O
sábado 19 de outubro, no Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer o ditame da trixésimo sexta edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais.
Baixo o lema Auga limpa en fresca fonte, recollido dun verso de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Cultura; Manuel Santalices, vicepresidente do Parlamento de Galicia; Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de cultura; María José Bravo Bosch, delegada da Xunta de Galicia en Vigo; José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación Provincial de Lugo; Ana Isabel Vázquez, delegada de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra; Antonio Coello, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Xavier Vence, portavoz nacional do BNG; Iolanda Veloso, voceira do BNG no concello de Vigo; Xesús Alonso Montero, presidente da RAG; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros.
Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Inmaculada López Silva, saudando aos asistentes e lembrando a singularidade desta triséxima sexta edición, que coincide co sequiscentenario da publicación en Vigo de Cantares gallegos e coa homenaxe a Roberto Vidal Bolaño.
– O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Agustín Fernández Paz, Antonio García Teijeiro, Marta Neira, María Xesús Nogueira Pereira, Chus Pato Díaz, Cesáreo Sánchez Iglesias e María do Cebreiro Rábade Villar, que actuou como secretaria, acordou declarar finalistas as obras A noite branca de Francisco X. Fernández Naval (Xerais), Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño (Galaxia) e transmuta de Xabier Cordal (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a transmuta de Xabier Cordal editada por Edicións Xerais de Galicia.
O xurado quere salientar a capacidade do libro para conciliar a lealdade á linguaxe poética coa expresión de contidos de fondo alento humano. transmuta anoa a intimidade e o sentido comunitario. A súa dignidade e a súa altura emanan da potencia de lle dar voz á vida núa, á vida que resiste sendo pura existencia.
– O xurado da modalidade de Investigación, formado por Patricia Fra López, Eulalia Agrelo Costas, Xosé Luís Axeitos, Francisco Campos Freire, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, María Pilar García Negro e María López Sández, que actuou como secretaría, acordou declarar como finalistas as obras Murguía de Xosé Ramón Barreiro Fernández (Galaxia), Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás (Xerais) e Artigos sobre Rosalía de Castro de Francisco Rodríguez. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Murguía de Xosé Ramón Barreiro Fernández editada por editorial Galaxia.
O xurado salientou a súa relevancia, o rigor metodolóxico, a combinación do traballo de investigación co atractivo da dimensión narrativa dunha biografía necesaria que apela tanto ao estudoso como ao lector/a non especializado. Constitúe, pois, unha achega decisiva á cultura galega, á reflexión e aos estudos rosaliáns e á reconstrución dun período e unha figura esenciais para comprender a historia e a cultura galegas.
– O xurado da modalidade de Música, formado Margarita Viso, Felipe Agel, Lorena López Cobas, Marta Fernández Pan, Raquel Gamallo, Belén Regueira e Xavier Senín Fernández, que actuou como secretario, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Cantigas de Mulleres, Mercedes Peón e Taller Atlántico Contemporáneo. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar o premio a Taller Atlántico Contemporáneo. O xurado quere salientar que o Taller Atlántico Contemporáneo durante o 2012 ofreceu o ciclo “Os seráns do TAC” na Cidade da Cultura, unha aposta interdisciplinar na que se aglutinaron teatro/humor, música e gastronomía. O interesante desta agrupación é que está a innovar constantemente na procura da normalización da escoita da música contemporánea, que durante moito tempo permaneceu nun eido marxinal e elitista. Cos seus espectáculos conseguen aproximar a todo tipo de público propostas de autores galegos do último século xunto ás doutros compositores consagrados do mundo contemporáneo.
– O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Margarita Vázquez Corbal, Isabel Mociño González, Xaime Domínguez Toxo, Branca Novoneyra, Sergio Lago, Encarna Lago e Marcos Lorenzo, que actuou como secretario, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Editorial Kalandraka e Culturgal. Feiras das Industrias Culturais de Galicia. Tras as derradeiras deliberacións e logo de ausentarse Sergio Lago, acordou outorgar por maioría o premio a Culturgal. Feira das Industrias Culturais de Galicia.
O xurado fundamenta a súa decisión no papel que o Culturgal está a ter na profesionalización das industrias culturais galegas, no fomento da cooperación intersectorial, no empoderamento cultural da sociedade civil, e por conformarse como o principal espazo de encontro e reflexión da cultura galega, así como polo esforzo que implica o seu mantemento malia a crise económica actual e a conseguinte redución de apoio institucional.
– O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado por Carmen Nogueira, Antón Castro, Pilar Corredoira López, José Manuel García Iglesias, César Portela, Enrique Velasco e Antón Pulido Novoa, que actuou como secretario, tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a Xulio Gil, tendo en conta a calidade e orixinalidade da súa obra fotográfica, no marco dun longo proxecto de corenta anos que sigue vivo.
– O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado por Nuria Sotelo, Roberto Pascual Rodríguez, María Yáñez, Camilo Franco, Ramón Rozas, Sabela Hermida e Antón Sobral, que actuou como secretaria, acordou acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Voadora, Arraianos de Eloy Enciso e Quico Cadaval. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a Voadora polos seus espectáculos Waltz e Tokio 3. O xurado quere salientar a súa linguaxe escénica asentada na musicalidade, pola búsqueda de novos públicos, polas novas formas de produción e pola capacidade de unir diferentes sistemas culturais tendendo pontes. Mais tamén pola capacidade de asumir riscos e ademais por ser simpáticos.”
Arquivos da etiqueta: Gálix
Fina Casalderrey nomeada Socia de Honra de Gálix
Desde
Fervenzas Literarias:
“O Consello Directivo da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) decidiu nomear como Socia de Honra 2013 á escritora Fina Casalderrey. O acto celebrarase no mes de decembro na festa anual da Asociación.
Deste xeito, o nome de Fina Casalderrey únese aos nomes de Xosé Neira Vilas e de Agustín Fernández Paz, quen viron recoñecidos con anterioridade a súa traxectoria literaria por GÁLIX. (…)”
A literatura infantil e xuvenil móvese na rede
Reportaxe en Sermos Galiza:
“Desde o seu nacemento, a editorial Kalandraka revolucionou a edición do libro infantil e xuvenil, en especial coa súa dedicación ao álbum ilustrado do que o selo de Pontevedra se convertiu en abandeirado. Cunha páxina web e un blogue informativo na rede, Kalandraka anuncia neste Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil no que fai quince anos da súa creación unha nova plataforma de comercio electrónico polo que os 1300 títulos que leva publicados se poderán adquirir en calquera parte do mundo. Canda ela, todas as editoriais que teñen nos seus fondos e ofrecen nas súas novidades libros de LIX teñen unha presenza activa na rede, desde Oqo Edicións á máis nova Patas de Peixe entre as especializadas, alén das xeneralistas como Xerais, Galaxia ou Baía que contan cun amplo fondo de publicacións para a xente miúda.
A rede faise eco tamén da rica creación literaria para lectores de menores idades e, desta maneira, os grandes nomes da LIX atoparon en blogues e páxinas web unha nova maneira de difusión e encontro co público lector. Con especial coidado e moita dedicación, a recente incorporación ao espazo dixital de Agustín Fernández Paz, un dos nomes máis sólidos da nosa historia literaria, supuxo unha nova ventá para coñecer a un dos autores máis lidos e posibelmente o máis traducido que verque na rede non só as súas novidades editoriais senón tamén os seus gustos literarios e os seus pensamentos persoais. Entrevistas, ensaios, publicacións e mesmo o seu blogue persoal achéganos a Agustín Fernández Paz que difunde os novos materiais a través das redes sociais. “Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia” reza o encabezamento do blogue de Xabier P. Docampo, un espazo virtual no que o autor ofrece de cando en vez episodios vitais e reflexións persoais a través da rede. Á páxina web recurriu Fina Casalderrey na súa entrada na rede, cun espazo informativo no que a autora, ademais de dar a coñecer a súa obra e a súa traxectoria literaria ofrece un interesante texto autobiográfico.
Con motivo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, o escritor Miro Villar botou a andar a través do seu blogue As Crebas o sorteo de dous exemplares do seu libro O nariz de Fiz, obra que foi galardoada co Premio Pura e Dora Vázquez. “Fiz ten un can rabelo, que ven sendo isto?” preguntou o escritor na rede e coas respostas sorteará os dous exemplares para conmemorar a xornada na que faría anos o escritor Hans Christian Andersen. Fran Alonso, Marilar Aleixandre, Helena Villar ou Francisco Castro son autores da LIX que contan tamén con espazos propios na rede. E non só nomes persoais dan pé a páxinas e blogues, Elena Gallego Abad deulle protagonismo ao título da súa Dragal, Triloxía do Dragón para lle outorgar protagonismo coa creación da súa páxina oficial.
Con páxina web e blogue asoma a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) que vén de publicar o catálogo trilingüe Galician Books for Children and Young Adults 2013, coas novidades editoriais da escrita para as idades novas. O catálogo recolle 144 títulos publicados por 40 editoras ao longo do ano 2012.
Son só algúns dos exemplos onde atopar a literatura infantil e xuvenil na nosa lingua a través da rede que nos ofrece tamén sorpresas como o celebrado blogue de Anxo e Gracia, Trafegando ronseis, que dá conta da actualidade editorial e recolle neste día o poema de Pat Mora co que mundialmente se conmemora a xornada e que para a nosa lingua trouxo a escritora Concha Blanco. (…)”
Actos para o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil
MENSAXE DO DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2013
Lemos xuntos, ti e eu.
Vemos que as letras forman palabras
e as palabras convértense en libros
que estreitamos nas nosas mans.
Oímos murmurios
e ríos buliciosos nas súas páxinas,
osos que cantan
graciosas melodías á lúa.
Entramos en misteriosos castelos
e das nosas mans soben ata as nubes
árbores florecidas. Vemos nenas valentes que voan
e nenos que atrapan as estrelas.
Lemos xuntos. Ti e eu, dando voltas e voltas,
percorrendo o mundo coa alegría nos libros.
Poema de Pat Mora
Tradución: Concha Blanco
Estas son as Bibliotecas adheridas en Galicia (as que aparecen marcadas con * organizan Bookcrossing proposto por OEPLI). Agradecemos a información enviada desde Gálix.
A Coruña. B.P. Municipal “Infantil e Xuvenil” (*)
A Coruña. B.P. Nodal “Miguel González Garcés” (*)
Ares. Biblioteca Pública Municipal (*)
Cambre. B.P. Municipal Central (*)
Cambre. B.P. Municipal “Os Templarios” (*)
Cambre. B.P. Municipal “Xabier P. Docampo” (*)
Lousame. Axencia de Lectura Municipal (*)
Narón. Biblioteca Pública Municipal (*)
Neda. Biblioteca Pública Municipal
Oleiros. B.P. Municipal “Manuel María”
Oleiros. Dorneda. B.P. Municipal “Mª José Ruso”
Oleiros. Lorbé. B.P. Municipal “Xograr Mendiño”
Oleiros. Mera. B.P. Municipal “Mª José Trincado” (*)
Oleiros. Montrove. B.P. Municipal “Federico García Lorca”
Oleiros. Perillo. B.P. Municipal Central Rialeda (*)
Oleiros. San Pedro de Nós. B.P. Municipal “Ánxel Fole”
Oleiros. Santa Cruz. B.P. Municipal “Rosalía de Castro” (*)
Ponteceso. Biblioteca Pública Municipal
Santiago de Compostela. B.P. Nodal “Ánxel Casal” (*)
Bóveda. Axencia de Lectura Municipal (*)
Lugo. Biblioteca Pública Nodal (*)
O Saviñao. Escairón. Biblioteca Pública Municipal (*)
Sober. Biblioteca Pública Municipal
Barbadás. Biblioteca Pública Municipal
O Carballiño. Biblioteca Pública Municipal
Ourense. Biblioteca Pública Nodal
Verín. Biblioteca Pública Municipal
Caldas de Reis. B.P. Municipal “P.M. Marínez Ferro” (*)
Cambados. B.P. Municipal “Casa dos Fraga”
Lalín. Biblioteca Pública Municipal (*)
Meis. Biblioteca Pública Municipal
Pazos de Borbén. B.P. Municipal “Centro Antena”
Poio. Biblioteca Pública Municipal (*)
Pontevedra. Biblioteca Pública Nodal (*)
Redondela. B.P. Municipal “Valle-Inclán”
Vigo. Biblioteca Pública Central (*)
Preséntase o Catálogo de Literatura Infantil e Xuvenil 2013
Desde
Cultura Galega:
“A Asociación Galega para o Libro Infantil e Xuvenil, Galix, en colaboración coa Asociación Galega de Editores e mais a Consellaría de Cultura, presentaron o Galician Books for Children & Young Adults 2013. Este catálogo recolle as 144 novidades que tiraron 40 editoras galegas para os máis novos ao longo do pasado ano. O volume, do que se editaron 500 copias e que estará tamén dispoñible na rede, será a carta de presentación das firmas e mais dos autores do país en feiras internacionais como as de Boloña, que se celebra entre os vindeiros días 25 e 28, Bos Aires, Guadalaxara ou Frankfurt, que se reincorpora ao calendario internacinal dos editores galegos, entre outras citas internacionais.
Segundo destacou Francisco Castro, de Galix, o proxecto achega sinopses en tres linguas e ilustracións de cada unha das obras, así como o contacto tanto dos editores como dos autores. Pola súa banda, Manuel Bragado, da Asociación Galega de Editores, destacou a importancia da LIX no mercado galego, que supón o 20% das vendas das editoras, apuntando o éxito internacional do álbum ilustrador e a aposta crecente pola banda deseñada entre os editores do país.”
Trinta e seis obras finalistas compiten polos Premios AELG 2013
Os
425 socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2012 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participaron na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente.
As obras gañadoras daranse a coñecer na gala que terá lugar o 4 de maio no auditorio do Centro Ágora da Coruña.
Así pois, da conxunción de votos emitidos na primeira quenda resultaron finalistas:
Blogs Literarios
– Caderno da crítica, de Ramón Nicolás
– Criticalia, de Armando Requeixo
– Versos e aloumiños, de Antonio García Teijeiro e Antón García-Fernández
Ensaio
– Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón (Xerais)
– O labirinto da saudade, de Luís G. Soto (Laiovento)
– Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás (Xerais)
Literatura Infanto-xuvenil
– Eu, pel, de Teresa González Costa (Xerais)
– O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas (Xerais)
– O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro (Galaxia)
– Palabras de auga, de Marcos Calveiro (Xerais)
Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2012
– Ana Romaní
– Blanca-Ana Roig Rechou
– Carme Vidal
– Fran P. Lorenzo
– Iago Martínez
– María Solar
– Moncho Paz
– Ramón Nicolás
Narrativa
– A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval (Xerais)
– As voces baixas, de Manuel Rivas (Xerais)
– Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño (Galaxia)
– Tonas de laranxa, de María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón (Xerais)
– Verde oliva, de Xavier Alcalá (Galaxia)
Poesía
– Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal (Biblos)
– Emily on the road, de Ramón Blanco (Acha Escrava Editora)
– Fase de trema, de Lorena Souto (Espiral Maior)
– O silencio, de Mario Regueira (Xerais)
– Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro (Faktoría K de libros)
– ruído de fondo, de Daniel Salgado (Xerais)
Teatro
– Banqueiros, de VV. AA. –Francisco Pillado, coordinador- (Laiovento)
– Novo teatro fantástico, de Manuel Lourenzo (Laiovento)
Tradución
– Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, de Francesco Petrarca, en tradución de Darío Xohán Cabana (Edicións da Curuxa)
– Carné de identidade, de Mahmud Darwix, en tradución de Moncho Iglesias e Samar Sabat (Barbantesa)
– Gretchen, miña nena, de Christine Nöstlinger, en tradución Isabel Soto (Oxford University Press)
– O home unidimensional, de Herbert Marcuse, en tradución de Jesús Saavedra (Universidade de Santiago)
– O sentido dun final, de Julian Barnes, en tradución de Xesús Fraga (Rinoceronte)
Na segunda fase, xa en andamento, os asociados e asociadas decidirán as obras gañadoras.
Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:
- O premio Mestres e Mestras da Memoria, de nova creación, que se concede nesta primeira edición a Manuela Cortizo Medal e Ángel Rivas Veiga, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional;
- O Premio Institucións que se concede a quen contribuíse á divulgación da lingua e cultura galega, e que este ano será para o asociacionismo cultural representado por aquelas asociacións que, nacidas nas décadas dos 60 e 70, aínda manteñen a súa vitalidade e activismo cultural (Agrupación Cultural O Galo, Agrupaçom Cultural O Facho, Clube Cultural Valle Inclán, Agrupación Cultural Auriense, Agrupación Cultural Francisco Lanza, Agrupación Cultural Avantar, Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Agrupación Cultural Lumieira, Sociedade Cultural Medulio, Associaçom Cultural Amig@s da Cultura de Pontevedra);
- E mais o Premio AELG 2013 Escritora Galega Universal, outorgado pola Asemblea á escritora Lídia Jorge, galardón que a distingue como autora que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana.
No transcurso da gala a AELG tamén entregará aos humoristas gráficos Siro López Lorenzo “Siro”, Xosé Lois González Vázquez “O Carrabouxo, Xosé Ángel Rodríguez López “Gogue”, Xosé Carreiro Montero “Pepe Carreiro” e Xaquín Bieito Marín Formoso “Xaquín Marín” a distinción Bos e Xenerosos.
Vigo: nomeamento de Agustín Fernández Paz como Socio de Honra de Gálix
“O
xoves 18 de outubro, ás 11:00 horas, na Sala de Conferencias do Centro Cultural Novagalicia Banco (antigo Teatro García Barbón) de Vigo, Agustín Fernández Paz recibirá o nomeamento oficial de Socio de Honra de GÁLIX 2012, galardón que recoñece a aqueles autores e autoras que teñan destacado especialmente durante a súa traxectoria traballando a prol da Literatura Infantil e Xuvenil galega. O propio autor anunciou que vai agasallar aos presentes cun conto inédito. A compañeira do autor durante moitos anos no ensino público, a orientadora escolar Paz Raña Lama, será quen lea a Laudatio. Un número moi importante de escolares vigueses, acompañarán ao noso homenaxeado durante esta xornada que esperamos ditosa para el e para toda a Literatura Infantil e Xuvenil galega.” Desde Gálix. Crónica posterior en Faro de Vigo.
Gálix anuncia que nomeará a Agustín Fernández Paz socio de honra da asociación
“Gálix, a Asociación
Galega do Libro Infantil e Xuvenil anuncioulles hoxe aos seus socios que procederá a nomear ao escritor Agustín Fernández Paz socio de honra: «Un ano máis, e como xa fixemos o anterior, imos proceder á distinción de socio de honra de Gálix dun membro da nosa asociación cuxos méritos sexan indiscutibles e sobrados. Se o ano pasado o premio recaía na figura de Xosé Neira Vilas, este ano homenaxeamos a Agustín Fernández Paz, un dos nosos autores máis sobranceiros e sen o que a LIX galega, definitivamente, non sería hoxe a que é». A cerimonia do nomeamento terá lugar o vindeiro 18 de outubro, ás 11:00 horas, na Sala de Conferencias do Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo e nela participarán numerosos estudantes lectores da obra de Agustín Fernández Paz.” Desde Xerais.
Os editores galegos participan na Feira do Libro de Boloña
“A
Feira do Libro para rapaces de Boloña é o evento máis importante do mundo adicado ó libro infantil e xuvenil. Profesionais de todo o mundo daranse cita entre o 19 e o 22 de marzo na cidade italiana. O evento conta cun espazo de 20.000 m2 nos que se ubican os pavillóns que acollen ós editores dos cinco continentes. Mil douscentos expositores procedentes de 66 países e 5.000 profesionais. A feira conta tamén cun centro de axentes literarios e un espazo propio para ilustradores no que cada ano se monta unha gran exposición de obras para álbums ilustrados. O peso da ilustración na feira é enorme. Están acreditados máis de 70 xornalistas de todo o mundo e no transcurso da feira vanse dar a coñecer os libros. Os gañadores dos Premios Hans Christian Andersen do ano 2012 serán anunciados na feira o 19 de marzo e a cerimonia de entrega terá lugar durante o 33º Congreso Internacional de IBBY, que vai ter lugar en Londres do 23 ó 26 de agosto de 2012. O candidato da sección española é Agustín Fernández Paz, autor que tamén foi recoñecido na Feira Internacional do Libro de Guadalajara, México, do ano 2011, como Premio Iberoamericano de Literatura Infantil e Xuvenil. Varios editores galegos participan no stand patrocinado pola Consellería de Cultura. Contarán con libros na feira os editores de Biblos Clube, Baía Edicións, Edicións Embora, Editorial Galaxia, Ir Indo Edicións, Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, OQO Editora, Ouvirmos e Toxosoutos e Edicións Xerais de Galicia. Contarán con espazo propio na feira: Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións e OQO Editora. Amais dos editores destas tres empresas,desprázanse a este evento editores do Consorcio Editorial Galego, empresa distribuidora de máis de cen editorais e entidades galegas; Editorial Galaxia e Ediciones Linteo. O 20 de marzo será presentado o catálogo Galician Books for Children & Young Adults, unha publicación dos editores galegos patrocinada pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e elaborada por GÁLIX, entidade que traballa en Galicia a prol da LIX e que forma parte da internacional OEPLI, organización europea de promoción da literatura infantil e xuvenil.” Vía Asociación Galega de Editores.
Vinte e seis obras finalistas compiten polos Premios AELG 2012, que chegan á súa XIII edición
Os 417 socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2011 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participan na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente.
As obras gañadoras daranse a coñecer na Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que terá lugar o vindeiro 5 de maio en Santiago de Compostela.
Así pois, da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda resultaron finalistas:
Narrativa:
– Extramunde, Xavier Queipo, Xerais.
– Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.
– Non hai noite tan longa, Agustín Fernández Paz, Xerais.
Ensaio:
– Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, Carlos Callón, Xerais.
– Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), Francisco Rodríguez, Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
– Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.
Poesía:
– balea2, Estevo Creus, Positivas.
– Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.
– Todas as mulleres que fun, Andrea Nunes Brións, Corsárias.
Teatro:
– A función do tequila, Manuel Guede, Deputación da Coruña.
– Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.
– Fábula galénica, Inácio Vilariño, Baía.
Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011:
– Anxo Tarrío.
– Bieito Iglesias.
– Iago Martínez.
– Ramón Chao Rego.
– Santiago Jaureguizar.
Literatura Infanto-Xuvenil:
– Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.
– Noutra dimensión, Marica Campo, Galaxia.
– O meu gato é un poeta, Fran Alonso, Xerais.
Tradución:
– Os trobadores de Occitania, Darío Xohán Cabana, Edicións da Curuxa.
– Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.
– Versos escollidos (de Wisława Szymborska), Lucía Caeiro, Positivas.
Mellor Blog Literario:
– As crebas, Miro Villar.
– Caderno da crítica, Ramón Nicolás.
– Criticalia, Armando Requeixo.
Na segunda fase, xa en andamento, os asociados e asociadas decidirán as obras gañadoras.
Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG: o premio para a Institución que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano será para os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e Servizos de Normalización Lingüística dos concellos; e mais o Premio AELG 2012 Escritor Galego Universal, outorgado pola Asemblea ao escritor José Luis Sampedro, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana; a AELG agarda contar coa súa presenza na Cea das Letras.

