“Manuel María, nace un dramaturgo”

Artigo de Héctor J. Porto en La Voz de Galicia:
“«Nace un dramaturgo para a escena e para a literatura galega. A hipérbole deixa de o ser», pregoa María Pilar García Negro nos comezos do seu prólogo á coidada edición da Obra teatral de Manuel María (Outeiro de Rei, 1929-A Coruña, 2004) que preparou para a súa publicación pola fundación que -dende a súa sede na casa-museo de Outeiro de Rei- custodia e pon en valor a figura do autor chairego. Pese a esta celebración, non hai unha chisca de sorpresa na faciana da profesora e escritora luguesa, que lembraba hai uns días como a fins da década dos anos setenta ela mesma promoveu a representación de O auto transcendental da escola tradicional (1976) coas súas alumnas no instituto coruñés Eusebio da Guarda. Xa daquela tiña clara a importancia da dramaturxia de Manuel María, e deseguido percibiu o papel basilar que xoga no teatro contemporáneo galego. (…)
Xa entón, no 2005, lle bulía a García Negro unha idea na cabeza. Ela nunca dimitiu da súa admiración por Manuel María, pero tampouco topaba tempo para dedicarlle ao arduo labor de poñer en limpo a súa obra teatral. «Non só era a revisión e confronto das diversas versións ou a recuperación de textos que faltaban, tamén estaba vixiar a homologación gráfica que el mesmo fixou e deixou disposta para a súa poesía. Era un traballo moi laborioso», subliña. Ata que o curso pasado decidiu interromper outros asuntos para poñerse en serio co proxecto de edición. Non era pouca cousa. Sabía que pasaban de trinta pezas e só unhas poucas foran editadas en libro, algunhas apareceran en xornais (como La Voz de Galicia) ou en revistas e suplementos literarios; e moitas permanecían totalmente inéditas, aínda que unha parte delas si chegaran ás táboas.
O máis fascinante do seu estudo foi verificar a súa grande diversidade, tanto no formato ou na temática como no estilo. E ademais ratificou que non se trataba dun empeño temporal, efémero: a súa dedicación teatral foi continua ao longo da súa vida, como demostran as datacións desde o seu primeiro texto, Auto do taberneiro (1957), ata o derradeiro, Auto do alugado ou O encanto de Raboces (2001). «Son cando menos 44 anos de traballo -di a profesora-. Cando me puxen á tarefa, na relectura de toda a obra, advertín que estaba ante a produción dun escritor experto. Mostraba un dominio dos recursos escénicos, da dramaturxia, da técnica, e un notábel abano de rexistros. Isto non era froito de quen está pensando nunha diversión, nun pasatempo, de alguén que está construíndo algo para entreter», incide. (…)”

María Peinado: “Parecíanos moi necesario volver a achegar Farsa de Bululú ao público galego”

Entrevista de Laura Veiga a María Peinado en Sermos Galiza (foto cedida a Sermos Galiza):
“A compañía Teatro da Ramboia foi a gañadora do I Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. O proxecto presentado pola compañía —formada por María Peinado, Fran Lareu, Anxo García e Germán Gundín— toma como base un texto de Manuel María O meu mundo non é deste reino ou Farsa de Bululú, unha parodia sobre a ditadura franquista. (…)
– Sermos Galiza (SG): Como foi o proceso de presentarvos ao certame?
– María Peinado (MP): Foi un proceso longo. A Fundación Manuel María fixo unha comunicación ás compañías de teatro e a partir de aí tomamos a decisión de querer presentarnos a esta primeira edición moi rápido porque tiñamos moitas ganas de traballar cun texto da dramaturxia galega. Era unha oportunidade que nos apetecía moito. Pero despois tivemos que elixir o texto que íamos traballar, que finalmente foi Farsa de Bululú, e despois elaborar todo o proxecto e imaxinar como vai ser o espectáculo, a posta en escena.
– SG: Por que Farsa de Bululú?
– MP: A verdade é que foi unha decisión moi sinxela. Conectamos de seguida co texto. Parécenos que segue a ser unha obra moi necesaria hoxe en día, un texto que ao final é unha parodia da ditadura franquista e que, nos tempos que corren, tal e como está o panorama político e social, parecíanos que era moi necesario volver a achegar un texto así ao público galego. É unha obra que serve para reflexionar sobre aquel tempo pasado e entender que é o que está a acontecer agora mesmo.
– SG: A partir de agora, cales son os próximos pasos?
– MP: Quédanos moito traballo para poñer o proxecto en marcha e facelo realidade. É un espectáculo que está baseado no teatro popular e nas formas propias do teatro de marionetas. Entón, agora xa estamos meténdonos no deseño dos propios monicreques e no deseño do teatrillo. Tamén agora meterémonos de cheo na montaxe: empezar a traballar sobre o texto e cos actores.”

Compostela: presentación de Os soños na gaiola, de Manuel María

Convócase, e publícanse as bases, da V edición do Concurso escolar de recitado poético Rosalía sempre viva

“A Casa-Museo Manuel María convoca o Concurso de recitado de poesía destinado ao alumnado de ensino non universitario sobre poemas de Rosalía e Manuel María.

BASES

1.- OBXECTIVO
Este concurso ten como finalidade a potenciación da expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e recitado da obra de Rosalía e de Manuel María.
2.- PERSOAS DESTINATARIAS
O concurso ten carácter individual e vai destinado a todo o alumnado galego de Educación Primaria, Educación Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos. No caso do alumnado de primeiro e segundo curso de primaria tamén poderán participar en grupo.
3.- CATEGORÍAS
Estabelécense as seguintes categorías:
1. 1º, 2º e 3º curso de primaria.
2. 4º, 5º e 6º de primaria.
3. Educación secundaria.
4. Bacharelato e Ciclos Formativos.
4.- FASES
Contémplanse dúas fases:
Fase de centros:
a) Será organizada por cada centro aténdose unicamente ás bases e condicións que cada un deles estabelecer.
b) Cada centro seleccionará un máximo de 2 alumnos/as por categoría para a súa participación na segunda fase. Na categoría de 1º e 2º curso de primaria poderase seleccionar un grupo (toda a clase ou parte dela), sempre que na segunda fase recitaren un único poema en acto único.
Fase final:
a) Nesta fase participarán aqueles/as alumnos/as que foren seleccionados/as na primeira fase.
b) Consistirá no recitado dunha única poesía escollida libremente de entre a obra en galego de Rosalía ou de Manuel María.
c) Valorarase a autenticidade e naturalidade do recitado, ton, timbre, ritmo, pausas, dicción, inflexión da voz e expresividade. Tamén se valorará a súa memorización e o seu nivel de dificultade.
5.-PRAZOS
1. Os centros participantes deberán facer a súa preinscrición antes do 21 de febreiro de 2019. Pódeno facer por correo electrónico en contacto@casamuseomanuelmaria.gal. A Casa-Museo confirmará ao centro a recepción da solicitude.
2. En función do número de preinscritos, a organización comunicará aos centros o número de alumnos/as que poden participar na fase final en cada unha das categorías.
3. Os centros deberán comunicar á Casa-Museo antes do 21 de marzo o nome dos/as alumnos/as que participan en cada categoría e o poema que recitarán.
6.-FASE FINAL
A fase final celebrarase na Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei – Lugo) o sábado 6 de abril.
7.-O XURADO
a) O xurado estará composto por tres persoas alleas aos centros participantes con experiencia nestas actividades. Actuará como secretaria unha persoa representante da Casa-Museo Manuel María.
b) O xurado emitirá o ditame o mesmo día da celebración do concurso e terá un carácter inapelábel.
8.-PREMIOS
a) Os premios na primeira fase, caso de os haber, serán determinados e patrocinados por cada centro.
b) Na segunda fase concederanse catro premios individuais, un por cada categoría, consistentes nun dispositivo electrónico multimedia de uso persoal e diploma.
c) O xurado poderá conceder Mencións Honoríficas a aquelas persoas participantes que considerar oportuno, recibindo neste caso os/as galardoados/as un pequeno lote de libros.
d) Todos e todas as concursantes da fase final recibirán un diploma acreditativo de teren participado no Concurso.
9.-OUTROS REQUISITOS PARA PARTICIPAR NA FASE FINAL
a) Cada persoa participante deberá enviar a autorización de pais/nais ou titores/as legais para a filmación da proba e posterior divulgación.
b) O acompañamento do alumnado participante e a súa custodia na fase final correrá por conta das súas familias ou titores/as legais.
A participación no concurso leva consigo a aceptación destas bases.”

A obra gañadora do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais vaise representar en 23 concellos

Desde Sermos Galiza:
“O proxecto presentado pola compañía Teatro da Ramboia está realizado sobre o texto de Manuel María O meu mundo non é deste reino ou Farsa de Bululú, unha parodia sobre a ditadura franquista.
A compañía formada por María Peinado, Fran Lareu, Anxo García e Germán Gundín foi declarada gañadora o pasado 28 de novembro no Teatro Rosalía da Coruña. Obtivo un premio de 2.000 euros por parte da Fundación Manuel María e o compromiso pola parte dos concellos e deputacións colaboradoras de que a obra se inclúa na súa programación teatral.
Os concellos adheridos son A Coruña, Ames, Barbadás, Betanzos, Brión, Cambados, Cambre, Cangas, Carballo, Carral, Cedeira, Culleredo, Malpica, Monforte, Muros, Neda, Oleiros, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Verín, Vimianzo mentres que as Deputacións son as de A Coruña, Lugo e Pontevedra.
O xurado desta primeira edición do Certame destacou entre os valores da obra o amplo abano de público ao que se dirixe así coma a probada calidade artística do elenco e a diversidade de espazos nos que pode ser escenificada.
Neste caso, estivo presidido polo actor e director Manuel Lourenzo Pérez. Os vogais que tiveron parte na votación foron a produtora e presidenta de Escena Teatral, Belén Pichel, e o actor e director, Francisco Cadaval.”

Lois Diéguez: “Se eu quero ser feliz, quero que os que me rodean o sexan tamén”

Entrevista de María Obelleiro a Lois Diéguez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Fanse 50 anos da publicación de A torre de Babel, a novela xeracional do 68 galego en Madrid. Que significa para vostede esta obra? Canto hai dela na súa posterior produción literaria?
– Lois Diéguez (LD): Sobre todo, significa o inicio nese xénero, na narrativa. Eu tiña poucos anos e non era moi maduro. Na etapa dos vinte, era algo inxenuo e vía a vida con moita pureza. Reflicte o choque que tiven cando cheguei a Madrid desde Monforte. So saíra de Monforte á Coruña, Lugo… pero nada máis. Entrar en Madrid… aquilo foi para min algo que non daba entendido polo contraste do idioma e o acento e pola cultura en si, tan diferentes. De aí naceron moitas preguntas sobre o que era Galiza. Ese choque é o tema da novela, con certa inxenuidade tamén. Trátase dunha primeira novela con demasiadas páxinas, coido.
O valor que tivo para min foi, primeiro, botarme a escribir, e descubrir que me resultaba fácil. Este mundo naceu por Manuel María, que era o meu titor nesa altura. Ao mellor eu sería distinto sen ese contacto directo que tiven con el. Fixo un prólogo no que destacaba que eu era novelista sen dúbida, porque se non, non escribiría tantas páxinas. Ademais, ten o valor de deixar retratada unha xeración que descobre Galiza en Madrid. A cuestión política era para min un mundo descoñecido, e comecei a descubrilo no Clube de Amigos da Unesco, que é onde ían os que chamaban roxos daquela. Estaba abríndome á vida e esa novela ten ese cariño para min.
– SG: É autor dunha abondosa obra narrativa que transita desde os libros de viaxes á prosa poética, pasando pola literatura xuvenil, e sempre cun fondo compromiso social e cunha vontade por manter o pulso do país. Até que punto iso non o converte nun escritor incómodo para o poder e non lle fechou a porta a un maior recoñecemento da súa obra por parte da oficialidade?
– LD: É unha obra abondosa, con bastante produción, un esforzo que se ve lendo por etapas o que fun construíndo. O compromiso vén desde o momento en que descubrín que era galego en Madrid, que tiña unha cultura e un idioma e que iso estaba reprimido. A primeira batalla foi cos propios madrileños cando estudaba topografía, cos compañeiros da clase que se burlaban do noso acento. No colexio de topógrafos eran militares boa parte dos profesores por ser eles os responsábeis da topografía oficial do Estado. Sobre un plano a escala 1:50.000 debatíamos os posíbeis erros que tería e sobre el fíxenlles ver as incorreccións cometidas nos que correspondían a Galiza por deformar os topónimos. Cando aínda hoxe se segue defendendo aquí a españolización dos topónimos, xa a finais dos anos sesenta aceptaban os militares a súa barbaridade, outro exemplo de como incide nunha persoa o feito de non poder ser ela; porque eu non podo ser eu sen ser galego. Que conflito hai en aceptalo? Un escritor non está fóra da sociedade, non anda nas nubes, está nun lugar concreto e iso vai diferenciar o seu traballo. Eu o que fago sáeme con toda naturalidade. Cando escribo, sei que iso vai chegar só a un número de xente, se chega. O conflito hoxe, xa con anos de moita batalla, é o silencio. Somos incómodos porque afondamos na vida de cada un, no que sente, no que expresa e no que quere. Se un non se somete ao poder ou se o contradí, resulta incómodo, como o é a muller que loita polos seus dereitos e que axiña silencian e combaten. Eu fun incómodo expresándome política ou socialmente, evidentemente, e nesa batalla fun vítima. Hai tres libros meus que sería interesante reeditar, penso, porque axiña desapareceron. Chegaron a un sector, ponlle 1.000 ou 2.000 persoas daquela, entre 1992 e 1997, e aí morreron e parécenme importantes na medida en que son voz da nación, historia dunha época a través duns personaxes que a conforman. (…)”