Nova Nursia, de Héctor Cajaraville, e As orixes da fotografía en Galicia, de Carlos Castelao, premios Losada Diéguez

Desde Sermos Galiza:
Nova Nursia (Xerais, 2018), a novela de Héctor Cajaraville sobre Frei Rosendo Salvado, gañou a 34ª edición do premio Antón Losada Diéguez na categoría de creación literaria. En ensaio, o galardón foi para As orixes da fotografía en Galicia (Alvarellos / Consorcio de Santiago de Compostela, 2019), de Carlos Castelao.
A obra de Cajaraville válese dunha combinación de perspectivas -narración en terceira persoa e cartas en primeira- para achegar a figura do relixioso que, de Tui a Australia, está considerado ademais o introdutor do eucalipto en Galiza. Beneditino, protagoniza esta “áxil novela histórica”, en palabras do xurado.
As orixes da fotografía en Galicia é un traballo pioneiro, de gran profundidade documental, sobre “a chegada e asentamento da fotografía na sociedade compostelá”. É ademais unha coidada edición con ducias de imaxes que contribúen a “rescatar a memoria visual da época”.
Ao certame, organizado polos concellos do Carballiño e Boborás, concorreron 38 obras, 16 na modalidade de ensaio e 22 na de literatura. Está dotado con 6.000 euros por categoría e entregarase nun acto no pazo da familia Losada Diéguez en Moldes (Boborás) o vindeiro 15 de xuño.
O xurado estivo presidido polo concelleiro de Cultura do Carballiño Diego Fernández. Participaron como vocais: pola Real Academia Galega, Afonso-Vázquez Monxardín; polo Consello da Cultura Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas; do Museo do Pobo Galego, Francisco Fariña; por Boborás, Patricia Torres; da Universidade de Santiago, María do Mar Lorenzo; da Universidade da Coruña, Manuel Ferreiro; e da Deputación Luís González Tosar.”

Compostela: actividades destacadas do 1 de maio na Feira do Libro 2019

O 1 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

12:30 h. Marcos Viso asina na caseta da Libraría Aenea.
18:00 h. Concerto-presentación de Paio e o poder da música, con Oviravai, publicado por Galaxia.
18:30 h. Marcos Viso asina na caseta da Libraría Aenea.
19:00 h. Muller e fotografía en Compostela. Conferencia e proxección de imaxes por Carlos Castelao. Por Alvarellos Editora.
19:45 h. Presentación de Sándalo, de María Xosé Porteiro, publicado por Galaxia.
20:00 h. Ana Cabaleiro asina na caseta da Libraría Cartabón.
20:30 h. Presentación de Hotel para coleccionistas discretos, de Diego Giráldez, publicado por Galaxia. Con Neves Rodríguez e Iria Sobrado.

Luz Pozo Garza: “Un verdor de beleza cubría o pazo”

Desde El Progreso:
“Sendo nova un mozo preguntou a Luz se ía querelo “para sempre”. Ela botouse para atrás. Estaba asustada imaxinando anos e anos formando unha ringleira sen final no horizonte. Pero tamén estaba namorada. “Para sempre? Prefiro entregarche a miña alma”. Foi unha forma lírica e menos comprometida de prolongar o seu amor ata a eternidade.
Dende aquela, Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) atravesou océanos de tempo. Tanto no seu corazón, que acolle 96 anos, como a través da súa estirpe materna, que se fixo patente no século XIV coa construción do pazo de Tor. Vén de dedicarlle un poemario, Pazo de Tor (Alvarellos), a ese palacio monfortino.
O tempo parece unha abundancia para Luz Pozo, pero non tivo ocasión de visitalo ata hai oito anos. “Estaba dando clase, non podía collerme uns días”. Cando o coñeceu valorou que “estaba moi ben porque había pouco que marchara a familia que o habitaba. Quedaban uns restos da torre da homenaxe. Estaba cuberto dun verdor que eu recordo como beleza”. A memoria pode quitar brillo mesmo á decadencia máis miserable. O pazo foi rehabilitado pola Deputación de Lugo.
“A miña nai foi a última descendente”, asegura a escritora. A nai era Luz Garza Feijoo, de quen Dolores Elvira Pozo Garza colleu o nome para dedicarlle libros. Un antepasado materno da autora era medio irmán do Padre Feijoo. “O seu pai recoñeceuno, pero despois casou cunha señora importante e tivo esoutro fillo”.
A nai deulle a liñaxe e a poesía. “Escribía poemas. Gustáballe lérnolos”. Tamén lle deu o mundo. “Era de Allariz. Os seus pais morreron cando era unha nena. Estudou en colexios de elite de Alemaña, Bélxica e Estados Unidos”. Notábaselle na presenza e nos idiomas falados. (…)”