Top 10. Narrativa galega 2012, por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Na última entrega de Biblos que estes días comeza a se distribuír -revista, por certo,  que completa sesenta números que viron a luz ao longo de dez anos-, dou a coñecer, na habitual sección «Breviario», unha listaxe do que considero como o máis salientable no eido da narrativa galega publicada este ano pasado. Como sinalo no comezo faltan, con certeza, outros títulos, e mesmo algúns que foron moi do meu agrado. Velaquí o artigo:
‘Coma sempre, ao comezar un novo ano e botar a vista atrás resulta inevitable revisar o que se leu, e compendiar ao que meu xuízo foi o máis salientable. Velaquí un top 10 de carácter persoal, loxicamente, sen orde de prioridade e que se centra na narrativa publicada en lingua galego o ano pasado. Asumo que nel non se inclúe todo o que realmente me gustou, alén de dúas ou tres novelas aparecidas no momento en que isto redacto e que poderían modificar esta escolla. Dun ou doutro xeito aquí está:
1. As voces baixas, de Manuel Rivas. Deses libros que resoan na memoria de quen o le, pola intensa brillantez con que foi escrito, pola sinceridade e emotividade que desprende.
2 A forma das nubes, de María López Sández. Premio Narrativa breve Repsol 2011. Ao meu ver unha das sorpresas do ano dunha autora de extraordinario potencial.
3. Palabras de auga, de Marcos Calveiro. Premio Merlín 2012. Unha historia estremecedora e comprometida para afondar en realidades que non vemos ou non queremos ver, tamén na propia condición humana.
4. En vías de extinción, de María Reimóndez. Novela que sabe a liberdade, que arrecende talento, sempre nos camiños da heterodoxia e a reflexión: imprescindible.
5. Verde oliva, de Xavier Alcalá. Experiencia e sabedoría narrativa para afondar con brillantez nos días previos da chegada de Fidel Castro ao poder.
6. Dúas letras, de Fina Casalderrey. Un libro que é un luxo: un relato poderoso e milimetrado que inspira unha magnífica curtametraxe.
7. Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño. Á sombra dos mitos da Materia de Bretaña, unha reflexión magnífica sobre os conceptos da impunidade e da culpa.
8. O curioso mundo das persoas normais, de Xosé Monteagudo. Retratar a paisaxe e os sentimentos da vida cotiá desde a perspectiva de alguén, que só é quen de outeala, non é doado e o autor é quen de emocionar.
9. Os fillos do mar, de Pedro Feijoo. A proposta incorporou tantos lectores á narrativa de noso que só por iso xa é de agradecer. Ademais, non lle falta pericia narrativa, talento e engado. Outra agradable sorpresa da tempada literaria.
10. 15.724, de Xesús Constela. Cun substrato que é unha alegación contra as oligarquías e a pena de morte, o autor ofrece un espléndido exercicio narrativo que non decae nin na derradeira páxina.’

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2012

“Tras pechar o día 15 de xaneiro as votacións temos, un ano máis, os resultados cos que as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2012. En total, este ano recibimos 453 enquisas. Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer unha vez máis a vosa participación e o voso interese, porque estes premios, aínda que polo de agora só sexan de carácter simbólico, queren reflectir a voz dos lectores e das lectoras galegas. A voz dos que somos receptores e consumidores dos libros que @s escritor@s e editoriais poñen nas librarías e nas bibliotecas. E agora os resultados e os nosos parabéns aos premiados…
– Mellor libro de Narrativa de adultos para As voces baixas, de Manuel Rivas (Xerais).
– Mellor libro de Poesía para Calado testamento, de Xavier Rodríguez Barrio (Espiral Maior).
– Mellor libro de Ensaio para O rastro que deixamos, de Agustín Fernández Paz (Xerais).
– Mellor libro de Literatura dramática para o Banqueiros, de varios autores (Laiovento).
– Mellor libro de Banda Deseñada para Ardalén, de Miguelanxo Prado.
– Mellor libro traducido ao galego para adultos para Mr. Gwyn, de Alessandro Baricco (Galaxia).
– Mellor libro xuvenil para Palabras de auga, de Marcos Calveiro (Xerais).
– Mellor libro infantil para María Fumaça, de varios autores (Galaxia).
– Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para Lilus Kikus, de Elena Poniatowska, traducido por Teresa Moure (Trifolium).
– Autor do ano para Agustín Fernández Paz.
– Ilustrador do ano para Miguelanxo Prado.
– Mellor portada dun libro para adultos para Tonas de laranxa (Xerais).
– Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Palabras de auga (Xerais).
– Mellor editorial para Xerais.
– Mellor crítico/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para a política cultural da Xunta.
– Mellor Libraría para a libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog para Brétemas, de Manuel Bragado.”

Pontevedra: presentación de Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello

O venres 18 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Casa das Campás de Pontevedra, preséntase Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, publicada por Galaxia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Maio Longo, coa colaboración do Concello de Pontevedra e a Editorial Galaxia, intervirán, xunto ao autor, Luís Bará e Carlos Lema.
Reportaxe posterior en Galaxia.

Madrid: presentación de O caso máis estraño do detective Marschen, de Xavier Frías Conde

O xoves 17 de xaneiro, ás 19:00 horas, en Aturuxo Tenda Galega (C/ Vallehermoso, 104) de Madrid, preséntase O caso máis estraño do detective Marschen, de Xavier Frías Conde, publicado en Galaxia. No acto, presentado por Ricardo Pichel, participará, xunto ao autor, Francisco Castro.

O neno can entra no catálogo das mellores publicacións sobre o tratamento da discapacidade

Desde La Voz de Galicia:
O neno can, o libro de breves relatos a favor de Unicef no que Fina Casalderrey e Francisco Castro abordan asuntos relacionados coa falta de dereitos básicos que padecen moitos nenos, acaba de ser incluído no Centro IBBY de Documentación para Nenos con Dificultades Especiais. Esta institución, con sede en Oslo, elabora a coñecida como Lista Outstanding Books 2013, unha colección cos títulos destacados polo seu tratamento da discapacidade. O libro galego, publicado no 2012, e no que se contan historias de cativos que teñen que sobrevivir remexendo nos colectores de lixo, a epopea desas nenas obrigadas a casar con homes adultos ou a discriminación de quen é diferente por calquera motivo, logra desta maneira un gran recoñecemento internacional. Entra nun catálogo que recolle as mellores publicacións sobre esta temática -editado en varias linguas-, e que se expón, primeiro, na Feria do Libro Infantil de Boloña e, posteriormente, en distintas capitais a través dunha mostra itinerante. Asemade, entra a formar parte dunha colección permanente que se expón no Centro IBBY. O libro que, a pesar da crueza das realidades que conta, amosa relatos cheos de vida, publicouse en galego pola Editorial Galaxia, firma que amosa a súa satisfacción polo recoñecemento. Nos vindeiros meses será publicado en castelán por outra editorial. (…)”.

Xavier Alcalá: “O castrismo mitificou Sierra Maestra sendo moito máis decisiva a loita urbana”

Entrevista a Xavier Alcalá en Diario de Ferrol, desde Galaxia:
“- Diario de Ferrol (DF): Unha vez máis novela [Verde oliva] uns feitos cargados de historia.
– Xavier Alcalá (XA): Mantiven moitas entrevistas coa protagonista, Juana Maseda, e cheguei a un pacto para facer unha novela, cambiando nomes, pero os feitos son reais. O proceso é semellante ao que fixen sobre a triloxía sobre o movemento evanxélico en Galicia. (…)
– DF: Como foi esa loita urbana?
– XA: Investiguei a través de varias fontes e en Miami chegaron a darme un dato que pode ser esaxerado pero é significativo: as baixas de Batista en Sierra Maestra foron de 200 persoas, mentres que nas cidades foron de 20.000. O dato deumo en Miami Luis Conte Agüero, a quen nos anos da revolución Fidel chamaba “mi hermano Luis”. Logo ao castrismo interesoulle aumentar a importancia da loita nas montañas. (…)
– DF: Como está a ser a recepción de Verde oliva?
– XA: Extraordinaria. Teño que dicir que a novela está escrita en galego pero enseguida ma pediron para editar en castelán para libro electrónico e a Juana Maseda interesáballe que saíse tamén en castelán para que lle chegara a nova a Fidel. Tamén tivo repercusión en Puerto Rico, onde hai moitos revolucionarios cubanos. (…)”.