Carlos Penela gaña o 25º Premio de poesía Concello de Carral

Desde o Concello de Carral:
“O poeta vigués Carlos Penela Martín foi elixido gañador da 25ª edición do Certame de Poesía Concello de Carral co libro titulado Trono e caléndula.
O xurado salienta do libro gañador a composición dos poemas cunha esixencia rítmica pouco común que se proxecta no lingüístico e no simbólico. (…)
Para esta edición do premio o Concello de Carral configurou o xurado con Inma Otero, Teresa Seara, Miguel Anxo Fernán Vello, Luciano Rodríguez e Álex Mene. Como presidente actuou o concelleiro de Cultura Francisco Bello e como secretario o técnico de Cultura Carlos Lorenzo.
Presentáronse a esta edición do premio un total de 44 libros.
O acto de entrega do premio terá lugar o venres 10 de xuño na Casa da Cultura, nun evento especial para conmemorar os 25 anos do certame, no que inaugurará unha exposición no Campo da Feira, a instalación nas luces públicas de Carral de lonas dedicadas a cada autor e autora que obtivo este galardón, a presentación do libro gañador na edición do 2021, Os puntos do impacto de Álex Mene, e o espectáculo poético e musical O idioma da tinta de Yolanda Castaño e Isaac Garabatos.”

Celebrado o 30 aniversario do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía

“As actividades de Arteixo no venres 14 de maio, na maior proximidade do Día das Letras dedicado a Xela Arias, comezaron ás 19:30 coa inauguración do Paseo das Letras, o que desde ese momento deixa ver, mediante placas de aceiro no chan da parte máis concorrida do paseo fluvial de Arteixo, os nomes de todas as persoas premiadas en trinta anos de Certame. A inauguración foi acompañada polos representantes dos partidos políticos do Concello de Arteixo, así como polo gaiteiro Óscar Miranda Lodeiros, quen interpretou o himno do Antigo Reino de Galiza.
A continuación foi plantada unha nova árbore, como vén sendo habitual en cada aniversario, ao pé da cal reza a seguinte lenda: “Na horizontal da terra / a vertical dos soños”. Tal breve texto foi brevemente explicado ao público polo autor da proposta, o director literario do Certame, Alfredo Ferreiro Salgueiro. Este xesto ecolóxico contou coa interpretación a violín da peza “O pasodobre da Fraga” por Nuria Naya Riveiro.
O evento de entrega de premios no Centro Cívico Cultural de Arteixo comezou perto das 20:30 e contou coa presentación do polifacético artista Xurxo Souto, quen non deixou de amenizar o acto coas súas dotes de contador de historias e de cantante sempre extasiado pola cultura popular. Tamén tiveron presenza os discursos dos coordinadores ou directores literarios do Certame do presente e do pasado: Henrique Rabuñal Corgo, quen falou dos inicios e da consolidación do Premio; Julio Mancebo Moreiras, quen mandou un texto lido por Xurxo Souto sobre os avances na súa etapa de coordinador; e Alfredo Ferreiro Salgueiro, quen recoñeceu o traballo dos seus predecesores, do Servizo de Cultura, do xurado de 2021, paritario na súa composición nos últimos anos e que conta coa colaboración permanente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega e coa Asociación Galega da Crítica. Tampouco se deixou de agradecer a participación dos máis de 70 traballos recibidos no Certame, nin a presenza do público a un acto que estaba a ser gravado integramente.
Na parte central do evento, entregáronse os premios segundo o ditame que Souto leu da correspondente acta asinada por Alejandro Mene Pazos, Beatriz Maceda Abeleira, Inmaculada Otero Varela e Alfredo Ferreiro Salgueiro, na que figuraban os nomes dos premiados:
1º. María Aránzazu Portabales Santomé, polo relato Xanelas, presentado baixo o lema “Rosalía Pousada”, premiado con 4000 euros e a edición da obra.
2º. Gabriel Gómez Estévez, polo relato A caverna de Lara, presentado baixo o lema “Moura do Bosque”, premiado con 2000 euros e a edición da obra.
3º. Cecilia Fernández Santomé, polo relato As orfas daquel verán, presentado baixo o lema “Maggie Moon”, premiado con 1000 euros e a edición da obra.
Ademais dos premios, as persoas galardoadas recibiron unha peza escultórica de Dores Polo e Benito Freire, obra en miniatura e peza única que lembra outra maior dos mesmos autores situada no xardín da fachada do Centro Cívico Cultural, instalada en novembro pasado para inaugurar a conmemoración do Certame.
Deuse, por outra parte, unha sentida homenaxe sorpresa a José Manuel Piñeiro Balay, concelleiro de Cultura propulsor da creación deste certame no momento da súa creación, que consistiu na colocación dunha placa co seu nome nunha butaca do Auditorio e na entrega dunha peza conmemorativa, que agradeceu entre os aplausos de todos os presentes.
O evento contou coa intervención do Deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto Rodríguez, e foi oportunamente clausurado polo Alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo Martínez, quen tivo o decoro de citar todas a persoas que nos 30 anos precedentes tiñan posibilitado o Certame, independentemente da súa función ou ideoloxía. En todo momento unha pantalla estivo mostrando os nomes gañadores e os nomes dos xurados no fondo do escenario, para que non esquecésemos que o prestixio que o Certame de Narracións Breves Manuel Murguía foi erguido co traballo e o talento de moitas persoas, como acontece con todo que ten valor autenticamente humano en calquera tempo e lugar.”

O XXX Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo aumenta a contía dos premios que entregará o próximo 14 de Maio

Reunido o xurado o pasado 18 de abril por vía telemática, a organización do Certame Manuel Murguía anuncia os finalistas e céntrase na cerimonia de entrega de premios que se celebrará o próximo 14 de maio, venres, ás 20:00 no Centro Cívico e Cultural de Arteixo.
Reunido o xurado, composto por Álex Mene Pazos (terceiro gañador da 29ª edición), Beatriz Maceda Abeleira (escritora representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Inma Otero Varela (crítica representante da Asociación Galega da Crítica) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (director literario do Certame, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), decidiu por unanimidade conceder os tres premios ás seguintes obras finalistas (neste caso por orde alfabética de título):
A caverna de Lara, presentado baixo o lema “Moura do Bosque”
As orfas daquel verán, presentado baixo o lema “Maggie Moon”
Xanelas, presentado baixo o lema “Rosalía Pousada”
De todos os relatos recibidos, 70 foron admitidos a concurso por cumpriren as bases. Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia, contan coa seguinte dotación: 4.000 € para o primeiro, 2000 € para o segundo e 1000 € para o terceiro. Aumentan, por tanto, o segundo premio en 500 € e o terceiro en 400 €.
A organización agradece de novo as colaboracións da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Asociación Galega da Crítica para a constitución do xurado, o que non deixa de consolidar o rigor do Certame no contexto sistema literario galego.
O acto de entrega contará coa actuación musical de Xurxo Souto, quen ademais conducirá o acto. O evento incluirá tamén unha lembranza da figura de Xela Arias, escritora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.
Previamente inaugurase o Paseo das Letras, unha homenaxe a todos/as as persoas gañadoras destes 30 anos de galardón mediante a súa propia placa conmemorativa; tamén será plantada unha árbore, como vén sendo habitual en cada aniversario. Por outra parte, aquelas que acudan ao evento poderán desfrutar dunha escultura de Dores Polo e Benito Freire situada perante a fachada do Centro Cívico Cultural de Arteixo, que foi instalada o pasado 13 de novembro de 2020 co gallo do 30 aniversario do Certame de narracións breves Manuel Murguía.

Álex Mene faise co XXIV Premio de poesía Concello de Carral co seu primeiro poemario: Os puntos do impacto

Desde o Concello de Carral:
“O vigués Álex Mene vén de facerse co XXIV Premio de Poesía Concello de Carral coa súa obra Os puntos do impacto. O autor, que conta xa con varias publicacións, acadou o galardón tras conquistar ao xurado do certame cun “universo orixinal e coherente e cunha estrutura ben elaborada, na que sobresae a solidez da voz poética, propoñendo unha volta á ancestralidade e un retorno do ser humano á natureza para diluírse nela”.
O xurado salientou, iso si, “a calidade demostrada no conxunto de obras presentadas a esta edición do certame, no que se contou cun alto número de poemarios merecentes do premio”. O tribunal do concurso estivo formado polo concelleiro de Cultura, Francisco Bello Hermida –presidente-, por Manuel López Rodríguez –gañador da pasada edición e que estivo en calidade de vogal-, Inma Otero –crítica literaria e profesora, tamén en calidade de vogal-, Luciano Rodríguez Gómez –profesor e investigador literario como vogal- e por Carlos Lorenzo –técnico municipal de Cultura en calidade de secretario-. (…)
O premio de Carral está dotado con 2.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
O acto de entrega do premio Concello de Carral está previsto para o 28 de maio e servirá, así mesmo, para presentar o libro As pulsacións, co que Manuel López Rodríguez gañou a XXIII edición do certame.
Como vén sendo habitual, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Políticas Culturais para a publicación da obra premiada. (…)”

Crowdfunding para Ana e as súas irmás, de Álex Mene

Desde a plataforma Lánzanos:
“Que?
Ana e as súas irmás xermolou coma unha homenaxe á comedia dialogada de Woody Allen. O título fai referencia á longametraxe Hannah and her sisters. Mais as intencións non sempre están en relación directa cos obxectivos acadados e, no proceso de escritura, o argumento foi transformándose de tal xeito que perdeu o diálogo e case toda a comedia.
A protagonista desta historia, Ana, naceu con espiña bífida e serios danos no ril. O libro comeza no momento en que recibe a chamada para someterse ao segundo transplante. Mentres vai camiño do hospital, a ambulancia convértese nun faro que alumea a negrura da noite e as lembranzas da protagonista. Para enfrontarse a esa batalla, Ana conta cunha arma poderosa: o amor incondicional das súas irmás.

Quen?
Do Peirao é unha editora con vontade de cambio, de publicar obras pouco convencionais pero de indudable calidade, con novas e frescas ideas como é a de empregar unha campaña prevenda para promocionar cada título cando esta aínda se atopa en proceso de edición.

Hoxe presentámosvos a Álex Mene.
Os programas de Félix Rodríguez de la Fuente abríronme os ollos ao mundo que me rodeaba. Descubrín que existían moitos máis animais dos que eu podía imaxinar. E, así, decidín o que quería ser de maior: zoólogo. Pero non deses que andan só con cans e gatos, senón dos que cazan serpes xigantes en selvas amazónicas, estudan o hábitat do lobo estepario e seguen as pegadas do oso panda até a profundidade dos bosques de bambú.
Despois, licencieime en Ciencias da Información, doutoreime en Belas Artes e non parei de escribir até hoxe. No ano 2018 publiquei o álbum ilustrado A raíña das tortas na colección Verdemar da editorial Alvarellos. Con Indómita e a semente da inmortalidade gañei o I Certame de Literatura Infantil e Xuvenil Muíño do Vento, libro publicado pola editorial Bululú. En 2020 obtiven o 3º premio no Certame de narracións breves Manuel Murguía polo texto titulado A herdeira (Foto de familia). E, no ano 2021, publico Ana e as súas irmás na editorial Do Peirao.
«Ana e as súas irmás é un libro que fala da verdadeira natureza da amizade e do amor. Dese amor que damos e que se converterá no único rastro que deixamos: o legado que permanecerá tras o nosos pasos.
A protagonista vai debullando os episodios da súa vida nunha especie de conxura contra as barreiras que provoca a diferenza, desafiando calquera atranco e apostando pola ledicia.
O libro pasea polo drama que latexa en toda comedia e polo humor que agroma de toda traxedia. Ana ensínanos, a través da súa experiencia vital, en que consiste a valentía».

Por que?
E por aquí unha mostra do que atoparedes nas súas páxinas:
«Os meus pais coñecíanse de vista das festas e romarías da contorna. El traballaba dende os trece anos no matadoiro do Porriño. Tiña unha bicicleta vella que utilizaba sempre para desprazarse pola vila e, ao rematar a xornada laboral, pasaba devagar por diante da casa da miña nai. Ela, que a esa hora estaba cosendo e remendando diante do comercio, nos soportais, paraba enfeitizada ao que escoitaba o renxer da bicicleta, que seica emitía un ruído tal que máis parecía unha traca das festas ca outra cousa. Nese intre, Gloria pegaba un chimpo e saía a fume de carozo para velo pasar. Ficaba engaiolada co seu ollar cravado no del, perdida no reflexo do seus ollos. Aquel goce tan penetrante outorgaba á escena unha cadencia moi lenta mentres, pola contra, os latexos do seu corazón acelerábanse até deixala sen alento. Evaristo pedaleaba fachendoso diante da miña nai fitándoa tan intensamente que máis dunha vez estivo a piques de chocar coas columnas do soportal, comer dun bocado o capitel románico, perder os dentes e poñerlle unha accidentada fin a un idilio apenas comezado. Entrementres, a miña avoa Mercedes, e madrastra da miña nai, berráballe: “Gloria, pasa para dentro xa e ten un pouco de decencia, que non quero nin que mires para ese morto de fame”. Pero ela non era quen de deixar de facelo, de ollar para aquel cabaleiro andante que no canto de corcel tiña unha bicicleta enferruxada. Sucumbía, enfeitizada, perante a forza dos ollos negros daquel vampiro misterioso que, en troques de voar, levitaba enriba de dúas rodas que xemían por un amor mal engraxado. O mesmo ruído que tempo despois faría o primeiro aparello ortopédico co que puiden camiñar. Esas casualidades son os elos dunha cadea sonora que me acompañará ao longo da miña vida».

Ademais…
Sabemos que son tempos difíciles, tamén nós os sufrimos, e pode que non te atopes en disposición de apoiarnos co teu mecenazgo nestes momentos… pero agardamos que se esto te chegou ao alma, incluso se tal vez coñeces en persoa ao autor, trates de difundir esta campaña (facebook, twitter, blogger, boca-orella… ) para que academos a nosa meta e Álex Mene vexa publicada a sua obra.”

Danse a coñecer os textos gañadores do Certame Manuel Murguía

Desde o Concello de Arteixo:
“O xurado composto por Alba Cid Fernández (representante da Asociación Galega da Crítica), Daniel Barral Calvo (gañador da 28ª edición), María Canosa Blanco (representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (director literario do Certame, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), reunido o 18 de abril de 2020, decidiu por maioría conceder os tres premios ás seguintes obras:
1º PREMIO dotado con 4.000 €: Silencios náufragos, presentado baixo o lema “Raqueiro”, de Patricia Torrado Queiruga.
2º PREMIO dotado con 1.500 €: O último día do Outono, presentado baixo o lema “Refugallo”, de Esteban Brea Castro.
3º PREMIO dotado con 600 €: A herdeira, presentado baixo o lema “Fluorescencia”, de Alejandro Mene Pazos.
Os gañadores deberán ser ratificados pola Xunta de Goberno Local, toda vez que se comprobe que cumpren con todos os requisitos.
Valoración do xurado:
«O Xurado xustifica a súa decisión na procura de textos equilibrados, tanto na concepción dos personaxes coma na linguaxe empregada ou na dosificación da historia. Tamén valorou que os distintos escenarios temporais fosen coherentes e cribles. En xeral, o Xurado salienta a diversidade das obras gañadoras, que construíron propostas sólidas desde diferentes temáticas, xéneros e estilos.
Para finalizar, o Xurado tamén acha preciso recordar a importancia da corrección lingüística nas obras presentadas a calquera tipo de certame literario. Neste sentido, o Xurado tería desexado que moitas das obras contasen cunha corrección lingüística maior e por este motivo chama a atención das persoas participantes para dedicaren, no futuro, a máxima atención no uso da lingua.»
A Organización agradece un ano máis a presenza no xurado dun membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como outro da Asociación Galega da Crítica, feito que contribúe a alicerzar o rigor do Certame no contexto sistema literario galego.”