Arquivos da etiqueta: Sechu Sende
Culturgal 2019: actividades literarias destacadas do 1 de decembro
Do 29 de novembro ao 1 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar o Culturgal 2019.
As actividades literarias destacadas do programa para o 1 de decembro son:
– 11:00 h. Espazo Foro. Gálix e a difusión da Literatura Infantil e XuvenilGalega. Presentación das últimas publicacións.
– 11:00 h. Espazo Infantil. En efecto bolboreta. Edicións Fervenza. Presentación da novela de Ana Pillado Vega con cancións en directo con María Giménez. A revolución insecta xa está aquí!
– 11:15 h. Espazo Libro. Antonio Fraguas e a memoria musical de Cotobade de Xavier Groba. aCentral Folque. Coa intervención musical do grupo Tralo-Valo, formado polo zanfonista Ariel Ninas e a cantora Carme da Pontragha.
– 11:45 h. Espazo Libro. Presentación de Os contos dislocados e Os textos amados. Ediciones de la Vega.
– 12:00 h. Auditorio do Pazo da Cultura. Espectáculo familiar Lambetadas. Talía Teatro. Un espectáculo para público familiar e infantil, recomendado para nenas e nenos de 6 a 11 anos de idade, que ten como obxectivo fundamental a concienciación e posta en valor da lingua propia como elemento fundamental da identidade individual e colectiva na sociedade galega actual. O traballo de creación baséase nos textos encargados ex profeso a varios autores (Santiago Cortegoso, Séchu Sende e María Canosa), que son levados a escena baseándose no universo do clown e nas técnicas do teatro de obxectos. Auditorio do Pazo da Cultura. Entradas para este espectáculo en ataquilla.com. na Feira e na billeteira do Auditorio o mesmo día do espectáculo.
– 12:15 h. Espazo Libro. Dicionario da Comida Galega. Aira Editorial. Presentación desta obra enciclopédica do saber culinario de Galicia, de Xavier Rodríguez Baixeras. Co autor e os editores Xan Carballa e César Lorenzo.
– 12:30 h. Espazo Foro. Kalandraka: Biblioteca de Pedagoxía. A ‘Biblioteca de Pedagoxía’ de Kalandraka é unha iniciativa pioneira encamiñada a prover os lectores electoras galegos dunha parte significativa e seleccionada dos textos de materia educativa e pedagóxica máis relevantes a nivel internacional. Con Antón Costa, director.
– 12:30 h. Espazo Libro. Editorial Bululú presenta: Indómita e a semente da inmortalidade, de Alex Mene, gañador do certame Muíño do Vento. Con Ana Boquete, da editorial. Posterior sinatura no stand da Editorial Bululú.
– 12:30 h. Stand de Urutau. Cristina Corral Soilán asina e lerá textos do seu libro Ficar.
– 12:30 h. Stand Kalandraka. Sinatura de Cando Martiño tivo ganas de…, por Chema Heras e Kiko da Silva.
– 13:00 h. Espazo Libro. Presentación de DramaturXa. Xunta de Galicia. O número 5 da colección «O papel do teatro», que dá cabida ás obras producidas polo Centro Dramático Galego, e coeditada pola Xunta de Galicia e Edicións Positivas. Presentan: Jacobo Sutil Nesta, director da Agadic, Francisco Macías, director de Edicións Positivas, e Manuel Lourenzo, autor e director teatral, coa participación de autores da publicación.
– 13:00 h. Espazo Foro. Presentación do libro de poemas Caderno do mar, a cargo de Xaime Toxo e Antón Sobral. Ateneo de Pontevedra.
– 13:00 h. Stand de Galaxia. Sinatura de Os anxos indecisos de Manrique Fernández e Hotel para coleccionistas discretos de Diego Giráldez.
– 13:00 h. Stand Kalandraka. Vicente Blanco, Salvador Cidrás e Rocío Modia presentan Educar a través da arte.
– 13:15 h. Espazo Infantil. A que cheiran as cores? de Juan Casto Rivadulla Fernández. A agardada guía para coñecer o cerebro! Presentación con Luísa Martínez, directora da colección “A lanterna de Aristóteles”, e Xulio Amigo, director comercial de Galaxia.
– 13:30 h. Espazo Arte Contemporánea. Píntame unha poesia. Con Xosé Tomás e os músicos María Faltri e Jorge Juncal, para levar ao vivo o proxecto creativo que tivo lugar para ilustrar o libro-disco Fantasía coas Palabras, de Galaxia.
– 16:30 h. Presentación do libro Sindo de Olelas: concertina galega. aCentral Folque. Un libro-cd da autoría de Xurxo Souto e Pedro Pascual. O libro, acompañado de gravacións orixinais, conta a historia da aldea musical de Olelas, no concello de Entrimo, centro neurálxico do repertorio de concertina galega. Con Xurxo Souto e Eutropio Rodríguez.
– 16:30 h. Espazo Libre. Ninguén dorme de Rexina Vega. Edicións Laiovento e Consorcio Editorial Galego. Coa autora e Afonso Ribas, editor.
– 16:30 h. Carpa. O Colo das Palavras. Associaçom Semente Trasancos. Música e poesía para presentar un libro-cd con 16 poemas, da autoria de Antón Cortizas e Antia, Rosalia e Catarina Cortizas Leira, musicados por Óscar Fojo Lamas, João Afonso, Sílvia Fojo, Cé Orquestra Pantasma, Xurxo Souto, Manolo Bacalhau, Guadi Galego, Tanxugueiras, Sofía Espiñeira, Caxade, Uxía Senlle, Sara Vidal, Fatado do Colo (Leandro Lamas, Silvia Fojo, Paula Fojo, Lorena Montero) e Xoán Padín. Algúns deles estarán na Feira! Un traballo ilustrado por Leandro Lamas.
– 17:00 h. Espazo Libro. Conversa de Susana Pedreira con Arantza Portabales ao redor de Beleza vermella, publicado por Galaxia.
– 17:00 h. Stand de Galaxia. Sinatura de Soleando, de An Alfaya, ilustrado por Imma de Battle.
– 17:30 h. Espazo Libro. Presentación novos cadernos colección bilingüe 10×15: O prezo do inverno de Elías Portela en islandés-galego e Cetro de espiñas vivas farsi-galego de María Victoria Caro con tradución de Xaime Foxo. Tulipa Editorial. Presenta Paula Cabaleiro con autores e tradutores da colección.
– 17:30 h. Carpa. O veleiro verde de María Fumaça, publicado por Galaxia. Novo disco da familia María Fumaça.
– 17:30 h. Stand Kalandraka. Oli asina Ratos de casa, Ratos de viaxe.
– 17:45 h. Espazo Foro. Entrega Premio do Público Culturgal 2019 ao Festival dos Eidos (Fundación Uxío Novoneyra).
– 18:00 h. Espazo Libro. Agosto de Miriam Ferradáns. Apiario. Presentación e estrea na Feira desta novidade editorial do Nadal 2019. Susana Sánchez Arins conversa con Miriam Ferradáns ao redor do seu último traballo poético, na colección Cera Labrada de Apiario.
– 18:00 h. Stand Xerais. Sinatura de Pedro Feijoo.
– 18:15 h. Espazo Foro. Presentación do libro Náufraga no mar e na terra, de Elisabeth Oliveira e lanzamento de Linguaxes dixitais, de Clara Vidal, con lectura de textos poéticos e mostra de videopoemas. Coas autoras e Wladimir Vaz, editor. Editorial Urutau.
– 18:30 h. Stand Kalandraka. Antonio García Teijeiro asina Versos e viceversos.
– 18:30 h. Espazo Libro. Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais. Unha conversa coas autoras. Catro Ventos Editora. Con Miguel Pardellas Santiago, Paula Lubián Fernández e Celsa González Ogando, de Proxecto Batefogo e Patricia Buxán Outeiro, da editora.
– 18:30 h. Stand Xerais. Sinatura ilustrada de Anxo Fariña.
– 18:30 h. Stand Xerais. Sinatura de Ledicia Costas.
– 18:30 h. Stand Xerais. Sinatura de Manuel Bragado.
– 18:45 h. Espazo Infantil. As tres mouras de Fonte Lantana. Edicións Fervenza. Presentación do libro infantil econtacontos con Xoán Carlos García Porral, Celso Sanmartín e Gabriel Iglesias.
– 19:00 h. Stand Xerais. Sinatura de Anselmo López Carreira.
– 19:00 h. Espazo Libro. Conversa de Susana Pedreira con Pedro Feijoo, autor de Un lume azul. Xerais.
– 19:30 h. Espazo Foro. Conversa con Anselmo López Carreira, autor de Arte e escritura na Galicia medieval (séculos VI-X). Xerais. Presenta: Fran Alonso.
– 19:30 h. Espazo Libro. Conversa entre Adolfo Caamaño, Premio Vilar Ponte de Novela 2018 con Matar o heroe e Abel Tomé, Premio Illa Nova de Narrativa 2019 co libro A noite do lobo. Presenta Malores Villanueva (Editorial Galaxia).
Compostela: homenaxe a Moncho Valcarce
Piloño, Vila de Cruces: XIII Forxa Literaria da Fundación Paco Lareo
A Coruña: presentación de A alquitara, de Troubs
Vítor Vaqueiro: “Que con 65 anos abandones unha norma sabendo que a editorial che vai fechar a porta ten un valor simbólico grande”
Entrevista a Vítor Vaqueiro en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Hai pouco reivindicabas con moita outra xente a igualdade de trato para os escritores reintegracionistas no sistema cultural e editorial galego a través do manifesto O fim do apartheid.
– Vítor Vaqueiro (VV): Claro, é que non nos damos de conta disto, como funciona desde o punto de vista dos dereitos cívicos. Que unhas persoas se vexan privadas de publicar pola grafía coa que escriben é algo inconcibíbel. Pero ademais hai sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza redixidas en reintegrado e unha sentenza pola cal asociacións reintegracionistas lle gañan un xuízo ao goberno da Xunta de que ninguén pode ser marxinado nin discriminado pola súa grafía. E o máis grave é que o fan sen crelo, porque falas cos responsábeis das grandes editoriais galegas e din “estamos convencidos de que galego e portugués é o mesmo idioma”. Ou “vaia lío no que nos metemos, a ver como saímos del”. Ou as declaracións de Villares, presidente do Consello da Cultura, dicindo que hai que achegarse. (…)
– SG: De todos os xeitos, nos últimos anos a unidade lingüística galego-portuguesa xa ninguén a discute. Aí houbo un certo avance.
– VV: Con toda humildade, pero o feito de que Séchu Sende, Teresa Moure, Verónica Martínez ou eu mesmo -perdón por autocitarme- abandonáramos a normativa oficial, iso pesa. O meu caso debe ser o máis rechamante. Agora vou cumprir 69 anos. E que con 65 anos abandones unha norma sabendo que a editorial na que levas 35 anos publicando che vai fechar a porta, eu creo que iso ten un valor simbólico grande, independentemente de que Teresa é moito máis coñecida ca min. E é que ao cambiar de normativa ti sabes que perdes moito. Eu escribía un libro para Galaxia e aos tres meses sabía que estaba circulando polo país. E este libro leva tres anos feito, e sae agora. É complicado. Cambiar supón pagar unha peaxe altísima. Eu recoñezo que a xente que deu ese paso hai 20 anos, porque eu deino onte pola tarde en comparación, tivo que custarlle moito na súa vida. O cal non ten un pase. Por iso digo, á parte da cuestión máis ou menos técnica, é un problema de hixiene democrática. Unha sociedade que actúa así, está doente. Eu, sinceramente, se a norma oficial fose a reintegracionista e non se permitise escribir á xente que escribe na que hoxe é oficial, partiríame a cara por eles. (…)”
Preséntase en Galiza o Protocolo de Donostia para a garantía dos dereitos lingüísticos
Desde a Mesa pola Normalización Lingüística:
“O pasado 17 de decembro presentábase en Donostia o texto final do Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos. Asinado por centos de entidades sociais de toda Europa e promovido por organizacións internacionais como ELEN, CIEMEN, Linguax, UNPO, PEN International e Kontseilua de Euskaherría. Hoxe as entidades sociais galegas que xa se adheriron ao documento presentárono publicamente co obxectivo de comezaren un amplo proceso de difusión dun texto que pretende dotar de capacidade de exercicio práctico a dereitos lingüísticos recoñecidos mais “coa condicionados a non se exerceren”.
O Protocolo de Donostia é froito dun proceso de acordo desenvolvido nos anos previos por diferentes grupos de traballo, combinando os enfoques científico, académico e social, para construír unha ferramenta que permita reverter a situación das linguas minorizadas e construír unha Europa baseada na igualdade entre as comunidades lingüísticas, de maneira que este protocolo foi trasladado a foros e instancias internacionais para que institucións de diferente carácter o utilicen como instrumento práctico do seu compromiso coa diversidade lingüística. Continúa así co establecido en 1996 coa aprobación en Barcelona da Declaración Universal dos dereitos lingüísticos.
Segundo explicou Pilar García Negro, membro do Comité científico do documento internacional, o protocolo é fillo da Declaración Universal dos dereitos lingüísticos aprobado en 1996 e que pretendía dotar de contido o artigo 2 da declaración de dereitos humanos que contempla a non discriminación, entre outros motivos, por razón de lingua.
O protocolo consta de catro obxectivos principais: reivindicar a garantía da diversidade lingüística e o desenvolvemento das linguas; crear unha ferramenta efectiva para a igualdade lingüística e o desenvolvemento das linguas en situación de desvantaxe; presentar as comunidades lingüísticas como suxeitos dentro deste proceso e reivindicar o seu papel de garantes dunha xestión xusta da sociedade.
Pilar García Negro interviu acompañada de representantes de diversas entidades con práctica continuada de defensa e promoción da lingua galega: Marcos Maceira (A Mesa pola Normalización Lingüística), Anxo Louzao (CIG-Ensino), Romina Bal (ProLingua), Queca Carballo (Coordinadora de Traballadoras e Traballadores pola Normalización da Lingua), Andrés Bellas (Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galicia, APRADOGA), Mercedes Queixas (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG) e Séchu Sende (A Semente Escolas de ensino en galego). Sigue lendo
Compostela: Jornadas da Língua
Cadáveres exquisitos, artigo de Armando Requeixo
Desde Criticalia, blogue de Armando Requeixo:
“(…) Para o caso galego o antecedente histórico máis notorio é o telúrico “Poema a tres voces”, escrito por María Mariño, Uxío Novoneyra e mais Ramón Regueira na Casa Grande de Parada do Courel o 26 de novembro de 1966 e hoxe publicado nas páxinas da revista A trabe de ouro, un texto do que se cumpre agora medio século da súa creación. Con posterioridade, practicaron abondosamente este xénero os poetas de Rompente, quen asinaron numerosos textos colectivos nos seus libros grupais.
Alén diso, pode considerarse unha iniciativa parella a levada adiante por Camilo Franco en Por conto alleo, libro no que recolleu medio cento de relatos que a fins de 1999 escribira baixo a proposta en cada caso dun tándem de palabras que os internautas suxeriron ao autor para que as fose incluíndo en cada conto.
A última gran proposta nesta liña veu da man do poeta Igor Lugris, quen tamén a través da Rede convidou á participación nun cadáver exquisito cibernético que dende a primavera do 2007 se multiplicou ata chegar a máis de medio cento de versións, que foron recitadas e amosadas nun Expo-Cadáver celebrado en Ponferrada. Naquel cibercadáver exquisito participaron, entre moitos outros, poetas galegos como Elvira Ribeiro, Xavier Queipo, Emma Pedreira, Antía Otero, Daniel Salgado, Alberto Lema, Séchu Sende, Celso Álvarez Cáccamo, Mario Regueira, Oriana Méndez ou Estíbaliz Espinosa. Ningunha proba mellor para demostrar que o cadáver está moi vivo e segue a ser un exquisito artefacto literario.”
Compostela: XVII Xornadas de Expresión Oral Tíralle da lingua, o sábado 26 de novembro
As XVII Xornadas de Expresión Oral terán lugar o sábado 26 de novembro, no IES As Fontiñas (Rúa Estocolmo, 5), en Santiago de Compostela.
Tíralle da lingua é un proxecto da AS-PG, dirixido ao alumnado e profesorado de todo o país, co obxectivo de normalizar o uso oral da nosa lingua, converter o idioma en instrumento de comunicación normal, de creación e recreación de historias…de lingua de uso do noso sistema educativo, en definitiva, de devolverlle ao galego o espazo que lle corresponde.
O proxecto TÍRALLE DA LINGUA consta de dúas fases: estas xornadas de expresión oral, dirixidas ao profesorado, nas que se intenta proporcionar técnicas para traballar a oralidade na aula e un concurso de relato oral, dirixido ao alumnado de toda Galiza cunha fase final que se celebra no mes de maio en Compostela.
PROGRAMA
– De 09:45 a 10:00 h. Recepción e entrega de material.
– De 10:00 a 12:30 h.: O Projeto regueifesta: improvisar para transformar o caminho da lingua. Séchu Sende, Manolo Maseda e Alba María.
Com a intençom de criar umha regueifa expansiva, a Regueifesta chega ao Tira-lhe da língua na procura de persoas com vontade de transformar através dum princípio de base: o processo educativo tamém deve ser um processo de participaçom direta e compartida de alunado, professorado e outros agentes. Desde a raiz da identidade própia improvisamos para ser mais livres.
– De 12:30 a 14:00 h. A lingua das árbores. Anxo Moure, O Carballo con Botas.
As árbores falan, contan historias cando o vento move as polas ou a chuvia cae nas follas. As árbores tamén teñen nome, mesmo algunha delas media ducia.O contacontos Carballo con Botas, fai unha proposta lúdico pedagóxica para achegar o mundo da escola ao falar de teixos, acivros, freixos, buxos, sobreiras… Aprender a “atrapar contos”, cociñar historias que alimentan a imaxinación, que nos dan raíces de bosque.
– De 16:00 a 18:00 h. O potencial da radio na aula, Carmen Novas, da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso).
As metodoloxías educomunicativas veñen revelándose eficaces non só para traballar contidos, entre eles os da formación en valores, senón tamén habilidades coma a expresión oral ou as competencias lingüísticas. Reflexionaremos sobre algunhas claves e exemplos da comunicación para o cambio social e remataremos poñendo en práctica a teoría cun miniobradoiro de cuñas radiofónicas.
– De 18:00 a 20:00 h. Aulas sen paredes: unha nova metodoloxía para o ensino e aprendizaxe de lingua, con Rosalía Fernández Rial, profesora e poeta.
Sesión teórico-práctica na que se expoñerán primeiro as coordenadas epistemolóxicas nas que nos situamos para a continuación desenvolver un obradoiro cunha dinámica concreta na que se empregará a expresión dramática e teatral como ferramenta pedagóxica para o ensino e aprendizaxe da oralidade e a expresión corporal nas áreas de linguas.
– 20:00 h. Clausura. Sigue lendo