Tomiño: representación de Despois das ondas

“Tralo parón provocado pola Covid19, volve o teatro, e Tomiño arranca o seu outono teatral coa peza Despois das ondas, de ButacaZero, unha peza que da vida á diva coruñesa María Casares e que este outono pasará por Tomiño, Santiago, Oleiros, As Pontes, Vilalba ou Ourense
A cita é o vindeiro sábado 3 de outubro, ás 22:00, dentro da programación de outono do concello de Tomiño. E terá lugar no Auditorio de Goián, de onde precisamente é unha das actrices da peza, Sonsoles Cordón, quen interpreta na peza a unha boa chea de personaxes, incluíndo ao nobel Albert Camus. A peza, que mestura numerosos rexistros en escena, inclúe numerosas coreografías das que a goianesa é non só bailarina senón tamén coreógrafa.
Pero todas as persoas de Tomiño que decidan achegarse ao teatro o vindeiro sábado, non só gozarán de ver en escena á súa veciña, senón que terán a sorte de ver en persoa á grandísima María Casares, grazas á maxia do teatro. ButacaZero e a Deputación da Coruña embarcáronse o pasado ano neste grande reto coa peza Despois das ondas, de Ernesto Is, baixo a dirección de Xavier Castiñeira, quen consegue sacar de Belén Constenla unha das súas mellores interpretacións encarnando a unha das personaxes galegas máis internacionais: a grande diva do teatro e o cinema francés do século XX María Casares.
Ernesto Is, quen levou por esta peza Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña, propón unha viaxe en tren no que a diva do teatro vai recordando a súa vida, dende a súa infancia na Coruña, ate a chegada da República, a Guerra Civil, o exilio, o seu éxito profesional como actriz francesa ou a morte do seu grande amor: Albert Camus.”

Volve a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia máis “diversa e paritaria”

Desde Nós Diario:
“A Alameda de Ribadavia, fronte ao Castelo dos Sarmiento, foi o lugar escollido pola organización para presentar a trixésimo sexta edición da histórica Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT).
O certame, que se desenvolverá entre os días 17 e 27 do vindeiro mes de xullo, acollerá 24 espectáculos diferentes entre representacións, estreas, coproducións, presentacións e obradoiros, todo ao aire libre en lugares como a praza da Igrexa de San Xoán, a Igrexa de Sampaio, a Praza do Cruceiriño de Francelos, San Cristovo ou a praza Maior.
“Ribadavia enteira está aberta á recuperación cultural e económica, ao turismo sostíbel, á responsabilidade sanitaria e ao compromiso co público e co noso tecido cultural”, destacan desde a organización.
Este ano, a MIT desenvolverá a edición “máis contemporánea, diversa e paritaria” da súa historia, presentando espectáculos que van do drama á comedia, pasando por pezas híbridas e mesmo danza, que, como explica Roberto Pascual, director da Mostra Internacional de Teatro, “será a linguaxe empregada para ofrecernos desde a visión da migración por parte da compañía de Kirenia Martínez Acosta até a beleza do ámbito agrícola con Nova Galega de Danza e Rosa Cedrón pasando por pezas non exclusivamente danzadas, como o traballo de Rut Balvís en Liberto, o da coreógrafa Laida Azkona en Tierras del Sud, o de Amaya Galeote en Hoy puede ser mi gran noche”.
Incidindo na creación actual, a MIT tamén porá de relevo a forza da dramaturxia contemporánea, con espectáculos que así o demostran e que serven de retrospectiva a nomes aínda pouco coñecidos na Galiza, como Pablo Remón, dobremente presente na MIT 2020, coa versión libre de Doña Rosita, anotada, a partir do texto de Lorca.
Os encontros co público e actividades de mediación seguirán evolucionando na MIT, que nesta ocasión contará coa Revista Galega de Teatro para levar a cabo unha palestra arredor do teatro documento e a presentación do seu número 99, que conta coa edición do texto Resaca, creación colectiva de Il Maquinario, con dramaturxia de Tito Asorey e Ana Carreira.
Finalmente, outra das liñas que de actuación que nesta edición se ve fortalecida é o programa Ruadavia. Todos os días haberá, como mínimo, un espectáculo gratuíto na rúa, con asento preasignado e baixo recollida de convite, tal e como estipula a normativa en materia de prevención sanitaria contra a COVID-19.”

XXI Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, 2020

Cangas: representación de Despois das ondas, baseada nun texto de Ernesto Is

O sábado 7 de marzo, ás 21:00 horas, todas as persoas que  decidan achegarse ao Auditorio Municipal de Cangas poderán ver en persoa á grandísima María Casares, grazas á maxia do teatro. ButacaZero e a Deputación da Coruña embárcanse neste grande reto coa peza Despois das ondas, con texto de Ernesto Is, baixo a dirección de Xavier Castiñeira, sobre unha das personaxes galegas máis internacionais: a grande diva do teatro e o cinema francés do século XX María Casares.
Na véspera do #8M, Belén Constenla interpreta á diva do teatro e o cinema francés na súa volta a España trala morte de Franco. Pero Constenla non estará soa en escena, completan o elenco Nerea Brey, quen tamén se colocará na pel da diva na súa infancia e xuventude, e Sonsoles Cordón, quen amosará a súa versatilidade escénica entre bailes, coreografías e creación de numerosas personaxes.