Desde o Concello de Pontevedra:
“O mestre e escritor lucense Lois Pérez foi galardoado en 2021 co Premio Agustín Fernández Paz e en 2022 co Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil.
Na selección como gañadora da obra Cartas na escuridade o xurado destacou a súa reivindicación dos dereitos humanos infantís a nivel global e o feito de “visibilizar realidades presentes no día a día pero das que non se fala, facendo remover conciencias na sociedade”.
Ademais dunha dotación económica de 3.000 € a obra será editada e publicada en lingua galega da man da citada editorial cara o mes de abril.
O mestre, poeta, escritor e guionista lucense, Lois Pérez resultou gañador do VI Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil convocado polo Concello de Pontevedra e a editorial Cuarto de Inverno. O 20 de decembro participou nunha recepción por parte do alcalde, Miguel Anxo Fernández e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez e nunha posterior presentación aos medios á que tamén asistiu Andrea Jamardo.
Entre as preto de 30 obras presentadas, o xurado reunido hai unhas semanas e composto pola libreira Luz Gallego en representación do Concello de Pontevedra, Andrea Barreira Freije en representación da familia de María Victoria Moreno e Andrea Jamardo Seijo, en representación de Cuarto de Inverno, considerou como gañadora por unanimidade dos votos a obra presentada baixo o lema «Entrementres e non» que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Lois Pérez Díaz e con título definitivo Cartas na escuridade.
Na rolda, o concelleiro destacou a “dificultade de construír unha novela de literatura xuvenil. Os autores e autoras, constrúen o seu lector para dirixirse a esa persoa. Este caso non permite dirixirse a calquera lector que nós desexemos, senón ao público xuvenil. Un público moi determinado, que xera un marco no que a obra debe ser creada. Por iso creo que a literatura xuvenil, que as veces non ten ese carácter de obra artísitca, de obra literaria de gran nivel, conta con esta dificultade de marco previo ao que se teñen que adaptar as autoras e autores – que non o teñen o resto dos autores que teñen unha maior liberdade creativa que en certo modo facilita a redacción das súas obras. Paréceme moi complexa a labor do xurado, do que facía parte Andrea Jamardo de Cuarto de Inverno e sobre todo, moi complicado o traballo que fixo Lois Pérez coa redacción desta obra que realmente temos moita gana de ter na man para poder ler. O xurado destacou o tema social e por aí vai outra parte que me gusta destacar desta obra: as veces a literatura xuvenil ten un carácter didáctico, pódese utilizar nas aulas e esta, polo que adiantou o xurado, ten capacidade para ser lida con múltiples lecturas para que o público xuvenil ao que se dirixe – e incluso o público adulto-, poida aprender de realidades distintas da nosa, moito máis duras e poñelo en relación coa vida que levamos neste primeiro mundo”.
Demetrio cedeu a palabra a Andrea Jamardo que quixo “agradecer ao Concello de Pontevedra por confiar en nós e sobre todo á familia de María Victoria Moreno porque o tándem Concello de Pontevedra – Cuarto de Inverno continúa a ser o acertado para publicar esta obra. A deliberación do xurado foi complicada porque foi dos anos que máis obras recibimos con case 30, e quero dar as grazas a todas esas persoas que un ano máis quixeron participar neste premio. Sei e estou convecida de que unha das motivacións para presentarse ao María Victoria Moreno é que ese autor/a terá eses lazo coa autora que nós estamos aquí homenaxando. Moitas grazas a Lois. Cando abrimos a plica foi unha sorpresa e as tres quedamos encantadas. Para Cuarto de Inverno tamén é unha honra que Lois Pérez fome parte do noso catálogo. Agardamos que a obra teña unha acollida estupenda como están a ter as anteriores”.
Pola súa banda o autor premiado manifestou a súa felicidade por diversas razón: “sempre é especial vir a Pontevedra, temos un vínculo con esta cidade e é tamén é moi especial gañar un premio que leva o nome de María Victoria Moreno, o nome da que probablemente é a poeta alófona – xunto a Anne Marie Morris – máis destacada da nosa literatura. Moi agradecido ao Concello, que penso que é un referente para moitos outros lugares do país polo seu apoio á nosa lingua e a nosa cultura. Moi contento tamén porque sexan Andrea e os seus compis de Cuarto de Inverno, por poder traballar con eles neste proceso de edición que agora comeza”.
“A novela básicamente é unha aventura que ten que ver co medo, coa indentidade e coa imposibilidade de ser en algunhas xeografías do mundo actual. Trata dunha nena e un neno soldado ugandeses que por circunstancias diversas e o tráfico de persoas, rematan ás portas do Mundial de Catar, el traballando nos estadios e ela facendo hoteis sen saber que están os dous no mesmo país logo de anos sen verse. Hai un par de universitarias cataries, inventando unha sorte de revoltas, do recoñecemento dos dereitos das mulleres e os democráticos da cidadanía. Hai un francés, Oliver, fillo dun deputado corrupto que ten lazos e negocios cos xeques e finamente, hai un condutor de bus que ten tamén a encarga de desfacerse de toda esa correspondencia desta xente, que vive en barracóns, no deserto. Debería queimalas pero el vai gardando cartas e entrando en contacto coas realidades de moita xente.
É unha aventura, pero a pesar de que trata cousas serias, hai humor. Responde un pouco ás miñas inquedanzas. Dalgún xeito intento explicarme o mundo no que estamos vivindo. Creo que é imposible, non tés moito que contar se non tomas conciencia do mundo no que vives e aínda que eu busco a literatura finalmente, abrir unha porta á experiencia do mundo, deixar que respire, tamén me interesa falarlle de determinadas cousas ao público potencial da novela que é a nosa mocidade. Eu teño moita esperanza na mocidade, nas novas xeracións, non só como xente que pasa por alí, senón como xente que pode cambiar o estado das cousas e facer deste mundo un lugar mellor para moita xente. Agradecer a miña compañeira Alba e ao meu fillo, tamén por esta oportunidade de gozar da marabillosa cidade. Militamos na tristeza esperanzada.” (…)”
Arquivos da etiqueta: María Victoria Moreno
Arteixo: “Contadas na súa voz”, con Ana Hermida
Celebramos o 8M Día Internacional da Muller, cunha sentida homenaxe ás escritoras galegas que crearon as máis fermosas historias infantís de todos os tempos. Repasaremos a biografía de Dora Vázquez, Helena Villar Janeiro e María Victoria Moreno e gozaremos dos seus poemas e contos marabillosos. Serán historias contadas na súa voz e coa palabra de Ana Hermida.
Coas nosas escritoras galegas celebramos tamén o Día da Narración Oral, o Día da Poesía e o Día do Teatro. Achégate a Oseiro, escoita as historias, poemas, cancións, teatro… e coñece máis polo miúdo á escritora “Dora Vázquez” que lle dá nome á Biblioteca desta parroquia. Será o luns 21 de marzo ás 18:30 h.
Culturgal 2019: actividades literarias destacadas do 30 de novembro
Do 29 de novembro ao 1 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar o Culturgal 2019.
As actividades literarias destacadas do programa para o 30 de novembro son:
– 11:30 h. Espazo Libros. Scórpio. AGAL. Presentación da lectura continuada e colectiva do libro Scórpio, de Ricardo Carvalho Calero, que terá lugar en Compostela ao redor do 17 de maio de 2020.
– 11:30 h. Carpa. Amil presenta Popsía. Novo disco que verá a luz en 2020 cunha escolma de poetas galegos e galegas dende o medievo até os nososdías, en clave de música pop, swing e folk. Con Antón Torroncho, baixista, Miguel Paz, batería e coros, Carlos Fandiño, piano, e Fran Amil, guitarra acústica e voz.
– 12:00 h. Espazo Libro. Herba de namorar de María do Cebreiro. Galaxia. Presentación do último poemario de María do Cebreiro, acompañada polo xornalista e tamén poeta Daniel Salgado.
– 12:30 h. Espazo Libro. “A maternidade na novela actual, distintas perspectivas”. Baía Edicións e Consorcio Editorial Galego. Coas escritoras Eli Ríos, Emma Pedreira e Rocío Leira.
– 12:30 h. Stand Kalandraka. Pablo Otero asina Parece unha formiga.
– 13:00 h. Espazo Libro. Presentación do libro Ardora, de Beatriz Maceda, gañadora do II Premio de Narración Xuvenil María Victoría Moreno, editado por Urco Editora. Concello de Pontevedra. Coa autora, Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra, Denís Fernández Cabrera, de Urco Editora, Begoña Llácer Moreno e Pedro Ferriol Suárez, filla e viúvo de María Victoria Moreno, respectivamente.
– 13:30 h. Espazo Libro. Presentación do libro gañador do Premio «Balbino» de Relatos. Edicións Fervenza. Con Pablo Nogueira, Armando Requeixo e Roberto Nogueira.
– 13:30 h. Tabú, unha obra orixinal de Carmen Conde. Dezdedez en colaboración con Tarabela Creativa. Carmen Conde, coa música en directo de Nastasia Zürcher, narra historias de mulleres galegas reais de bisbarras rurais de entre 70 e 95 anos que falan das súas primeiras experiencias (sexuais, ir ás festas), eses tabús que por fin son desvelados en escena.
– 16:30 h. Espazo Libro. Aira Editorial presenta na Feira dous proxectos: a edición ilustrada por Miguel Robledo do clásico da literatura universal Frankenstein, con tradución de Samuel Solleiro. Ademais, o libro infantil Teño dereitos, que recolle os principais dereitos humanos cun enfoque apropiado para os primeiros lectores, ilustrado tamén por Miguel Robledo. Participan o editor César Lorenzo Gil e coa avogada Elvira Souto.
– 16:30 h. Carpa. Canta, miña pedra, canta. Homenaxe a Antonio Fraguas, de Xoán Curiel, publicado por Galaxia. Un espectáculo familiar ao redor dos relatos populares e cancións recollidas por Fraguas. Recomendado entre 6 e 12 anos.
– 16:45 h. Espazo Foro. Colección Makakiños: Contos con pictogramas para romper as barreiras da incomunicación. Kalandraka e Asociación BATA de Tratamento do Autismo. Cos ilustradores Alicia Suárez e Marc Taeger, e Mónica Santos, da Asociación Bata.
– 16:45 h. Espazo Infantil. Ola!, son un bicho bóla! Apiario. Presentación do novo álbum infantil Ola!, son un bicho bóla!(colección Niño de Abella), destinado a primeir*s lector*s, escrito por Elvira Ribeiro e ilustrado por Noe Caamaño. Contacontos coa autora e debuxo en directo a cargo da ilustradora.
– 17:00 h. Púrpura. Hércules de Edicións. Presentación da nova colección coa tradución ao galego de libros feministas de autoras actuais de todo o mundo. Coa editora, Laura Rodríguez Herrera; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; e as tradutoras, María Alonso Seisdedos e M.ª Fe González Fernández.
– 17:30 h. Espazo Libro. Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren: Faladoiro co tradutor David A. Álvarez. Nenas e nenos de todo o mundo pasamos horas inesquecibles de lectura coas aventuras e as extravagancias de Pippi Mediaslongas, do seu mono señor Nilsson e do seu cabalo. Desde 2017, tamén en galego. Kalandraka Editora.
– 17:30 h. Espazo Infantil. A gotiña viaxeira. Edicións Fervenza. Presentación do conto infantil con música ao vivo e audiovisuais. Con Toño Núñez, Armando Requeixo, Ánxela Gracián e Miguel Anxo Macía.
– 17:45 h. Espazo Foro. Presentación de María Vinyals, a muller do porvir. Alvarellos Editora. Presentación do ensaio do historiador Diego Piay coa peripecia vital da feminista María Vinyals, unha vida de novela da derradeira habitante do Castelo de Soutomaior. Co autor, o editor Henrique Alvarellos e a presidentada Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
– 18:00 h. Conversa entre “El Hematocrítico”, autor de Rapunzel con piollos, e Ledicia Costas, autora de Conexión Macarrón, sobre “O humor na literatura infantil”. Xerais.
– 18:00 h. Stand de Galaxia. Sinatura de A casa xunto ao volcán, de Xosé Ricardo Losada.
– 18:00 h. Stand Kalandraka. Grupo Chévere asina Eroski Paraíso.
– 18:15 h. Espazo Infantil. Viaxes gatunas. Xerais. Contacontos-obradoiro a cargo de Eva Mejuto e Víctor Rivas, autores do álbum Dez gatiñas viaxeiras. De 4 a 8 anos. Nesta actividade seguiremos moi de preto unha viaxe chea de aventuras, catastróficos incidentes e moito moito humor. As crianzas farán, no remate da sesión, unha artística e felina proposta plástica para levar un bo recordo desta singular viaxe gatuna por Galiza. Aberto, sen inscrición previa.
– 18:30 h. Stand Xerais. Sinatura de El Hematocrítico e Ledicia Costas.
– 18:30 h. Stand Xerais. Sinatura ilustrada de Ramón D. Veiga e Iván R., autores de A araña que lles tiña medo ás arañas.
– 18:45 h. Espazo Libro. Presentación dos premios Torrente Ballester de Narrativa, 900 de Xabier López, Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, O grupo de An Alfaya, e Miguel González Garcés de poesía, Ningunha tortilla é mala de Eli Ríos. Presenta: Xurxo Couto, deputado de Cultura. Deputación da Coruña.
– 18:45 h. Stand Xerais. Sinatura ilustrada de Eva Mejuto e Víctor Rivas.
– 19:00 h. Stand Xerais. Sinatura de Quokka Moka, de María Solar.
– 19:00 h. Stand Xerais. Sinatura de Amador Castro Moure, Rosa Aneiros e Emma Pedreira.
– 19:00 h. Stand de Galaxia. Sinatura de Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane.
– 19:00 h. Stand de Barafunda. Cristina Corral Soilán asina exemplares de Don Ferretín Ferretón e o seu Cadelo Lambón.
– 19:00 h. Debate arredor do libro A morte de Galicia. Xerais. Un libro que desmonta a ideoloxía caracterizada por agochar a emigración e culpar os vellos e as mulleres da pronta “morte de Galicia”. Participan: Isidro Dubert, Antía Pérez Caramés e Melchor Fernández. Presenta Fran Alonso.
– 19:00 h. Conta comigo. Editorial Bululú. Un taller dematemáticas a través do álbum ilustrado Conta Comigo. Todo o mundo ten unha paixón. Para a protagonista desta historia son as matemáticas. Con Miguel Tanco, autor. A partir de 6 anos. Aberto, sen inscrición.
– 19:15 h. Espazo Libro. Be Water literatura ecofeminista. Conversa arredor da novela ecofeminista Be Water, de Antía Yañez, que serve como presentación da nova editora Cuarto de Inverno. Coa autora e Andrea Jamardo Seijo, editora.
– 19:30 h. Amani de Miguelanxo Prado. Retranca Editora / O Garaxe Hermético. A Feira acolle apresentación do álbum ilustrado do prestixioso autor de banda deseñada coa súa participación acompañado de Kiko da Silva, editor.
– 19:30 h. Sinatura de Isidro Dubert.
– 19:45 h. Premios Xerais 2019. Conversa de Ana G. Liste con Amador Castro Moure, autor de Shanghai a Barcelona (Premio Xerais de Novela 2019); Rosa Aneiros, autora de Xelís, o guieiro das botellas de mar (Premio Merlín de Literatura Infantil 2019) e Emma Pedreira, autora de Os corpos invisibles (Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2019).
– 19:45 h. Espazo Infantil. A fraga do meu avó. Mamá Cabra. A fraga do meu avó está chea de árbores, animais e vida, pero agora vese rodeada de eucaliptos e de xente que tenta cortala. Para concienciar da problemática dos bosques autóctonos e dos espazos naturais, nace este traballo, cheo de poesía, música e ilustracións para chegar ao corazón de todos e de todas.
– 20:00 h. Stand da Libraría Paz. Tamara Andrés asina exemplares de Irmá paxaro, publicado por Cuarto de Inverno.
– 20:00 h. Stand de Galaxia. Sinatura de Troglo & Dita de Alfonso Barreiro.
– 20:30 h. Espazo Libro. Conversa entre Gonzalo Hermo, Premio de Narrativa Breve Repsol 2019 con Diario dun enterro e Berta Dávila, Premio García Barros 2019, con Carrusel. Presenta Carlos Lema, director de edicións de Galaxia.
– 20:30 h. Entrega do premio Nortear de Relato Breve e lanzamento da convocatoria de 2020. O programa Nortear conta, entre as súas actividades, cun premio literario destinado a mozas e mozos de entre 16 e 36 anos, de Galicia e da rexión norte de Portugal. Con Anxo M. Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais, Xosé Lago García, director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia Norte de Portugal (GNP-AECT), João Ribeiro da Silva, xefe de Divisão da Direção Regional de Cultura do Norte de Portugal, e Sabela Varela Fernández, gañadora do premio de relato breve 2019. Xunta de Galicia.
Eli Ríos: “Cando adquirín unha mirada crítica deixei de ler obras de señores”
Entrevista de Uxía Iglesias a Eli Ríos en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): A túa escrita é claramente feminista. É unha necesidade? Poderías concibilo doutro xeito?
– Eli Ríos (ER): Non creo que sexa unha necesidade. Ser feminista non é algo que escollas. Non podes dicir: ‘pois vou ser feminista de nove a nove e media’. É unha mirada, é unha forma de estar na vida, eu son feminista as 24 h da vida e en todos os aspectos da miña vida. É algo natural. A miña ten que ser unha escrita feminista porque é o que eu son. (…)
– GC: E no teu caso, cales foron e son os teus referentes?
– ER: O que lin no instituto foron sempre obras de señores. Medrei pensando que as mulleres non escribiamos. Eu vía a Rosalía, a única señora, e era unha Rosalía que sempre estaba chorando e queixándose de todo, e claro, a min interesábame ben pouco. Pero de repente comezas a facer todo este proceso, que leva o seu tempo… Raio! Somos a metade da poboación, estatisticamente é imposible que as mulleres non escribamos. Comezas a investigar, cousa que non é facil porque non está accesible, e descubres a Ursula K. Le Guin, descubres a Agatha Christie na novela negra… ‘Como non me deron a coñecer isto antes?’ Regresas outra vez sobre Rosalía e decátaste de que é a primeira feminista da nosa historia, de que está reivindicando a loita das mulleres e as nosas raíces.
No momento no que adquirín unha mirada crítica deixei de ler obras de señores, porque non me interesa. É sempre o mesmo, teñen catro clichés e non saen de aí. Interésame moito máis o que fan as mulleres porque escriben desde as marxes, dende unha posición de non privilexio. A partir de aí é dende onde se contan cousas que a min me interesan. Xela Arias, por exemplo, esa muller que di ‘intempériome‘. Como non a estudamos nos institutos? Como non chegamos á súa literatura? Paréceme aberrante. Todas as mulleres que escribiron antes ca a nosa xeración foron abrindo portas: María Xosé Queizán, María Vitoria Moreno, Xohana Torres, a inmensa Begoña Caamaño. Todas elas son mulleres que nos facilitaron o camiño e nos ofreceron referentes ás autoras de hoxe. Non seriamos nada sen o traballo das compañeiras. (…)
– GC: E como está de saúde o mundo literario?
– ER: Eu traballo nas marxes, con mulleres. Nesas marxes o sistema literario é vizosísimo. Estanse facendo traducións feministas, textos que rompen con todo o anterior, xa sexa na forma e no contido. O resto? Non me interesa o sistema literario que fala sempre do mesmo. Creo que hai un mercantilismo atroz que vai acabar con nós, que nos vai autoconsumir. Estámoslle prestando moitísima atención ás campañas de marketing, e un dos que máis funciona é o do feminismo. Ti poslle a un libro a etiqueta de feminismo e parece que xa está todo feito, cando o contido está dicindo exactamente o mesmo: hai un señor que me explica cousas. Ese mercantilismo, ese sacar produtos porque si, vai acabar con nós, converteranos nun panfleto. Precisamente nas persoas que están creando nas marxes está o futuro da literatura galega. (…)”
María Victoria Moreno, “Unha activista cultural multifacética”
Desde a Real Academia Galega:
“”Como familia só temos un desexo, unha esperanza: que as futuras xeracións de galegos e galegas sigan coñecendo a María Victoria Moreno a través dos seus libros”. Con estas palabras pechou Pedro Ferriol, viúvo da escritora, o simposio dedicado á protagonista do Día das Letras Galegas 2018. A segunda xornada centrouse no activismo cultural que desenvolveu desde distintas frontes e rematou cunha proxección audiovisual que repasa a celebración do pasado 17 de maio nas aulas, o hábitat que a autora, docente vocacional, prefería. Nun centro de ensino foi tamén onde María Victoria Moreno (Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005), sen raíz galega ningunha, sentiu a necesidade de aprender o galego.
Sucedeu pouco despois de se establecer en Galicia, no daquela Instituto Masculino de Lugo, onde coñeceu a Xesús Alonso Montero, unha persoa fundamental xunto ao seu alumnado, segundo ela mesmo confesou, no seu espertar á lingua e á cultura galegas. Pero na escolla dese camiño tivo tamén moito que ver a súa ética persoal. Unha ética comprometida cos falantes, salienta o académico, que expresou non só como docente e narradora, senón tamén como editora, tradutora, conferenciante e mesmo autora de libros de texto, perfís todos eles nos que profundaron os relatores.
A última xornada do simposio arrincou coas conferencias de Xavier Senín e da académica Fina Casalderrey e continuou coa mesa redonda que contou co editor Manuel Bragado e as investigadoras Montse Pena Presas e Isabel Mociño, moderada moderada pola académica Marilar Aleixandre. Tras a conferencia de clausura de Xesús Alonso Montero, o serán rematou coa proxección dos vídeos escolares e as palabras do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o secretario xeral de Política Lingüística, institución que apoiou este encontro, e o viúvo de María Victoria Moreno, Pedro Ferriol.
Xesús Alonso Montero rememorou o compromiso coa lingua que espertou en María Victoria Moreno en Lugo, onde mesmo antes de romper a falar en galego xa lles explicou aos seus alumnos que o idioma que falaban todos, ou case todos, “sen ser oficial, era un idioma digno”. “Aquela profesora nova, culta e entregada, aquela profesora de fóra, acababa así de certificar a dignidade moral dunha lingua e dos seus falantes”, sentencia. Máis tarde, pero aínda no franquismo, xa dominando o idioma da súa terra de acollida, María Victoria Moreno impartiu altruistamente cursos de lingua galega, unha faceta considerada subversiva e pola que lle foi retirado o pasaporte, recorda.
Neses primeiros anos 70 fixa Xavier Senín o momento en que María Victoria Moreno se converte nunha activista social, “unha traballadora activa a prol do país que xa é o seu”, como demostra igualmente o proxecto compartido da libraría Xuntanza, “un espazo de resistencia, e tamén de referencia para a literatura infantil e xuvenil”, que abriu as súas portas en Pontevedra en 1973; ou a introdución de contidos de lingua e literatura galega nas aulas que impartía ás alumnas do Instituto Feminino da mesma cidade. Máis adiante, este compromiso coa cultura galega manifestaríase tamén no seu labor de tradutora, editora ou mestra de mestres en lingua e cultura galegas, repasou o amigo da escritora, coautor da biografía María Victoria Moreno. Sementadora de futuro.
Xavier Senín entrou tamén na raíz do seu compromiso coa cultura galega na conferencia que abriu o programa de hoxe. “A xenerosidade persoal e o compromiso coa cultura galega son dous faros que marcan o camiño vital de María Victoria Moreno, dúas liñas de luz que se entrecruzan ao longo do seu devir e, en boa medida, a segunda é consecuencia da primeira”, reflexiona. Da xenerosidade da escritora no persoal dan conta tamén as axudas económicas directas do seu peto que deu a alumnado con escasos recursos, fabulando que o seu centro educativo dispuña de bolsas para casos especiais, pon como exemplo.
Na pegada que deixou María Victoria Moreno como docente afondou deseguido a académica Fina Casalderrey, que foi alumna da escritora naqueles cursos para mestres dos primeiros anos 80. “Cando falaba, prendía no alumnado unha luz que suscitaba devoción e estimulaba o olfacto da curiosidade facéndoos máis sabios, máis libres e máis responsables. O seu labor como ensinante comprometida en espertar, con palabras rexas coma a face da verdade, a paixón pola lectura, as emocións, o sentido crítico e a responsabilidade con respecto ao porvir da lingua e da cultura abondarían como méritos para lle dedicar as Letras Galegas 2018. E aquí estamos, con ela, manténdoa viva na memoria”, conclúe.
Manuel Bragado, editor desde Xerais dos últimos libros de María Victoria Moreno, introduciu outro perfil da escritora homenaxeada, o de ensaísta. Como tal, salienta o seu Diario da luz e a sombra (2004), a crónica como enferma do cancro de mama que acabaría coa súa vida. A obra, “a súa peza ensaística principal”, mestura “moitos fíos autobiográficos con reflexións filosóficas, literarias e mesmo relixiosas”. É, de feito, “unha guía esencial para o coñecemento da poética da vida de María Victoria Moreno”, na que sobresaen “o valor da amizade e da rede dos afectos”, apunta Manuel Bragado, que coñeceu a protagonista das Letras Galegas 2018 na Feira do Libro de Pontevedra de 2003. Aquel encontro foi inaugurado por ela mesma cun “pregón espectacular, toda unha arenga rimada, na que chufou ben chufado o alcalde de Pontevedra, e na que se definiu como escritora snob e insurrecta, anque moitos paus lle deran”, lembra.
Isabel Mociño, investigadora da Universidade de Vigo, indagou tamén no labor multifacético dunha autora cuxo traballo como escritora, docente, editora ou tradutora foi esencial para o despegar da literatura infantil e xuvenil galega. “A vizosidade que hoxe demostra a literatura galega, en especial a que tamén pode ler a infancia e a xuventude, non sería tal sen o papel de pioneiras como María Victoria Moreno. Nela recoñecemos as nosas raíces as que aprendemos a ler en galego”.
O compromiso docente de María Victoria Moreno tamén a levou a asumir a redacción de dous libros de texto, publicados en 1985 e 1987, “que se poden considerar os primeiros manuais de literatura galega para 3º de BUP e COU (o actual bacharelato)”, apunta Montse Pena Presas. A investigadora da Universidade de Santiago de Compostela presentou no simposio un traballo que analiza o contexto e o contido de ambos os dous manuais, Literatura século XX e Literatura 3º BUP, un proxecto compartido co seu antigo alumno Xesús Rábade e, no caso do libro de 3º de BUP, tamén con Luís Alonso Girgado. Estes manuais marcaron un fito “polas súas atrevidas interpretacións, pola presenza importante que neles teñen os textos literarios e polo altísimo nivel que demostran”, considera Montse Pena Presas. “Han quedar nos andeis como mostra do esforzo de toda unha xeración galeguista que foi construíndo, paseniñamente e case sobre a nada, os libros que habiamos de estudar as que viñemos despois”, conclúe.”
O Simposio María Victoria Moreno retrata o carácter pioneiro da autora e homenaxea a súa faceta poética
Desde a Real Academia Galega:
“O Simposio María Victoria Moreno foi inaugurado polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e as organizadoras do programa, as académicas Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, na sede da Academia. A tarde do 27 de novembro arrincou cun percorrido pola historia da literatura infantil e xuvenil galega para situar a María Victoria Moreno no “lugar de honra” que lle corresponde, indica a especialista neste eido da Universidade de Santiago de Compostela Blanca Ana Roig Rechou. “Moitas das obras que conforman a produción da autora, pouco extensa pero intensa, foron fundamentais para a consolidación da LIX galega, de aí que María Victoria Moreno sexa recoñecida como unha pioneira na constitución dese sistema literario e unha impulsora da educación literaria, ben planificada, a partir da boa literatura co obxectivo de axudar á conformación de lectores competentes”, expresa. (…)
A poesía de María Victoria Moreno
Antonio García Teijeiro ofreceu deseguido unha análise crítica da poesía infantil de María Victoria Moreno, centrada nos dous poemarios que dedicou á rapazada: E haberá un tirón de orellas? (1997) e Eu conto, ti cantas… (2005). “A proposta poética destes dous libros é marcadamente narrativa e está chea de musicalidade e xogos verbais, ademais de tratar temas como o amor e o respecto polos animais, a natureza como lugar de vida ou a propia creación literaria” (…)
Amigo da escritora desde os anos compartidos na codirección de Árbore -a colección de LIX de Galaxia que puxeron a andar xunto a David Otero-, Antonio García Teijeiro tamén debuxou un retrato íntimo da autora e da súa visión da poesía que, advirte, envolve todos os seus títulos. “As súas obras en prosa posúen unhas tinguiduras líricas que se poden apalpar a pouco que un entre no seu discurso literario. E están dun xeito delicado, coma sen querer molestar a prosa que escribe, pero que aniña no corazón do lectorado dun xeito morno”, define. A paixón por narrar e a paixón por crear poemas mestúranse na súa poesía infantil, que fai dubidar ao escritor se María Victoria Moreno “escribe un conto en verso ou sente a necesidade de poetizar e, a través dunha historia, escribir poesía”.
María Victoria Moreno tamén deixou escritos poemas para o público adulto, publicados postumamente en Elexías de luz (2006), nos que se detivo o condutor do recital, o escritor Xesús Rábade Paredes, quen coñeceu a María Victoria Moreno no instituto lugués, onde foi alumno dela. “Neste volume caben outros libros que se soñaron e acaso se plasmaron, mais de momento fáltannos os textos. Unha actitude lírico-subxectiva de saudades determina o conxunto desta obra”, valorou.
“Daquelas que contan”: o protagonismo das mulleres
A escritora Mercedes Queixas dedicou a súa intervención, titulada “Daquelas que contan”, a unha “moi significativa” marca autoral da narrativa de María Victoria Moreno: a presenza de mulleres como protagonistas, mulleres “que sofren o resultado da educación patriarcal á par doutras mozas e mulleres que son quen de a cuestionar en conciencia e de promover solucións liberadoras”. Un claro exemplo son os relatos compilados este ano no volume Nosoutras, no que todos os relatos están protagonizados por mulleres de distintas idades e estratos sociais, “desde prostitutas a labregas, libres ou sometidas, mais todas elas cun papel narrativo activo, mulleres afoutas, determinadas, resolutivas ante o infortunio, cuestionadoras de roles sociais”, analizou.
Nosoutras arrinca co manifesto do mesmo nome que María Victoria Moreno escribiu no nome de Úrsula Heinze, Palmira G. Boullosa, Helena Villar Janeiro, Ana María Fernández e ela mesma a finais dos anos 80. Este texto é “toda unha contundente e severa declaración de principios para se afirmar na continuidade do legado rosaliano, mais non como unha efeméride eventista, puntual e anacrónica, senón como herdeiras en eterna e progresiva renovación para afrontar vellos discursos que cada tempo novo semella recuperar”, advertiu a relatora, que tamén repasou desde a perspectiva de xénero a primeira novela da autora, Onde o aire non era brisa, escrita nos anos 60 e publicada postumamente en galego, e na que xa se “amosa un protagonismo feminino que impregnará a vocación literaria da autora; así como Anagnórise, protagonizada por outra profesora afouta; e Guedellas de seda e liño, “trazada desde o protagonismo feminino en clave refractaria das vidas reais diferentes”.”
Discurso literario
Isabel Soto, coautora da biografía María Victoria Moreno. Sementadora de futuro, profundou nalgunhas claves do discurso literario da escritora. Partindo das súas propias declaracións, analizou a súa concepción da escrita como desafogo, a súa relación cos libros e coa lectura, a vocación docente que sempre confesou, o compromiso coa lingua galega e as estratexias discursivas recorrentes nos seus textos.
Por máis que afirmase que escribía como un impulso e sen planificación, a lectura crítica das obras de María Victoria Moreno “pon de relevo estruturas planificadas e un sobresaliente manexo dos recursos narrativos”. “Non cabe dúbida de que, como boa filóloga, crítica e lectora, lles concede grande importancia aos aspectos formais que configuran o discurso (…). A habelencia construtiva de María Victoria Moreno deriva sempre en textos cos que desafía o lector potencial e cos que claramente innovou na literatura galega”, expresa Isabel Soto. A modo de exemplo, referiuse á estrutura de Leonardo e os fontaneiros, a do libro-xogo que lle permite a quen o le distintos camiños para a lectura, unha fórmula empregada noutras tradicións literarias nos relatos de aventuras pero que ela aplicou nun “relato realista no que a aventura non é externa senón íntima”.
O académico Andrés Torres Queiruga abordou finalmente a transcendencia no Diario da luz e a sombra (2004) nunha mesa moderada polo académico correspondente Xoán Babarro e compartida con Mercedes Queixas e Isabel Soto. (…)”
Culturgal 2018, Pontevedra: actividades literarias destacadas do domingo 2 de decembro
Do 30 de novembro ao 2 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar o Culturgal 2018.
As actividades literarias destacadas do programa para o domingo 2 de decembro son:
– 11:00 h. Espazo Libro. Presentacion de As Pessoas do Drama, con Helder Gomes Cancela, vencedor do Grande Prémio de Romance e Novela da Associação Portuguesa de Escritores/Direção-Geral do Livro, Arquivos e Bibliotecas. Camões – Centro Cultural Português em Vigo.
– 11:30 h. Espazo Foro. Mesa redonda: «A conveniencia das coleccións de literatura infantil con perspectiva de xénero» e presentación das obras gañadoras do I Premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade. Baía Edicións. Con Ana Luísa Bouza e Montse Pena Presas, representando o xurado, as autoras gañadoras Antía Yáñez con A reconquista e Sabela Losada con Vermella, así como Belén López Vázquez como editora convocante.
– 12:00 h. Espazo Foro. Presentación do libro-disco A comuna del Barruzo. aCentral Folque. Presentan: Ugia Pedreira, voz, pandeireta, Abel Pérez, acordeón, Pierrot Rougier, frauta, cordofones.
– 12:00 h. Auditorio Pazo da Cultura. Concerto de Oviravai: Paio e o poder da música. Editorial Galaxia. O teixugo máis querido volve con novas aventuras. Con Suso Feixón, Xacob Welicki, Verónica Santalices, Carlos Gil, Erika Welicki, Federico Welicki, Iván Davila e Noa Covelo. Espectáculo especial: prezo 5,50€. Entradas en www.ticketea.com
– 12:30 h. Espazo Libro. Conversa sobre a tradución de A cámara do sangue e outros relatos de Angela Carter coa tradutora María Reimóndez, a escritora e prologuista desta edición, Emma Pedreira e a editora de Urco, Andrea Jamardo. Ao acabar, xs escritorxs e ilustradorxs estarán nos stand de Urco Editora asinando exemplares dos seus libros.
– 12:30 h. Espazo Foro. Galaicos, un pobo entre dous mundos. Alvarellos Editora con Deputación de Pontevedra.
– 13:00 h. Espazo Libro. Presentación do libro infantil O tempo meteorolóxico. A Mesa pola Normalización Lingüística. Con Miguel Robledo, autor e
ilustrador, e Mónica Pazos, coordinadora.
– 13:30 h. Espazo Libro. A cama de meu avó e Carne da minha carne. Apiario . Conversa-recital entre Celso Fernández Sanmartín e Susana Sánchez Arins ao redor dos novos títulos.
– 13:30 h. Espazo Foro. «O proceso da tradución literaria». AGPTI.
– 13:30 h. Espazo Infantil Deleite. Presentación do álbum ilustrado Puff! Vaia peido. Editorial Galaxia. Seres sorprendentes con nomes ben ocorrentes de Luísa Martínez Lorenzo.
– 16:00 h. Stand Galaxia. Sinatura con Raquel Castro. A formiga fóra do carreiro.
– 16:30 h. Espazo Foro. Entrega do Premio Meiga Moira a Ánxela Gracián, por As voces da auga e Pere Tobaruela por Auga e Lume. Baía Edicións.
– 16:30 h. Espazo Libro. Lanzamento de Tu contas e eu conto, de Susana Sánchez Arins. Através Editora.
– 16:30 h. Salón de Actos. Versogramas. Un documental de videopoesía. Presentan Belén Montero, directora, e Celia Parra, produtora executiva.
– 16:30 h. Espazo Carpa. Chuches Amil en concerto: novo libro-cd Monstros con ou sen consentimento. Editorial Galaxia.
– 17:00 h. Espazo Foro. Presentación de Kalandraka TV, canle de televisión dixital sobre literatura infantil e xuvenil. Kalandraka Editora. Con Xosé Ballesteros, director de Kalandraka, José Miguel Sagüillo e Bea Campos, realizador e presentadora da canle.
– 17:00 h. Espazo Libro. Conversa con Iolanda Zúñiga e Antón Lopo
sobre as súas novelas Natura e Extraordinario (Premio Repsol 2018). Editorial Galaxia.
– 17:00 h. Espazo Ate Contemporánea. Contar por amor á arte. 25 aniversario do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Contacontos con Celso Fernández Sanmartín. Recomendado para persoas adultas.
– 17:00 h. Stand de Edicións Fervenza. Héitor Picallo asina exemplares de No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos.
– 17:15 h. Espazo Infantil Deleite. Guendufe o anano. Edicións Fervenza. Con Juan Andrés Fernández, Luís Reimóndez, Gabriel Iglesias, Rosa Costas e Valentín García.
– 17:30 h. Espazo Foro. Presentación do acto sobre a recuperación do Pazo de Meirás. Deputación da Coruña. Con Goretti Sanmartín e Artur Trillo.
– 17:30 h. Espazo Libro. Presentación do novo número da revista Contos Estraños, da novela Manuel de medo, noxo, vicio e morte, de Tomás González Ahola e da novela O secuestro de Brigantia, de Xurxo Esquío. Asociación Cultural Contos Estraños Editora. Con Xosé Duncan, responsable da revista, Fernando M. Cimadevila, editor, e Tomás González Ahola, autor.
– 17:30 h. Espazo Carpa. Cintaadhesiva. Con Jesús Andrés Tejada,
música, Silvia Penas Estévez, voz, textos.
– 18:00 h. Stand Xerais. Sinatura de Paseniño, paseniño de Antonio García Teijeiro e Marcos Viso.
– 18:00 h. Espazo Arte Contemporánea. Presentación do libro Baila comigo ata o final do amor, de Antón Sobral.
– 18:00 h. Espazo Libro. Presentación de A Torre e da Colección Vitamina N. Con Antonio Sandoval, autor, e Ramón Rozas, crítico literario.
– 18:00 h. Auditorio Pazo da Cultura. Concerto de Xoán Curiel e a Banda do Verán: A Casa do Terror. Editorial Galaxia. Esta casa está chea de monstros e pantasmas que te sacarán a bailar e te farán rir e desfrutar. Ten coidado porque non desexarás saír desta aventura. Espectáculo especial: prezo 5,50€. Entradas en www.ticketea.com
– 18:15 h. Espazo Foro. Presentacion das gañadoras dos premios de dramaturxia Álvaro Cunqueiro e Manuel María. AGADIC-Xunta de Galicia. Con Avelina Pérez, gañadora do XXIV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais coa obra Ás oito da tarde, cando morren as nais e Paula Carballeira, gañadora do X Manuel María de literatura dramática infantil coa peza Somos os monstros. As dramaturgas estarán en Culturgalpara recibir os seus galardóns, nun acto no que participarán a presidenta do tribunal, Laura Tato Fontaíña, e o director da Agadic, Jacobo Sutil.
– 18:30 h. Espazo Libro. Presentación da Biblioteca feminista. Editorial Galaxia. Coas autoras Amada Traba, Carme Adán e Inma López Silva.
– 18:30 h Mercedes Queixas e as ilustradoras Paula Pereira e María Montes asinarán exemplares dos seus libros: Xandra, a landra que quería voar, e A brétema, de María Victoria Moreno.
– 18:30 h. Stand Kalandraka. Antonio Sandoval asina exemplares de A Torre e A árbore da escola.
– 18:45 h. Espazo Foro. Entrega do Premio do Público Culturgal 2018.
– 18:45 h. Espazo Infantil Deleite. Viaxe no tempo con As mulleres e os homes. Catro Ventos Editora. Contacontos ao redor do libro do equipo Plantel e a ilustradora Luci Gutiérrez. Con Silvia Penas, narradora.
– 19:00 h. Espazo Libro. Premios Xerais 2018. Conversa de Ramón Rozas con Emma Pedreira, autora de Besta do seu sangue, Premio Xerais de Novela 2018; Héctor Cajaraville, autor de Kusuma, Premio Merlín de Literatura Infantil 2018 e Carlos Negro, autor de Aplicación instantánea, Premio Jules Verne 2018. Ao remate, sinatura no stand de Xerais.
– 19:15 h. Espazo Foro. Presentación do manual Bailegramas, de Sergio Cobos. aCentral Folque.
– 19:30 h. Espazo Infantil Deleite. Presentación de Macedonia de versos e de Pim Pam Pum. Aira Editorial. Con Concha Blanco, autora, Lidia Nokonoko, ilustradora, Pablo Otero, autor, e César Lorenzo, editor.
– 19:45 h. Espazo Foro. Lectura de Rosalía Fernández Rial arredor de Bonus Track. Editorial Galaxia.
– 19:45 h. Espazo Libro. Conversa entre Francisco Castro, autor de
Iridium, e Elisabeth Oliveira. Editorial Galaxia.
Culturgal 2018, Pontevedra: actividades literarias destacadas do sábado 1 de decembro
Do 30 de novembro ao 2 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar o Culturgal 2018.
As actividades literarias destacadas do programa para o sábado 1 de decembro son:
– 11:00 h. Espazo Libro. Presentación do XXXVIII Caderno Ramón Piñeiro. María Victoria Moreno: homenaxe. Secretaría Xeral de Política Lingüística. Con Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Pedro Ferriol Suárez, viúvo de María Victoria Moreno, e Blanca-Ana Roig Rechou, cordinadora do volume.
– 11:30 h. Espazo Libro. As pedras que facían viño. Viaxe polos milenarios lagares rupestres de Galicia. Axencia Turismo de Galicia – Xunta de Galicia. Co coautor e editor Luís Padín.
– 12:00 h. Espazo Foro. Presentación dos novos libros de Bieito Iglesias e Ursula Heinze. Aira Editorial. Cos autores, César Lorenzo Gil (editor) e Xulio Gayoso, ilustrador.
– 12:00 h. Espazo Libro. Presentación dos Premios Torrente Ballester e Raíña Lupa. Deputación da Coruña. Con Goretti Sanmartín, Francisco Castro, Antonio Piñeiro e Marilar Aleixandre.
– 12:30 h. Espazo Foro. Entrega do Premio Xela Arias. AGPTI (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación). Gañadora: María Alonso Seisdedos.
– 12:30 h. Espazo Libro. Presentación do novo volume da colección Mulleres Bravas da nosa historia. Pepa, a loba. Urco Editora. Con Ledicia Costas, autora, Eva Agra, ilustradora, e Andrea Jamardo Seijo, editora.
– 13:00 h. Espazo Libro. Presentación de Didáctica da lingua e da literatura galegas. Edicións Fervenza. Con Xulio Pardo de Neyra, Marica Campo e Xosé Manuel Baamonde.
– 13:00 h. Stand de Galaxia. Sinatura de The Making of, de Xavier Alcalá.
– 13:30 h. Espazo Libro. Presentación da Colección 10×15. Poesía. Tulipa Editorial. Con Isabel Patiño, directora da editorial e os poetas Juan Bello, Vicente Sebastián, Sara de Sousa e Man Li.
– 13:30 h. Espazo Arte Contemporánea. Lugares de Vari Caramés. Fabulatorio. Con Vari Caramés, fotógrafo e autor, e os editores e deseñadores Suso Vázquez e Cibrán Rico.
– 16:30 h. Espazo Foro. Recital de Celia Parra ao redor de Pantallas. Editorial Galaxia. Coa autora e Francisco Castro, editor.
– 16:30 h. Espazo Carpa. Pablo Díaz en concerto: Coas miñas mans. Editorial Galaxia.
– 17:00 h. Espazo Foro. Presentación do I Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil: O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio Manuel Fraga, Urco Editora. Con entrega do premio.
– 17:00 h.. Espazo Libro. Presentación da colección de pensamento Alicerces. Através Editora. Cos autores Natalia Poncela e Jorge G. Marín; presenta Teresa Crisanta V. Pilhado, codirectora.
– 17:00 h. Espazo Infantil Deleite. Presentación de 20.000 leguas baixo dos mares, de Jules Verne. Con Valentín García Gómez, María Carmen Puga, Diego Chapela e Francisco Castro.
– 17:30 h. Stand Kalandraka. Francisco X. Fernández Naval presenta Os contos da Avoa Pepa, publicado por Kalandraka.
– 17:30 h. Espazo Foro. Presentación da revista de BD A Viñeta
de Schrödinger. A Mesa pola Normalización Lingüística.
– 17:30 h. Espazo Libro. Comerei as miñas propias palabras. Apiario. Acción poética de Lucía Aldao a partir do poemario Todo isto antes era noite.
– 17:30 h. Espazo Carpa. Charo Pita en concerto: No país do vento. Editorial Galaxia.
– 17:30 h. Espazo Infantil Deleite. A voar. Presentación do libro disco de Cé Orquestra Pantasma. Miudiño S. Coop. Galega.
– 18:00 h. Espazo Libro. Presentación do primeiro poemario en galego de Luis García Montero: Cincuenta poemas. Tulipa Editorial.
– 18:00 h. Espazo Arte Contemporánea. Presentación das exposicións do Museo Centro Gaiás. Cidade da Cultura de Galicia. Con Ana Isabel Vázquez Reboredo, Verónica Santos Farto e Miguel Anxo Seixas Seoane, comisario da exposición Castelao Maxistral. A boa obra ao mestre honra.
– 18:00 h. Stand Xerais. Sinatura de Ledicia Costas, Víctor Rivas e Andrés Meixide dos libros Escarlatina, a cociñeira defunta; Esmeraldina, a pequena defunta; Os arquivos secretos de Escarlatina e A señorita Bubble.
– 18:30 h. Espazo Libro. “O meu nome é Vigo, unha cidade sen piedade”. Conversa entre Pedro Feijoo, autor de Sen piedade e Manuel Esteban, autor de O meu nome é Ninguén. Ao remate, sinatura no stand de Xerais.
– 19:00 h. Espazo Libro. Conversa de Susana Pedreira con Yolanda Castaño e Kiko da Silva sobre O puño e a letra. Antoloxía en cómic poético. Ao remate, sinatura no stand de Xerais.
– 19:00 h. Espazo Infantil. Obradoiro literario de cociña de Diana Fernández e David Díaz, autores do libro Cociñando con bolboretas no bandullo. Ao remate, sinatura no stand de Xerais.
– 19:30 h. Espazo Foro. Lectura de Vivir sen permiso e outras historias de Oeste e Contra todo isto, de Manuel Rivas. Presenta Fran Alonso. Ao remate, sinatura no stand de Xerais.
– 19:30 h. Presentación de Man. Kalandraka Editora. Con Carmen Hermo, artista e autora do libro, e Manuela Rodríguez, directora editorial.
– 19:30 h. Stand de Galaxia. Sinatura de libros de Palabra de bruxa, de Andrea Barreira.
– 19:45 h. Presentación de Don Ferretín Ferretón e o seu cadelo lambón. Barafunda. Coa autora, Cristina Corral Soilán, e a ilustradora Aurora Cascudo Román.
– 19:45 h. Espazo Arte Contemporánea. Presentación do libro Anónimas, retratos de musas cotiás. Con Gemma Marqués, ilustradora, e Dolores Costas, escritora.
– 20:00 h. Espazo Libro. Conversa de Susana Pedreira con Ledicia Costas, autora de A balada dos unicornios, Premio Lazarillo 2017. Ao remate, sinatura no stand de Xerais.
– 20:00 h. Dúbidas reais de adolescentes sobre sexo. Catro Ventos Editora. Con Sabela Iglesias, autora, e Isidro Dozo, editor.
– 20:00 h. Stand de Kalandraka. Carmen Hermo asina exemplares de Man de Camelle.
– 20:30 h. Premio Literario Nortear. Conversa de escritores novos. Dirección Xeral de Políticas Culturais. Con Cecilia Fernández Santomé, gañadora do Premio en 2017 e Lara Dopazo Ruibal, gañadora da primeira edición do Premio.
– 20:30 h. Espazo Libro. Susana Pedreira conversa con Ana Cabaleiro sobre a novela As Ramonas (Premio Manuel García Barros 2018). Editorial Galaxia.
– 20:30 h. Espazo Infantil Deleite. Conta forte, conta piano. Contacontos con música en tempo real con Silvia Penas, voz, e Susana Otero, piano.
Compostela: “Victoria da Luz. Unha homenaxe a María Victoria Moreno”, concerto de Xardín Desordenado
Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2018: Ana Acuña e Fina Casalderrey, o 27 de outubro
Os Paseos pola Pontevedra literaria. Outono 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.
Para inscribirse nestes paseos pola cidade con autoras e autores que escribiron sobre Pontevedra, as persoas interesadas deberán enviar os seus datos (nome completo, teléfono e enderezo electrónico) a pontevedraliteraria@gmail.com, e indicar a que paseo/s queren apuntarse, a partir do 25 de setembro.
A inscrición farase por orde de chegada ao correo electrónico.
Prazas limitadas: 50 persoas.
Todos os paseos con partida ás 11:30 h.
Sábado 27 de outubro
A Pontevedra de María Victoria Moreno, con Ana Acuña e Fina Casalderrey.