María Canosa gaña o V Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

Desde Galaxia:
“O 29 de decembro, no Concello da Pobra do Caramiñal, o xurado do V Premio de Literatura Carlos Mosteiro, composto por Encarna Pego, profesora, Xosé Antonio Neira Cruz, escritor, gañador da anterior edición, e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia; decidiu por maioría outorgar o premio a obra presentada baixo o título de Teño un volcán dentro, que, unha vez aberta a plica, resultou da autoría de María Canosa Blanco, autora de recoñecida e longa traxectoria na LIX galega e gañadora de numerosos premios.
O xurado valora desta obra o orixinal tratamento, nada maniqueo, dun protagonista con Asperger, e a súa relación coa súa irmá, así como co seu entorno familiar e educativo. Das dificultades de integración e adaptación a todo ese mundo novo polo que comeza a camiñar. (…)”

Pontevedra: Culturgal 2022, do 24 ao 27 de novembro

O Couto (Ponteceso): Festiletras 2022, 3 e 4 de setembro

A Coruña: actividades do 5 de agosto na Feira do Libro 2022

A Coruña: actividades do 4 de agosto na Feira do Libro 2022

O compromiso coa transmisión da lingua protagoniza a entrega dos Premios Rosalía de Castro da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O acto de entrega dos Premios Rosalía de Castro, que tivo lugar na Casa Museo de Rosalía de Castro, estivo encabezado pola deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, e polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, serviu ademais para celebrar, en palabras da deputada, “o compromiso forte co galego”. Así, a premiada na categoría de persoas, a escritora María Canosa enxalzou a transmisión da lingua nai que ela recibiu por parte da súa familia e que agora ela transmite ás súas fillas. O presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, premiada na categoría entidades, fixo un repaso polos máis de corenta anos de actividade da Asociación e que acaba de acadar o medio milleiro de autoras e autores asociados. Por último, Irimia Fernández, creadora dos xogos infantís Brazolinda, proxecto premiado na categoría dedicada a promoción da lingua entre a poboación de menor idade, incidiu na importancia de contar con recursos na lingua propia en todas as facetas da vida e desde idades temperás, e nomeadamente a través dos xogos e o lecer.
O acto rematou coa música de Adhara & Ritman, que mesturan o folk galego con outros estilos puros de raíz, coma o blues, o reggae, ou swing, o mesmo en letras propias que en adaptacións da lírica popular do país.
Convén lembrar que o xurado nesta edición estivo conformado por María Muíño, deputada de políticas de igualdade e normalización lingüística da Deputación; Alexandre Marín, técnico de normalización lingüística do Concello de Culleredo; e os representantes de dous dos gañadores do certame en 2021, Carmen Denébola Álvarez, presidenta da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, e Carlos García, de Twitter en galego. Como secretaria actuou Dores Sánchez, técnica de normalización lingüística da institución provincial.”

A AELG gaña o XIII Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña

A escritora María Canosa, na categoría de persoas; a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), na categoría de entidades; e o proxecto Brazolinda, para iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade, son as tres gañadoras dos XIII Premios Rosalía de Castro de Lingua que convoca a Deputación da Coruña. O certame quere recoñecer cada ano a labor na promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico de Galiza, tanto no ámbito da provincia como a nivel galego.

O xurado formárono María Muíño, deputada de Igualdade e Normalización Lingüística da Deputación; Alexandre Marín, técnico de normalización lingüística do Concello de Culleredo; e os representantes de dous dos gañadores do certame en 2021, Carmen Denébola Álvarez, presidenta da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, e Carlos Vieito, de Twitter en galego. María Muíño presidiu o xurado, no que actuou como secretaria Dores Sánchez, técnica de Normalización Lingüística da institución provincial.

Á hora de outogarlle o galardón a María Canosa, o xurado valorou o “seu compromiso firme coa lingua galega e longa traxectoria, que se reflicte nos premios recibidos e no recoñecemento e impacto social en múltiples ámbitos: escritora, divulgadora etc.”. Da AELG salientou “a súa longa traxectoria, con máis de corenta anos, de compromiso co sector literario galego nos seus diferentes xéneros (poesía, teatro, narrativa, ensaio, escrita científica, traducións… ), fomentando o uso e a defensa pública da lingua”. E do proxecto Brazolinda, “non só ter como persoas destinatarias a infancia e o impulso das relacións interxeracionais en lingua galega, senón o fomento da normalización lingüística nos xogos de mesa, un espazo no que o galego non ten moita presenza ata o momento”.

Desde a AELG agradecemos enormemente este recoñecemento, froito do traballo colectivo das escritoras e escritores da nosa literatura, e que nos dá folgos para continuar avanzando na posta en valor do labor das creadoras e creadores como parte activa da sociedade galega.

Gañadoras/es da sétima edición dos Premios Follas Novas do Libro Galego

As gañadoras dos premios Follas Novas 2022 déronse a coñecer na gala celebrada o 7 de maio no Teatro Principal de Compostela, unha celebración que, despois de dous anos, recuperou o seu carácter presencial, mais continuou sendo emitida dixitalmente desde Youtube. Os premios están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Contan co apoio da Deputación da Coruña, Concello de Santiago, CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) e Xunta de Galicia.
Os corenta e cinco finalistas desta edición dos premios Follas Novas foron o resultado dun proceso que se ampliou neste ano a catro fases, e que supón unha valoración completa de toda a produción editorial galega. O proceso consistiu nunha primeira escolla con propostas das tres entidades organizadoras, que supuxo a selección de máis dun centenar de títulos entre os públicados ao longo de 2021. Dese conxunto de obras, o xurado desta edición fixo unha primeira escolma da que resultaron un total de noventa obras candidatas aos premios. Na terceira fase de selección, o xurado seleccionou tres obras finalistas por cada categoría. O proceso tivo o seu cumio na Gala, co anuncio das obras, iniciativas e profesionais gañadoras. a súa emisión dixital, como se fixo nas edicións anteriores.
A gala dos premios foi presentada por AldaoLado coa súa mestura de poesía, humor e música. Tamén formou parte da festa literaria o trío pontevedrés Peña, gañadores da última edición do premio Narf que organiza a Deputación da Coruña.
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, falando no nome das tres asociacións organizadoras, realizou o discurso institucional aludindo á situación actual do mundo e á necesidade de lembrar que o “sistema literario galego ten unha fráxil saúde” e precisa que se poña en marcha de vez o plan lector e que as administracións “teñan empatía co sector e as súas necesidades”, unha petición que tamén lle fixo a cada persoa lectora do país.
O xurado deste ano estivo formado por Inma López Silva, Miriam Ferradáns, Pilar Sampedro, Esther Gómez, Ramón Nicolás, Charo Portela e Susana Sanches Arins.

Premios honoríficos
Cada unha das tres asociacións organizadoras dos premios entregou na Gala dos Follas Novas os seus premios de honra anuais. Os premios desta edición foron para Xesús Alonso Montero, Mercedes Corbillón e Ana Luísa Amaral.
Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), é o Premio Honorífico da Edición da Asociación Galega de Editoras como filólogo, crítico literario, escritor, poeta, sociolingüísta e profesor emérito da Universidade de Santiago de Compostela. A AGE considera que Xesús Alonso Montero é unha figura fundamental na resistencia do libro galego durante a “longa noite de pedra” do franquismo e un incansable impulsor do seu novo rexurdimento trala chegada das liberdades.
Mercedes Corbillón, responsable da Librería Cronopios, é a distinguida co premio que anualmente escolle a Federación de Librarías de Galicia. Segundo Ramón Domínguez, a escolla de Mercedes Corbillón como premiada debeuse a que “representa todo o que debe ser unha librería na actualidade tanto por actividades como pola interrelacións que consegue entre quen escribe e quen le”.
A AELG designa todos os anos un/ha escritor/a galego/a universal. Este ano, a designación correspondeu a Ana Luísa Amaral (Lisboa, 1956), poeta e profesora na Universidade do Porto, con áreas de estudo son as poéticas comparadas, feminismo e estudos queer. Segundo a poeta Marta Dacosta, “Amaral é a poeta que contraría a tradición, a que reinterpreta e volve falar dos mitos, das personaxes, das figuras prototípicas. Contraría e ironiza”.

Listaxe de gañadoras

Ensaio e Investigación
Um país a la gallega. Galiza no No-Do franquista, de Beatriz Busto Miramontes (Através Editora).

Divulgación
H2… Oh!!! Pingas científicas, de María Canosa (Editorial Galaxia)

Narrativa
O cervo e a sombra, de Diego Ameixeiras (Edicións Xerais de Galicia)

Infantil
Neko, de Eva Mejuto (ilustrado por Bea Gregores) (Oqueleo)

Xuvenil
santoamaro, de Antonio Manuel Fraga (Edicións Xerais de Galicia)

Libro ilustrado
A Coruña, por David Pintor (Kalandraka Editora)

Banda Deseñada
Aldara. A lenda do cervo branco, de Inés Vázquez (Demo Editorial)

Iniciativa Bibliográfica
Colección Chave Mestra, VV. AA. (aCentral Folque)

Obra traducida
Canto eu e a montaña baila, de Irene Solá. Tradución de María Alonso Seisdedos (Kalandraka Editora)

Poesía
O que fica fóra, de Manuel Rivas (Apiario)

Teatro
As desterradas, de Carme Varela (Edicións Xerais de Galicia / Xunta de Galicia)

Libro mellor editado
O que fica fóra, de Manuel Rivas (Apiario)

Premios a traxectorias

Iniciativa fomento da lectura
Poetas Di(n)versos, por Yolanda Castaño

Proxecto literario en rede
– O Arquivo das Trasnas (Instagram), VV. AA.

Xornalismo Cultural
Belén Regueira