O martes 28 de febreiro o dramaturgo, actor e director, Premio Nacional de Literatura Dramática, Manuel Lourenzo Pérez recibirá a distinción de Cunqueiriano de Honra de 2023. Será no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo ás 12:00 h., onde estará acompañado por autoridades locais e autonómicas. Converterase, así, no sétimo homenaxeado dende que se instituíu este galardón.
O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro promoven a distinción de Cunqueiriano de Honra co fin de recoñecer o labor daqueles persoeiros que se teñen significado na visibilización e proxección da figura do escritor mindoniense.
Neste 2023 unha comisión designada ao efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, organizadores do evento, decidiu premiar a longa e vizosa traxectoria como cunqueiriólogo do dramaturgo Manuel Lourenzo.
A comisión que o elixiu estivo formada por César Cunqueiro (fillo do escritor), César Antonio Molina (Cunqueiriano de Honra do ano anterior), Alberto García Fernández (Concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías), Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo), Abel Vigo García (Técnico de Cultura municipal), Miguel González Somovilla (xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro) e Armando Requeixo (Coordinador de Actividades e Publicacións da CMAC). En representación desta comisión, e en nome das entidades organizadoras, será Abel Vigo quen pronuncie a laudatio do homenaxeado. (…)
Arquivo da categoría: Premios e concursos (outros)
Arantza Portabales recibe o Premio de novela europea traducida na sección de lingua galega
Desde Nós Diario:
“A escritora Arantza Portabales recibiu esta segunda feira no Casino de Santiago de Compostela o Premio novela europea traducida a outra lingua, na modalidade de lingua galega, polo seu libro Deixe a súa mensaxe despois do sinal, publicado pola Editorial Galaxia no ano 2017. Este libro de Portabales foi traducido ao español, ao italiano, ao hebreo e ao alemán, e foi levada ao teatro pola compañía Tanttaka Teatroa de Euskal Herria.
No evento que decorreu no Casino de Santiago tamén se realizou unha homenaxe póstuma a Almudena Grandes, gañadora da modalidade do premio noutra lingua oficial do Estado español.
O acto de entrega dos premios culminou unha semana de difusión da novela europea traducida nos comercios composteláns.”
Manuel Rivas recibe a Medalla de Ouro ao mérito en Belas Artes
Desde Nós Diario:
“O Consello de Ministras e Ministros aprobou esta terza feira a concesión dun total de 33 Medallas de Ouro ao Mérito nas Belas Artes correspondentes ao ano 2022, entre cuxos galardoados se inclúe o escritor galego Manuel Rivas.
Ademais, foron galardoadas a escritora Rosa Montero, o músico Santiago Auserón, o actor Javier Cámara, o pintor Augusto Ferrer-Dalmau, a cantante Concha Buika, o produtor musical Jesús López ou a cociñeira María José San Román. (…)”
Coñécense as persoas gañadoras do IV Premio Daniel Domínguez de guión en galego 2022-2023
Boiro: XVI Gala dos Premios Barbantia da Cultura
Fernando Castro Paredes, Ana Carreira, Eva Mejuto e José Luis Baños de Cos gañan os premios de literatura dramática da Xunta
O que é o raio, nin maldita idea foi a obra seleccionada no V Festival Pezas dun Teatro do Porvir para a súa estrea nalgún dos espazos teatrais da Coruña en 2023

No marco da VII Xornada da Sección de Literatura Dramática. Os retos das artes escénicas en tempos difíciles, organizada pola Sección de Literatura Dramática da AELG, co apoio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a complicidade do Centro Cultural Português Camões de Vigo, tivo lugar o V Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal, que intentou servir como viveiro e estímulo para as creadoras e creadores que, nestes momentos, estivesen a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os palcos. Nesta quinta edición do festival acolléronse 7 proxectos (galegos e portugueses), que foron amosados e compartidos en público.
Desa selección, logo das presentacións no V Festival, Afonso Becerra de Becerreá, por parte da AELG, xunto a Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e Célia Guido Mendes, directora do Centro Cultural Português Camões de Vigo, premiaron un proxecto coa posibilidade da súa estrea nalgún dos espazos teatrais da Coruña. A peza escollida foi O que é o raio, nin maldita idea, de Souvenir (David R. Alonso e María de las Llanderas). Ao tempo, manifestaron a súa alta valoración de todas as propostas chegadas, tanto galegas como portuguesas.
Pontevedra: Culturgal 2022, do 24 ao 27 de novembro
María Rei Vilas gaña o Premio Literario San Clemente Rosalía-Abanca
Desde Galaxia:
“María Rei Vilas gaña o Premio Literario San Clemente Rosalía-Abanca, na categoría literatura galega, pola súa obra Flores de ferro, Premio García Barros 2020.
O xurado do galardón impulsado desde o IES Rosalía de Castro de Santiago estivo formado por alumnado dunha decena de centros. Este ano, para seleccionar ás gañadoras e gañadores, ademais do instituto anfitrión, participaron, votando a súa obra favorita, o alumnado dos centros IES Pontepedriña, da capital galega; así como o Xulián Magariños (Negreiros), o Vilar Ponte (Lugo), o IES Pintor Colmeiro (Silleda), e o Ferro Couselo (Ourense).
Os membros do xurado destacaron que a obra gañadora contén unha trama “moi complexa”, que se desenvolve en “dous espazos temporais”, poñendo en valor o papel fundamental das mulleres. A novela de María Rei Vilas caracterízase por ser un retrato de mulleres loitadoras, no contexto da Guerra Civil.
Cun destacado protagonismo feminino, este libro, publicado na colección Literaria de Editorial Galaxia, conta a historia de Camila. Unha muller que leva décadas vivindo unha mentira baixo a complicidade dos que a rodean. A protagonista, deberá reunir o valor para enfrontarse á verdade, neste relato onde que a intriga asolaga tanto o persoal coma o colectivo. (…)”
Fisterra, da autoría de Saúl Aguado de Aza, composta sobre o poema homónimo de Manuel María, canción gañadora do I Concurso Manuel María de Composicións Musicais
Desde a Fundación Manuel María:
“Fisterra, da autoría de Saúl Aguado de Aza, composta sobre o poema homónimo de Manuel María, foi a canción lírica, para voz e piano, que resultou gañadora da primeira edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais celebrada nunha gala-concerto, na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. O autor que levou un premio de mil euros en metálico, verá a súa composición editada xunto as obras das outras finalistas nunha publicación que será distribuída gratuitamente por todos os conservatorios de música de Galiza.
A gala-concerto encadrouse ao redor do aniversario de Manuel María, o 6 de outubro, e contou coa presenza do barítono Gabriel Alonso e o pianista Aurelio Viribay que interpretaron nunha primeira parte as cancións finalistas Orballo de Teo Montero, A lúa de Saúl Aguado, Rosas de Teresa Bretal e Fisterra de Saúl Aguado. E nunha segunda parte presentaron en concerto o seu traballo No Camiño -dous séculos de canción galega-.”



















