Arquivos da etiqueta: Arancha Nogueira
Os premios Follas Novas do Libro Galego anuncian os seus 45 finalistas
Os premios Follas Novas do Libro Galego, que valoran a produción literaria e editorial en Galicia durante o ano 2021, escolleron os finalistas para esta edición, que suman corenta e cinco títulos, iniciativas, proxectos e profesionais. As gañadoras dos premios Follas Novas 2022 daranse a coñecer na gala a celebrar o vindeiro 7 de maio no Teatro Principal de Compostela, unha celebración que, despois de dous anos, recupera o seu carácter presencial, pero continuará a ser emitida dixitalmente. Os premios están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Contan co apoio da Deputación da Coruña, Concello de Santiago, CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) e Xunta de Galicia.
Os corenta e cinco finalistas desta edición dos premios Follas Novas son o resultado dun proceso que se ampliou neste ano a catro fases, e que supón unha valoración completa de toda a produción editorial galega. O proceso consistiu nunha primeira escolla con propostas das tres entidades organizadoras, que supuxo a selección dun centenar e medio de títulos entre os públicados ao longo de 2021. Dese conxunto de obras, o xurado desta edición fixo unha primeira escolma da que resultaron un total de noventa obras candidatas aos premios. A terceira fase de selección é a actual, na que o xurado seleccionou as obras finalistas por cada categoría. O proceso terá o seu cumio o vindeiro sábado, 7 de maio, co anuncio das obras, iniciativas e profesionais gañadoras. Nese día celebrarase no Teatro Principal de Santiago de Compostela a gala de entrega de premios que, despois de dous anos, recuperará o seu carácter presencial, aínda que manterá a súa emisión dixital, como se fixo nas edicións anteriores.
FINALISTAS DOS PREMIOS FOLLAS NOVAS 2021
PREMIOS A OBRAS EDITADAS EN 2021
Ensaio e investigación
– Castelao. Construtor da nación. Tomo III. 1940-1950, de Miguel Anxo Seixas Seoane (Editorial Galaxia)
– Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán, de María Pilar García Negro (Alvarellos Editora)
– Um país a la gallega. Galiza no No-Do franquista, de Beatriz Busto Miramontes (Através Editora)
Divulgación
– H2… Oh!!! Pingas científicas, de María Canosa (Editorial Galaxia)
– Pandemias. As epidemias que asolaron a humanidade, de Juan J. Gestal Otero (Edicións Bolanda)
– Vermellos e laicos. A represión fascista do maxisterio coruñés, de Narciso de Gabriel (Editorial Galaxia)
Narrativa
– As malas mulleres, de Marilar Aleixandre (Editorial Galaxia)
– Golpes de luz, de Ledicia Costas (Edicións Xerais de Galicia)
– O cervo e a sombra, de Diego Ameixeiras (Edicións Xerais de Galicia)
Infantil
– A mestra corremundos, de Arancha Nogueira (ilustrado por Ana Varela) (Cuarto de inverno)
– Douche a miña palabra, de Fran Alonso (ilustrado por Bea Gregores) (Edicións Xerais de Galicia)
– Neko, de Eva Mejuto (ilustrado por Bea Gregores) (Oqueleo)
Xuvenil
– A nena lectora, de Manuel Rivas (ilustrado por Susana Suniaga) (Edicións Xerais de Galicia)
– Contos de obxectos, de Xabier P. DoCampo (ilustrado por DNL) (Edicións Xerais de Galicia)
– santoamaro, de Antonio Manuel Fraga (Edicións Xerais de Galicia)
Libro ilustrado
– A Coruña, por David Pintor (Kalandraka Editora)
– Guía definitiva dos anfibios e réptiles da Galiza, por Pancho Lapeña e Ignacio Munilla Soriano (Ourensana)
– Nación Mar, por Xosé Iglesias (Editorial Bululú)
Banda deseñada, gráfico e humor
– Aldara. A lenda do cervo branco, de Inés Vázquez (Demo Editorial)
– Nós seis, de Julia Lago (Deputación da Coruña)
– Que tempos!, de Xaquín Marín (Edicións Embora)
Iniciativa bibliográfica
– Colección Chave Mestra, VV. AA. (aCentral Folque)
– Colección Cidades, de David Pintor (Kalandraka Editora)
– Colección Memoria Histórica (Editorial Galaxia)
Obra traducida
– Canto eu e a montaña baila, de Irene Solá. Tradución de María Alonso Seisdedos (Kalandraka Editora)
– O infinito nun xunco, de Irene Vallejo. Tradución de María López Suárez (Edicións Xerais de Galicia)
– O quinto en cuestión, de Robertson Davies. Tradución de Alejandro Tobar (Kalandraka Editora)
Poesía
– Notas sobre a extinción, de Marta Dacosta Alonso (Editorial Galaxia)
– O que fica fóra, de Manuel Rivas (Apiario)
– Simún, de Nuria Vilán (Chan da Pólvora Editora)
Teatro
– As desterradas, de Carme Varela (Edicións Xerais de Galicia / Xunta de Galicia)
– DFW nas profundidades da tristeza infinita / As cancións que lles cantaban aos cativos, de Raúl Dans (Edicións Laiovento)
– Fillos do sol, de Cándido Pazó (Editorial Galaxia)
Libro mellor editado
– A Coruña, de David Pintor (Kalandraka Editora)
– Intempériome (libro, CD, caderno, caixa), de Xela Arias (Edicións Xerais de Galicia)
– O que fica fóra, de Manuel Rivas (Apiario)
PREMIOS A TRAXECTORIAS
Iniciativa cultural ou fomento da lectura
– Biblioteca Pública Municipal de Antas de Ulla
– Poetas Di(n)versos, por Yolanda Castaño
– Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados
Proxecto literario na rede
– A que cheira, papá?
– O Arquivo das Trasnas (Instagram), VV. AA.
– Surfeando libros (Instagram), de Irene Pérez
Xornalismo cultural
– Belén Regueira
– Pilar García Rego
– Susana Pedreira
Compostela: presentación de Antese, de Arancha Nogueira
Gondomar: acto de entrega do XIII Premio de poesía Victoriano Taibo
Cuestionario Proust: Arantxa Nogueira, desde Lecturafilia
Entrevista a Arancha Nogueira en Lecturafilia:
“1. O principal trazo do teu carácter? Difícil… se fose un, creo que o compromiso, a lealdade.
2. Que calidade aprecias máis nun home? A disidencia (ergo, a autocrítica).
3. E nunha muller? A xenerosidade.
4. Que agardas das túas amizades? Que me sigan querendo, con todo (tamén con todo o que significa querer).
5. O teu principal defecto? Son moi sensíbel e moi arroutada. Mala combinación.
6. A túa ocupación favorita? Ler, escribir, bailar, beber cervexa coa xente que quero e coa que estou aprendendo a querer.
7. O teu ideal de felicidade? A miña xente querida, unha casa con galería e “unha biblioteca que nos sobreviva a todas”.
8. Cal sería a túa maior desgraza? Ficar soa (sen o mar, sen o barco e sen un nós ao que dicir nós).
9. Que che gustaría ser? Feliz. Tamén actriz de musical.
10. En que país desexarías vivir? En Galiza, nunha Galiza outra (na de Feijóo non, desde logo).
11. A túa cor favorita? O verde-fraga.
12. A flor que máis che gusta? O estralote.
13. Que paxaro prefires? Son ornitofóbica! Pero ás aves que non voan non lles teño tanto medo… por exemplo, o fraileciño.
14. Os teus autores/as favoritos en prosa? Virginia Woolf, Milan Kundera, Eduardo Blanco Amor, Berta Dávila…
15. E poetas? Wislawa Szymborska, Sylvia Plath, Ana Cristina Cesar, Ana Romaní, Lupe Gómez, María Lado…
16. Un heroe de ficción? O pequeno vampiro.
17. Una heroína? As Sailormoon.
18. O teu músico ou música favorito/a? Ataque Escampe (sempre fan) e este ano escoitei moitísimo a Zahara.
19. O teu pintor ou pintora preferido/a? Marc Chagall e ultimamente estou obsesionada con Alice Neel.
20. O teu heroe ou heroína na vida real? Podería dicir, por exemplo, miña avoa. Pero, en xeral, todas as miñas amigas.
21. O teu nome favorito? Xan e Celtia (así digo sempre que se van chamar as miñas fillas futuras!).
22. Que hábito alleo non soportas? A falta de compromiso.
23. Que é o que máis detestas? O narcisismo.
24. Unha figura histórica que che poña mal corpo? Unha só? E de que historia? Desta que nos contaron case todo o mundo me pon mal corpo…
25. Un feito histórico que admires? Calquera levantamento dun colectivo oprimido fronte a un poder opresor.
26. Que virtude desexarías posuír? A paciencia.
27. Como che gustaría morrer? De vella, nun soño grande e demorado.
28. Cal é o estado máis común do teu ánimo? Melancólico.
29. Que defectos che inspiran maior indulxencia? Os que parten da inocencia.
30. Tes unha máxima ou lema de vida? Vivir intensamente, que se non para que.”