Desde La Voz de Galicia:
“A diferenza pódese ensinar cos dedos dunha man. Se hai dez anos servían para contar os nomes de escritoras e escritores galegos de narrativa traducidos con éxito ao castelán, hoxe as dez falanxes non chegan. Ao grupo das firmas consolidadas, Manuel Rivas e Domingo Villar entre eles, hai que engadir fenómenos emerxentes, coma o de Inma López Silva ou Arantza Portabales, dúas apostas de Lumen, unha das marcas do xigante Random House, que tamén fichou a Pedro Feijoo con Ediciones B. Mentres, o Grupo Planeta fixo o propio con Ledicia Costas. Carlos Meixide, Diego Ameixeiras, Berta Dávila, Antón Riveiro Coello, María Xosé Porteiro, Begoña Caamaño, Xesús Fraga -que publicará este ano a tradución ao castelán do seu Premio Blanco Amor, Virtudes (e misterios), en Xordica-, María Solar ou Manuel Gago son outros dos autores que van abrindo camiño. Nesta exportación da cultura galega mesmo a poesía agasalla unha das últimas alegrías. A protagonizada por Ismael Ramos, cuxa versión en castelán de Lumes (Apiario), Fuegos (La bella Varsovia), foi premiada este 2020 polas librerías independentes españolas. As letras galegas están de moda, será esta pasaxeira?
«Non é unha sensación, é un dato que se pode constatar na axencia española da base de datos do ISBN», responde Francisco Castro. O director xeral de Galaxia participa deste boom. Este 2020 publicou en galego, castelán, catalán e vasco Tantos anos de silencio. Algo que nunca sucedera cun título orixinal de narrativa en galego. (…)
Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coinciden na relevancia das últimas traducións, pero o seu presidente, Cesáreo Sánchez, matiza ao respecto: «Está a haber máis traducións de libros galegos ao castelán e a outros idiomas cualitativamente importantes. Cuantitativamente, creo que aínda non son os que unha literatura, coa capacidade e a fortaleza creadora como a galega, debera ter».
O apoio institucional, máis forte en literaturas como a catalá, é unha das eivas que apunta Sánchez: «Merecemos que as nosas editoras teñan todo o necesario para internacionalizar a obra dos nosos escritores. Máis que ingresos cuantitativamente importantes, significan o recoñecemento da necesaria profesionalización do sector». Ademais, hai outro punto positivo: «Este non é un camiño só de ida, tamén trae retorno. As traducións sempre conlevan visibilidade social e cultural». (…)”
Arquivos da etiqueta: Carlos Meixide
“Literatura en galego, por que non hai máis lectores na nosa lingua?”
Artigo de Moncho Mariño en Galicia Confidencial:
“Catro autores mostran o seu parecer sobre a escritura en galego, sobre a escasa presenza do libro en galego entre a xente máis nova e algúns motivos sobre este fenómeno. Apuntan que o descenso de falantes está incidindo non só na lectura no noso idioma, senón que algúns tópicos sobre a literatura galega pesan moito no momento de ler autores na nosa lingua.
A creación escrita en galego viu aumentar o seu número de autores e autoras nos últimos decenios. Con todo, o fenómeno é inverso en canto á receptividade da súa obra entre o público potencial a quen van dirixidas as súas obras. O número de lectores e lectoras en galego diminúe fronte a unha cantidade de títulos que sobordan a capacidade de “absorción” de lectura en Galicia.
Marica Campo, autora de narrativa e poesía analiza a situación desde unha perspectiva de volume. “Se se fai unha estatística a base de vendas, pode parecer que as cousas van moi ben, e iso é porque nos institutos e colexios se poñen libros de lectura obrigatoria”. O que dimensionaría a aceptación do libro en galego sería que “a xente mercase libros por propia vontade, mais isto lle pasa tanto ao libro galego como en español”. Mais tamén considera a autora do Incio que “agora predominan as novas tecnoloxías que, se se usasen ben, mesmo darían un novo xeito de ler”.
O escritor e teórico Mario Regueira vai á cuestión das lecturas dentro do ensino obrigatorio e no secundario, apuntando que “non estou a favor da obrigatoriedade sobre determinadas lecturas, ofrecería un abano de posibilidades para que os estudantes escollan”. Regueira apunta ademais que “a relación entre literatura e pedagoxía foi unha moeda de dúas caras, puido predeterminar a algunhas persoas a non leren en galego de adulto”.
Carlos Meixide, autor entre outras de títulos como Cans, Ons e Inge e Robbie, pon o acento en que “o libro en galego pode dar valor e limitar, mais o idioma non é condicionante para a xente nova se é que lle gusta o tema”. O que desde logo ten claro Meixide é que “o idioma non é limitante, o que si é limitante é o acceso a competir co castelán”. Samuel Solleiro, tradutor, novelista e poeta ten claro que a obrigatoriedade das lecturas no ensino “non é o que fai que haxa menos lectores”.
“As editoras en galego case fan traballo de ONGs porque expoñen moito do que teñen case de maneira voluntarista, mais hai algúns matices como que as editoras máis pequenas apostan por xente nova, as maiores quizais son as que apostan máis polos autores máis coñecidos” di Marica Campo sobre as empresas editoras. Sobre o número de títulos e lectores, Campo cre que se debera facer unha simple análise “a literatura debera ir paralela á lingua, porque se analizamos, cantos galegos somos?, cantos galegos len?, e cantos galegos len en galego?”. Quizais isto fixo que a publicación en galego sufra un fenómeno de “elefantiase”.
Unha alternativa é a autoedición en caso de non poder chegar cos escritos propios ás editoras convencionais. Este é o caso de Carlos Meixide que decidiu apostar por unha fórmula que “é homologable á edición máis tradicional”. Aínda así, Meixide recoñece que “é complicado mais é a miña principal ocupación”. Onde reside a fortaleza para a edición propia? Segundo Meixide “en manter unha periodicidade, de primeiras editara traballos que tiña gardados, agora toca traballar máis, por tanto, esixe unha certa capacidade de produción”.
Actualmente o abano de títulos e autores que aparecen en Galicia, a posibilidade de aparecer entre rostros tanto consagrados como recentes, pode parecer unha misión case imposible. “Claro que animo a escribir, mais tamén digo que non é doado vivir da escrita, mesmo autores xa consagrados en galego dicían cando comezaban que xa tiñan claro que non poderían vivir da literatura”, di Marica Campo.
“Hai casos en que non se fideliza o autor” di Mario Regueira, que engade “o abandono da lectura en galego por parte de adultos puido deberse tamén a que a crítica literaria en galego decepcionou a moitas persoas”. Nese sentido lembra que a literatura galega “sempre foi relacionada con temas identitarios e con imaxinarios xa superados”. É por iso que Regueira ve necesario fomentar novos autores e xéneros como a novela negra.
“Se é por unha cuestión económica de non ser que o combines con outros traballos, pois é difícil, mais non é o meu caso, teño outros traballos e non pensei en vivir da creación” di Samuel Solleiro. Sobre como é a experiencia de ver o teu traballo editado, Solleiro declara que “nunha editora minoritaria o trato é bo, coas grandes entras xa noutra maneira de facer as cousas”. “Realmente non penso se terá saída, escribo por darme ese gusto”.
Non obstante, para algúns creadores, como Carlos Meixide, existe unha certa ignorancia sobre autores e autoras galegas porque “os medios galegos non teñen sensibilidade cara os autores en galego”. “As preferencias son as dos autores e autoras consagradas xa en castelán”.
A edición e publicación para autores e autoras en galego está polo de agora nun momento complicado segundo os mesmos creadores. A aposta por novos xéneros, mellorar o acceso á creación e o fomento da lectura en galego sen que estea vinculada á obrigatoriedade curricular, poderían ser fórmulas atractivas a novas e novos lectores.”
Berta Dávila: “A doenza pode ser tan hereditaria como a culpa ou a literatura”
Entrevista de Carlos Meixide a Berta Dávila en Praza:
“(…) – Praza (P): Que nos podes avanzar sobre Carrusel?
– Berta Dávila (BD): Carrusel é unha novela que pode inscribirse dentro do que ás veces se chama autoficción. Nese sentido, parte dunha voz narrativa en primeira persoa que, ademais, é unha escritora. En concreto unha escritora que enfronta unha etapa na que non é quen de escribir, que é unha situación complicada para calquera que escribe.
– P: Experimentaches ti mesma esa situación? É certo que hai seis anos xa da túa última novela.
– BD: Experimenteina, si, supoño que é o punto de partida da novela. A escritora protagonista decátase de que ten que encarar as súas sombras persoais para poder escribir, como se dalgún xeito esas sombras se interpuxesen entre ela e a escrita, e iso é o que fai no libro. Ela está afectada por unha doenza mental que se lle impón, e que é unha circunstancia que non tratou nunca nos seus outros libros. Decide facelo neste. A experiencia da maternidade e da doenza, así como a perda de seres queridos importantes, haberá de resignificar a vida que lle resta por vivir e tamén a que xa viviu, e daquela elabora unha reconstrución do seu percurso vital e da súa relación co tío Carlos, afectado pola mesma enfermidade, tratando de tender fíos cara unha historia familiar e persoal que a axude a entender e a entenderse no pasado e no futuro. Pero ningún futuro está escrito e, moito menos, o de quen escribe, e supoño que iso conta a novela.
– P: O xurado destaca o uso na novela “da lóxica das matemáticas como ancoraxe racional do incomprensible”. Faise constante referencia a conceptos ou obxectos como: números perfectos, carruseis, caixas de música, eixes xeográficos de ida e volta que determinan percursos vitais… a propia novela ten en si mesma a necesidade de constituírse nunha sorte de engrenaxe perfecta. A que se debe isto?
– BD: Hai algo moi neurótico no meu xeito de escribir e de medir as palabras e os textos. Non sei se é un rasgo de estilo ou se é o meu xeito de afrontar o traballo ou a vida en xeral. Paréceme precisa a palabra engrenaxe. As matemáticas, os números, as cousas que funcionan cunha lóxica mecánica, como as caixas de música, son conceptos que me fan sentir a salvo de algo que me sobrepasa. Son ancoraxes. Funcionan así na novela, como lugares seguros. (…)”
Feira do Libro da Coruña 2019: actividades literarias destacadas do 7 de agosto
O 7 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. Presentación de Os días felices de Benvido Seixas, de Eduard Velasco, publicado por Xerais. Participan María Lado, Fran Alonso e o autor. Ao remate sinatura de exemplares.
– 18:00 h. Animaliños (5 a 11 anos). Narración oral de contos do mundo con Ramiro Neira.
– 19:00 h. Presentación de Remexido de patacas, de Eli Ríos e As fauces feroces de Emma Pedreira, publicados por Baía Edicións.
– 19:00 h. Obradoiro, contacontos e presentación de A manchas ou a raias?, de Estefanía Padullés, publicado por Hércules de Edicións.
– 19:00 h. Carlos Meixide asina na caseta da Libraría Berbiriana.
– 19:30 h. Nuria Díaz asina Pioneiras na caseta de Moito Conto.
– 19:30 h. Lucía Cobo asina na caseta da Libraría Lume.
– 19:45 h. Presentación de Rosalía feminista, de Helena González Fernández, publicado por Xerais. Participan Ana Romaní, Fran Alonso e a autora. Ao remate sinatura de exemplares.
– 20:30 h. “Retratos e poemas da emigración”. Participan Manuel Rivas, Manuel Álvarez, Manuel Bragado e modera Xosé Manuel Pereiro. Sinatura de Sementeira porträts e de todos os libros de Manuel Rivas.
– 20:30 h. Esther López Castro asina María na busca da liña do horizonte na caseta da Libraría Arenas.
Feira do Libro da Coruña 2019: actividades literarias destacadas do 2 de agosto
O 2 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. Coloquio sobre feminismo coa participación de Inma López Silva.
– 18:00 h. Xavier Seoane asina Threnói na caseta de El reino de Cordelia.
– 18:00 h. Crearte: con Charo Pita, Fábulas no berce.
– 18:00 h. Cándido Paniagua Pousa asina O caderno de erros, publicado por Edicións do Peirao, na caseta da Libraría Nobel A Coruña.
– 19:00 h. Antía Yáñez asina O misterio do torque de Burela, publicado por Galaxia, na caseta da Libraría Berbiriana.
– 19:00 h. Daniel Asorey asina na Libraría Pedreira.
– 19:00 h. Presentación de Puf! Vaia peido… Seres sorprendentes con nomes ben ocorrentes, de Luísa Martínez Lorenzo, publicado por Galaxia.
– 19:45 h. Presentación de Camiño de paixóns, de Carlos Meixide, publicado por Galaxia. Con Berta Dávila.
– 19:45 h. Presentación de O soño da serpe, de Antonio Seijas, publicado por Galaxia. Con Andrea Maceiras.
– 20:00 h. El primo Ramón asina Novo Mundo na caseta da Libraría Moito Conto, publicado por Bululú, na caseta de Alvarellos Editora.
– 20:00 h. Aleixandre Lago Barcala asina Cartafol de miraxes
– 20:30 h. Presentación de Extraordinario, de Antón Lopo, publicado por Galaxia. Con Carlos Lema.
Compostela: presentación de Camiño de paixóns, de Carlos Meixide
Actividades da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2019
Lugo: presentación de Bestiario do vestiario. Segundo tempo, de Martiño Suárez
Carlos Meixide gaña o premio Camiño de Santiago coa novela Camiño de paixón
Desde Sermos Galiza (foto da Editorial Galaxia):
“A primeira edición do Premio de Novela Camiño de Santiago ten gañador: Carlos Meixide (Vilagarcía de Arousa, 1977). A súa obra Camiño de paixón foi a vencedora dun certame que busca “impulsar desde a creación literaria a vertente física, histórica, cultural, social ou mesmo imaxinaria da Ruta Xacobea”.
A de Meixide foi a proposta gañadora de entre 16 nun premio que admite orixinais en galego e en castelán. A súa dotación económica é de 6.000 euros e está organizado pola Academia Xacobea, Naturgy e a Editorial Galaxia, que publicará a obra gañadora.
O xurado formárono o presidente da Academia Xacobea Xesús Palmou; o escritor Ulises Bértolo: a responsable de relacións institucionais de Naturgy en Galiza, Amalia Baltar; o catedrático de Historia da Universidade de Santiago de Compostela Pegerto Saavedra; a escritora Rosalía Morlán; e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro.”