A Coruña: actividades do 6 de agosto na Feira do Libro 2022

“O corpo diplomático da maternidade”

Artigo de Santiago Jaureguízar en El Progreso:
“(…) Para elaborar unha entrevista non necesitas un cuestionario, senón concretar a primeira pregunta. Desde que a formulas soamente tes que escoitar ao entrevistado. A miña pregunta foi:
— Santiago Jaureguízar (SJ): Entre a primeira versión e a segunda lograches superar o medo a contar esta historia tan dura?
Berta Dávila (BD): Non era medo a contala. Tiña a vontade de contar esta historia desde esta narradora. Quería facelo doutra maneira que se correspondía coa intención e non co desexo que eu tiña. Planifico moito os libros, despois recupero as notas, e ordeno e reescribo todo. Rematei esa versión por disciplina, sabendo que non funcionaba, e pasei a outra etapa, con sensación de loito por un libro falido. Xa abandonara outros; pero con este tiña a idea de que quería facelo, doutra maneira.
A personaxe da novela tivera un fillo con Miguel e quedou embarazada estando con Carlos como parella. Coñezo escasamente a vida de Berta Dávila e, con honestidade, carezo de interese en indagar nela. Eu atopo coincidencias de nomes, lugares e aconteceres. Dime:
— BD: Confío en que os lectores saiban trascender esa identificación. A novela recolle unha maneira de sentir os vínculos e os afectos.
A autora conta no seu texto que escribira unha primeira versión, titulada As flores trímeras e trataba “sobre as tres idades” humanas. “Era máis amable para o lector e para min”. Nesta segunda versión, Os seres queridos hai tamén tres mulleres: a avoa María coma nai carente de capacidade para optar a respecto de ser nai, a protagonista como individualidade e a protagonista como persoa que decide non ser nai novamente.
— BD: Hai unha liña clara entre a muller e a nai. Mellor, entre individuo e nai. A idea era falar dese cambio identitario, non da natalidade ou da conciliación, senón do estrano de ser diferente a que entra nun construto social de nai e deixar de ser individuo. Debe recoñecerse con ese construto. Despois de parir, eu non estaba interesada en que outras nais me falasen da alimentación dos nenos, nin dos obxectos de puericultura, nin dos cursos de natación para bebés, senón de como perdoaran aos seus fillos por descompoñer a muller que xa non eran.
A novela atende aos sentimentos e ás decisións que vai tomando a protagonista. A avoa, os pais e as parellas semellan transeúntes que contemplan o seu drama.
— BD: Ela sente a escisión como desaparición. Ese cambio faille preguntarse polas relacións de dependencia a respecto da avoa, e dos pais, que son figurantes. As parellas, Miguel e Carlos, están a un lado. Ela cuestiónase quen é a avoa, quen é esa muller? Decátase cando desaparece.
A protagonista compárase coa avoa María, que tivo varios fillos con naturalidade e resignación porque non puido reflexionar sobre se a súa vontade se correspondía coa maternidade. Esa mesma naturalidade aplícaa tras a desgraza dunha filla. “Co paso do tempo a súa tristeza tornou cada vez máis profunda e cada vez máis calada. É así como a miña avoa entende que debe dignificar o seu pesar”.
Ao tempo, a narradora cala diante da avoa que está embarazada porque se compara con ela e teme o seu reproche.
— BD: Eu non podo falar sobre o que sente a avoa. A avoa non fala, a personaxe é quen conta a avoa. Os outros personaxes eran máis importantes na primeira versión da novela.
Berta Dávila parece agora máis estable a respecto da maternidade, pero non sabe se o tema vai ter continuidade nas súas novelas.
— BD: Para min este libro é un fin de ciclo. Apetéceme escribir sobre outras cousas. O tema da estivo aí e parecía que nunca chegaba. Non sabía como enfocalo. Hai temas que estám no debate social, polo que, ao tratalos, corres o risco de ser un discurso xa construído. En temas tan marcados todo está condicionado por iso, é difícil levalos. (…)”

Berta Dávila: “Os amores máis fondos son ambiguos sempre”

Entrevista de Ana Abelenda a Berta Dávila en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Os seres queridos é un trago breve que non sabes moi ben como te deixa. Cadaquén conclúe a novela como quere?
– Berta Dávila (BD): Si. Habitualmente as lecturas dos outros son sempre soberanas, non? O importante, no fondo, é que a novela signifique algo para alguén. É un libro escrito desde a vontade de espir o estilo, un libro nu que cada lector recolle no lugar onde o quere recoller.
– LVG: Ispe o estilo e o vínculo da nai co fillo; o escuro vínculo da muller cos seres queridos.
– BD: Cos seres queridos e cos non queridos. Este é un libro sobre a elección, sobre a escolla de non ser nai por segunda vez.
– LVG: A miña eu convencional ve difícil entender como unha «boa nai», comprendida como esa que non edulcora o vínculo co fillo, e á que lle custou ser nai, elixe non selo cando a vida a sorprende coas dúas raias no predictor.
– BD: O que ela constrúe co fillo é iso, un amor construído. Non é un amor instantáneo nin imantado, non é un amor vocacional. Todos os amores que son fondos son ambiguos sempre, porque teñen esa parte de luz e esa parte de sombra. Quen foi nai sabe o que significa selo. Para min isto é relevante: a elección dun afecto é tamén o afecto máis sincero.
– LVG: Mais na elección dese afecto intervén todo un sistema perverso. A primeira achega deslumbrante de Os seres queridos é esa estrañeza da nai cando nace o fillo. Cando el nace, a que ela era ata o momento desaparece de súpeto, pasa a ser «a nai».
– BD: A novela a onde pretende apuntar é a ese cambio identitario, a ese pasar a ser outra cousa distinta dun momento a outro. Parece unha cousa natural; de feito, todos os días as persoas teñen fillos!, pero hai sempre un punto de estrañeza…
– LVG: Dá pudor ou medo admitilo. Para vencer esa barreira, está a literatura?
– BD: A literatura ten un papel que xogar mostrando as partes raras da experiencia. Se eu quixese facer un discurso do que para min é a maternidade, non faría unha novela. O que quería aquí era contar unha pulsión, un punto de vista, un recanto. (…)”

Vigo: actividades do 6 de xullo da Feira do Libro 2022

Compostela: actividades do 15 de xuño na SELIC 2022

Berta Dávila, Os seres queridos e a literatura dos porqués

Entrevista a Berta Dávila no Diario Cultural da Radio Galega:
“Berta Dávila presenta Os seres queridos, a novela gañadora do Premio Xerais 2021. As maternidades, os afectos, os bulbos de tulipáns e as palabras danlle forma a este libro da autora compostelá.. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Charlas de Berta Dávila en Perugia e Roma (Italia)

“Esta semana a escritora Berta Dávila estará presente en Italia para falar da súa obra con motivo da tradución da novela O derradeiro libro de Emma Olsen ao italiano que publica Aguaplano (L’ultimo libro di Emma Olsen), moi ben acollida pola crítica. Alén doutros encontros, participará en charlas que se enmarcan dentro da actividade cultural dos Centros de Estudos Galegos de Roma e Perugia. O luns 23 estará no Instituto Cervantes de Roma ás 18:00 (Piazza Navona 91), onde será entrevistada polo profesor Attilio Castellucci, director do Centro de Estudos Galegos de Roma. O martes 24 dialogará en Perugia con Ginevra Amadio, Giovanni Dozzini e Marco Paone no Museo Arqueolóxico Nacional de Umbria ás 18:00 h.”