Lois Pérez gaña o VI Premio María Victoria Moreno convocado polo Concello e Cuarto de Inverno

Desde o Concello de Pontevedra:
“O mestre e escritor lucense Lois Pérez foi galardoado en 2021 co Premio Agustín Fernández Paz e en 2022 co Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil.
Na selección como gañadora da obra Cartas na escuridade o xurado destacou a súa reivindicación dos dereitos humanos infantís a nivel global e o feito de “visibilizar realidades presentes no día a día pero das que non se fala, facendo remover conciencias na sociedade”.
Ademais dunha dotación económica de 3.000 € a obra será editada e publicada en lingua galega da man da citada editorial cara o mes de abril.
O mestre, poeta, escritor e guionista lucense, Lois Pérez resultou gañador do VI Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil convocado polo Concello de Pontevedra e a editorial Cuarto de Inverno. O 20 de decembro participou nunha recepción por parte do alcalde, Miguel Anxo Fernández e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez e nunha posterior presentación aos medios á que tamén asistiu Andrea Jamardo.
Entre as preto de 30 obras presentadas, o xurado reunido hai unhas semanas e composto pola libreira Luz Gallego en representación do Concello de Pontevedra, Andrea Barreira Freije en representación da familia de María Victoria Moreno e Andrea Jamardo Seijo, en representación de Cuarto de Inverno, considerou como gañadora por unanimidade dos votos a obra presentada baixo o lema «Entrementres e non» que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Lois Pérez Díaz e con título definitivo Cartas na escuridade.
Na rolda, o concelleiro destacou a “dificultade de construír unha novela de literatura xuvenil. Os autores e autoras, constrúen o seu lector para dirixirse a esa persoa. Este caso non permite dirixirse a calquera lector que nós desexemos, senón ao público xuvenil. Un público moi determinado, que xera un marco no que a obra debe ser creada. Por iso creo que a literatura xuvenil, que as veces non ten ese carácter de obra artísitca, de obra literaria de gran nivel, conta con esta dificultade de marco previo ao que se teñen que adaptar as autoras e autores – que non o teñen o resto dos autores que teñen unha maior liberdade creativa que en certo modo facilita a redacción das súas obras. Paréceme moi complexa a labor do xurado, do que facía parte Andrea Jamardo de Cuarto de Inverno e sobre todo, moi complicado o traballo que fixo Lois Pérez coa redacción desta obra que realmente temos moita gana de ter na man para poder ler. O xurado destacou o tema social e por aí vai outra parte que me gusta destacar desta obra: as veces a literatura xuvenil ten un carácter didáctico, pódese utilizar nas aulas e esta, polo que adiantou o xurado, ten capacidade para ser lida con múltiples lecturas para que o público xuvenil ao que se dirixe – e incluso o público adulto-, poida aprender de realidades distintas da nosa, moito máis duras e poñelo en relación coa vida que levamos neste primeiro mundo”.
Demetrio cedeu a palabra a Andrea Jamardo que quixo “agradecer ao Concello de Pontevedra por confiar en nós e sobre todo á familia de María Victoria Moreno porque o tándem Concello de Pontevedra – Cuarto de Inverno continúa a ser o acertado para publicar esta obra. A deliberación do xurado foi complicada porque foi dos anos que máis obras recibimos con case 30, e quero dar as grazas a todas esas persoas que un ano máis quixeron participar neste premio. Sei e estou convecida de que unha das motivacións para presentarse ao María Victoria Moreno é que ese autor/a terá eses lazo coa autora que nós estamos aquí homenaxando. Moitas grazas a Lois. Cando abrimos a plica foi unha sorpresa e as tres quedamos encantadas. Para Cuarto de Inverno tamén é unha honra que Lois Pérez fome parte do noso catálogo. Agardamos que a obra teña unha acollida estupenda como están a ter as anteriores”.
Pola súa banda o autor premiado manifestou a súa felicidade por diversas razón: “sempre é especial vir a Pontevedra, temos un vínculo con esta cidade e é tamén é moi especial gañar un premio que leva o nome de María Victoria Moreno, o nome da que probablemente é a poeta alófona – xunto a Anne Marie Morris – máis destacada da nosa literatura. Moi agradecido ao Concello, que penso que é un referente para moitos outros lugares do país polo seu apoio á nosa lingua e a nosa cultura. Moi contento tamén porque sexan Andrea e os seus compis de Cuarto de Inverno, por poder traballar con eles neste proceso de edición que agora comeza”.
“A novela básicamente é unha aventura que ten que ver co medo, coa indentidade e coa imposibilidade de ser en algunhas xeografías do mundo actual. Trata dunha nena e un neno soldado ugandeses que por circunstancias diversas e o tráfico de persoas, rematan ás portas do Mundial de Catar, el traballando nos estadios e ela facendo hoteis sen saber que están os dous no mesmo país logo de anos sen verse. Hai un par de universitarias cataries, inventando unha sorte de revoltas, do recoñecemento dos dereitos das mulleres e os democráticos da cidadanía. Hai un francés, Oliver, fillo dun deputado corrupto que ten lazos e negocios cos xeques e finamente, hai un condutor de bus que ten tamén a encarga de desfacerse de toda esa correspondencia desta xente, que vive en barracóns, no deserto. Debería queimalas pero el vai gardando cartas e entrando en contacto coas realidades de moita xente.
É unha aventura, pero a pesar de que trata cousas serias, hai humor. Responde un pouco ás miñas inquedanzas. Dalgún xeito intento explicarme o mundo no que estamos vivindo. Creo que é imposible, non tés moito que contar se non tomas conciencia do mundo no que vives e aínda que eu busco a literatura finalmente, abrir unha porta á experiencia do mundo, deixar que respire, tamén me interesa falarlle de determinadas cousas ao público potencial da novela que é a nosa mocidade. Eu teño moita esperanza na mocidade, nas novas xeracións, non só como xente que pasa por alí, senón como xente que pode cambiar o estado das cousas e facer deste mundo un lugar mellor para moita xente. Agradecer a miña compañeira Alba e ao meu fillo, tamén por esta oportunidade de gozar da marabillosa cidade. Militamos na tristeza esperanzada.” (…)”

Pontevedra: Culturgal 2022, do 24 ao 27 de novembro

Pontevedra: Culturgal 2021, do 26 ao 28 de novembro

Lorena Conde gaña o III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil

“Reunido por vía telemática o 9 de setembro de 2020 o xurado do III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, composto por Luz Gallego, en representación do Concello de Pontevedra, Antonio Manuel Fraga, en representación da familia de María Victoria Moreno, Andrea Jamardo Seijo en representación de Cuarto de Inverno e David Cortizo Conde, de Cuarto de Inverno, que actuou como secretario, considerou como gañadora por maioría dos votos a obra que se presentou baixo o lema «Timbané» que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Lorena Conde Martínez e con título definitivo #VelloucaseMinchas.
O xurado valorou da obra gañadora a autenticidade na caracterización das personaxes protagonistas, tres anciás e dúas adolescentes, e a evolución das mesmas dotándoas dunha gran humanidade, tenrura e sensibilidade. Tamén destacan o ben fiada que está a trama, os aspectos que toca relativos a temas como a inclusividade ou a especulación inmobiliaria e mesmo o humor que está presente en todo o texto. Ademais, o xurado quere deixar constancia de que esta obra é fiel aos valores que sempre defendeu co seu exemplo a escritora que da nome ao premio: María Victoria Moreno.
Asemade o xurado decidiu, pola súa calidade literaria, recomendar a publicación da obra presentada baixo lema «Vega»
A persoa autora desta obra pode poñerse en contacto coa editora a través do correo electrónico info@cuartodeinverno.com

En Pontevedra a 9 de setembro de 2020″

Beatriz Maceda Abeleira gaña o II Premio María Victoria Moreno

Desde o Concello de Pontevedra:
“A última hora tarde do 10 de abril tivo lugar a deliberación do xurado do II Premio María Victoria Moreno, composto por Eli Ríos en representación da familia de María Victoria Moreno, Antonio Sambade Caamaño, alumno do IES Torrente Ballester, Anxos Rial en representación do Concello de Pontevedra, Antonio Manuel Fraga, gañador da edición anterior, Andrea Jamardo Seijo en representación de Urco Editora e David Cortizo Conde, de Urco Editora, que actuou como secretario.
A obra gañadora, presentada baixo o título de Ardora foi seleccionada por maioría entre as 17 pezas nas que a narrativa e a fantasía foron os xéneros predominantes, non habendo ningunha representación –como si houbo o ano pasado– de poesía ou teatro.
Unha vez aberta a pica, a autora resultou ser Beatriz Maceda, escritora galega que conta entre a súa bibliografía con títulos como Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán ou Man. O alemán de Camelle. Recibirá unha dotación económica de 4.000€ por parte do Concello de Pontevedra e a súa obra será publicada por Urco Editora.
O xurado destacou da mesma o seu “compromiso co ecoloxismo e coas novas formas de convivencia, a construción duns personaxes secundarios de gran relevancia, o emprego responsábel das novas tecnoloxías e sobre todo salienta a empatía co seu público potencial: o lectorado que está nos primeiros anos da adolescencia”.”