Sara Vila Alonso gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2021

Desde Galaxia:
“A gañadora da quinta edición do Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos convocado pola Editorial Galaxia, en colaboración co Ámbito Cultural de El Corte Inglés, foi Sara Vila Alonso pola novela Oito días sen Eva Cortes.
O xurado, composto por Diego Giráldez, Beatriz García Turnes, Lara Dopazo, Xosé Ricardo Losada, Selina Otero e Malores Villanueva, destacou a súa prosa sólida e o magnífico control do ritmo narrativo dende o inicio. A autora é quen de construír personaxes poliédricos nunha novela que combina tres voces narrativas. Destacan as pasaxes dun caderno que manexa unha narrativa máis lírica e o paso a unha escrita máis xornalística e apegada á realidade.
A autora mostra tamén un gran dominio da lingua e achégase a temas como o sensacionalismo xornalístico, a xenofobia ou a estratificación das redaccións dun xornal.
No día da súa reincorporación tras as vacacións, no medio dunha vaga de calor, á xornalista Antía Ubeira encárganlle cubrir a desaparición dunha moza da súa cidade, Pontevella. O que nun principio semella unha ausencia voluntaria froito dunha fin de semana de festa, comeza a prolongarse e a preocupar ao entorno da rapaza, Eva Cortes.
Antía Ubeira, malia a desidia e o escepticismo cara á utilidade da súa profesión, implícase cada vez máis no caso. Os descubrimentos arredor da vida de Eva farán reflexionar á xornalista sobre a súa propia felicidade, as súas expectativas, os seus desexos e obsesións.
A novela repasa asuntos que atravesan a todas as mulleres, como o desexo (ou non) de ser nai, o poder sobre o propio corpo, a independencia económica, o pracer ou a liberdade. Pero tamén sobre o medo que produce a certeza de saber que calquera de nós podería ser a muller desaparecida que protagoniza horas de tertulias televisivas e páxinas de xornais.
Oito días sen Eva Cortes impúxose por unanimidade ás demais obras presentadas pola súa solvencia narrativa, pola historia que atrapa dende o primeiro capítulo e polo tratamento de moitos temas de plena actualidade dende o cuestionamento.”

Inma López Silva: “Soño con quedar para tomar whisky até o mencer con Beauvoir, Didion e Sontag”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Inma López Silva en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a.
– Inma López Silva (ILS): Botei moitas fins de semana probando a ver se tropezaba por Brooklyn con Paul Auster, así que non vou considerar tirado todo ese tempo… Tamén coido que gozaría, malia probabelmente discutir moito, con Michel Houellebeq. Pero se puidese, soño cun encontro con Beauvoir, Didion e Sontag, comprometéndonos as catro a tomar whisky ata o amencer. En sesión de espiritismo, con Nietzsche, Shakespeare, Molière e Mary Wollstonecraft. E tendo en conta as posibilidades reais de levar adiante os meus plans, gustaríame emborracharme con Juan Tallón, Diego Giráldez, María do Cebreiro e Francisco Castro, xuntos ou por separado. E é público e notorio o meu gusto polas ceas de alto contido alcohólico e literario con Arantza Portabales, Mercedes Corbillón e Susana Pedreira, ás que desexo fervorosamente incorporar a Rexina Vega, cousa que acontecerá en breve. Xa ve que non teño problemas nin coas farras nin co bo comer e o bo beber. Podería seguir. Creo que case que gozaría con calquera. Incluso iría de cañas con vostede de boa gana.
– B: Escribirá as súas memorias?
– ILS: En realidade, cada certo tempo, escribo unha memoria parcial como son libros coma New York, New York, Maternosofía ou Chámame señora, pero trátame coma a un señor. Supoño que vou facendo ese labor pouco a pouco para non pasar tanto traballo ao final, cando o que me apetecerá será seguramente ir de copas con escritoras e escritores novos que me dean a vida e non a morte.
– B: Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
– ILS: Hai varios. Un deles é Suso de Toro. A descuberta da súa literatura foi para min unha epifanía pois demostraba que na miña lingua se podía escribir, publicar e ler o tipo de narrativa e co nivel de modernidade que eu gustaba de ler noutros idiomas. E desde un punto de vista práctico, Carlos Casares: foi el quen, aos dezasete anos, me pediu por ler o que tiña escrito. Mandeille un monllo de relatos que, un tempo despois, foron o meu primeiro libro publicado na editorial Galaxia, Rosas, corvos e cancións. (…)”

Letras galegas na Rede: un fervedoiro virtual

Artigo de Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“Ás poucas horas de ditarse as normas que nos confinan nas nosas casas agromaron numerosas iniciativas que ofrecen na Rede moitos contidos de balde. Campañas como a da AELG animaron a empregar diversos cancelos como #CorentenaLiteraria, #EuQuedonaCasa ou #CulturaNaRede por só citar algúns, que promoveron que diversas persoas con presenza na rede espallasen nelas contidos orientados a promocionar a lectura e outras actividades vinculadas coa literatura galega. Axiña se sumaron a estas campañas promocionais da lectura e do libro a Federación de Librarías de Galicia co lema Os libros non contaxian pero enganchan ou a Asociación Galega de Editoras coa campaña Mergúllate. Le en galego.
É salientable, sobre todo, o esforzo das diversas editoriais, que actúan con convicción en tempos de verdadeira incerteza polo complicado futuro que se albisca, como motores que vivifican o acceso á literatura galega na rede. Eis o caso de KalandrakaTV, o canal de televisión dixital de Kalandraka Editora, que potenciou os seus contidos con numerosas propostas audiovisuais baixo a etiqueta Contos contados. Asemade, Xerais convidou a diversas voces do seu catálogo para ler a primeira páxina dun dos seus libros baixo os cancelos #envozpropia #librosxerais mentres que, pola súa parte, Galaxia, ofreceu en aberto a película A esmorga e publicitou o envío gratuíto das vendas en liña do seu catálogo. Apiario sumouse igualmente á campaña de promocionar a poesía a través da lectura de poemas de diversas autoras ao abeiro da etiqueta #poesíaNaCorentena.
Unha editora especializada no ámbito da tradución tamén se sumou a estas iniciativas: a canguesa Rinoceronte, baixo a denominación #RinoplanDeContinxencia, cargou na súa web de libre acceso o título O Parnaso sobre rodas, de Christopher Morley, traducido por Estela Villar e o audiolibro O ano do xardineiro, do escritor checo Karel Capek.
Cómpre non esquecer iniciativas particulares como a de Francisco Castro, que ofrece na súa páxina persoal o primeiro capítulo da súa novela Tantos anos de silencio; a que impulsou Diego Giráldez baixo a etiqueta #CorentenaLiteraria que agrupa un bo grupo de voces contemporáneas que len na rede un capítulo ou un fragmento da súa obra. A estas súmanse propostas como a do Colectivo de Narración Oral de Galicia, que ofrece unha substanciosa #Pandemiadecontos ou a do Festival Atlántica, O Conto non para, con relatos orais verdadeiramente suxestivos.
Exemplos todos os citados, e outros que quedan fóra, do compromiso solidario e xeneroso de institucións, particulares e empresas editoras a prol de encher de recursos culturais e literarios esta corentena.”

A #CorentenaLiteraria e os bicos polo aire fronte ao coronavirus

Entrevista a Diego Giráldez en Praza (foto dese mesmo medio de comunicación):
“Nos primeiros días do confinamento ordenado polas autoridades para tentar frear o coronavirus, a actriz e presentadora Neves Rodríguez compartiu nas redes sociais “a imaxe dun fragmento dun libro co cancelo #CorentenaLiteraria e pareceume unha boa escusa para que autoras e autores galegos lesen fragmentos das súas obras para entreter á xente nas súas casas”. Quen fala é o escritor Diego Giráldez, impulsor dunha das tantas iniciativas que, nos últimos días, están procurando axudar a poboación a levar mellor o confinamento a través da cultura.
Giráldez dirixiuse a moitas e moitos compañeiros de oficio cunha mensaxe curta. Explicáballes a idea e convidábaos a “que vos gravedes un vídeo lendo un fragmento dunha das vosas obras e o publiquedes nas vosas redes acompañado dos cancelos #CorentenaLiteraria e #EuQuedoNaCasa”. “Bicos (polo aire)” remataba aquela nota. E así foi como as redes comezaron a encherse de letras lidas -e de bicos polo aire- contra o virus. (…)
“As autoras e autores -explica- responderon moi ben e estou seguro que se van sumar máis, aínda queda confinamento por diante para poder usar a literatura como se merece, como puro entretemento”, afirma ante unha crise na que, cre, “como de todas, sairemos distintos”.
“Dá igual se é unha crise económica ou sanitaria, non volveremos a ser os mesmos, xa estamos en transición. Se a literatura galega serve para acompañarnos nesta nova viaxe, perfecto. Aínda que o noso mellor balcón ás oito da tarde son as librarías, a rede ten tamén o poder de conectarnos co público e hai que aproveitalo, sobre todo en momentos así”, conclúe Diego Giráldez, que se despide con bicos (polo aire).”

Diego Giráldez le un fragmento de Hotel para coleccionistas discretos

Desde a AELG recollemos a lectura que fai Diego Giráldez dun fragmento da súa obra Hotel para coleccionistas discretos, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.