Arquivos da etiqueta: Óliver Laxe
Premios da Crítica de Galicia 2021
Premios da Crítica Galicia 2020
Manuel Rivas: “O Fiouco é un exemplo do poder que teñen os expertos e os gurús”
Entrevista de Santiago Jaureguízar a Manuel Rivas en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): O libro [Zona a Defender] fala sobre “extralimitación ecolóxica”. Critica o paso da autovía polo Fiouco.
– Manuel Rivas (MR): Este libro é unha obra literaria con máis peso do pensamento que do emocional. A ironía define a modernidade, é ese humor amoratado que deixa un hematoma. O Fiouco é ilustrativo do que pasa no mundo, onde hai un exceso de poder dos expertos e dos gurús. No eido político levan a batuta e non escoitan á parte de cando hai eleccións. O cidadán é un cliente ao que se lle pide que compre un produto cada catro anos. Nos partidos políticos hai moi pouco espazo de participación cidadá. O exemplo é O Fiouco como poden selo o porto exterior da Coruña ou a Cidade da Cultura. (…)
– EP: Fáleme de Aníbal Otero.
– MR: Fai unha colleita de palabras para o seu Atlas lingüístico peninsular como parte do movemento de persoas ilustradas como Giner de los Ríos que concentrou os odios do fascismo español. Nese ambiente fai unha aposta por intelectual por colleitar e estudar o pluralismo lingüístico que hai. O seu traballo nos anos 30 é unha obra heroica polos medios que tiña para andar por ese camiños. Nos prolegómenos do ano 36 é detido en Tui ao ser sospeitoso de ser ‘filólogo’. É detido en Portugal e entregado porque pensan que é espía por unhas anotacións fonéticas. É absurdo. Destrozáronlle a vida.
– EP: Di que o director Oliver Laxe filma seres fráxiles. Compárao co pintor de Os comedores de patacas, Van Gogh.
– MR: Para referirme ao cinema de Oliver Laxe uso a palabra ‘fraxilidade’. No seu traballo está moi presente a fraxilidade dos seres. A vida que reflicte nas películas vai unida á idea de sutileza, á procura do matiz. O mundo é tantas veces tan bruto que esa procura da zona de sombra do ser humano soamente xermola ou se filtra se es quen de sentir esa fraxilidade e esa sutileza. Van Gogh era fráxil. Pintou desde os adentros.
– EP: Oliver Laxe é un home soamente.
– MR: Non é unicamente Oliver. Temos un movemento extraordinario de poetas en Galicia. Rosalía é unha nai fundadora, Galicia ten unha nai fundadora; non como outros países, onde os fundadores son guerreiros, heroes ou machos. Rosalía é unha célula nai, que sería o ecofeminismo do seu tempo. Escoitar á terra e as voces baixas da sociedade é unha tradición fértil. Galicia ten un horizonte enfermo ás veces, dicía Manuel Antonio; pero o noso rescate é a ollada que atravesa a historia da vangarda perenne da muller que se expresa na soidade solidaria, na soidade de comprender mellor aos outros e a propia terra. (…)”
A Coruña: ciclo de pensamento Para estar no mapa do mundo
Máis de vinte cineastas confirman a participación no Proxecto Nimbos
Desde Sermos Galiza:
“Cineastas como Margarita Ledo, Eloy Enciso, Oliver Laxe, Xurxo Chirro, Xacio Baño, Alfonso Zarauza, Ángel Santos ou Xan Gómez Viña responderon xa á chamada de Martin Pawley a través do blog Acto de Primavera e crearán nos próximos meses unha curta arredor de Nimbos de Díaz Castro no que promete ser un ambicioso proxecto audiovisual colectivo que implique, entre outros, a unha boa parte dos nomes do coñecido como novo cinema galego.
De máis de trinta convites enviados por Martin Pawley para participar no Proxecto Nimbos, máis de vinte persoas responderon en poucos días confirmando que entrarían a formar parte desta iniciativa que quer levar a obra de Díaz Castro ao audioviual a partir de pezas de autoría que teñan como referencia os versos do autor que será homenaxeado o próximo ano no Día das Letras Galegas.
Martin Pawley confesa que a idea de desenvolver un proxecto fílmico colectivo arredor de Nimbos venlle de vello e, de feito, abonda seguir as súas pegadas na rede para adiviñar a querenza que ten polo poeta de Guitiriz. Ocórreselle agora que a designación da RAG do seu nome para a homenaxe do próximo ano xunto coa conmemoración do centenario do seu nacemento é unha ocasión acaída para botar a andar esa vella idea que conta xa cun nutrido grupo de participantes.
A través do blog Acto de primavera e por medio de correos electrónicos, propúxolle aos creadores a iniciativa de elaboraren unha curta de entre un e cinco minutos asociada a un poema do libro. “Non se trata de ilustrar o poema en imaxes, en absoluto, senón de crear unha obra cinematográfica nova que naza da lectura do poema” sinala na carta. A liberdade creativa será plena e os promotores só poñen dúas condicións, o tempo e evitar o uso íntegro e literal dos poemas.
“O cariño e o apoio moral dos promotores” son os únicos recursos que reciben os participantes nunha iniciativa que carece de orzamentos mais que, mesmo así, está a ter tan boa acollida por parte de importantes nomes da nova creación audiovisual galega. Dentro duns meses comezarán a difundir os traballos a través de Acto de primavera e contan con que a maioría estean prontos antes do 17 de maio.”
Vídeo da presentación e primeira mesa redonda do V Encontro de escritores/as novos/as do 2010
Vídeo coa presentación e mesa redonda Que ten a poesía que ninguén a le pero todos a precisamos, con Celso Fernández Sanmartín, Óliver Laxe e Álvaro Negro, coordinados por Antía Otero, dentro do V Encontro de escritores/as novos/as ante vellas preocupacións, celebrado na Coruña o 6 de novembro do 2010:
A Coruña: V Encontro de Escritores/as novos/as ante vellas preocupacións
O sábado 6 de novembro, no Palacio de Exposicións Kiosko Alfonso da Coruña, terá lugar o V Encontro de Escritores/as novos/as ante vellas preocupacións, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), a Deputación Provincial da Coruña e a Concellaría de Cultura da Coruña, co seguinte programa:
10:00 a 11:30 h.
Mesa redonda: Que ten a poesía que ninguén a le pero todos a precisamos.
Con Celso Fernández Sanmartín, Óliver Laxe e Álvaro Negro.
Coordinación de Antía Otero.
11:30-12:00 h.
Descanso.
12:00-14:00 h.
Mesa redonda: Pero tan importantes son os premios literarios?
Con Ledicia Costas, Olalla Cociña e Lucía Novas.
Coordinación de Francisco Castro.
Xantar.
17:00-18:30 h.
Mesa redonda: Recóllote i érgote no verbo inteiro. A literatura galega de hoxe ante o seu idioma.
Con María Lado, Olalla Tuñas e Xosé Daniel Costas.
Coordinación de Marta Dacosta.
19:00-20:00
Recital e clausura.
Toda a información está disponíbel neste enlace á páxina do V Encontro. O acceso será libre até completar capacidade. En sucesivos días iremos poñendo á disposición do público máis información sobre as intervencións preliminares dos/as escritores/as participantes.
Últimos vídeos das aportacións preliminares ao V Encontro de Escritores/as novos/as ante vellas preocupacións</em
Rematamos cos últimos vídeos das aportacións preliminares dos participantes no V Encontro de Escritores/as novos/as ante vellas preocupacións, a celebrarse o sábado 6 de novembro na Coruña, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Esta é a aportación de Olalla Cociña, que fará parte da mesa redonda MAIS tan importantes son os premios literarios?:
E, por último, as de Oliver Laxe, que fará parte da mesa redonda Que ten a poesía que ninguén a le pero todos a precisamos: