Viveiro: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o sábado 11 e domingo 12

O sábado 11 comeza a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:30 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para eses días (o sábado 11 só en horario de tarde):

Sábado 11
21:00 h. Presentación de Conserveiras de Celeiro, de Carlos Nuevo e Vicente Míguez, publicado polo Seminario de Estudos Terras de Viveiro.

Domingo 12
20:00 h. Falando de libros con… Paco Rivas, Carlos Nuevo Cal e Pablo Mosquera.
21:00 h. Presentación da edición homenaxe Día do Orgullo Galego, dedicada aos Seis poemas galegos de García Lorca, de Chan da Pólvora. No acto, Jesús Castro realizará unha performance sobre un dos poemas

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para o 29 de xuño

A sexta feira 29 de xuño continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

18:30 h. Presentación de Camiños, de Magín Blanco, publicado por Fol Música.
19:45 h. Presentación de Bonus track, de Rosalía Fernández Rial, publicado por Galaxia. Acompañando á autora estará a editora Malores Villanueva.
20:00 h. Beto Luaces asina exemplares de Vicus. Un lugar do común na caseta da Libraría Cartabón.
20:30 h. Presentación de Os Eidos, de Uxío Novoneyra, na colección Biblioteca de Mesopotamia, de Chan da Pólvora.
21:15 h. Presentación da edición homenaxe Día do Orgullo Galego, dedicada aos Seis poemas galegos de García Lorca, de Chan da Pólvora.

Compostela: presentación de Seis poemas galegos

O 28 de xuño, ás 20:30 horas, na Libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, preséntase Seis poemas galegos, de Federico García Lorca, nunha edición a cargo de Luís Cochón e Manolo González, que recuperaron autógrafos e apógrafos para reconstruír o texto previo á edición de 1935. O volume inclúe debuxos inéditos de Luís Seoane e textos [entre outras persoas] de Xosé Luís Méndez Ferrín, Isabel Bugallal e Arcadio López Casanova.

Feira do Libro de Santiago: actividades do sábado 28 e domingo 29 de abril

O sábado 28 de abril comeza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o sábado e domingo:

Sábado 28
12:30 h. Pregón a cargo de Rosa Aneiros.
13:00 h. Inauguración da exposición Lorca & Galicia. A viaxe de 1916, por Alvarellos Editora.
19:30 h. Presentación de Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, de Carlos Babío e Manuel Pérez, publicado pola Fundación Galiza Sempre. Participan no acto Francisco Jorquera e Goretti Sanmartín.

Domingo 29
12:00 h. Xoán Babarro asina exemplares de O baúl de Domingo Quintas e Ana María Fernández e Enrique López de Ring… Ring! Quen rima? na caseta da Libraría Aenea.
20:30 h. Presentación de María Victoria Moreno. Sementadora de futuro, de Isabel Soto e Xavier Senín. Participan os autores e Marta Neira.

Cuestionario Proust: Suso Díaz

Desde SAMSUNG CAMERA PICTURESo blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Suso Díaz:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– É ben difícil definirse. Coido que son un soñador.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade e a xenerosidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Só que me entendan.
4.– A súa principal eiva?
– Talvez querer abarcar máis do que son capaz.
5.– A súa ocupación favorita?
– Deixarme levar polo que me agrada, idear novos proxectos, sempre tentar sumar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A felicidade sempre é efémera. Un estado de felicidade enténdoo como algo semellante a ser lelo. Creo nos momentos de felicidade, e se algo se asemella a un tempo prolongado de felicidade vivina os primeiros 8 anos da miña vida en Ludeiros -Lobios-, onde nacín.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non penso niso.
8.– Que lle gustaría ser?
– Sempre quixen ser cantautor, de aí a miña paixón pola poesía.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun que non existe, que eu imaxino e nunca coñecerei. Nun país que non se odie por ser o que é, que agarime e ame aquilo que o define, que se respecte, que medre dende a cerna herdada sen precisar ollarse en espello algún. Un país que ben podería ser unha Galicia mítica.
10.– A súa cor favorita?
– Transito entre azuis e verdes. Aínda que nada me reconforta máis ca o abrollar da primavera no Xurés.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Todas, todas amosan beleza. De escoller, quédome co Lirio do Xurés.
12.– O paxaro que prefire?
– O que se pousa fronte á fiestra na casa de meus pais. Ese que me agasalla cos seus movementos, coa súa cor, co seu canto e co seu voo ceibe e despreocupado.
13.– A súa devoción na prosa?
– Sendo ben difícil: en galego Rosa Aneiros, en español García Márquez, en portugués Saramago.
14.– E na poesía?
– Imposible escoller. Dende Rosalía de Castro a Celso Emilio Ferreiro infinitas e infinitos poetas. Cada nova lectura é unha nova descuberta. Todas e todos os que me emocionen.
15.– Un libro?
– Dous. Agora mesmo os que me ocupan con novos proxectos: Seis poemas galegos de Federico García Lorca e Follas novas de Rosalía de Castro.
16.– Un heroe de ficción?
– Xan das Congostras.
17.– Unha heroína?
– Seguramente algunha que habita o subconsciente. A beleza ten rostro de muller.
18.– A súa música favorita?
– Moitas, moitísimas. Non podo escoller, depende do estado de ánimo. Iso si, sempre me fago acompañar por ela.
19.– Na pintura?
– Dun tempo a esta parte, Ovidio Murguía.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miñas avoas, ninguén merece meirande admiración para min.
21.– O seu nome favorito?
– O de meus fillos: Sofía e Pedro, sempre na boca, sempre no pensamento.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A maldade en calquera das súas manifestacións: ruindade, mesquindade, falsidade…
23.– O que máis odia?
– Ese sentimento non me habita, de facelo, maniféstase en contadas ocasións. Diría que odio o que fai sufrir ao ser humano conscientemente. Dabondo temos co que a vida nos vai deparando.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Todos eses innomeables que se adicaron a destruír a especie, tamén os que se adican a destruír o hábitat.
25.– Un feito militar que admire?
– Sempre abril. Sempre o 25 de abril.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Unha meirande capacidade de comprensión, algunhas veces non atopo respostas por moito que me esforce. É frustrante.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De súpeto.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Reflexivo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Moitos. Tendo en conta que somos humanos, procuro entender.
30.– Un lema na súa vida?
– Meu avó materno sempre me dicía, Suso: fai ben e non olles a quen.”

Unha volta á poesía do “primeiro embaixador da cultura galega”

“O Consello da Cultura Galega presentou a terceira edición de O pórtico poético dos Seis poemas galegos de F. García Lorca, editados por Luís F. Pérez. É unha obra imprescindible para adentrarse no proceso de confección e na vida posterior dos Seis poemas galegos que Federico García Lorca redactou na nosa lingua, así como no papel de Eduardo Blanco-Amor na difusión desta obra. Ramón Villares, presidente do CCG, definiu a obra de Lorca como un dos “monumentos da literatura galega”. A obra inclúe un CD cunha conferencia de Eduardo Blanco-Amor sobre os poemas galegos de F. García Lorca.”

Vigo: representación de Lorca e as flores de Venus, de Marga do Val

O venres 3 e sábado 4 de xuño, ás 22:30 horas, e o domingo 5 ás 21:30 horas, no Teatro de Arte Livre (Rúa Vázquez Varela, 19) de Vigo, terá lugar a representación de Lorca e as flores de Venus, de Marga do Val e música de María Graña, nun texto libremente inspirado nas múltiples investigacións sobre a vida e obra de Federico García Lorca, e que será interpretado por Eisenhower Moreno.