“Achegamento a ese desequilibrio necesario nun tempo de tigres e cabalos”, por Rosa Enríquez

Artigo de Rosa Enríquez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“A contemplación e vivencia da fláccida realidade, esa observación atenta do que sucede. Tamén a maneira de experimentar a pesadez das horas, sentir o seu transcurso ata o delirio mentres un manto invisíbel envolve as cousas mínimas: a simplicidade dunha flor calquera, dun insecto, dun corpo espido… A importancia do desexo e da entrega. A negación ante o devandito espasmo das horas a abrirse paso. A deconstrución da idea que se acepta porque si. Sen máis xustificación que a propia recorrencia que parece conferirlle un pouso de verdade, como iso de ver algo limpo no amor e pensalo sempre inocente. A pregunta. As preguntas. Todo ese ronsel de cuestións que nos coloca en lugares difíciles, porque introducir a dúbida pode provocar un descenso en picado e non nos gusta nada iso de darnos un golpe duro e desfacer o que somos, ou pensabamos ser, en anacos. Entendo que caer así é un xeito de morrer. Hai que ser moi forte para saber abandonarse. O máis fácil é resistirse ao golpe. Evitalo. Como deixarse ir sen perderse?. Velaquí a cuestión. Para Xela Arias esa caída en picado era algo necesario. Non quixo permanecer varada e interpretarse incapaz de renovación. Sabía da flaccidez da realidade e aceptaba estar en guerra. Tigres coma cabalos é un reflexo desa tensión interna que non desexaba evitar. Amosar o seu corpo espido ante unha comunidade lectora máis afeita á poesía da paisaxe ao xeito dos románticos ingleses, por exemplo, foi a maneira que atopou de expresar o seu bramido e provocar a explosión. Quería escribir algo diferente, textos que non se limitasen a unha creación vicaria, dacabalo da literatura exterior malia alimentarse dela. Podemos respirar a frescura nos seus poemas, algo que non pasou desapercibido polas lectoras, que, pouco tempo despois, iniciarían a súa andaina literaria. O escrito por Xela, do mesmo xeito que o traballo de Lois Pereiro ou Chus Pato, constitúen un legado importante para toda a xeración dos 90 que nos deixou eses textos revitalizantes, vigorosos e rompedores que tanto compraceron ás máis audaces lectoras un pouco cansas do academicismo culturalista da xeración anterior. Xela Arias envolveu entón un contido potente nun continente atractivo, porque si se pode tratar asuntos “serios” cun enfoque absolutamente moderno sen renunciar a intensidade expresiva, que, ao meu ver, devén maior. Máis demoledora. Esa singularidade de Arias, que conseguiu mediante a desvirtuación da sintaxe e un xogo lingüístico estilizado, atrapa. Denuncia do equilibrio (1986) dá boa conta disto con versos sorprendentes, que, alonxados de calquera manierismo ou afectación, transmiten a súa visión da soidade, do amor ou do propio tempo, sen que teñamos a sensación de que “chove sobre mollado” ao lelos. Iso de que posuía, por exemplo, un “corazón de auga derretida desbordando/ vasos e piscinas” e a sensación de asfixia, porque “se non che falo non collo no cuadrilátero da habitación”, ou aquela rotundidade de que “só ningures país da decapitación non ten leis/ para amarrarte”, revelan esa visión do amor como algo que se derrama por todas partes, que nos lembra tamén a nosa condición humana, profundamente fráxil, por efémera, malia toda a ardentía que tal sentimento suscita… Talvez por iso introduciu ese famoso verso de Rimbaud – “apprécions sans vertige l’étendu de mon innocence”-, que ela mesma traduciu ao galego con algunha variación na persoa do verbo -“aprecio sen vértigo a extensión da miña inocencia”- para dar conta desa vivencia apaixoada, tantas veces voraz, que nos permite vivir coma quen anda suspendida polo aire e camiña delicadamente, subida a unha estrada invisíbel polo baixo da que se pode observar o conxunto do real como algo alleo. Esa sensación de alienación á que nos deixamos inducir pola efervescencia amorosa, dado o desexo que interpretamos irrenunciábel, é algo que Arias nos describiu, divertida, coma unha tempada no inferno -clara alusión, unha vez máis, a Une saison en enfer, 1873, de Rimbaud- metida entre as súas pernas: “ti espiába-la miña falda e eu/ nela escondía unha tempada no inferno”. (…)”

A Sega reivindica no Día das Galegas nas Letras a figura imprescindíbel de Xela Arias

Desde Sermos Galiza:
“(…) É ben significativo que, como explica Eli Ríos, a Real Academia Galega só teña recoñecido o valor literario e cultural de catro mulleres ao longo da súa centenaria historia cando a Plataforma de Crítica Literaria A Sega xa leva seis edicións do seu Día das Galegas nas Letras. “É a constatación”, sostén, “de que a realidade vai moi por diante do que o fan as institucións”.
O 15 de agosto, no parque do Castro de Vigo, Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003), é a protagonista. Cun roteiro “imaxinario (ou non)” pola súa vida, guiado por Susana Arins, e a lectura dun manifesto sobre as razóns de lle dedicar esta xornada e de celebrar, ao tempo, unha iniciativa destas características, decorreu a mañá da homenaxe, que rematou coa sesión vermú de Dúas Gamberras e un Micro e cun xantar popular no que se deron cita ducias de persoas atraídas pola personalidade e a traxectoria incomparábel da poeta, tradutora e editora luguesa.
A celebración non para aí. A actuación das Pandereteiras de Verducido, a poesía de Cristal Méndez Queizán, as regueifas de Alba María e Queco, a intervención de Silvia Penas e a música de Laura LaMontagne e Mai, así como un obradoiro de camisolas a cargo de Nuria Vil, completan unha xornada reivindicativa que pretende pór no lugar que lle corresponde non só Xela Arias, senón todas as mulleres “esquecidas polas institucións culturais do país”, sinalan desde A Sega.
Emma Pedreira destaca de Xela Arias o seu carácter transgresor e a súa achega “impagábel” aos eidos da poesía e da tradución. “Vémonos na obriga de facer o que non fan as institucións, nas que a presenza feminina é testemuñal ou, mellor dito, ridícula”. E non é unha cuestión de méritos. “Soou como candidata para o Día das Letras da RAG”, apunta, “e a nós parecíanos xenial, mais iso non ía impedir organizar este acto”. “Estamos felices”, prosegue, “de poder levalo adiante e de ver que as redes sociais están envorcadas e que moita xente, sobre todo moita xente nova, estea descubríndoa. Para nós, isto revela que a súa obra segue a ser actual e un reclamo para moitas persoas”.
“Móvennos as ganas de celebrar os nosos referentes”, sostén Eli Ríos, “tanto para as escritores de hoxe como para as que están por vir, obrigadas a construír o mundo desde a nada, invisibilizadas como estiveron e estamos en calquera eido, o cultural incluído”, manifesta. “Xela foi poeta, tradutora, editora… E viviu sempre nas marxes. É hora de cambiar moitas dinámicas, non só institucionais, senón tamén na sociedade. Xa abonda!”, láiase.
Para María Reimóndez é fundamental sacar do esquecemento e do ostracismo autoras chave na literatura galega cunha “traxectoria moito máis relevante” que outros escritores que si obtiveron tal recoñecemento institucional e cunha menor capacidade de incidir na súa e posteriores xeracións. “Debemos pór o foco na falta de apoio desas institucións e reinvindicar a urxencia de saír do silencio”, engade. Nesa liña, lamenta que ese escaso apoio teña ademais repercusión no coñecemento e difusión da obra de Xela Arias. “O seu labor no campo de tradución segue sen ser estudado malia dimensión que ten”, critica.”

Vigo: VI Día das Galegas nas Letras, en homenaxe a Xela Arias, o 15 de agosto

“Pilar Pallarés, radical intimismo”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Apenas en cinco libros Pilar Pallarés construíu unha das xeografías máis singulares da poesía galega actual. Radical, arrasada, indagadora, intimista e aberta ao outro, obra e autora son obxecto das honras da AELG como Escritora na súa Terra. Eis un extracto da reportaxe, publicada no número 352 do semanario en papel Sermos Galiza.
“Un espasmo de luz incendia o bosque”, remata o primeiro poema de Leopardo son (Espiral Maior, 2011). Espasmos de luz no corazón do bosque da poesía galega contemporánea, eis unha definición posíbel da obra de Pilar Pallarés (Culleredo, 1957), cuxos cinco libros delimitan un singular e celebrado territorio lírico. Intimismo radical, desposesión, arrasamento, o que o profesor Arturo Casas denomina, con eco a Deleuze, devir animal. A súa escrita é unha indagación brutal no eu e no desexo, na destrución e na intensidade, que comeza na década dos 80 e agora homenaxean as súas colegas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
“Na xeración dos 80 non hai moitas voces femininas”, describe a crítica Teresa Seara para este semanario, “a súa vivencia tan radical do intimismo distínguea. Os homes escriben sobre o erotismo, pero dun xeito completamente diferente”. Ningún como Livro das devoracións (Espiral Maior, 1999), desde logo, peza maior do seu traballo e páxinas de enorme potencia imaxinista: “a beleza dos corpos ten ángulos que doen // corazón: fica imóbil”. A profesora Kathleen March sinalou no seu día a “sorprendente complexidade dos seus referentes” e un campo de batalla “entre Eros e Thanatos, liberdade e opresión, sensualidade e soidade, lingua e silencio”.
Arturo Casas lembra que, na Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000 (Tris Tram) coordinada por el mesmo en 2003, foi “o cuarto libro de poemas máis considerado polas especialistas que participaron, case un centenar”. Por diante, só títulos de Cunqueiro e Ferrín. Sétima soidade antes das devoracións, Pallarés, que descubrira a lingua e a conciencia da mesma grazas a Moncho Valcarce, publicara o iniciático pero aínda á procura Entre lusco e fusco (Do Castro, 1980) e mais Sétima soidade (Sociedade de Cultura Valle‑Inclán, 1984), co que consagrou a súa voz.
“Naquel tempo falouse de neorromanticismo, leuse noutra chave”, relata a Sermos a profesora e crítica María Xesús Nogueira, “pero ese intimismo tan singular xa estaba aí, como estaba esa tensión do discurso, do verso, e ese mundo animal que creou”. E que Nogueira relaciona con coetáneas como Xela Arias. Foi a época en que Pallarés era a única poeta da súa promoción con certo relevo público. E a única muller do grupo De amor e desamor e da escolma Desde a palabra, doce voces. Nova poesía galega (Sotelo Blanco, 1986), preparada por Luciano Rodríguez con evidente vontade canonizadora.”

Manifesto Nosa Señora das Letras 2019

Escachar a palabra

Apoiada no espello, unha treboada. Ninguén é capaz de contela, nin sequera o texto. O universo enteiro ábrese no seu puño contido. Desafíanos e desacóuganos porque sabe que as imaxes que nos contaron non son certas.
Ela, a treboada apoiada no permanente espello, pariu o fillo do que ninguén nos falara. Fíxose corpo. Deunos voz. Perseguiunos coa súa forza, intemperiadas, ata un infinito que chegou demasiado axiña. Arrasou os marcos, desbotou as imaxes para quedar coas palabras.
E a palabra permanece. Permanecen os seus anacos que non buscan recompoñernos, senón escacharnos por dentro. Transgredir e transcender. Cada palabra escrita co sangue da vida. Na poesía, na tradución, na edición. Abrindo dun lado e doutro un cento de espellos nunha imaxe súa que quixeron presentarnos solitaria, mais que agora é nosa para multiplicala, porque nela nos recoñecemos.
Non é tempo de pararse a mirar. Nun mundo do que sempre se sentiu parte activa, dende o coidado e a ollada atenta, sensible á imaxe que fixeron dela, rebelde contra a estampa sexualizada do gusto de señores que dan títulos de poeta nova, ela fendeu o espello, desbotou as estampas, construíu a diario. Retorceu as palabras, escachounas. E no seu xesto inconmensurable aliméntanos cos anacos para converternos nós tamén en escachadoras, para espallar a súa rebeldía e talento incomparable, como espallamos a partir de hoxe o seu nome que tamén é noso: Xela Arias.”

Chus Nogueira: “A poesía non debe, segundo Xela Arias, ser condescendente nin reflectir falsos equilibrios ou visións edulcoradas da realidade”

Entrevista de Montse Dopico a Chus Nogueira en Praza:
“(…) – Praza (P): Tras salientar a dimensión “pública e comprometida” do traballo de Xela Arias como poeta, escribes que “algunhas das súas palabras a respecto da necesidade de procurar novos espazos para a poesía lembran consignas repetidas polas escritoras e escritores que comezaron a publicar a comezos dos 90”. Por que dis isto?
– Chus Nogueira (CN): Estas prácticas desenvolvidas no espazo público, que coñeceron manifestacións diversas como o recital, a exposición de fotografía e poemas ou o espectáculo poético musical (estaba a preparar un, con Fernando Abreu, sobre Intempériome) anticipan e converxen con actitudes moi estendidas nos anos 90 que se resumían ben naquela consigna de “sacar a poesía da súa torre de marfil” para levala a outros espazos menos “sacralizados”. Neste sentido Xela Arias constituíu, ao meu entender, un modelo para novas escritoras e escritores.
– P: A autora desbotou a publicación de Lilí sen pistolas ou Maldito lindo, e na vosa edición optastes por respectar as súas decisións. Polo demais, como foi o proceso de busca de todos os materiais que precisabades para facer unha edición completa? (No limiar do propio libro hai algúns agradecementos que teñen relación, supoño, con isto).
– CN: O feito de deixar fóra aqueles libros que a autora non quixo publicar no seu momento obedece, como dis, ao desexo de respectar a súa vontade. Tal determinación vese meu entender avalada polo feito de ser Xela Arias boa coñecedora do mundo editorial e unha escritora moi consciente en todo momento das súas decisións.
O proceso de procura dos materiais dispersos é debedor da axuda de moitas mans, algunhas delas recoñecidas nos agradecementos. De todas elas é de xustiza recordar a de Valentín Arias, pai da escritora e custodio dunha importante parte do seu material disperso e tamén da súa memoria. A el dedico, por telo soñado, o libro, concibido antes como unha obra reunida que completa.
A “Poesía dispersa”, sobre todo aquela publicada con anterioridade a aparición de Denuncia do equilibrio (1986), achéganos unha produción iniciática apenas coñecida na que é posíbel identificar xa trazos como a vontade de elaborar un imaxinario singular, a querenza polos escenarios urbanos ou a tensión da linguaxe.
– P: “A distancia existente entre o primeiro libro de Xela Arias” (Denuncia do equilibrio) “e a estética dominante -e canonizada- nos anos 80 suscitou unha certa incomodidade á hora de situar a escritora nas coordenadas poéticas da década”, escribes. Por que?
– CN: A incomodidade ten moito que ver coa tendencia a articular a poesía galega máis recente en décadas, así como coa identificación reducionista da “poesía dos oitenta” coa súa liña dominante na que Xela Arias, que comezou a publicar a comezos en 1982 e deu ao prelo Denuncia do equilibrio en 1986, tiña difícil encaixe. Un dos trazos máis característicos desa estética como é o culturalismo ten un peso moi escaso na obra da escritora.
Tampouco se aprecian na súa poesía tematizacións decadentistas do paso do tempo, barroquismos formais, nin o preciosismo verbal co que tantas veces se asociou coa poesía dos oitenta. É precisamente na elaboración do discurso, orientado cara á innovación polos camiños da distorsión sintáctica e o neoloxismo, onde radica ao meu ver a principal distancia a respecto dos poetas da xeración na que debera integrarse de maneira natural. (…)”