Helena Villar Janeiro: “Comecei a escribir nos Ancares, alumeando con carburo polas noites”

Entrevista a Helena Villar Janeiro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Como comezou a súa paixón polo mundo literario?
– Helena Villar Janeiro (HV): Meu pai falaba moito de literatura, era un gran coñecedor. Eu recitaba cousas con el. Quería que fose xornalista e miña nai, secretaria. Por ela aprendín a escribir a máquina, para compracela. Como non tiña máquina, poñía o teclado pintado no cu dunha cadeira.
– LVG: E cando empezou a escribir?
– HV: Na universidade máis que literatura estudei a súa historia. Pasoume en Lugo e tamén en Santiago. Daquela era lectura forzada da que saquei pouco. Cando comecei a ler por libre atrevinme coa poesía. Lía a Juan Ramón Jiménez. Por el comecei a escribir, aló por 1968. Foi en Vilar de Cancelada, nuns tempos nos que non había luz. Alumeábamos con carburo para dar unhas clases de noite aos rapaces que o necesitaban. Comecei a escribir nun caderno o que vivía nos meus días, pero sen maiores pretensións. Falaba tamén da paisaxe, que me influenciou moito. A terra é o que máis me gusta, prefíroa a un museo. Cando me din de conta tiña xuntos uns cantos poemas. Estaban en castelán porque aínda non tiña adquirido o galego como lingua de cultura, era só a lingua de comunicación. (…)
– LVG: Atopouse con moitas pedras no camiño por ser muller?
– HV: Tiven a sorte de nacer desexada muller, meu pai quería cativa polas consecuencias da represión franquista. El era un feminista sen sabelo e falábame de moitas mulleres. Ao seu lado foi fácil estudar porque mo permitiu. Fíxome autónoma e libre. Iso si, non tiña moitas mulleres ao lado ás que seguir nin coas que estar no plano intelectual.
– LVG: Que figuras a marcaron como muller?
– HV: O meu home axudoume moito, a entender que eu tiña que facer cousas. A partir de aí fun rompendo barreiras, non sufrín moitísimo castigo, pero hai episodios que me pasaron moi desagradables que seguro a un home non lle pasarían. Non podo dicir que a vida das mulleres fose doada, pero eu planteille cara.
– LVG: Cal foi a situación machista máis evidente?
– HV: Cando casamos, comezamos unha colaboración xuntos. Estivemos separados un ano e escribiámonos cartas. Delas saíu un libro. Iso escandalizou, e pensaban que el era un señor xeneroso que lle deixaba escribir á muller catro poemas, que el escribía outros 60 e que me deixaba firmar o libro. Chegáronmo a dicir, e a deixarme fóra moitas veces.”

A Coruña: recital de Xesús Rábade Paredes e Rodolfo Häsler no Ciclo Poetas Di(n)versos (por streaming)

A segunda feira 8 de febreiro, ás 20:00 horas, no Auditorio do Centro Ágora, continúa o Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido polo Concello da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Xesús Rábade Paredes e o poeta cubano Rodolfo Häsler. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos febreiro 2021.

Fallo do II Certame de Poesía Torre de Caldaloba

Desde Culturalia GZ:
“O escritor Xurxo Alonso, de Vilagarcía de Arousa, co poemario Hora de penumbra na categoría de maiores de 18 anos, e a pontevedresa Mariña Maceiras Segovia, coa obra Unha fraga de laios, na de menores de 18, son os gañadores do II Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa de San Martiño de Pino coa colaboración de Culturalia GZ.
O xurado do concurso, integrado por Martiño Maseda, Ana Mar Fraga, Montserrat González, Xosé Otero Canto e Armando Requeixo, quixo destacar a “solidez da arquitectura versal, as poderosas imaxes e símbolos que deitan os poemas e a forza simbólica empregada no discurso” da composición de Alonso para facelo merecedor dos 1.500 euros do premio.
Pola súa banda, foi a “delicada inxeleza” dos versos de Maceiras, así coma “o realismo e a emotividade” destes, xunto coa súa “chamada ao espertar das conciencias” o que o fixo decantarse pola obra desta moza de 14 anos que recibirá libros e unha tablet.
O segundo premio na categoría de adultos recaeu en De casa queimada, de Iria Collazo (Moaña), quen puxo a súa “voz poética ao servizo da intensión dos sentimentos”, mentres que o “acerto do seu marcado ton intimista” nos versos de E sigo pensando en ti lle reportou á monfortina Sandra Rodríguez o segundo premio entre os menores de 18 anos, dotado con libros e un ebook.
O alcalde de Cospeito, Armando Castosa, agradeceu unha vez máis a boa resposta a esta convocatoria, á que concorreron máis de 30 orixinais, e adiantou que os premios se entregarán o 14 de decembro no local social de Pino.
Previamente, o 5, terá lugar en Cospeito a presentación dos libros gañadores na categoría de adultos da primeira edición do certame, que edita Alvarellos: Caldaloba en terras de Valverde, de Xesús Rábade Paredes, que se fixo co primeiro premio, e Na pel das árbores do vento, de Paulino Peña.”

Crónica videográfica da Gala do Libro Galego (V)

A Gala do Libro Galego 2019, actividade conxunta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 11 de maio de 2019, en Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

– Entrega do Premio na categoría de Teatro: Eroski Paraíso, de Chévere (Kalandraka Editora). Recolle Xesús Ron.

– Entrega do Premio na categoría de Narrativa: Natura, de Iolanda Zúñiga (Editorial Galaxia). Recolle Francisco Castro.

– Entrega do Premio na categoría de Poesía: Memoria do corpo, de Xesús Rábade Paredes (Editorial Galaxia).

Obras gañadoras dos Premios da IV Gala do Libro Galego

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocaron a cuarta edición dos Premios Gala do Libro Galego, celebrada hoxe, sábado 11 de maio de 2019, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se deron a coñecer as obras gañadoras.
Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2018 en Galicia. As modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, recoñecen a traxectoria de varios anos, valorándose, por tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.
Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de revisión e posterior fallo por parte dun xurado externo, formado por Antonio Fernández Maira, Camilo Franco (que se ausentou na deliberación da modalidade de Xornalismo cultural), Elena Gallego Abad, María Xesús Nogueira (que se ausentou na deliberación da modalidade de Poesía), Román Raña, Pilar Sampedro e Kiko da Silva (non participou na deliberación da modalidade de Banda deseñada).
A Gala do Libro Galego conta co apoio da Xunta de Galicia, Concello de Santiago de Compostela e a Deputación Provincial da Coruña.

Así pois, faise pública a relación de obras gañadoras por cada modalidade dos premios.

 

OBRAS EDITADAS EN 2018

 

Ensaio e investigación

Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte, de Emílio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González (Edicións Xerais de Galicia).

O xurado estima que se trata dunha obra escrita cunha prosa áxil e ben documentada, con equilibrio entre o rigor investigador e a capacidade divulgativa, situando os irmáns Villar Ponte no contexto histórico de finais do século XIX e o século XX, destacando o seu compromiso político co galeguismo.

 

Divulgación

Castelao na arte europea, de Siro López (Garañón Editora).

O xurado considera que este libro fai un estudo biográfico pormenorizado de Castelao, facendo un percorrido reflexivo sobre o humor en xeral, e o galego en particular, e unha comparativa entre a obra de Castelao e as correntes artísticas europeas do momento.

 

Narrativa

Natura, de Iolanda Zúñiga (Editorial Galaxia).

O xurado estima que esta obra ten unha escrita intensa e contundente, abordando unha distopía apocalíptica.

 

Infantil

Os contos da avoa Pepa, de Francisco Xosé Fernández Naval (Kalandraka Editora).

O xurado valora a transmisión de valores como a oralidade, a natureza, a memoria familiar e o mundo rural.

 

Xuvenil

O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio M. Fraga (Urco Editora).

O xurado considera interesante como esta obra, ambientada nunha colonia escolar de  inicios do S. XX, bebe na tradición dos bestiarios galegos, creando novas figuras do seu maxín situados en lugares de forte raigame máxica.

 

Libro ilustrado

Man de Camelle, por Carmen Hermo (Kalandraka Editora).

O xurado estima que este é un libro a contracorrente, onde a ilustración se converte en relato, e que, a través dunha técnica aparentemente sinxela, consegue transmitir a vida do personaxe.

 

Libro de banda deseñada

O puño e a letra, por VV. AA. (Edicións Xerais de Galicia).

O xurado destaca a innovación desta iniciativa que enriquece o sistema literario galego cunha aposta experimental onde se combina o texto poético con interpretacións en banda deseñada de moi diferentes estilos.

 

Iniciativa bibliográfica

Biblioteca de Pedagoxía, por Kalandraka Editora.

O xurado valora moi positivamente esta iniciativa que acolle unha importante escolma de recursos pedagóxicos dos principais autores neste campo traducidos á lingua galega, moi necesaria na actualidade.

 

Tradución

A señora Dalloway, de Virginia Woolf, por Celia Recarey Rendo (Irmás Cartoné).

O xurado dá a benvida á tradución ao galego dun clásico que precisa ser incorporado ao noso sistema literario, realizado por unha especialista que soubo trasladalo con calidade.

 

Poesía

Memoria do corpo, de Xesús Rábade Paredes (Editorial Galaxia).

O xurado destaca a madurez expresiva do autor, o enorme ritmo poético da obra, unha certa ironía na expresión que enriquece o texto e un gran dominio do verso.

 

Teatro

Eroski Paraíso, de Chévere (Kalandraka Editora).

O xurado estima que se trata dunha obra que, partindo dun referente real, aproveita para contar con humor as contradicións da sociedade galega contemporánea.

 

Libro mellor editado

Seis Poemas Galegos, de Federico García Lorca (Alvarellos Editora).

O xurado valora a edición facsimilar desta obra, que reproduce fielmente a edición orixinal de 1935 da Editorial Nós, respectando o deseño, formato e papel orixinais.

 

PREMIOS ÁS TRAXECTORIAS

 

Iniciativa cultural ou fomento da lectura

Asesoría de Bibliotecas Escolares.

O xurado recoñece o papel fundamental na organización das bibliotecas, promoción do libro e fomento da lectura en lingua galega, nun momento crítico no que estamos a rexistrar un alarmante descenso do número de galegofalantes. Valora tamén moi positivamente o papel do profesorado que forma os equipos de bibliotecas do centro e coordina os clubes de lectura.

 

Proxecto literario na rede

Brétemas, de Manuel Bragado.

O xurado destaca este proxecto persoal do autor desde xaneiro de 2005, vencellado ao traballo de edición e ao servizo do tecido cultural galego.

 

Xornalismo cultural

Revista Luzes.

O xurado valora a valentía de manter unha voz disidente en papel e online, desde a que se fai xornalismo cultural e implicado co país, con plena liberdade.

 

 

Ademais, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes:

 

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega nomeou Maria Teresa Horta como Escritora Galega Universal 2019.

Figura central da literatura de expresión portuguesa, alén do profundo respecto e afecto á súa persoa e da valoración da altísima calidade literaria da súa obra, valórase tamén súa incontestábel defensa feminista dos dereitos civís, sociais e culturais na sociedade portuguesa actual.

«Ler O segundo sexo de Simone de Beauvoir fez-me ver mais claro dentro de mim aquilo que eu ainda não sabia explicar, não sabia expressar. Na altura só sabia que as mulheres eram discriminadas, marginalizadas, sacrificadas, tornadas em sopro, num pequeníssimo nada. É quando me torno numa feminista

Escritora, xornalista e poeta, estudou na Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa. Dedicouse ao cine-clubismo, como dirixente do ABC Cine-Clube, ao xornalismo e ao feminismo, tendo feito parte do Movimento Feminista de Portugal con Maria Isabel Barreno e Maria Velho da Costa, As Três Marias. En conxunto publicaron o libro Novas Cartas Portuguesas, que, na época, xerou forte impacto e contestación.

Teresa Horta tamén fixo parte do grupo Poesia 61.

Publicou diversos textos en xornais como Diário de Lisboa, A Capital, República, O Século, Diário de Notícias e Jornal de Letras e Artes, tendo sido tamén xefa de redacción da revista Mulheres, iniciativa persoal de Maria Teresa Horta que consistiu nun proxecto feminista, de forte cuño esencialista.

En 2004 foi feita Grande-Oficial da Ordem do Infante D. Henrique. Foi galardoada co Prémio D. Dinis da Fundação Casa de Mateus, pola súa obra As Luzes de Leonor.

Maria Teresa Horta súmase en 2019 ás escritoras e escritores que recibiron este nomeamento: Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia e Isabel-Clara Simó.

 

A Asociación Galega de Editoras premiou a María Xosé Queizán.

Cultivou todos os xéneros literarios, desde o teatro, pasando polo ensaio, a narrativa, a poesía e mesmo escribiu guións cinematográficos. Catedrática de Lingua e Literatura Galega, é unha importante figura do movemento feminista, e neste eido é onde cabe destacar o seu labor como editora: Feministas Independentes Galegas foi un colectivo creado en Vigo en 1979 da man de María Xosé Queizán, e que a partir de 1983-1984 ten como principal cometido editar un número anual da revista Festa da Palabra silenciada, co obxectivo de promover o pensamento, a investigación, o debate e a crítica feminista nos ámbitos da teoría, as ciencias sociais, as artes e a política, así como potenciar e visibilizar a creación das mulleres na literatura e as artes visuais, centrándose, sobre todo, en Galicia, mais tamén alén das súas fronteiras.

Os 29 números da revista editados entre 1983 e 2013 e o monográfico publicado en 2014 poden consultarse na web do Consello da Cultura Galega.

Festa da palabra silenciada conseguiu aglutinar moitísimas escritoras, crear un diálogo xeracional e foi fundamental para ver o que se estaba facendo en Galicia e no mundo desde unha perspectiva feminista. Nas súas páxinas reivindicouse tamén o papel da literatura infantil e xuvenil feita en Galicia, e tamén tivo moito que ver no espertar poético feminista dos anos noventa. Foi, pois, un proxecto editorial pioneiro que abriu camiño aos que viñeron despois, non só por ser levado a cabo por mulleres (editoras, maquetadoras, correctoras…) senón porque puxo en valor o traballo feito por elas en todos os ámbitos.

María Xosé Queizán foi, ademais, directora da colección de narrativa de escritoras universais As Literatas, de Edicións Xerais de Galicia.

 

A Federación de Librarías de Galicia premiou a Antonio Fernández Maira.

Antonio Fernández Maira naceu entre libros… Poucas persoas teñen a oportunidade de nacer entre libros e criarse ao redor dun mundo cultural no que a protagonista é a lectura. Os andeis da librería do seu pai en Lugo foron testemuña da súa formación ao mesmo tempo que tamén o foron das súas primeiras vivencias infantís.

De observar e pasear na súa mocidade entre os andeis da librería do seu pai, pasou a transmitirlle o seu propio sinal cando el fíxose cargo da xestión desa Librería fundada polo seu proxenitor alá polo ano 1942 e que todos coñecemos co nome de Librería Lucus.

A fascinación polos libros e a preocupación por un sector pouco comprometido, levárono a converterse en Presidente da Agrupación de Libreiros de Lugo no ano 1978.

A principios dos anos noventa incorpórase á Federación de Libreiros de Galicia da man do entón presidente José Manuel Alonso Martinez, primeiro en diversas tarefas administrativas e máis adiante como técnico profesional. Os cambios empézanse a notar debido á demanda dun sector permanentemente en crise pero tamén en plena efervescencia. O seu traballo é definitivo para afrontar novos retos neste colectivo, entre os que destaca a posta en marcha das Feiras do Libro.

Mención á parte merece sen dúbida o traballo desenvolto por Antonio como promotor da creación dos Premios “Irmandade do Libro”, que desde a súa dirección organizáronse durante 24 anos.

 

A Gala, presentada pola actriz Iria Pinheiro, contou coa actuación musical do grupo Habelas Hainas.

 

María Victoria Moreno, “Unha activista cultural multifacética”

Desde a Real Academia Galega:
“”Como familia só temos un desexo, unha esperanza: que as futuras xeracións de galegos e galegas sigan coñecendo a María Victoria Moreno a través dos seus libros”. Con estas palabras pechou Pedro Ferriol, viúvo da escritora, o simposio dedicado á protagonista do Día das Letras Galegas 2018. A segunda xornada centrouse no activismo cultural que desenvolveu desde distintas frontes e rematou cunha proxección audiovisual que repasa a celebración do pasado 17 de maio nas aulas, o hábitat que a autora, docente vocacional, prefería. Nun centro de ensino foi tamén onde María Victoria Moreno (Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005), sen raíz galega ningunha, sentiu a necesidade de aprender o galego.
Sucedeu pouco despois de se establecer en Galicia, no daquela Instituto Masculino de Lugo, onde coñeceu a Xesús Alonso Montero, unha persoa fundamental xunto ao seu alumnado, segundo ela mesmo confesou, no seu espertar á lingua e á cultura galegas. Pero na escolla dese camiño tivo tamén moito que ver a súa ética persoal. Unha ética comprometida cos falantes, salienta o académico, que expresou non só como docente e narradora, senón tamén como editora, tradutora, conferenciante e mesmo autora de libros de texto, perfís todos eles nos que profundaron os relatores.
A última xornada do simposio arrincou coas conferencias de Xavier Senín e da académica Fina Casalderrey e continuou coa mesa redonda que contou co editor Manuel Bragado e as investigadoras Montse Pena Presas e Isabel Mociño, moderada moderada pola académica Marilar Aleixandre. Tras a conferencia de clausura de Xesús Alonso Montero, o serán rematou coa proxección dos vídeos escolares e as palabras do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o secretario xeral de Política Lingüística, institución que apoiou este encontro, e o viúvo de María Victoria Moreno, Pedro Ferriol.
Xesús Alonso Montero rememorou o compromiso coa lingua que espertou en María Victoria Moreno en Lugo, onde mesmo antes de romper a falar en galego xa lles explicou aos seus alumnos que o idioma que falaban todos, ou case todos, “sen ser oficial, era un idioma digno”. “Aquela profesora nova, culta e entregada, aquela profesora de fóra, acababa así de certificar a dignidade moral dunha lingua e dos seus falantes”, sentencia. Máis tarde, pero aínda no franquismo, xa dominando o idioma da súa terra de acollida, María Victoria Moreno impartiu altruistamente cursos de lingua galega, unha faceta considerada subversiva e pola que lle foi retirado o pasaporte, recorda.
Neses primeiros anos 70 fixa Xavier Senín o momento en que María Victoria Moreno se converte nunha activista social, “unha traballadora activa a prol do país que xa é o seu”, como demostra igualmente o proxecto compartido da libraría Xuntanza, “un espazo de resistencia, e tamén de referencia para a literatura infantil e xuvenil”, que abriu as súas portas en Pontevedra en 1973; ou a introdución de contidos de lingua e literatura galega nas aulas que impartía ás alumnas do Instituto Feminino da mesma cidade. Máis adiante, este compromiso coa cultura galega manifestaríase tamén no seu labor de tradutora, editora ou mestra de mestres en lingua e cultura galegas, repasou o amigo da escritora, coautor da biografía María Victoria Moreno. Sementadora de futuro.
Xavier Senín entrou tamén na raíz do seu compromiso coa cultura galega na conferencia que abriu o programa de hoxe. “A xenerosidade persoal e o compromiso coa cultura galega son dous faros que marcan o camiño vital de María Victoria Moreno, dúas liñas de luz que se entrecruzan ao longo do seu devir e, en boa medida, a segunda é consecuencia da primeira”, reflexiona. Da xenerosidade da escritora no persoal dan conta tamén as axudas económicas directas do seu peto que deu a alumnado con escasos recursos, fabulando que o seu centro educativo dispuña de bolsas para casos especiais, pon como exemplo.
Na pegada que deixou María Victoria Moreno como docente afondou deseguido a académica Fina Casalderrey, que foi alumna da escritora naqueles cursos para mestres dos primeiros anos 80. “Cando falaba, prendía no alumnado unha luz que suscitaba devoción e estimulaba o olfacto da curiosidade facéndoos máis sabios, máis libres e máis responsables. O seu labor como ensinante comprometida en espertar, con palabras rexas coma a face da verdade, a paixón pola lectura, as emocións, o sentido crítico e a responsabilidade con respecto ao porvir da lingua e da cultura abondarían como méritos para lle dedicar as Letras Galegas 2018. E aquí estamos, con ela, manténdoa viva na memoria”, conclúe.
Manuel Bragado, editor desde Xerais dos últimos libros de María Victoria Moreno, introduciu outro perfil da escritora homenaxeada, o de ensaísta. Como tal, salienta o seu Diario da luz e a sombra (2004), a crónica como enferma do cancro de mama que acabaría coa súa vida. A obra, “a súa peza ensaística principal”, mestura “moitos fíos autobiográficos con reflexións filosóficas, literarias e mesmo relixiosas”. É, de feito, “unha guía esencial para o coñecemento da poética da vida de María Victoria Moreno”, na que sobresaen “o valor da amizade e da rede dos afectos”, apunta Manuel Bragado, que coñeceu a protagonista das Letras Galegas 2018 na Feira do Libro de Pontevedra de 2003. Aquel encontro foi inaugurado por ela mesma cun “pregón espectacular, toda unha arenga rimada, na que chufou ben chufado o alcalde de Pontevedra, e na que se definiu como escritora snob e insurrecta, anque moitos paus lle deran”, lembra.
Isabel Mociño, investigadora da Universidade de Vigo, indagou tamén no labor multifacético dunha autora cuxo traballo como escritora, docente, editora ou tradutora foi esencial para o despegar da literatura infantil e xuvenil galega. “A vizosidade que hoxe demostra a literatura galega, en especial a que tamén pode ler a infancia e a xuventude, non sería tal sen o papel de pioneiras como María Victoria Moreno. Nela recoñecemos as nosas raíces as que aprendemos a ler en galego”.
O compromiso docente de María Victoria Moreno tamén a levou a asumir a redacción de dous libros de texto, publicados en 1985 e 1987, “que se poden considerar os primeiros manuais de literatura galega para 3º de BUP e COU (o actual bacharelato)”, apunta Montse Pena Presas. A investigadora da Universidade de Santiago de Compostela presentou no simposio un traballo que analiza o contexto e o contido de ambos os dous manuais, Literatura século XX e Literatura 3º BUP, un proxecto compartido co seu antigo alumno Xesús Rábade e, no caso do libro de 3º de BUP, tamén con Luís Alonso Girgado. Estes manuais marcaron un fito “polas súas atrevidas interpretacións, pola presenza importante que neles teñen os textos literarios e polo altísimo nivel que demostran”, considera Montse Pena Presas. “Han quedar nos andeis como mostra do esforzo de toda unha xeración galeguista que foi construíndo, paseniñamente e case sobre a nada, os libros que habiamos de estudar as que viñemos despois”, conclúe.”