Miguel Anxo Seixas Seoane: “Cando se crea o Seminario de Estudos Galegos, a Universidade non atendía á realidade do país”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Miguel Anxo Seixas Seoane en Praza:
“(…) – Praza (P): A posta en marcha do Seminario buscaba afondar no coñecemento do país nun momento no que había unha carencia de esforzos colectivos e de institucións deste tipo. En que contexto nace o SEG?
– Miguel Anxo Seixas Seoane (MAS): Neses anos Galicia non tiña ningunha institución propia, agás a Real Academia Galega, que se crea en 1906, para velar pola lingua e a cultura galegas, ou a Real Sociedade Económica de Amigos del País de Santiago, moi anterior, que se dedicaba a investigar ou a facer estudos económicos sobre o mundo mariñeiro ou agrogandeiro.
Estaban tamén as chamadas comisións provinciais de monumentos, que é un organismo que crea o Estado coa implicación das Deputacións para velar pola integridade dun patrimonio que estaba en risco de desaparición, especialmente o que fora exclaustrado co peche de conventos tras a desamortización.
Porén, a maior parte das iniciativas previas foran máis de carácter individual: Murguía, Verea y Aguiar, Lence-Santar, Rosalía, José Villamil e Castro, Marcial Valladares ou de moitos outros eruditos locais que facían un estudo ou elaboraban unha gramática. Houbo un labor moi importante, pero de carácter illado. O primeiro labor de equipo nace realmente coa Real Academia Galega e, sobre todo, co Seminario.
– P: Os mozos que impulsan o Seminario sentían que nese momento a Universidade de Santiago non permitía afondar no coñecemento sobre o país?
– MAS: A universidade non atendía á realidade galega. Eran profesores que impartían coñecementos para formar a un grupo de funcionarios que se colocasen en distintos postos da administración, pero vivía de costas á realidade do país. Un pouco antes de 1923 veu a Santiago Cotarelo Valledor, un profesor innovador procedente da rexión de fala e cultura galega en Asturias. E, ao tempo, créase na universidade a Sección de Historia. Entón estes rapaces, que estaban estudando maioritariamente Dereito, son conscientes de que a realidade galega non estaba a ser estudada e falan con Cotarelo. E Cotarelo dilles: “Hai que facer un Seminario. Temos que ver cantos castros hai, cantas igrexas, facer fichas, catalogar, mirar o que está sen investigar…”. Ten moita importancia tamén o papel dun catalán, Lluis Pericot, que é arqueólogo e que nese momento estaba na Universidade de Santiago, e que incide na importancia do rigor científico no traballo.
Un día de outubro estes nove rapaces fan esa peregrinación ata a primeira casa de Rosalía, en Ortoño, e comezan a traballar. O obxectivo era continuar co labor que illadamente fixeran os devanceiros, pero xa con máis rigorosidade e máis cobiza e, coma sempre, con poucos cartos. (…)”

Compostela: Xornadas Seminario de Estudos Galegos (SEG) 1923-1936

Negreira: Libros, patria, vermú 2023

Acta do xurado do XXI Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos

“En Noia, sendo ás 12:30 horas do día 28 de decembro de 2022, reúnese o xurado do XXI Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos, constituído polos seguintes membros:
D. Santiago Freire Abeijón, alcalde-presidente do Excmo. Concello de Noia, como Presidente de Honra.
Dona Concepción Allut Vidal, técnica de cultura do Concello de Noia que actúa en calidade de secretaria deste xurado, con voz e sen voto.
Dona Pilar Sampedro Martínez, escritora.
Don Miguel Anxo Seixas Seoane, profesor e escritor.
Don Antonio Piñeiro Fernández, profesor, editor e escritor.

Rematadas as deliberacións e por UNANIMIDADE, o xurado decidiu declarar DESERTO”

Manuel Rivas, Xavier R. Madriñán, A cova de Eirós, Ugia Pedreira, Mónica Alonso, Chévere, Atalante e María Varela, Premios da Crítica de Galicia 2022

Rianxo: actividades dos 23, 24 e 25 de xullo na Feira do Libro 2022

Mondoñedo: II Encontro Álvaro Cunqueiro, os 1 e 2 de xullo

A Baña reivindica a figura de Avelino Pousa Antelo co nomeamento de fillo predilecto

Desde o Concello da Baña:
“O pleno do Concello da Baña nomeará a Avelino Pousa Antelo fillo predilecto nun acto que se celebrará o próximo sábado, 14 de maio. O intelectual, escritor e mestre recibirá deste xeito unha merecida homenaxe póstuma da veciñanza do lugar que o veu nacer hai 108 anos, un recoñecemento que se prolongará coa colocación dunha placa conmemorativa na casa da cultura, cun xantar de irmandade e cunha presentación literaria.
Pousa Antelo (A Baña, 1914 – Teo 2012) foi un dos intelectuais máis activos na Galicia do século XX. O seu traballo como mestre e como dinamizador do rural loce a carón da súa talla intelectual e do seu labor en favor da cultura galega. A Baña quere honrar o seu percorrido vital co nomeamento de fillo predilecto, por acordo plenario o próximo sábado 14 ás doce da mañá.
Despois da cerimonia no salón de plenos, na casa da cultura descubrirase unha placa conmemorativa dedicada a Pousa Antelo. Intervirán no acto Quico Domínguez (representante da Fundación Penzol); Miguel Anxo Seixas Seoane (Fundación Castelao); Xosé R. Fandiño (Fundación Padroado Pedrón de Ouro); Amancio Liñares (historiador e escritor, autor de traballos e libros sobre a figura do homenaxeado); César Ramos (concelleiro da Baña); un representante do Concello de Teo, no que Pousa Antelo viviu os seus últimos anos; o cantor Xosé Luís Rivas ‘Mini’; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Carme Varela, filóloga e escritora; e un familiar do celebrado intelectual. O músico Emilio Lois acompañará o acto coas súas pezas e interpretará o himno galego.
Para despois deste acto está prevista a celebración dun xantar de irmandade. Xa pola tarde, a escola vella de Barcala acollerá a presentación do libro As paroladas de Avelino Pousa Antelo na Radio Galega (Ed. Valentín Arias / Amancio Liñares), na que se recollen as súas intervencións nas ondas. Participará o alcalde da Baña Andrés García; o portavoz socialista e exalcalde José Antonio Pereira; Ángeles e Nora Pousa, fillas do homenaxeado; familiares de Valentín Arias; o poeta Xoán Xosé Fernández Abella e o editor Amancio Liñares.”