determinado mundo angloindio que foi asumido alí e que vén de volta á eurocéntrica Europa. Mais a realidade é que o mundo de homoxeneización, de pensamento único, fai que só apareza o que é de postal. Está feito a propósito polos mass media en xeral.
Hai pobos que teñen relacións históricas coa India. Un exemplo témolo nos Països Catalans que levan tempo escribindo sobre a cultura da India. Un dos primeiros dicionarios que se fixeron na Europa de sánscrito é o catalán. Nós temos, e dalgunha maneira quixen facerlle unha humilde homenaxe, o libro de Vicente Risco sobre a India e a cultura oriental. O coñecemento daquela cultura formou parte da nosa cultura.”

Antía Yáñez, escritora: “Non sabemos como tratar e tratarnos canto a doenzas mentais”

Entrevista a Antía Yáñez na Televisión de Galicia:
“Na psicoloxía hai un efecto chamado o do elefante rosa. Trátase do control dos pensamentos. A sensación de que os pensamentos nos traizoan. Cada persoa pode vivilo de maneira diferente e, máis ou menos, obsesivamente. Se non queres pensar nun elefante rosa, inmediatamente o noso pensamento faise rebelde e aparece nel un elefante rosa…
Neste libro hai obsesións, pensamentos rebeldes e intención de controlalos. Non penses nun elefante rosa é a novela de Antía Yáñez que se acaba de publicar en Xerais.
A entrevista pode verse aquí.”

Os premios Follas Novas do Libro Galego anuncian os seus 45 finalistas

Os premios Follas Novas do Libro Galego, que valoran a produción literaria e editorial en Galicia durante o ano 2021, escolleron os finalistas para esta edición, que suman corenta e cinco títulos, iniciativas, proxectos e profesionais. As gañadoras dos premios Follas Novas 2022 daranse a coñecer na gala a celebrar o vindeiro 7 de maio no Teatro Principal de Compostela, unha celebración que, despois de dous anos, recupera o seu carácter presencial, pero continuará a ser emitida dixitalmente. Os premios están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Contan co apoio da Deputación da Coruña, Concello de Santiago, CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) e Xunta de Galicia.
Os corenta e cinco finalistas desta edición dos premios Follas Novas son o resultado dun proceso que se ampliou neste ano a catro fases, e que supón unha valoración completa de toda a produción editorial galega. O proceso consistiu nunha primeira escolla con propostas das tres entidades organizadoras, que supuxo a selección dun centenar e medio de títulos entre os públicados ao longo de 2021. Dese conxunto de obras, o xurado desta edición fixo unha primeira escolma da que resultaron un total de noventa obras candidatas aos premios. A terceira fase de selección é a actual, na que o xurado seleccionou as obras finalistas por cada categoría. O proceso terá o seu cumio o vindeiro sábado, 7 de maio, co anuncio das obras, iniciativas e profesionais gañadoras. Nese día celebrarase no Teatro Principal de Santiago de Compostela a gala de entrega de premios que, despois de dous anos, recuperará o seu carácter presencial, aínda que manterá a súa emisión dixital, como se fixo nas edicións anteriores.

FINALISTAS DOS PREMIOS FOLLAS NOVAS 2021

PREMIOS A OBRAS EDITADAS EN 2021

Ensaio e investigación
Castelao. Construtor da nación. Tomo III. 1940-1950, de Miguel Anxo Seixas Seoane (Editorial Galaxia)
Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán, de María Pilar García Negro (Alvarellos Editora)
Um país a la gallega. Galiza no No-Do franquista, de Beatriz Busto Miramontes (Através Editora)

Divulgación
H2… Oh!!! Pingas científicas, de María Canosa (Editorial Galaxia)
Pandemias. As epidemias que asolaron a humanidade, de Juan J. Gestal Otero (Edicións Bolanda)
Vermellos e laicos. A represión fascista do maxisterio coruñés, de Narciso de Gabriel (Editorial Galaxia)

Narrativa
As malas mulleres, de Marilar Aleixandre (Editorial Galaxia)
Golpes de luz, de Ledicia Costas (Edicións Xerais de Galicia)
O cervo e a sombra, de Diego Ameixeiras (Edicións Xerais de Galicia)

Infantil
A mestra corremundos, de Arancha Nogueira (ilustrado por Ana Varela) (Cuarto de inverno)
Douche a miña palabra, de Fran Alonso (ilustrado por Bea Gregores) (Edicións Xerais de Galicia)
Neko, de Eva Mejuto (ilustrado por Bea Gregores) (Oqueleo)

Xuvenil
A nena lectora, de Manuel Rivas (ilustrado por Susana Suniaga) (Edicións Xerais de Galicia)
Contos de obxectos, de Xabier P. DoCampo (ilustrado por DNL) (Edicións Xerais de Galicia)
santoamaro, de Antonio Manuel Fraga (Edicións Xerais de Galicia)

Libro ilustrado
A Coruña, por David Pintor (Kalandraka Editora)
Guía definitiva dos anfibios e réptiles da Galiza, por Pancho Lapeña e Ignacio Munilla Soriano (Ourensana)
Nación Mar, por Xosé Iglesias (Editorial Bululú)

Banda deseñada, gráfico e humor
Aldara. A lenda do cervo branco, de Inés Vázquez (Demo Editorial)
Nós seis, de Julia Lago (Deputación da Coruña)
Que tempos!, de Xaquín Marín (Edicións Embora)

Iniciativa bibliográfica
– Colección Chave Mestra, VV. AA. (aCentral Folque)
– Colección Cidades, de David Pintor (Kalandraka Editora)
– Colección Memoria Histórica (Editorial Galaxia)

Obra traducida
Canto eu e a montaña baila, de Irene Solá. Tradución de María Alonso Seisdedos (Kalandraka Editora)
O infinito nun xunco, de Irene Vallejo. Tradución de María López Suárez (Edicións Xerais de Galicia)
O quinto en cuestión, de Robertson Davies. Tradución de Alejandro Tobar (Kalandraka Editora)

Poesía
Notas sobre a extinción, de Marta Dacosta Alonso (Editorial Galaxia)
O que fica fóra, de Manuel Rivas (Apiario)
Simún, de Nuria Vilán (Chan da Pólvora Editora)

Teatro
As desterradas, de Carme Varela (Edicións Xerais de Galicia / Xunta de Galicia)
DFW nas profundidades da tristeza infinita / As cancións que lles cantaban aos cativos, de Raúl Dans (Edicións Laiovento)
Fillos do sol, de Cándido Pazó (Editorial Galaxia)

Libro mellor editado
A Coruña, de David Pintor (Kalandraka Editora)
Intempériome (libro, CD, caderno, caixa), de Xela Arias (Edicións Xerais de Galicia)
O que fica fóra, de Manuel Rivas (Apiario)

PREMIOS A TRAXECTORIAS

Iniciativa cultural ou fomento da lectura
– Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla
– Poetas Di(n)versos, por Yolanda Castaño
– Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

Proxecto literario na rede
A que cheira, papá?
O Arquivo das Trasnas (Instagram), VV. AA.
Surfeando libros (Instagram), de Irene Pérez

Xornalismo cultural
– Belén Regueira
– Pilar García Rego
– Susana Pedreira

Roberto Mera e Santiago Lopo, galardoados cos premios Antón Losada Diéguez de 2022

Desde Faro de Vigo (foto de Faro de Vigo):
“O Concello de Boborás acolleu a reunión do xurado da 37 edición do Premio Antón Losada Diéguez, no que resultou gañador na categoría de enseio e investigación o traballo Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos, de Roberto Mera Covas, publicado pola editorial Belagua. O gañador na categoría de creación literaria foi Santiago Lopo, autor de A Carteira, editado por Xerais. Cada un deles recibirá 6.000 euros.
Os concellos de Boborás e O Carballiño manteñen o premio Antón Losada Diéguez para contribuír ó fomento da cultura galega pola que loitou este insigne galeguista, e tamén para perpetuar a súa memoria. A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, presidiu a reunión do xurado, composto por Ramón Nicolás Rodríguez, da Real Academia Galega, María Xosé Porteiro García, do Consello da Cultura Galega, Francisco Fariña Busto, do Museo do Pobo Galego, Luís González Tosar, representante da Deputación, Xosé H. Costas, da Universidade de Vigo, Carlos Caetano Biscaínho, da Universidade da Coruña, e actuando como vicepresidente Diego Fernández, edil de Cultura do Carballiño.
Despois dun intenso debate, dada a calidade das obras presentadas, o xurado decidiu por maioría conceder o premio a Alejandro Viana. Un galego a fronte do rescate dos refuxiados republicanos, pola “recuperación e investigación minuciosa sobre un persoeiro pouco coñecido para o gran público, que desenvolveu un labor importante na recuperación da dignidade dos refuxiados españois perdedores da guerra e da súa evacuación a América, cunha ética estrita, e participou na súa evacuación”.
No campo da creación literaria o xurado decidiu por unanimidade recoñecer a obra A Carteira, xustificando a decisión en que se trata dunha visión “das dúas primeiras décadas do século XXI, tanto a nivel de traballo como de relacións personais e a transfromación da paisaxe urbana. A perspectiva de chegar aos seus personaxes a través do seu comportamento. A temática do fondo social, a soidade e a presenza do considerado marxinal.Ten unha dinámica de movemento continuo con certo sentido do humor, e é unha obra de lectura sinxela”.
A esta edición presentáronse un total de 23 traballos na categoría de creación literaria, e 11 na de investigación e ensaio. Nesta última concorreron algúns menos que na convocatoria do 2021.
Os premios entregaránse o día 11 de xuño, no Pazo dos Losada-Diéguez, en Moldes, Boborás, despois de que o pasado ano se fixera na Carballeira de Moldes, por motivo das obras que se estaban a facer no inmoble. A intención da alcaldesa é que ese día tamén estean presentes os premiados na edición do 2020, o político e intelectual Camilo Nogueira e o poeta Eduard Velasco, xa que por mor da pandemia non houbo aquel ano un acto de entrega.”