Desde R:
“Prepárate para vivir o desafío lendario que sacudirá Galicia. Prepárate para facer historia nun reto que só sucede unha vez na vida. Prepárate para o ‘Dragal Challenge’. Seguramente o nome xa che dará unha pista, e precisamente pistas vas ter para longo. Serás ti o elixido que consiga controlar ao último dragón de Galicia?
O mundo imaxinario de Dragal salta das páxinas da escritora Elena Gallego Abad a un xogo interactivo, que te levará a percorrer lugares extraordinarios dunha Galicia máxica.
Unha Galicia onde un día gobernaron os dragóns, ata que foron desaparecendo un a un. Durante séculos, a Orde do Dragal foi a encargada de custodiar o seu legado. Un legado que agora depende de vós, porque só vós poderedes chegar a controlar o último dragón de Galicia.
Prepárate para vivir unha experiencia interactiva como nunca antes viras. O ‘Dragal Challenge’ xógase na nova plataforma PetisGO!, que puxeron en marcha R, cinfo, Sixtema, Xoia e Ficción Producciones, cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Os elixidos para este desafío, pero tamén todos/as os/as que queirades seguir o Challenge en directo, debedes descargarvos a aplicación PetisGo! dende o móbil Android e iOS ou a través da versión para pc.
Asegúrate de que o teu smartphone sexa compatible con Realidade Aumentada (AR) para que poidas seguir os retos. O son os iPhone 6S ou superior ou os iPad de 5ª xeración ou superior. No caso de móbiles con Android, comproba aquí a compatibilidade.
E a por todas!!
Os 10 equipos seleccionados para este reto seredes recibidos polos sabios da Orde do Dragal, que vos contarán todos os detalles da misión que vos van encomendar.
Galicia vaise converter nun gran taboleiro de xogo. Os participantes teredes que atopar os ovos de dragón esparexidos por toda a xeografía, a través de pistas que vos leven ata a súa posición. Pero tamén debedes escondelos para poñerlles as cousas difíciles aos vosos rivais.
Os 4 equipos con máis puntuación mediranse nunha final épica que ten como escenario a Alameda de Santiago. É ‘O Desafío Final’ do ‘Dragal Challenge’. Os ovos de dragón estarán escondidos en lugares significativos de Compostela. A rapidez descifrando as pistas será fundamental para atopalos antes que ninguén e convertervos nos gañadores do ‘Dragal Challenge’.

Enrólate nesta aventura épica que poñerá a proba a túa habilidade e coñecementos. Para participar neste desafío debes crear o teu equipo, formado por 1 adulto -que exercerá o papel de titor escudeiro-, e 4 nenos ou nenas de entre 6 e 16 anos. Únete en familia ou amigos e fai o teu equipazo.
Podedes crear un berro de guerra, disfrazarvos de dragón ou ‘facer o parvo’ o que queirades para gravar a vosa candidatura nun vídeo de non máis de 3 minutos de duración. Despois, só tedes que envialo antes do 5 de xaneiro á dirección de correo electrónico dragalchallenge@petisgo.gal.
A Orde do Dragón poñerase en contacto convosco para comunicarvos se sodes os elixidos para participar no ‘Dragal Challenge’.
Serás ti?
Moi atentos ao noso blog e ás redes sociais porque seguiremos descifrando enigmas.
+ info“
Arquivo da categoría: Sociedade
Vídeo da presentación do caderno Vivas e Libres en Vigo
Carme Riera: “Libros, leis e dereitos”
Artigo de Carme Riera en La Vanguardia (foto da autora desde a Wikipedia):
“O pasado mes de outubro, concretamente o día 12, o BOE publicou unha boa nova para o sector cultural. A Lei 14/11 aprobou medidas de apoio para facer fronte ao impacto económico e social do covid. Tamén se sinalou que o libro, “en xeral, é un ben básico e imprescindíbel“. Entendo que o que quixo expresar o lexislador é que os libros son alimento espiritual, criterio que concorda coa cita evanxélica: “Non só de pan vive o home” e coas máximas tantas veces repetidas: “Os libros fannos libres”, “O que non che dá a vida é o que che dan os libros”, etc. A valoración á alza do libro incluído no BOE ten que ver co feito de que a lectura axudou durante o confinamento ao 82% dos/as lectores/as, segundo os datos facilitados pola Federación de Gremios de Editores de España, no informe O papel do libro e da lectura. durante o período de confinamento covid-19. Ademais, o 70% das persoas enquisadas cre que lles axudou a desconectar da preocupación pola pandemia e o 65% atopou na lectura un xeito de combater o aburrimento. De aí que a disposición derradeira décimo quinta da citada lei engade: “Os poderes públicos organizarán e executarán, con carácter permanente, campañas de fomento da lectura e fortalecemento do sistema bibliotecario público”, o que espertou o entusiasmo do mundo editorial. Un entusiasmo que tamén compartiu Patrici Tixis, presidente do Gremio de Editores de Cataluña, cando se referiu ao aumento da venda de libros no último ano, na súa intervención na 36 Nit de ´l’Edició.
Con todo, tal vez sexa importante lembrar que este ben básico, o libro, é o/a autor/a, que os libros antes de imprimir non están escritos por unha man invisíbel que utilice un bolígrafo máxico ou un ordenador, senón unha persoa que ten un nome e apelidos, aínda que ás veces utiliza pseudónimo. A cadea de montaxe deste produto esencial comeza co/a autor/a. Non hai libro sen autoría, aínda que sexa a última persoa en cobrar e que tan só sexa un modesto 10%. Isto quere dicir que se compras un libro que custa 20 euros, o/a autor/a recibe dous. Destes dous, pagará un 10% á/ao axente, ademais de impostos. Se o libro está en rústica, o beneficio reducirase á metade até o 5%. Escribo isto para que se faga unha idea das escasas porcentaxes que perciben os/as escritores/as co agravante de que as súas obras, 70 anos despois da súa morte, pasarán a ser de dominio público, é dicir, calquera poderá editalas.
O tema dos dereitos de autoría non suscita moito consenso, mesmo os que, como o goberno central, non dubidan en defender o libro e a lectura, non fan o mesmo cos dereitos, a piques de seren tragados, polo que se refire á reprografía, polas plataformas dixitais. Así, a publicación no BOE do 3 de novembro sobre a aplicación da Directiva Europea 2019/790 sobre os dereitos de autoría no mercado único dixital, supón para as/os autoras/es, en especial, un grave prexuízo, dada a imposibilidade práctica de seren recoñecidos/as e remunerados/as de non ser así, mediante a obrigatoriedade da xestión colectiva que, polo momento, non parece ser do agrado do Goberno central. As/Os autoras/es, un/ha por un/ha, fronte ás grandes plataformas tecnolóxicas, non conseguirán nada. Só a obrigatoria xestión colectiva pode garantir os seus dereitos.
En fin, boas festas.
Carme Riera.”











