Mercedes Queixas, escritora: “Luísa Villalta ten un perfil moi poliédrico, era dona dun coñecemento e saber enciclopédico”

Entrevista de Laura Veiga a Mercedes Queixas en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Por que decidiron contar con tantas voces do panorama cultural para analizar a figura de Luísa Villalta?
– Mercedes Queixas (MQ): En Laiovento sabían que eu tiña moito interese en traballar Luísa Villalta xa desde hai moito tempo, sobre todo vinculada á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), onde traballamos para soster a súa memoria persoal e literaria todos estes anos desde que faleceu. Este ía ser un proxecto de máis longo percorrido, mais debido á dedicación do Día das Letras Galegas sufriu un adianto, polo que comecei a pensar de que maneira podíamos darlle unha resposta áxil e acaída ao perfil de Luísa Villalta.
Pensei en compartilo con Montse Pena e configurarmos entre as dúas un libro coral, que fose unha polifonía de voces que nos permitise achegar perspectivas e liñas de investigación diferentes pero complementarias. Luísa ten un perfil moi poliédrico, era dona dun coñecemento e dun saber enciclopédico, e parecíanos que sermos capaces de traballar con varias mans e cabezas pensando era o máis parecido ao que podía ser este perfil que tiña ela. Eu non quería facer unha biografía ao uso, mais si queríamos rexistrar todas estas voces, que forman parte do legado literario e humano que nos deixou. É unha muller que hai que abordar desde moitas ópticas, desde moitos camiños de ida e volta e incluso interrelacionados entre eles.
Temos á Luísa música, profesora, poeta, narradora, ensaísta, articulista e, por suposto, activista comprometida co seu tempo, que é algo que tivo unha dedicación e un papel fundamental na súa vida.
– ND: Como se organizou o traballo e os temas a tratar entre tantas persoas?
– MQ: Eu tiven a honra de coñecer e tratar Luísa persoalmente como compañeira, mentres que Montse foi alumna súa no instituto Isaac Díaz Pardo (Sada). É dicir, partiamos dun coñecemento de Luísa, polo que fomos construíndo as pezas dese quebracabezas de maneira que puidésemos ter unha imaxe súa o máis completa posíbel. Cando menos, que abordase todas esas arestas que representa. Por iso, comezamos a pensar que persoas, dependendo desas liñas de traballo que queriamos abrir, podían encaixar nesa demanda, ben porque xa tiñan traballado sobre Luísa Villalta ou ben porque a acompañaran en proxectos de vida. Intentamos abrir o espectro de lecturas arredor de Luísa Villalta e non fixalo nunha única liña. (…)”

Crónica fotográfica da lectura pública na Coruña da obra de Luísa Villalta

Estas son algunhas das fotografías da lectura pública de Luísa Villalta polo Día das Letras Galegas que tivo lugar na Coruña o 12 de maio, en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Compostela: actividades do 29 de abril na Feira do Libro 2024

A Coruña: Polavila Xabier P. DoCampo. Na memoria, o 5 de abril


A Polavila Docampo é unha homenaxe pública e itinerante ao mestre e escritor Xabier P. DoCampo, que terá lugar cada ano nunha provincia e cidade distinta, o 5 de abril, coincidindo coa data do seu nacemento.

A deste ano é a primeira e celebrarase no Fórum Metropolitano da Coruña (Rúa Río de Monelos, 1). Nela participarán poetas, músicos, narradoras/es orais, cantoras, escritoras e escritores e outras amizades.

Programa da xornada do 5 de abril 2024:
– 18:00-18:15 horas: apertura da Polavila, da exposición bibliográfica sobre Xabier DoCampo e das adhesións recibidas de bibliotecas escolares, no vestíbulo do Fórum Metropolitano.
– 18:15-19:00 horas: Vouche contar un conto, sesión de contos para público familiar na sección infantil da Biblioteca do Fórum Metropolitano. Require inscrición previa.
– 19:00 – 19:45 horas: Catro cartas, lectura pública e continuada deste libro a cargo de amizades de Xabier DoCampo, no vestíbulo do Fórum Metropolitano.
– 20:00- 22.00 horas: Gala Polavila Docampo 2024, no auditorio do Fórum Metropolitano. Entrada libre até completar capacidade. Estará conducida por Paula Carballeira, Lois Pérez e Isabel Risco. Contará coa presenza dos membros da Xeración Lamote Paco Martín, Fina CasalderreyXavier Senín. Escoitaranse os poemas de Mans na voz de Daniel Puente Bello, ao que seguirán as voces das poetas Yolanda Castaño, Dores Tembrás, Antonio García Teijeiro e Antía Otero. Haberá lecturas de textos de Xabier por parte dalgunha das súas amizades: Francisco X. Fernández Naval, Mercedes Queixas, Irene Penas e Concha Blanco. Rematará a gala cunha rolda de contos de medo de Lois Pérez, María da Pontragha, Antonio Reigosa e Paula Carballeira. A música correrá a cargo da cantora Uxía.

Ademais, o 2 de abril, Día do Libro Infantil e Xuvenil, ás 11 da mañá haberá un encontro cos clubs de lectura das bibliotecas municipais na Biblioteca do Fórum Metropolitano coa participación de María Xesús Fernández (crítica e tradutora de LIX), Xosé Cobas (ilustrador) e Martin Pawley (crítico de cinema). E durante todo o mes de abril a sala de cinema Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano rende homenaxe ao escritor Xabier P. DoCampo a través da súa programación.

Organizan a Iniciativa Polavila Docampo, a Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano (Concello da Coruña) e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Cesáreo Sánchez, presidente da AELG: “O libro en galego precisa mellorar a súa saúde”

Entrevista a Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): A AELG vén de celebrar a súa Asemblea Xeral de Socias. Que valoración fai do período que remata?
– CS: Este foi un período no que constatamos algo que, nos últimos anos, está dentro da nosa normalidade: o aumento da base asociativa. Neste ano chegamos aos 530 asociados e asociadas, algo que é importante polo que significa para o proxecto colectivo, para afortalar o sistema literario galego, e para axudar na medida do posíbel a que se desenvolva coa normalidade que necesitaríamos. A AELG ten este ano 25 escritoras e escritores máis entre a súa asociación, un feito que valoramos de maneira positiva: a incorporación de novas asociadas e asociados dálle razón de ser á entidade.
Ademais, analizamos os apoios que ten a AELG nas institucións e que iso implica ter capacidade económica para desenvolver temas. O peso da Administración local é grande, realmente, o cal nos permite facer cousas como mandar escritoras aos centros de ensino. En concreto, por exemplo, da man da Deputación da Coruña irán perto de vinte escritores e escritoras aos centros escolares para falar de Luísa Villalta.
Ao mesmo tempo, analizamos a necesidade de dar máis contido á asesoría xurídica, pois, é importante para que os escritores e as escritoras saiban dos seus dereitos e de como estar asesorados na súa actividade.
Valoramos tamén a necesidade de elaborar informes xurídicos sobre as boas prácticas dos premios literarios. Desde a AELG consideramos que iso axuda non só aos escritores e ás escritoras, senón tamén a editores e á sociedade en xeral.
Destacamos ademais a importancia da nosa páxina web, na actualidade adaptada para consulta desde teléfonos móbiles e dotada de máis de 60 millóns de entradas. A páxina web da AELG recibe diariamente unhas 20.000 visitas, tendo especial relevancia a sección da axenda.
– ND: A Asemblea Xeral de Socias da AELG acordou premiar co galardón ‘Escritor na súa Terra-Letra E’ o dramaturgo Euloxio R. Ruibal, e co ‘Escritor Galego Universal’, Joseba Sarrionandia.
– CS: Creo que non é necesario explicar a importancia de Euloxio R. Ruibal no teatro, na dramaturxia galega. É un recoñecemento á súa traxectoria e tamén unha maneira de agardecer o seu tempo como presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Hoxe é, polo tanto, un día de celebración.
En canto a Joseba Sarrionandia, é un escritor cunha obra amplísima en Euskadi, e que ten obra tamén traducida ao galego. El mesmo foi tradutor de obras do euskera ao galego. A el farémoslle entrega da Rosalía que damos no evento dos premios Follas Novas.
Para nós Sarrionandia é un autor coñecido, é unha figura referencial dentro da literatura de Euskadi. E con este ‘Escritor Galego Universal’ queremos que formase parte tamén do que é ser un escritor galego.
– ND: Que liñas de traballo se marca a AELG para este período que acaba de comezar?
– CS: Do traballo a desenvolver este ano destacamos os premios Follas Novas, para os cales xa se fixo pública a selección previa do xurado.
Ademais, a AELG estará presente no galeuska de escritoras e escritores que este ano decorrerá en Mallorca, organizado pola Asociación de Escritoras en Lingua Catalá. O tema central será a tradución como maneira de internacionalización da nosa literatura e a delegación galega estará integrada pola tradutora María Reimóndez e pola poeta, ensaísta e escritora Marga do Val.
Valoramos tamén a posibilidade de poder organizar na Galiza unhas xornadas galego-brasileiras na cidade de Compostela, algo que consideramos moi necesario.
– ND: Sinala que a AELG experimentou un incremento no número de asociadas e asociados. É este un síntoma de que o libro galego goza de boa saúde?
– CS: A literatura escrita en galego ten boa saúde. Isto está contrastado con todos os premio que damos dentro do país e que nos dan fóra do mesmo. Porén, o que necesita mellorar a súa saúde é o libro.
Pensamos que ten que haber un apoio máis decidido, por parte da Administración que teña esta responsabilidade. Entre outras cuestións, dándolle presencia ao libro galego nas feiras internacionais. É dicir, a industria editorial necesita máis alimento e máis fortaleza para que todo ese caudal que hai de literatura, de escrita, de escrita dramática, de poesía, de narrativa, teña máis capacidade de ser visibilizada. Xa non digo o que significa, por exemplo, como teñen en Euskadi ou en Catalunya, uns apoios especialmente determinantes por parte das súas Administracións. Mais aquí é un tema moi mellorábel.
– ND: A AELG sumouse recentemente ás voces que criticaron a censura aplicada na Deputación de Pontevedra a catro escritoras galegas por motivos políticos. Considera que este foi un caso illado ou teñen detectado outros casos de censura?
– CS: Agardamos que sexa un caso illado. Que escritoras como Mercedes Queixas ou Montse Fajardo, que precisamente vén de gañar o premio Xohana Torres en Compostela, sexan censuradas polas opcións políticas que defenden… Que democracia se basea niso? Esta dinámica non di nada a favor dos responsábeis políticos.
Como dicía Antón Avilés de Taramancos, a quen lembro con especial cariño: “Se non existisen os escritores e as escritoras, non existirían as Consellarías de Cultura, nin as Deputacións, nin os deputados de Cultura, nin os conselleiros de Cultura”. Isto é, os escritores e as escritoras son os que lle dan contido ao pensamento dun país. Ser demócrata é respectar a pluralidade de pensamento e neste caso a xustificación para quitar dunha programación a catro escritoras foi pouco imaxinativa.”

Crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2024 na Coruña

Estas son algunhas das fotografías do acto na Coruña do Día de Rosalía de Castro 2024, que tivo lugar o 23 de febreiro, ás 17:00 horas, diante do Teatro Rosalía de Castro, organizado pola AELG en colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda. A crónica fotográfica completa pode verse aquí (a maioría das fotos deste acto foron feitas pola A. C. Alexandre Bóveda).